A literatura como construtora da identidade. O caso dos franco-ontarianos do Canadá

on2011frenchiePublicamos este texto do 2000 da profesora canadense Lucie Hotte traducido ao galego por Xesús González Gómez. ¿Pode a literatura vertebrar a identidade dun pobo con graves eivas institucionais como os canadenses da rexión de Ontario que falan francés? A través da experiencia dos activistas da CANO (década do 1970), Hotte debuxa unha paisaxe na que a lingua e o espazo imaxinario da identidade colectiva fraguan na experiencia literaria.

Lucie Hotte.

“Dime o que les e direiche quen es”. Este vello adaxio pretende, seguramente con razón, que as nosas eleccións de lectura reflicten a nosa personalidade, os nosos gustos e a nosa identidade. No entanto, tamén é comunmente admitido, como afirma Morten Nojgaard (1984: 189), que “o individuo recibe a súa visión do mundo a través dos produtos culturais que a sociedade pon á súa disposición e que empurra con máis ou menos insistencia a consumir”. Así, cada persoa operaría, dunha parte, eleccións intimamente ligadas á súa identidade propia, doutra, a súa identidade sería, cando menos en parte, determinada polos produtos culturais que consome. É esta relación ambivalente entre a produción e o consumo de produtos culturais, máis particularmente da literatura, e da identidade neste caso colectiva, que me propoño examinar aquí a partir dun exemplo particular, o da literatura franco-ontariana desde o 1970.

O ano 1970 marca, con efecto, un xiro na historia franco-ontariana. Até a revolución tranquila no Quebec, o francófono que vivía en Ontario distinguíase pouco do seu curmán quebequés. Compartían unha historia, unha lingua e unha cultura comúns, mesmo se o seu destino difería por mor da minorización en Ontario, que fixo que os franco-ontarianos debesen vivir, entre outras cousas, difíciles loitas escolares. Non é menos certo que, dun lado como doutro da fronteira, estes francófonos identificábanse como pertencentes a unha comunidade en parte imaxinaria, que se chamaba canadense-francesa. Esta identificación era tanto máis cómoda canto a gran maioría dos franco-ontarianos eran orixinarios do Quebec. Non obstante, o ascenso do nacionalismo quebequés cambiou os datos. Segundo Pierre Savard (1993: 247), a ruptura remóntase aos Estados xerais do Canadá francés do 1967 en que “A nova vaga dos nacionalistas quebequeses afirma decididamente que a salvación do Quebec só pode realizarse ao mesmo tempo que a salvación dos francófonos fóra do Quebec”. En adiante, como afirma Danielle Juteau-Lee (1980: 39), “ O “nós os quebequeses” remitía a unha comunidade de pertenza da que estaban excluídos todos os canadenses franceses que vivían fóra do Quebec”. Esta toma de consciencia identitaria dos quebequeses tivo como efecto secundario privar os franco-ontarianos da súa identidade, da súa pertenza cultural. Así, a emerxencia da nación-comunidade quebequesa, ao modificar as relación Ontario francés-Quebec, conduce necesariamente a unha redefinición da comunidade francófona de Ontario. Como afirma Fernan Carrière (1993: 320), “Por primeira vez na súa historia, os franco-ontarianos deben definir quen son”. A necesidade para os franco-ontarianos de se definiren a partir da súa realidade sentiuse particularmente no norte de Ontario.

O nacemento da CANO

A literatura franco-ontariana segue máis ou menos a mesma evolución. Os autores francófonos que viven en Ontario antes de 1970, publican principalmente no Quebec ou en Francia e son recoñecidos como escritores canadenses-franceses. Todo isto cambiará progresivamente co impacto dun grupo de mozos da rexión de Subdury. Estes mozos que, na súa maioría, se coñeceron cando estudaban no colexio Sacré-Coeur, logo en Sturgeon High School, inician entón os seus estudos universitarios na Universidade Laurentienne. Apúntanse ao grupo de teatro, “acaparan” o xornal estudantil e desenvolven un marcado sentido da súa identidade franco-ontariana. Adquiren así, baixo a tutela de dous profesores recentemente chegados, Robert Dickson e Fernand Dorais, os coñecementos e a vontade que lles servirán para colocaren os alicerces da institución literaria franco-ontariana. Colectivamente serán coñecidos co nome de CANO, acrónimo que designa a Cooperativa de Artistas do Novo Ontario, que fundan no 1971.

