Samuel Solleiro: “É “naïf” afirmar que un non ten en conta a tradición cando escribe”

samuel_solleiroCésar Lorenzo Gil.

Samuel Solleiro (Tui, 1982) é hoxe unha das voces máis poderosas e orixinais da literatura galega. O grupo musical do que forma parte, Ataque Escampe, referencia da música máis popular na nosa lingua entre a xente nova. Mais todos temos un pasado. O escritor de Tiburón branco e dz ou o libro do esperma tamén. Nesta entrevista, publicada orixinalmente o 8 de marzo do 2007 no semanario A Nosa Terra, repasamos as ideas que tiña sobre a escrita naquel tempo.

Como é que un rapaz de vinte e poucos anos se pon a escribir algo tan anticuado coma un libro?

Escribir é a forma máis económica de todas as artes. Sen diñeiro non se pode facer cinema pero si libros. É certo que o soporte é antigo pero o que debe ser moderno é o contido, non o soporte. Hai blogs da internet que son tremendamente reaccionarios, por moito que se aproveiten da última tecnoloxía.

E por que o fai en galego?

É algo que non podo explicar. Sempre foi así. Eu lembro que tiña oito anos e falaba sempre en castelán. Pois xa daquela cando escribía facíao en galego. Hoxe son monolingüe e podo explicar por que falo en galego mais aínda non conseguín racionalizar por que sempre escribía nesta lingua.

Di Ramón Caride que unha das causas de que castelanfalantes escriban en galego se debe ao labor dos escritores para nenos e mozos. Que a literatura está normalizada, cousa que non pasa coa lingua oral.

É posíbel. Un constrúe a súa expresión a base de referencias e o feito de ler en galego sempre anima a escribir en galego. O que nonsei é se iso é unha boa noticia. O galego úsase nas páxinas culturais dos xornais pero de economía escríbese en castelán. Incluso a propia literatura en galego fíncase moito máis na ficción que no plano técnico ou nos manuais universitarios. É dicir, o galego debe aumentar a súa influencia social e crebar fronteiras e ocupar todos os ámbitos da nosa vida.

Mais a influencia do castelán entre a mocidade aumenta.

Penso que ten dous planos: o familiar durante a infancia e o contorno social comunitario no que os rapaces se moven cando son adolescentes ou mozos. Se estás nun ambiente onde maioritariamente se fala en castelán, é lóxico que un rapaz galegofalante acabe por pasarse ao castelán. Pero tamén pode pasar o contrario. Vemos moitas veces como rapaces castelanfalantes toda a vida se pasan ao galego cando mudan de contexto.

A min intéresame moito fixar emocións. A trama, o argumento, son escusas.

Volvendo ao seu libro, nos relatos atópanse moitos elos coa poesía.

Está claro que narrar historias non está entre as miñas prioridades. Prefiro a evocación. É algo que tamén me pasa co cinema. Interésame máis a ollada que a narración e vemos que en moito do cinema que se fai ultimamente a trama é menos importante que os recursos visuais. A min intéresame moito fixar emocións. A trama, o argumento, son escusas, estruturas do esquelete de arames nas que se deita material para potenciar a percepción sobre o que escribo.

Tamén se albisca certa débeda con outras artes, caso da perfomance, por exemplo.

No tempo que vivimos é lóxico que todas as artes e demais manifestacións culturais se entremesturen. Eu aliméntome de todas esas influencias e sen elas o meu discurso inconsciente sería outro. Esta contaminación está aí e moitas veces nace das miñas propias vivencias. É máis, moitas delas descóbreas o lector, non o autor. Hai veces que buscas algunha relación pero outras veces é logo de publicar cando te dás conta que houbo unha influencia. Por exemplo, nunca até agora me decatara de que había influencias teatrais en dz ou o libro do esperma.

Tamén hai provocación.

A provocación é algo necesario para a arte. O que non existe é iso da provocación gratuíta. Sempre ten uns fins, sexan reaccionarios ou revolucionarios. Pero non lle dou moita importancia. Xa a propia literatura galega ten unha longa historia de provocación. Facelo non ten nada de novo. Ademais, cando eu fago parodias sempre me fixo en manifestacións que me interesan. Utilizo este recurso para homenaxear autores que respecto profundamente. Por exemplo, de parodiar algo da literatura galega sempre o vou facer con poemas de Xosé Luís Méndez Ferrín ou Xohana Torres, que me gustan, e non doutros autores que non.

