Xosé Filgueira Valverde: “Definir como marxista o galeguismo custoulle a vida a Alexandre Bóveda”

No centro, Xosé Filgueira Valverde no 1996. XAN CARBALLA

No centro, Xosé Filgueira Valverde no 1996. XAN CARBALLA

Xosé Fernando Filgueira Valverde responde nesta entrevista a algunhas das cuestións sobre as que alicerza a polémica xurdida após a RAG dedicarlle o Día das Letras 2015. Este texto publicouse orixinalmente o 8 de novembro do 1990 nas páxinas do semanario A Nosa Terra. O 36, a relación con Franco, a conservación do legado de Castelao no Museo de Pontevedra ou o fedor das Celulosas de Pontevedra son temas que o xornalista Gustavo Luca de Tena puxo enriba da mesa nesta conversa co intelectual galeguista.

Gustavo Luca de Tena.

Con 84 anos, Xosé Filgueira Valverde, chega á presidencia do Consello da Cultura Galega do que forma parte un vello alumno seu no Instituto de Pontevedra, Vítor Fernández Freixanes. Na experiencia desta xerarquía da cultura galega coinciden multitude de cargos políticos e académicos, como o de alcalde de Pontevedra, procurador nas Cortes franquistas, conselleiro de Cultura na primeira Xunta, académico, fundador do Museo de Pontevedra con Castelao e primeiro secretario da institución até 1942. Filgueira reconta nesta entrevista para A Nosa Terra algúns aspectos da súa dilatada biografía e os proxectos cos que chega á presidencia do Consello da Cultura.

Cando foi elixido dixo que tiña cometido moitos erros.

Reitéroo. Coido que a miña vida pública comezou aos 13 ou 14 anos e se agora fago exame de conciencia sería absurdo que non atopase moitísimos erros. Á parte dos que puiden cometer en política, no trato coa xente, nas iniciativas… á parte disto, nunha produción literaria tan ampla, que cantidade de disparates históricos non terei dito? Mentres o home manteña un senso autocrítico é normal. Cando coida que todo o que fai está ben e perde o don de escoitar os demais –isto pasa moito agora– e perde o don da memoria histórica do propio… Esa cousa dos intocábeis é ridícula. Xa o país padece unha crise de memoria histórica para que por riba nos esquezamos do que temos feito ben e do que temos feito mal.

E como podería singularizar eses erros?

Ah, non. Iso non… En tantos anos é tal o número de erros que non caberían nunha entrevista. Ha, ha, ha. En todas as entrevistas que me teñen feito xa teño contestado. Tamén cando escriba sobre a miña experiencia non me vou recrear nos meus erros. Iso é algo que teño que ter presente eu para non incidir outravolta en cousas semellantes pero non podo pretender que outros sigan o exemplo…

Foi un erro ter sido alcalde de Pontevedra?

Algúns erros valeron para algo. Podo entender que foi un grande erro ter sido alcalde pero podo recoñecer que tivo a vantaxe de poder defender a zona monumental, facer o campo de deportes, o pavillón…

Podo entender que foi un grande erro ter sido alcalde pero podo recoñecer que tivo a vantaxe de poder defender a zona monumental, facer o campo de deportes, o pavillón…

E ser procurador en Cortes?

Pero en que circunstancias e con que votos logramos hai hoxe vinte e cinco anos que se consagrase o galego na escola? Cando hoxe se le non se cre. Na Lei de Educación, Antonio Rosón e mais eu defendemos o galego como lingua vehicular. Están publicados os discursos na revista Chan. Non se lembra? O meu estaba en galego e remataba coas palabras de Sarmiento “es bárbara crueldad…” Tiveramos que apurar a votación porque arriba na multicopista estaban a facer copias do discurso no que Miguel de Unamuno atacaba as linguas rexionais, para que a xente votase en contra. Pode ser un erro ter participado na Lei de Educación? Pode. Pero poder ser unha vantaxe ter logrado iso e outras cousas que había no mesmo texto, que supuxo un paso moi importante. Teña conta que daquela se lograra tamén que o Ministerio de Educación publicase un libro no que facía constar que o 84% da poboación galega falaba o galego…

Con Castelao no Museo

Na fundación do Museo de Pontevedra está o seu nome do par de Castelao.

Claro, claro. Castelao foi un dos patronos fundadores do Museo amais de Sánchez Cantón, Losada Diéguez, Álvarez Limeses, Casto Sampedro… As sás de Castelao son unha preciosidade. Coidáronse moi ben. Naqueles anos era difícil manter así o fondo dun exiliado nunha entidade desta clase.