No 1970 reúnense logo da aparición dun artigo no xornal estudantil Le Lambda co pseudónimo “Molière go home” destinado a recrutar membros para o grupo teatral universitario. Gastom Tremblay cita, en Prendre la parole. Le journal de bord du Grand CANO (1995: 20), este artigo que salienta de entrada a importancia do tema identitario:

Semella superfluo dicilo mais somos franco-ontarianos. Wow! Beding-Bedang! Hostia de calvario! Mimadriña!

Son mineiro, granxeiro, leñador. Son minoritario e marxinal na miña provincia. Teño líderes que non escollín, tirados dunha elite que pensa representarme e preocúpase dos meus intereses máis prementes lanzándome de improviso artistas estranxeiros, amolándome a cabeza con campaña sobre o ben falar.

Fago cursos universitarios de literatura nos que profesores europeos teiman en me desarraigar corrixindo a miña pronunciación, o meu vocabulario e o meu pensamento e nos que acaban por me despersonalizar e alienar.

Quen son?

E a esta cuestión que queremos, mediante o teatro, responder. É o dilema que o teatro debe mostrar no escenario. Este drama debe mostrarse on our terms. No 1970, en América, en Ontario, en Subdury, cos nosos corpos, as nosas voces e os nosos personaxes (Tremblay, 1995: 21).

En resposta a este chamamento, André Paiement e Gaston Tremblay únense ao seu amigo Robert Paquette e ao grupo teatral dirixido por Pierre Bélanger a fin de mostrar o que será a primeira obra de Paiement, Moé j’viens du Nord, stie. En principio, trátase dunha creación colectiva, mais, como lembra con humor Gaston Tremblay, Paiement redactou o texto:

Imaxinabamos que escribiamos a preza xuntos, en creación colectiva. André Paiement interpretaba o papel principal e escribía o seu propio monólogo. O serán en que supostamente tiñamos que axudalo no seu traballo, chegounos co seu diálogo completamente mecanografado. Dúas semanas máis tarde, despois de varias noites en branco, escribira toda a obra.

Lembro claramente intentar, un serán, participar nunha das sesións de escrita. Despois dalgunhas leas, encontrámonos axiña na taberna (Tremblay, 199: 28-29).

As normas fixadas por Bélanger para esta creación colectiva converteranse eventualmente na base do mandado que se dará CANO: producir obras que “ilustre[n] a realidade que vivimos hoxe nas nosa familias, nas nosas parroquias, no noso ambiente franco-ontariano” (Tremblay, 1996: 25). Desta primeira experiencia teatral universitaria nacerá algúns meses máis tarde, no outono de 1971, o Théâtre du Nouvel-Ontario, como as Éditions Prise de parole, fundadas en 1973, deitarán, dalgunha maneira, do xornal Lambda e do magacine Réaction, que sería a súa continuación. Como subliña François Paré (199a: 278):

Coa xeración dos poetas e artistas da Cooperativa de artistas de Nova Ontario (CANO), non é tanto a literatura franco-ontariana que nacía (porque xa existía plenamente), senón máis ben a súa institución social, enteiramente centrada, para CANO, sobre o combate identitario.

Así, o mandado que se daba CANO era producir obras que non soamente testemuñasen a cultura e as vivencias franco-ontarianas, senón que servisen para fundar unha comunalidade, é dicir, un sentimento de pertenza a un grupo e, polo mesmo, unha identidade franco-ontariana. François Paré (1994a: 53) lembra que, para CANO,

A creación dunha identidade colectiva pasa por unha definición do programa literario, porque abonda nomear esta identidade para que exista nos feitos. É polo que a literatura franco-ontariana se transformaría, na opinión de CANO, en manifestación pública, en recital, en espectáculo, e serviría entón de modelo á grande unión que se ía producir na propia colectividade.

É a razón pola cal a posta en escena da peza Moé j’viens du Nord, stie, que Pierre Bélanger no seu posfacio cualifica de “espectáculo de identificación”, impulsaba o desexo de proporcionarlle ao espectador un espectáculo que os representase verdadeiramente “até a substitución de nomes de rúa e de restaurantes segundo a cidade onde se representaba o espectáculo!” (Bélanger, 1978: 124). Así mesmo, na historia que precede o texto de Lavalléville, Paiement engade unha nota:

Moi importante: Esta peza foi creada e representada no norte de Ontario. A linguaxe utilizada na posta en escena era a da rexión: o joual [sociolecto da clase traballadora quebequesa] franco-ontariano. É moi importante que o texto da obra se adapte ao texto da lingua (calquera que for) da rexión onde esta peza é representada. (1983: 4).

