Viva João Ubaldo Ribeiro

20140718075456848920eCésar Lorenzo Gil.

A illa de Itaparica é coma unha porción desprendida do continente brasileiro sobre a Bahia de Todos os Santos, case unha península apegada á Terra Firme pola estreita canle da desembocadura do río Jaguaripe. A maior parte das visitas que hoxe recibe proveñen da cidade de Salvador, no outro lado da baía; turistas embarcados na procura de casas de pescadores e area branquísima. Algúns dos que chegan a Itaparica veñen de parte de João Ubaldo Ribeiro, quen converteu a illa na capital do seu universo literario. Como ocorre case sempre, hai moito máis que ver nos títulos do escritor baiano ca na illa real.

Ribeiro morreu hai uns días no Rio de Janeiro. Non descansará para sempre na súa terra natal senón nun cemiterio da zona sul (a máis turística) da cidade carioca. O fío con Itaparica só vivirá na súa literatura.

A maxia, a épica e a potencia da mestura entre as culturas africana e india xorde con mestría na novela O feitiço da Ilha do Pavão (1997). O autor converte esta obra nunha explosión lingüística e narrativa. É a novela máis novela do escritor, é dicir, a que posúe uns personaxes máis novelescos, a que discorre por un fío de escenas que raian na caricatura, no inverosímil pero que nos axudan a entender cal é a función da literatura para Ribeiro: fixar na memoria a sensualidade da Bahia, non coa mestura de cheiros que consagrou o seu compatriota Jorge Amado senón indo máis alá, nun pulso coa lingua brasileira para espremela completamente.

Hai moito máis que ver na Itaparica imaxinada polo escritor baiano ca na illa real.

Un dos libros de Ribeiro que máis sorprendeu foi a novela erótica A casa dos Budas Ditosos (1999). A crítica quedou arrañando a cabeza entrementres os lectores se lanzaron ávidos por unha historia de sexo e poder contada por unha muller madura que racha tópicos: a protagonista conta que foi grazas aos seus xenitais que triunfou na vida académica e laboral, que comeron na súa man homes cantos quixo (e mulleres), que non hai outra pulsión tan poderosa coma o desexo carnal.

A ousadía, vista en perspectiva, non foi tanta mais si quedou para a historia da literatura do Brasil o dominio sobre a lingua erótica que amosa o escritor baiano. No xeito de adaptar ao rexistro culto a fala coloquial, Ribeiro volve triunfar. Ese é hoxe o único mérito da novela.

A procura da pegada da fala popular non era novidade na bibliografía de Ribeiro. En Sargento Getúlio (1971) a forma de falar do Nordeste (a ampla rexión brasileira entre as coordenadas do ecuador e o Atlántico) convértese nun dos protagonistas. Esta obra consolidou no seu tempo o autor, que gañou con ela o moi prestixioso Prémio Jabuti, o máis destacado da literatura brasileira.

O sorriso do lagarto (1989) é un xogo de xéneros literarios, unha macedonia xenial na que o escritor vai un punto máis alá a cada paso dos límites das expectativas do lector. Combinando os seus habituais ingredientes (a cultura mística afroamericana, os recordos máxicos dos indios, a voracidade da luxuria), Ribeiro volve acertar, a pesar de recrear situacións tan imposibles como a busca frankensteiniana de crear unha nova especie de humanos cruzados con réptiles.

A novela que atravesa 400 anos

Mais se hai un libro que reúne todas as calidades narrativas de João Ubaldo Ribeiro, ese é a súa grande obra mestra, un título que valería por si mesmo o premio Nobel: Viva o povo brasileiro (1984). Esta magna obra percorre a historia do Brasil desde o século XVII até as décadas centrais do XX a través dunhas irregulares sagas familiares, metáforas, símbolos e contraimaxe do barro humano que construíu o actual Brasil.

Hai unha anécdota que conta que cando Ribeiro empezou a escribir a novela, no 1982, o principal motor non era a historia para contar senón un ditado de seu pai: “libro que non fica en pé por si mesmo non presta”. Ao final, o escritor construíu máis de 700 páxinas, un volume cuxa menor virtude é, en efecto, que queda de pé sen problemas.

Viva o povo brasileiro é a enciclopedia literaria do Brasil. Excelente e moi documentado retrato das diferentes clases sociais, o autor foxe dos personaxes canónicos para ofrecernos un retrato coral: os mulatos que alisaban o cabelo con baba de caracol para pareceren descendentes de portugueses; escravistas que soñan co esplendor decadente da nobreza lisboeta; fidalgos poetas que esquecen os seus soños de xustiza nas frustracións da mocidade… E por riba de todos, ese pobo brasileiro, conciencia colectiva da nación que Ribeiro dota dunha misión secreta, contada ao escuso nos candomblés, nos banquetes de escravos e fillos de escravos. Verdadeira esencia dun país que non se resigna a perpetuar a inxustiza.

Non toda a bibliografía de Ribeiro está dispoñible nas edicións portuguesas (as únicas accesibles desde Galicia) mais existen exemplares de peto de Viva o povo brasileiro, a obra imprescindible do baiano.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s