Que relación mantivo con Castelao nos anos de posguerra?

Un representante do Museo foi alá e estivo con el. Correspondencia tivemos moi pouca ou case ningunha. Case toda a relación de Castelao co Museo neses anos está no Adral. Houbo unha viaxe a Buenos Aires de Hernández Cochón e outra de Iglesias Alvariño. Amigos comúns ían e viñan. Hai unha anécdota que non é para contar… Ah, quere contala? Ao morrer Castelao, o presidente da Deputación e presidente do patronato do Museo, Fontoira e mais eu, redactamos os telegramas de pésame e fomos ao Goberno Civil con eles a ver a Solís Ruíz. “Vimos mostrarche estes telegramas porque de Telégrafos vanchos mandar aquí”. Entón el púxose con que Castelao era un dos peores inimigos de España, alporizouse todo e dixo que non se podían mandar. Por iso queremos que os vexas, díxolle Fontoira, para que fagas o favor de non interferilos.

Pero ao fundar Dereita Galeguista no 36, convertíase en adversario político de Castelao.

Non, non. Porque aquilo foi algo que había que facer. O que pasa é que estaba aí o Estatuto. E coa decisión de se integrar na Fronte Popular definíase como marxista o galeguismo. Ese foi un inconveniente tremendo que lle custou a vida a Alexandre Bóveda. Cousa absurda porque había quen pensaba que se aliaran cos comunistas. Cousa que non ten nada que ver. Foi unha incomprensión total. Pola outra banda, o programa da Dereita Galeguista é un programa moi potábel… He, he, he. Un programa moi bonito. E tiñamos que facelo. Viña todo rodado despois de asinarmos no ano 30 xunto con Otero e outros o Manifesto dos Católicos. Onde todo marchara moi ben foi en Lugo. Alí había xente de moitísimo prestixio para Dereita Galeguista coma Pimentel, Vázquez Saco, Xermán Alonso, etc. Alí non houbo choques con outras persoas afíns. É certo que Castelao tiña aquelas cousas… Nunha carta ou nunha conversa podía chamalo a un calquera insulto pero non tiña ningunha importancia porque esa era a forma de falar del e non pasaba nada. Podía dicir “o maricón do Filgueira” pero non significaba nada. Era el así. Ademais queríalle a Pontevedra moitísimo e aí está o seu legado ao Museo.

Castelao tiña aquelas cousas… Nunha carta ou nunha conversa podía chamalo a un calquera insulto pero non tiña ningunha importancia porque esa era a forma de falar del e non pasaba nada. Podía dicir “o maricón do Filgueira” pero non significaba nada.

É certo que Franco se interesaba polos cruceiros e que lle pedira ao Museo nos anos da posguerra fotos de cruces de pedra?

Unha vez agasallárano cunha edición d’As Cruces de Pedra na Galiza e quedara encantadísimo. A seguir pediunos fotografías de cruceiros. Mandarámoslle algunhas e reclamou máis. Alfredo García Alén, que era as miñas mans e os meus pés, foi cun fotógrafo facelas e levara a carta da Casa Civil do Xeneralísimo na que se facía o pedido. Recomendáralle eu que a levase por se tiña algunha dificultade. Mentres facían a foto dun cruceiro preto de Rianxo, chegou a parella da Garda Civil que lles dixo “quedan detenidos por hacer fotos de la ría”, en razón de que aquela parte da beiramar considerábase zona militar. García Alén tirou a carta do Pardo e explicou para quen eran as fotos, e entón foi cando os da parella dixeron: “agora é cando se confirman as nosas sospeitas”. Por fin, aclarouse todo no Goberno Civil.

Parécelle xusta a fama de inculto que tiña Franco?

Non se pode dicir que fose home de gran cultura. Tiña a formación dun militar da época. Gustábanlle Valle e Baroja. Eu non o tratei tanto. O que tiña era aquel pundonor de todos os galegos que gobernan (agás Montero Ríos), que sempre lles parece que non fan dabondo pola súa terra. Esa inquedanza si que a tiña.

Unha boa herdanza

Quería pedirlle a súa opinión sobre a situación actual do Consello da Cultura?

Eu recibo unha boa herdanza no Consello. Primeiro pola presidencia de Ramón Piñeiro, con tanto prestixio, moi grande modestia e dotes enormes para o labor. Hoxe o Consello está moi ben constituído. Mesmo na miña votación quedou demostrado que hai un grupo de xente con moita inquedanza. Unha das primeiras cousas que habería que facer sería un regulamento de funcionamento interior. Despois, axudar moi ben ás ampliacións. Porque hoxe a falta de local non permite nin que nos poidamos sentar na sá de xuntas. Isto non pode ser un impedimento, pero hai que estudalo.