Producir cultura que identifique

CANO ten, xa que logo, como obxectivo, producir unha literatura e produtos culturais que suscitan unha identificación. Segundo François Paré, as literaturas minoritarias non poden apostar polas funcións de “desfamilarización” que Jonathan Culler lle atribúe á literatura. Estas deben “máis ben xerar “familarización” e colusión” (Paré, 1994a: 53). O que se produce, de feito, é que as funcións de desfamilarización non poden conxugarse cunha literatura comprometida. Susan Suleiman mostra que calquera obra comprometida na defensa dunha tese –e para CANO a literatura franco-ontariana debe ser inicialmente e ante todo unha defensa e unha ilustración da identidade franco-ontariana– debe facerlle un amplo lugar ao seu lector. Debe ter continuamente no espírito quen é o lector a fin de lle proporcionar un texto que poida ben conducilo “a realizar unha evolución ideolóxica, que no límite pode ser unha conversión” (Suleiman, 1983. 176), ben a confirmar a súa posición inicial. Así, a literatura comprometida aspira a pór en marcha un “espectáculo de identificación”. A identificación realízase grazas a semellanzas, a analoxías que o lector constrúe, no curso da lectura, entre el e mais os personaxes. De feito, a identificación só ten lugar se o lector comparte cos personaxes as condicións de vida, os problemas ou mesmo os obxectivos. Estas similitudes animan o lector a adoptar ben os medios propostos polos personaxes para resolver os seus problemas, ben o seu sistema de valores, ben mesmo a súa percepción de si. Tamén, para crear unha obra propicia á identificación, era necesario, para CANO, expresar a realidade franco-ontariana. Isto verifícase esencial para que o lector franco-ontariano se recoñeza nas obras, tome consciencia da súa identidade colectiva e poida, a continuación, traballar pola supervivencia da comunidade.

A identificación realízase grazas a semellanzas, a analoxías que o lector constrúe, no curso da lectura, entre el e mais os personaxes.

As obras da época multiplican, por tanto, todos os procedementos que poderían eventualmente facer medrar a identificación: os lugares, a lingua, os problemas dos personaxes serán os dos franco-ontarianos en xeral. Dadas as numerosas diferenzas rexionais que marcan a comunidade franco-ontariana, o texto debe ser adoptado ás rexións. Esta adaptación, posíbel no teatro ou nos recitais de poesía ou nos espectáculos, non é posíbel na literatura escrita en que o texto é fixo. Non é menos certo que a editorial Prise de parole [Toma de palabra], que xustifica a existencia mesmo polo seu nome –”Como o seu nome dá a entender, a nova editorial xulga que o que non é expresado non existe e quere favorecer a toma da palabra literaria dos franco-ontarianos” (Tremblay, 1995: 71)–, intenta publicar obras que reflictan a comunidade franco-ontariana.

A identidade franco-ontariano segundo a CANO

Así, a CANO afirmaba: “Somos franco-ontarianos”. Ao mesmo tempo preguntábase: que significa ser franco-ontariano? O mascarón de proa da CANO, que eventualmente se converterá no da literatura franco-ontariana contemporánea, é seguramente André Paiement. Ademais de escribir cinco obras de teatro, dirixiu a creación colectiva Pépère Parent e adaptou Le malade imaginaire, de Molière e escribiu unha boa parte das letras das cancións do grupo musical CANO, que se designa tamén co nome de CANO-música a fín de distinguilo do Gran CANO. A obra dramática de Paiement servirá de punto de referencia para a definición da identidade franco-ontariana segundo CANO.

Cales son as características da identidade franco-ontariana segundo CANO? Ao meu parecer, as tres principais son: a lingua, a relación co espazo e a marxinación. A lingua é, evidentemente, o francés, que se opón primeiramente ao inglés, a lingua da maioría e, xa que logo, da dominación. Na súa adaptación de Le madale imaginaire, Paiement substitúe á mestura de latín e de francés do ballet que fecha a peza, unha amálgama de inglés e de francés que testemuña a dualidade lingüística franco-ontariana e a xerarquización identitaria que deita: “Schizophrénie! Schizophrénie! / You will bien voulir excuser / Our manière de parler / Mais nous comprenons what we say / Schizophrénie! / Schizophrénie! / Is what we be” (Paiement, 1978a: 56). Non obstante, a identidade dos franco-ontarianos, segundo Paiement, non se define exclusivamente pola oposición do francés ao inglés. Este francés distínguese igualmente do francés quebequés e do francés de Francia, como afirma Roger, ao inicio de Moé j’viens du Nord, stie, cando aparece para “dicir ao mundo o que [é]… Non sei falar francés como se debe. Cando menos non como en Francia” (Paiement, 1978a: 5-6).