O libro xira ao redor da condición masculina, xusto nun intre no que parece que os homes estamos desorientados.

O masculino aparece como metáfora dun pensamento racional predominante que pasa de ser hexemónico a sentirse ameazado. Non trato ese tema para reverter a situación pero si para despistalo, para facer preguntas incómodas que poñan en cuestión o modelo establecido.

Quero introducir esa maneira de enfocar a realidade nun espazo de medo. Obviamente, no nivel persoal quero que ese sistema caia e que todo o que significou o predominio do masculino lle dea paso a outro xeito de ver o mundo e de relacionarse.

O masculino aparece como metáfora dun pensamento racional predominante que pasa de ser hexemónico a sentirse ameazado. Non trato ese tema para reverter a situación pero si para despistalo.

Despois de tantos libros de mulleres escritos para mulleres, agora tócalles aos homes escribir para homes?

Non penso que haxa unha reacción. É máis, o meu libro analiza a condición masculina desde un punto de vista profundamente feminista. É dicir, chamo a atención sobre a condición do xénero, un tema tratado desde a ollada da muller, na busca da explicación da identidade desde a ollada do home. Un home que se poña na pel da muller redunda sobre unha cuestión que xa se percibe socialmente coma un problema. É máis útil analizar a condición masculina como un problema que os homes poden axudar a resolver porque son conscientes do desequilibrio que existe.

Hai quen dixo de vostede que non lle interesa para nada a literatura galega.

Dicir iso é falso e oportunista. Igual que afirmar que existe unha xeración literaria entre os escritores máis novos. Eu non coñezo persoalmente nin a Diego Ameixeiras nin a outros autores “novos” e penso que os nosos discursos poéticos son distintos, plurais. Eu coñezo a literatura galega, o que me parece normal para alguén que fai literatura en galego. Outra cousa é que pense que todo o que se fai aquí é óptimo. Como no resto das cousas, fixen a miña escolla e asumo que son máis debedor duns autores ca doutros. O que si recoñezo é que non leo moitas novelas pero iso pásame por falta de tempo non por desinterese.

E esoutro mito de “matar o pai”?

É un tópico literario que sempre se utiliza para explicar o paso dunha xeración a outra. Está tan usado que xa me parece obsceno. Penso que afirmar que un non ten en conta a tradición é naïf. Para construírmos un discurso coherente precisamos coñecer os recursos dos que nos precederon para nós modelalos ao noso xeito.

Que pesa máis nas súas influencias, a literatura ou outras artes?

Inflúeme a literatura porque estou a facer literatura. Para escribir un relato non podo basearme na técnica de rodaxe de Jean-Luc Godard, por exemplo. Mais no tocante á inspiración, recoñezo que hai un 50 por cento que provén das letras e outro 50 que vén doutras cousas. Son tan sensíbel aos libros coma ao cinema ou á música, polo que é lóxico que me interesen moitos tipos expresivos.

Así que talvez o seu próximo traballo non vaia no papel senón no celuloide.

O que está claro é que non lle vendín a alma á literatura. Polo momento non teño medios para facer unha película. Agora mesmo recoñezo que estou máis entusiasmado pola música. Formo parte dun grupo, Ataque Escampe que acaba de presentar unha maqueta, Ed Wood e o ataque dos paraugas asasinos.

E que tipo de música fan?

Nós chamámoslle rock de serie B pero clasificarnos é un tanto complicado.

Do último que se fai nas letras galegas, hai algo que lle chame a atención?

Interésanme Diego Ameixeiras e Daniel Salgado, do último que se está a publicar. O suxeito posmoderno, de Rebeca Baceiredo, paréceme un libro á altura do máis novidoso que se está a facer en todo o mundo. A novela Ganga, de Antón Lopo, pareceume do mellor que se escribiu ultimamente. Leo moito tamén a Cid Cabido e a María do Cebreiro.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s