Pensa que está cuberta a función de representación do Consello?

Faltan unhas liñas de representación cultural dentro do Consello. Posibelmente nas artes, na música e en certos movementos comunitarios de tipo cultural. Pero sobre todo un tema inmediato: que está representada só a Universidade de Santiago… O que sucede é que tampouco a representación pode ser indefinida porque é un Consello no que xa vintecatro membros son moitos e a ampliación que se faga ten que ser medida para que se non converta nun parlamento. Hai dous procedementos doados de ampliación: un o que prevé a lei por medio dos vocais e outro por medio das ponencias. Como é sabido, por medio das ponencias se poden sumar todas as persoas que se queira.

Que prioridades considera?

O Consello necesita comezar nesta mesma semana a preparar os catro censos necesarios da Galiza para podérmonos manexar. O de escritores, artistas, investigadores e sobre todo o censo de entidades de Cultura. Hai moitas que nin están rexistradas nos gobernos civís pero que funcionan: moitos pequenos grupos de teatro, coros e mesmo os conxuntos… Hoxe a cultura poética transmítese tamén polo canto, non?

Pero nese labor non entran en competencia co traballo administrativo da consellería de Cultura?

Pois non o sei. Será cousa de tratalo. Non sei se un Conselleiro que foi botado de mala maneira da Xunta será ou non interlocutor válido. Eu escomenzara ese traballo cando fun Conselleiro, pero non sei se se conserva hoxe. Eu quedei con fotocopia dunha parte pero será cousa de poñerse de acordo. Pero paréceme moi cousa do Consello da Cultura publicar un quen é quen da cultura. Outra cousa é que a modestia de Piñeiro non lle deixaba facer esas cousas, pero a min paréceme que o Consello ten que facer unha memoria anual do seu labor. Tamén hai que acimar algunhas xestións como a da presentación da ponencia de Víctor Freixanes sobre o ensino do galego fóra dos lindeiros. É un escrito moi claro. Xa sabe que Freixanes é un home de pensamento moi nidio. Tamén esta pode ser xestión da Consellería de Educación. Pero podemos falalo. Outra cousa que está pendente é unha conversa coa Igrexa sobre temas de cultura e canto, aprazada pola morte de Piñeiro. Está tamén a ponencia que preside Rivas sobre Comunicación Social. Desde o Consello temos que ver as maneiras de suscitar a conservación en vivo de moitos elementos de antropoloxía cultural. Non abonda con que recollamos un romance ou unhas verbas, se non se pode usar e o romance non se volve cantar. Ese é un labor da escola e da familia. Sen que represente unha intromisión no seo da familia hai que suscitar que os avós fagan que os nenos aprendan certas cousas. O así se facía e o así se dicía dos nosos vellos hai que convertelo en presente: así se fai e así se di. Non abonda que fagamos un traballo sobre os Maios se os nenos deixan de saber como se fai un Maio.

Botado de mala maneira

Como é iso de que foi botado de mala maneira da Xunta?

Auga pasada non move muíño. O que pasa é que eu estaba a facer sen cartos ningúns, nun pisiño no que podía coller malamente un matrimonio e un fillo; no que tiña que poñer como sá de espera a cociña; con catro funcionarios e tres directivos. Eu estaba a facer coa miña mellor intención un labor que cría que era eficaz porque coñecía o terreo (levo toda a vida dedicada a iso). Tamén son un convencido de que se para algo queriamos a Autonomía era para a Cultura. Tres días antes preguntáralle a Xerardo Fernández Albor se había algunha novidade porque había rumores e díxome que non, que non, que eran triquiñuelas. Pero de a pouco chamoume para anunciarme que me destituíra. Doeume moito pero non crebou a miña amizade cos que me sucederon nin cos que suprimiron a consellaría. Eu puxen toda a miña boa intención.

Como ve o momento da normalización lingüística e que papel cre que lle corresponde nela ao Consello?