En Lavalléville, onde a temática identitaria é predominante, a lingua suscita inevitabelmente un afastamento entre si e os outros. A única lingua utilizada na aldea é evidentemente o francés. Ambroise, Diane e Albert non coñecen outra lingua. Diane é incapaz de ler o “catálogo ITON” que atopa agachado na casa da súa nai. Non é menos certo que este “libro” así como a revista Sex Photo, publicada en francés, suscita nela o desexo de ver o vasto mundo. Anhela evadirse e ir a Montreal. Albert, que a quere disuadir, espétalle un discurso que asombra un pouco, dado que Montreal, despois de todo, é unha cidade francófona, mais que ilustra ben a relación problemática que os personaxes manteñen coa súa lingua. Dunha parte, avísaa da incomprensión que a espreita no mundo exterior e que a conduce á exclusión tanto seguramente como na aldea: “Non poderás comprender nada e serás dominada” (Paiement, 1983: 20). Doutra parte, fica arrepiado cando Diana que di que de calquera maneira quere aprender a lingua estranxeira (Paiement, 1983: 19). Falar outra lingua constitúe unha ameaza para súa propia lingua e, sobre todo, conduce a unha morte identitaria certa.

Minoritario pola súa lingua, o franco-ontariano está ademais disperso no conxunto do territorio provincial, a pesar da presenza dalgúns illotes en que a concentración francófona é máis elevada. Esta situación desemboca en que os francófonos vivan nun territorio que comparte co outro, o anglófono, que posúe o poder económico e político. Contrariamente aos quebequeses, que son donos do seu propio territorio e poden reivindicar a posesión e mesmo a autonomía, os franco-ontarianos deben, para construír o Ontario francés, apelar ao seu imaxinario. A literatura convértese entón nun útil privilexiado para a creación dun territorio comunitario que corresponde á vez ao mito e á utopía. Así, en Lavalléville, Napoléon Adolphe Lavallée foxe e funda no norte de Ontario a súa propia cidade, separada do resto do mundo. Igualmente, en Les Communords, Claude Belcourt “anticipaba a independencia próxima do norte de Ontario e concibía por tanto unha sociedade utópica francófona nacida desta independencia política” (Paré, 1994a: 59).

Minoritario pola súa lingua, o franco-ontariano está ademais disperso no conxunto do territorio provincial, a pesar da presenza dalgúns illotes en que a concentración francófona é máis elevada.

Sen lingua recoñecida, sen patria, o franco-ontariano é un ser marxinal, desposuído e alienado. A marxinación dos franco-ontarianos converterase no elemento determinante da identidade franco-ontariana. Ameazado por todas as bandas, o franco-ontariano arrisca acotío a súa vida. En Lavalléville, os personaxes resolveron o problema da marxinación ao intensificala. Ao fundaren o seu pequeno país separado do resto do mundo, ao excluíren da súa aldea os “estranxeiros”, conservaron a súa lingua e os seus costumes, mais o “estranxeiro” segue a ser, a pesar de todo, unha ameaza continua contra a que hai que protexerse. O único “estranxeiro” da obra é Cyrbantigne Laripoutre, un impostor da peor especie, que só está aí para abusar da confianza de Adolphe e enriquecerse facilmente. Mesmo se é desenmascarado e encadeado, non deixa de representar o que son os “estranxeiros”. O repregamento sobre si mesma protexe a comunidade, mais o prezo é o estancamento e o incesto cultural.

A herdade da CANO

A CANO, ao erixir o retrato do franco-ontariano, quixo, dunha parte, presentar os franco-ontarianos cunha imaxe que lles sexa propia, mais, doutra, concienciar a comunidade franco-ontariana dos perigos que a espreitan. Que queda dos esforzos despregados pola CANO? Que herdade lle legou a CANO á comunidade e á literatura franco-ontarianas? O termo herdade talvez estea aquí mal escollido. Talvez se trata menos da transmisión dun patrimonio identitario que dunha filiación. De todos os xeitos, a menos que se faga unha crítica das orixes e das influencias, o que non é a miña intención, é imposíbel medir cuantitativamente “o efecto CANO”. Non é menos certo que toda unha corrente da literatura franco-ontariana se inscribe na prolongación da CANO e que a crítica literaria no Ontario francés fixo súas as presuposicións estéticas e epistemolóxicas que presidían a produción da cultura na CANO.

Na literatura franco-ontariana existe unha corrente literaria baseada na temática da franco-ontarianeidade. Esta corrente, que François Paré denomina da “consciencia” e Tobert Yergeau da “contextualización”, outórgalle un lugar preferente á cuestión identitaria. É unha literatura que “salienta e recalca a orixe do grupo cultural do que emana” (Paré, 1992: 123). Son obras que “se esforzan en transmitiren signos tipicamente colectivos” (Paré, 1992: 124).

Esta toma de palabra farase nunha lingua que se quere “da nosa casa”, é dicir, unha lingua oral. A lingua converterase ela propia nunha temática privilexiada nas obras. Así acontece nas obras de Patrice Desbiens, de Michel Oullette ou mesmo nalgunhas novelas de Daniel Poliquin como L’Obomsawim. Referímonos aquí un único exemplo. A obra de Patrice Desbiens é, no seu conxunto, unha oda á franco-ontarianeidade. A lingua, aspecto esencial da poesía de Patrice Desbiens, salienta o contexto social franco-ontariano. O bilingüísmo está sempre presente como parte pregnante da identidade franco-ontariana. Con efecto, o franco-ontariano defínese cada vez máis como bilingüe. Nin totalmente francófono nin anglófono, mais un pouco dos dous á vez; o franco-ontariano vese a miúdo como un ser espoliado. O seu francés é sucio, dexenerado polo inglés; o seu inglés, que considera moitas veces mellor, segue a ser, a pesar de todo a lingua do outro. Desbiens pon en escena os problemas formulados por esta dupla pertenza e subliña o carácter ilusorio de calquera desexo de unir os dous mundos lingüísticos. A súa poesía, que se ancora no cotiá, está tinxida dun prosaísmo que aparece de maneira marcada na linguaxe utilizada. Esta é dura e ás veces vulgar. Desbiens preconiza unha “escrita da rúa”, eco da voz da súa comunidade dobremente marxinada, lingüística e socialmente. A utilización da lingua oral é importante porque reproduce a lingua do pobo franco-ontariano, ao testemuñar que lle pertence como propia, a súa realidade cotiá, os problemas que debe afrontar cada día. A elección da lingua en Desbiens achégase, como afirma Élizabeth Laserre, “ao analfabetismo de resistencia”, tal como o describe Serge Wagner.

O seu francés é sucio, dexenerado polo inglés; o seu inglés, que considera moitas veces mellor, segue a ser, a pesar de todo a lingua do outro.

Aínda que suscitado pola opresión [o analfabetismo] é, dalgunha maneira, provocado polo propio grupo minoritario que, ao querer salvagardar a súa lingua e a súa cultura, ao temer a asimilación, se reprega, rexeita a escola da maioría. No límite, preferirá permanecer analfabeto máis que arriscarse a perder a súa lingua. Cultivar a lingua falada, cerrarse sobre a tradición e sobre outros constituíntes da cultura do grupo (Wagner en Laserre, 1990: 45).

Así, a oralidade na poesía de Desbiens é o resultado dunha elección baseada no contexto social. Esta elección é unha forma de resistencia e de afirmación identitaria. Testemuña á vez o rexeitamento dunha lingua francesa pura que non é a dos franco-ontarianos e dunha lingua literaria que non pode dicir a súa realidade.

Un gran número de textos franco-ontarianos comporta igualmente unha función cosmogónica: Les chroniques du Nouvel-Ontario, de Hélène Brodeur, French Town, de Michel Ouellet, Les murs de nos villages, de Jean Marc Dalpé, por só nomear estes. Retomemos o exemplo de Patrice Desbiens. O espazo ocupa un lugar importante na súa poesía. O número de referencias a nomes de vilas, de lugares, de rúas, de bares ancora a poesía nun espazo urbano. Non obstante, trátase ás máis das veces dun espazo “entre”: entre Sudbury e Timmins, entre Timmins e agora, entre Hearts e Sudbury, entre o día e a noite, entre o soño e a realidade. Este espazo, que intenta en van arraigar no Norte para crear un territorio franco-ontariano, convértese nun ningures. Os lugares descritos máis a miúdo son lugares de paso que non pertencen a ninguén, en todo caso non ao poeta: o bar, o restaurante, os almacéns, os cuartos de hotel. Ademais, este espazo non é nunca fixado. Está continuamente marcado polos desprazamentos, de aí as numerosas referencias aos medios de transporte: o autobús, o automóbil, o tren, o avión así como partidas e chegadas.