Sobre a normalización, xa se sabe, hai que mantela e continuala. Neste traballo ten presenza principal a escola e a universidade. Na escola non é o galego só o que hai que ensinar. Son moitas as materias que se poden ensinar en galego. Outra cousa importante é a aprendizaxe de Galiza na escola. Está ben que un rapaz fale en galego da última película que vira na televisión pero tamén é importante que fale da historia e do pasado de Galiza. Lembro que no ano 14, cando tiña oito anos, caeume na man o traballo de González Besada sobre Rosalía de Castro. Alí viña Na catedral, Airiños e recitábaos nas xuntanzas familiares. Recitando, aprendín que o galego era unha lingua literaria. Moito máis importante na normalización é que a xente teña un pensum galego que a que teña algúns pormenores de gramática. Podemos caer en converter o galego nun latín e iso pode facerse odioso. Vítor Freixanes sempre di que eu lle revelei no Instituto o galego o día que lin uns anacos da Crónica Troiana. Esa fascinación era o que eu quixera que tivesen os rapaces dos institutos.

Pero o conflito entre o castelán e o galego agrávase co tempo.

Posibelmente ese conflito será permanente. Terá que habelo sempre. Cientificamente paréceme mellor a denominación de linguas en contacto. Desde a época de San Fernando hai unha lingua oficial secular. O que hai que soster é que temos que manter as dúas. Poida que moita xente me queira vetar por iso pero eu considero que é absolutamente galega a obra castelá de Rosalía, a de Nicomedes Pastor Díaz, a da Pardo Bazán (que por desgraza é toda en castelán), a de Valle Inclán que escribía un galego delicioso e falaba un galego espléndido pero que escribiu moi pouco nel. E a obra de Cela e de Torrente en castelán. Coido que toda forma parte da cultura galega. Ese é o meu criterio e respecto moitísimo os que teñan o contrario. Aínda que os contradigo.

Considero que é absolutamente galega a obra castelá de Rosalía, a de Nicomedes Pastor Díaz, a da Pardo Bazán (que por desgraza é toda en castelán), a de Valle Inclán que escribía un galego delicioso e falaba un galego espléndido pero que escribiu moi pouco nel. E a obra de Cela e de Torrente en castelán.

Pero esa consideración non se dá do español para o galego.

O que me parece intolerábel é que nos programas de ensino medio españois a riqueza da lírica medieval galega apareza de apéndice en otras literaturas como se se tratase da literatura eslovaca. Ramón Llull, o Tirant lo blanc e a Crónica Troiana en galego son uns fenómenos de época que teñen que presentarse cada un deles no seu propio cadro e xuntos. Non como se fosen vagóns de terceira. Prexudícanos a imaxe de Galiza na prensa madrileña. É unha mágoa que agora non falen máis que da corrupción. A xente pode rematar pensando que este é un país de drogadictos, narcotraficantes, barulleiros e tránsfugas.

Se consideramos a vantaxe de medios que distingue o español, amais dunha posición social historicamente mellorada, non lle parece que esas desigualdades non se poden corrixir con igualdade formal de oportunidades para as dúas linguas?

Esa corrección depende de moitos factores. Sobre todo, do ensino. Por circunstancias históricas ben coñecidas, a mini-burguesía galega produciu unha situación de minusvaloración da lingua moi forte. O Rexurdimento literario coincide cunha baixa moi forte do prestixio da fala nas clases dirixentes. Hoxe a televisión está axudando moitísimo a vencer ese prexuízo. A xente nota a lingua prestixiada. Ese é un camiño. Outro é o da escola. Veñen os rapaces facerme inquéritos aquí e teñen un galego mellor ca o meu. O meu é un algo ventureiro, de cando escribía como a min me petaba. Agora teño que escribir como me mandan. Falta o da Igrexa. É un absurdo que un pobo lírico como é a Galiza estea a cantar as misas en castelán se pode cantar tamén en galego. Falta o galego nos medios impresos, a literatura de quiosco e a literatura de mostrador, aquela idea xenial do pobre Ánxel Casal de facer un suplemento de Nós con cantigas, pagado por un banco. Despois está o fundamental; unha lingua fálaa a xente pero son os escritores quen a anobrecen. Cunqueiro foi un agasallo asombroso para o galego. Tamén Cabanillas. Hai que lembrar a todos e pensar que ao mellor un poeta de produción moi curta pero moi intensa pode ter unha grande influencia na formación da lingua. Tamén teño que gabar moitísimo os que hoxe sacrifican a creación por traducir textos universais, e que nos están a dar traballos fermosísimos.

A normativa Filgueira

A normativa seguen a chamala normativa Filgueira aínda que son ben coñecidas as súas discrepancias.