É no entanto a condición marxinal dos franco-ontarianos que será ás máis das veces posta en escena. A obra enteira de Patrice Desbiens, a poesía de Pierre Albert, o teatro de Jean Marc Dalpé tratan amplamente esta temática. Os narradores en Desbiens viven nun mundo tráxico a súa condición franco-ontariana. O individuo franco-ontariano, tal como é presentado na poesía de Desbiens, é un ser minado por dentro polo alcol, o cigarro, a depresión. Vive nun mundo doloroso que non lle pertence e que lle refusa mesmo o dereito á existencia de onde a metáfora do home invisíbel. Esta dor representa o factor común da experiencia do minoritario desposuído de todo.

Ademais, a propia crítica literaria está marcada pola cuestión identitaria. A homoxeneidade do discurso crítico sobre a literatura franco-ontariana é salientábel. A norma na crítica franco-ontariana é facer do escritor franco-ontariano e da súa obra “unha metáfora da existencia colectiva” (Paré, 1996a: 32). A crítica adopta, xa que logo, un modo de lectura en que a obra explica a vida do autor e a existencia colectiva e en que a existencia colectiva explica a obra. A recepción crítica da obra de André Paiement é reveladora a este respecto. Se a morte tráxica de Paiement, que se suicidou aos 28 anos, fire o imaxinario, isto non explica de maneira ningunha porque o discurso sobre a súa obra está construído sobre este acontecemento. O resumo do texto de Paul Gay (1986: 176) aparecido na Histoire du théâtre au Canada é exemplar:

Este artigo estuda o caso, levado ao extremo, dun franco-ontariano de Sturgeon-Falls, que se tirou a vida, probabelmente por non admitir nunca a súa situación de colonizado, e que berrou –baixo o riso e no grotesco dos xestos cómicos– o seu desexo de independencia e de afirmación francesas nun medio inglés.

Paul Gay está lonxe de ser o único en adoptar esta posición. O artigo “Mais quen matou a André?”, de Fernand Dorais, ilustra tamén esta recuperación do literario e do biográfico a fin de inserilo no social. Segundo Dorais, a obra e o home explicaríanse mediante unha soa cousa: a alienación da colectividade: “Mais quen matou a André! Na trabe da súa casa colga, e Pilatos di: lávome as mans. A aculturación e os franco-ontarianos: ai…!” (Dorais, 1984: 28). Finalmente, da obra non se fala, agás para facer un resumo que permita subliñar os elementos que ratifican esta lectura sociobiográfica (ver Hotte, 1997).

A norma na crítica franco-ontariana é facer do escritor franco-ontariano e da súa obra “unha metáfora da existencia colectiva”.

Non se debe pensar que esta actitude se limita á recepción das obras da primeira xeración, a recepción crítica de Le Chien, de Jean Marc Dalpçe, ilustra a teimosía desta postura crítica. Inspírome aquí na análise da recepción crítica de Le Chien por Louis Bélanger, aparecida na Revue du Nouvel-Ontario. Este abre a sección Ontario francés da súa análise mediante esta frase emblemática: “No contexto ontariano, o discurso crítico invístese na produción dunha crenza cuxos vínculos de solidariedade fundan a pertinencia” (Bélanger, 1994: 129). Así, segundo Bélanger, o discurso crítico sobre Le Chien non intenta tanto criticar ou comentar a obra como producir unha crenza que non define, mais que é seguramente identitaria, xa que conclúe así: “A adecuación entre Jean Marc Dalpé, Le Chien e a sociedade franco-onariana suxire unha indiscutíbel converxencia de vínculos identitarios: recoñecémolos [“on” s’y reconnait]” (Bélanger, 1994: 130-131).

Aquí impóñense dúas observacións. Dunha parte, no discurso crítico franco-ontariano inscríbese, como salienta Bélanger, na busca da colectividade na obra. Así, segundo Normand Renau (1988: 11), Le chien propón “unha intuición penetrante do misterio da identidade franco-ontariana”; representa, segundo Pierre Pelletier (1994: 24) “o universo dos deixados da man de Deus, dos desposuídos da terra, dos seres humanos encadeados á discursos que os condenan á nada, ao baleiro social. É o universo dos minoritarios do mundo”. Doutra parte, podémonos preguntar se o propio Bélanger non participa desta valorización do social cando reduce a análise de Mariel O’Neill-Karch a ‘ese dualismo entre unha simulación endémica de miseria humana e a expresión de valores franco-ontarianos profundos’”; sobre todo cando afirma de entrada que esta privilexia “os aspectos formais de Le Chien” (Bélanger, 1994: 130). De feito, pouco importa, porque é o costume, como crítico franco-ontariano, mesmo cando a obra non aborda a temática identitaria franco-ontariano, mencionala. Por que escoller tal camiño crítico? Se, dunha parte, as prescricións ideolóxicas da CANO, que privilexiaban as características da familiarización puideron ser, como afirma Robert Yergeau (1997: 24), “recuperadas por instancias lexitimadoras que as recoñeceron como tales e as promoveron”, doutra, unha crítica alicerzada no “nós”, como tantas veces subliñou François Paré, evita a falta de alteridade, tan ameazante para o minoritario.

Que pode a literatura?

Queda unha cuestión fundamental: por que escoller as artes, e máis particularmente a literatura, como medio de promoción da identidade no canto dun discurso político, por exemplo? As recentes teorías sobre a identidade subliñan a importancia de fronteiras físicas ben delimitadas na constitución dun sentimento de pertenza a unha comunidade. Segundo François Paré (1995b: 174), a ausencia de territorio franco-ontariano fixo de maneira que “o desenvolvemento dunha identidade franco-ontariana no curso dos 25 últimos anos radique, xa que logo, na interpretación do imaxinario, de aí a importancia acordada á literatura e ás outras formas de expresión simbólica”. Non existe dúbida ningunha que, no rego da CANO, “a literatura levou por si soa o peso da cuestión identitaria, de saber quen eramos como individuos e como colectividade” (Paré, 1996: 17). Obrigado é constatar que a pregnancia do tema identitario e as connotacións que comporta testemuñan unha forma de identificación. O que Paiemente e CANO dicían da identidade franco-ontariana e do papel da literatura na sociedade, encontrou compradores nun bo número de franco-ontarianos. Áchase aquí a mesma mensaxe que en Lavalléville. Nesta obra en que os personaxes están encerrados na súa aldea natal, separados dos “estranxeiros” que poderían asimilalos e exterminalos, sometidos á ditadura do patriarca Adolphe Lavallé, a salvación vén da creación. Ao final da obra, Ambroise, o fillo de Adolphe, esculpe unha estatua do sol. Grazas á creación deste símbolo de autoridade, Ambroise aprópiase o poder. Ambroise cae de xeonllos perante a estatua como se prosterna perante un Deus (Paiement, 1983: 78) e, finalmente, renuncia ao seu poder ditatorial: “Basta! Basta! Piedade! Facede o que queirades!” (Paiement, 1983: 81).

A literatura é o medio de vivir contra a morte e a desaparición.

Os produtos culturais poden servir para construír ou mesmo soamente para consolidar unha identidade colectiva? A CANO e os seus sucesores parecen crelo. No entanto, François Paré (1994a: 60) lémbranos que, “En Que pode a literatura?, Jean-Paul Sartre confesaba a impotencia da obra literaria para transformar verdadeiramente o real” (Buin, 1965: 9). Pregúntase entón, “responde isto á cuetion da CANO? Un pobo pode escapar á morte, á desaparición grazas á súa literatura?” (Paré, 1994a: 60). Preguntas ás que responde por un non categórico: “a literatura é impotente; a formulación dunha identidade cultural depende estritamente do imaxinario; non é máis que unha das formas do propio discurso literario” (Paré, 199a: 60). Entre a crenza entre un poder absoluto tal como sustentaba a CANO e a ausencia total de poder á que fai alusión Françoise Paré, quizais hai un lugar para acoutar un poder que, aínda que limitado, sexa non obstante real.

Jean-Louis Major (1985: 133) definía a literatura nun artigo aparecido no 1985, como “calquera realización lingüística que na súa propia enunciación tende a instituír unha presenza individual”. Esta definición suscita en min unha adhesión. Paréceme que o poder da literatura é xustamente instituír unha presenza. A literatura é o medio de vivir contra a morte e a desaparición. No caso da literatura franco-ontariana, actúa como un revelador que permite a comunalidade, permite vivir a invisibilidade e exorcisar o mal polo mal. O que a literatura franco-ontariana aínda non comprendeu, é que non é necesario “salientar e recalcar a orixe cultural do grupo” para que apareza unha presenza: a literatura faino de calquera maneira. Abonda escribir para existir, a única alternativa é o silencio e este é a verdadeira desaparición.

Bibliografía

Bélanger, Louis (1994), “Le Chien de Jean Marc Dalpe: réception critique”, Revue du Nouvel-Ontario, 16, p. 127-137.

Bélanger, Pierre (1978), “Manifester” en André Paiement, Moé j’viens du Nord, stie, seguido de Le septième jour e À mes fils bien-aimés, Sudbury, Prise de parole, p. 123-125.

Buin, Yves, Que peut la littérature? Simone de Beauvoir, Yves Berger, Jean-Pierre Faye, Jean Ricardou, Jean-Paul Sartre et Jorge Semprum, Paris, L’Herne.