É lóxico que discrepe. Pero teño máis motivos de discrepancia con respecto ao castelán. O castelán ten a lea do c, do q e do k, tamén o do g e do j. Pero escribo con esa normativa. Un nunca pode estar plenamente conforme coas normativas ortográficas. E xa non digamos o portugués, que o mellor que podía facer era adoptar a normativa galega, he, he, he. O x é moito máis cómodo que o j. E non falemos do nh e lh. Por riba, esas posturas, que eu respecto, non faltaba máis, non nos abriron o camiño de Portugal. Nestes dias hai un gran xuntoiro hispano-portugués en Lisboa. Non sei que representantes de Galiza foron chamados. Témome que ningún. Mentres nós sexamos terra sen sol, e vexan en nós a terra orixinaria da literatura dos cancioneiros, o pre-dionisiano, e teñan as rías polo máis lírico das cantigas de amigo e manteñamos as nosas características da fala, seremos sempre un precedente. Pero no intre que queiramos facer lusismo, nese intre desprézannos profundamente porque nos consideran como o creoulo de Mozambique. O galego non é un dialecto deles senón un idioma paralelo ao deles e ao primeiro castelán. O que hai que procurar é que se traduzan os escritores galegos ao portugués porque non pode ser nunca o mesmo.

No intre que queiramos facer lusismo, nese intre desprézannos profundamente porque nos consideran como o creoulo de Mozambique.

“Pontevedra cheiraba peor antes”

Cando se cumpren vinte e seis anos da celulosa de Lourizán, a instalación desta clase de fábrica volve ser polémica.

Extreman a polémica. Porque iso de que Pontevedra era máis sa hai vinte e cinco anos e que hoxe hai máis afeccións bronquiais…. Pontevedra era tremendamente máis insá cando eu era neno. Airiños de Pontevedra, que ben cheiraba Pontevedra! Todas as casas tiñan pozo negro e todas cheiraban a demo. E todas as mañás era unha lea recoller a bosta que se empregaba para esterco. Por non falar da fábrica do saín. Pontevedra cheirou sempre a demo, o que pasa é que hoxe o notamos máis porque somos máis civilizados.

Pontevedra era tremendamente máis insá cando eu era neno. Airiños de Pontevedra, que ben cheiraba Pontevedra! Todas as casas tiñan pozo negro e todas cheiraban a demo.

Hoxe o que cheira a demo é Lourizán.

A celulosa non ten ningún motivo para cheirar. Iso é unha cousa de defecto. De elección de programa. Iso díxose desde o primeiro día. Con todo, as fábricas de papel son necesarias nun país como o noso que produce árbores. O que non se pode é instalar só unha fábrica de pasta. Hai unha cousa da que ninguén se acorda: a auga do Lérez concedéuselle a Celulosa denantes de que eu fose alcalde. Legalizouse despois, no 68. Tamén se preparara un estudo xurídico precioso, que non se chegara a aplicar, que prevía unha caución, un depósito para calquera infracción que a fábrica de pasta puidese cometer…

A infracción foi millonaria.

A infracción foi fenomenal. Pero eu tiña unha acta de acusación tremenda. Todos os días os alcaldes de barrio me dicían onde cheirara. Chega aí o cheiro? Chega. Foi unha loita interminábel pero eu non embargante levo o sambenito das celulosas, aínda que as defendo en esencia, pero cunha fábrica de papel á beira, que sería o que daría máis xornais. A outra cousa é que a celulosa teña que molestar a xente porque hai moitas fábricas semellantes no mundo que non molestan para nada. O que hai que recoñecer é que o emprazamento é malo porque entre Pontevedra e Marín tiña que estar unha zona de expansión. Tampouco me interesa poñerme a polemizar sobre ese tema. Pero xa ve: agora van instalar outras dúas.

A celulosa foi a morte da ría.

Pero iso é completamente falso. Iso é de risa. Non están a mariscar ao pé mesmo da fábrica? Pode ser grave, se o fai mal, a vertedura de Elnosa. Aínda que a masa de disolución é inmensa. O que pode prexudicar a ría máis que a vertedura da Celulosa, que é relativamente pequena, é o da cidade, que ademais deita na ría produtos non biodegradábeis. O que pasa é que hoxe hai unha campaña moi forte contra a Celulosa. Sospeito que estimulada pola competencia…

Advertisements

2 comentarios en “Xosé Filgueira Valverde: “Definir como marxista o galeguismo custoulle a vida a Alexandre Bóveda”

  1. Utilisimo sempre consultar as hemerotecas, falan soas. Moitas grazas pola contribucion ao debate,tan esclarecedora (ainda que noutros termos) como a que publicastes hI uns dias de M. Veiga.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s