Carriere, Fernan (1993), “La métamorphose de la communauté franco-ontarienne, 1955-1995” en Cornelius Jaenen (dir.), Les Franco-Ontariens, Ottawa, PUO, p. 305-340.

Dorais, Fernand (1984), “Mais qui a tué André?” en Fernand Dorais. Montréal… Sudbury, pré-textes pour une francophonie ontarienne: essais, Sudbury, Prise de Parole, 15-33.

Gay, Paul (1986), “Paul-André Paiement (1950-1978) ou le désespoir du colonisé”, Histoire du théâtre au Canada, VII, 2, p. 176-185.

Hotte, Lucie (1997): “L’écrivain franco-ontarien: entre le fantasme et le mythe”, en Luce Hotte e François Ouellet (dir.), “Postures escriptuaires dans la littérature franco-ontarienne”, Tangence, 56, p. 26-39.

Juteau-Lee, Danielle (1980), “Français d’Amérique, Canadiens, Canadiens français, Franco-Ontariens, Ontarois: qui sommes nous?”, Pluriel, 24, p. 21-42.

Lasserre, Élizabeth (1990), “Identité et minorité dans l’écriture de Patrice Desbiens”, en Lucie Hotte (dir.), La problématique de l’identité dans la littérature francophone du Canada et d’ailleurs, Ottawa, Le Nordir, p. 73-80.

Major, Jean-Louis (1985), “Pour une épistémologie de la littérature”, Revue de l’Université d’Ottawa, 55, 4, p. 127-133.

Nojgaard, Morten (1984), “Le lecteur dans le texte”, Orbis literarum: Rewiew of Literary Studies, 39, 3, p. 189-192.

Paiement, André (1978a): La vie et les temps de Médéric Boileau, Subdury, Prise de parole (coll. Théâtre).

Paiement, André (1978, Moé je’viens du Nord, stie, seguido de Le septième jour et À mes fils bien aimés, Subdury, Prise de parole.

Paiement, André, Lavalléville, 3º edicións, Subdury, Prise de Parole (coll. Théâtre).

Paré, François (1992), Les littératures de l’éxiguité, Hearts, Le Nordir.

Paré, François (1994a), “L’institution littéraire franco-ontarienne et son rapport nà la construction identitaire des Franco-Ontariens” em Jocelyn Létouneau (dir.) e Roger Bernard (coll.), La question identitaire au Canada francophone. Récits, parcours, enjeux, hors-lieux, Sainte-Foy, PUL (coll. Culture française d’Amérique), p. 45-62.

Paré, François (1994b), Théories de la fragilité, Hearst, Le Nordir.

Paré, François (1995a), “Repères pour une histoire littéraire de l’Ontario français” en Jacques Cotnam, Yves Frenette e Agnès Whitfield (dir.), La francophonie ontarienne: bilan et perspectives de recherche, Ottawa, Le Nordir, p. 269-282.

Paré, François (1995b), “Les Franco-Ontariens ont-ils droit au discours identitaire?”, en Simon Langlois (dir.), Identité et cultures nationales, l’Amérique française en mutation, Sainte-Foy, PUL (coll. Culture française d’Amérique), p. 167-178.

Paré, François (1996), “Pour rompre le discours foundateur: la littératyure et la détresse” en Lucie Hotte e Franóis Ouellet (dir.), La littérature franco-ontarienne: enjeux esthétiques, Ottawa, Le Nordir, p. 11-26.

Pelletier, Pierre (1994), “Porquoi Le Chien nous émeut-il?”, Liaison, 76. P. 20-30.

Renaud, Normand (1998), “Le Chien monté par le T.N.O.: une production remarquable”, L’Original déchainé (1º de mars), p. 10-11.

Savard, Pierre (1993), “Rélations avec le Québec”, en Cornelius Jaenen (dir.), Les Franco-Ontariens, Ottawa, PUO, p. 231-263.

Suleiman, Susan (1983), Le roman à thèse ou l’autorité fictive, París, PUF (coll. Écriture).

Tremblay, Gaston (1995), Prendre la parole. Le journal de bord du Grand CANO, Ottawa, Le Nordir.

Yergeau, Robert (1997), “Postures scriptuaires, impostures identitaires” en Lucie Hotte e François Ouellet (dir), “Postures scriptuaires dans la littérature franco-ontarienne”, Tangence, 56, p. 9-25.

 

Publicado en Andrée Fortin (dir.), Produir la culture, produir l’identité?, Laval, Presses de l’Université de Laval, 2000.

 

Lucie Hotte é profesora do Departamento de Letras Francesas da Universidade de Ottawa.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s