Séchu Sende: “Se soubese facer hip-hop cambiaría os libros pola música”

César Lorenzo Gil.

Séchu Sende (Padrón, 1971) é un dos nosos escritores máis activos dentro e fóra dos marcos do campo literario. Recuperamos esta entrevista, publicada orixinalmente no semanario A Nosa Terra o 11 de outubo do 2007, na que o autor falaba principalmente dun libro seu que se convertía naqueles meses en obra revelación do ano e que hoxe é un dos clásicos modernísimos que mellor resposta do público e da crítica mantén: Made in Galiza, publicado por Galaxia.

1182413493Sechu_SendeCando pensou en escribir Made in Galiza que pesou máis, a literatura ou a sociolingüística?

Por suposto a literatura. A obra xurdiu pola miña propia experiencia como profesor, traballador en Sociolingüística e neofalante de galego a partir dos 16 anos. En Galiza vivimos un conflito lingüístico e quería escribir sobre este asunto, pero non cun tratado sociolingüístico, que adoitan ser moi aburridos. Preferín facer un libro sobre comunicación a través dun discurso coral plural, ás veces contraditorio. Inclúe diferentes opinións que eu percibo no meu contorno pero tamén quixen crear relatos máis baseados no humor, cun enfoque propio.

Escribir este libro entón xurdiu dunha necesidade?

Eu vexo este libro como unha autodefensa que Galiza produce dentro dunha tradición, neste caso literaria. Eu uso as palabras para defenderme dunha agresión, neste caso a que provén do colonialismo lingüístico.

Os datos indican que a situación da lingua empeora cada día. Cal é o seu diagnóstico?

A situación é moi grave. Estase a perder a base de transmisión xeracional a través da familia. E sen iso é moi difícil a supervivencia. Aínda que desde o meu punto de vista o peor é que a percepción do galego polos máis mozos está relacionada cos espazos formais (a escola, os medios de comunicación, a política), cando tradicionalmente a nosa fala dominaba no ámbito informal (a casa, o bar, a familia). Xustamente, unha das razóns deste libro foi devolverlle ao galego a súa esencia rebelde, irrespectuosa, humorística. Tento achegarme ao propio ambiente da xuventude e falarlle na súa linguaxe na nosa lingua. Se soubese facer hip-hop cambiaría os libros pola música.

Houbo quen dixo que era un libro pensado para vender entre os estudantes.

Desgrazadamente, o libro pode acabar funcionando como recurso para o ensino porque hai moi poucos recursos ao dispor dos docentes. Paréceme ben que funcione como ferramenta para reflexionar nas aulas mais o libro está pensado para todas as idades e para pasalo ben. Incluso coido que é un libro que se lles pode agasallar aos castelanfalantes como xeito “distinto” de introducirse na literatura galega dun xeito menos solemne.

Hai posibilidades de inverter a tendencia negativa?

Hoxe vemos claramente que hai un grupo de resistencia que fala en galego por ideoloxía. Pero non podemos contentarnos con iso. Hai que ter en conta que debemos abrirnos aos que non falan en galego, esas familias nas que o galego xa se perdeu. Debemos lograr que estes vexan factíbel a educación en galego. Temos que traballar nas actitudes cun discurso de creatividade social que lle vexa ao idioma rendibilidade social e económica. O idóneo é pensar no medio-longo prazo. O exemplo témolo en Euskadi. Alá tocaron fondo e foron os pais que non coñecían o éuscaro os que reverteron a situación. Aquí aínda temos maior capacidade de reacción porque a situación aínda non é tan crítica. Ao noso favor temos a arma do humor. En psicoloxía social fálase de resiliencia, un termo que define a reacción dun xeito humorístico diante dunha catástrofe. Para saír adiante fainos falta unha óptica desdramatizada do noso conflito.

Ultimamente estamos ollando como algunhas voces consideran que si hai conflito, pero en contra do castelán.

Iso indica que algo se está a mover na consideración do galego. Hai unha clase que se sente moi cómoda desprezando o galego, que o consideran un idioma represaliado, de segunda. E cando presenten que pode saír dese segundo plano reaccionan desta maneira, querendo impedir que haxa cambio social e cambio político.

Como se notou na normalización do idioma o cambio de goberno (a chegada do bipartito no 2005)?

Coido que hai que unir a cultura e a natureza para falar das políticas do Goberno galego actual. Ambos os conceptos son herdanzas que nós recibimos e que temos a obriga de protexer. Pois ben, estas dúas dimensións están a ser agredidas. No caso do ambiente, só hai que ollar o caso de Reganosa ou do Courel, asuntos nos que non se cambiou para nada o xeito de actuar que tiña o PP. É máis, todos estes conflitos locais están a traspasar os límites particulares e xa se empezan a percibir como asuntos que hai que analizar dun xeito unitario. A mobilización aumenta e nótase a experiencia de Nunca Máis. Aprendeuse moito daquilo. Ademais, agora a protesta está máis independizada da política, polo que vai ser máis efectiva. No caso concreto da lingua, hai unha parte importante da sociedade civil que pide medidas concretas e decididas a prol do galego. E notamos por parte do Goberno medo. Falta confianza na cidadanía. Estou convencido de que habería moitos apoios a unha defensa ambiciosa da lingua. E de haber conflitos, estou convencido de que se poderían solucionar.

Xa en Orixe se adiviñaba un gusto refinado polas posibilidades da narrativa curta. Que ten ese rexistro que non teña a novela?

O relato identifícase máis coa miña personalidade, que é dispersa, fragmentaria e impaciente. O relato dáme momentos explosivos. Síntome tan a gusto escribíndoos como escoitándoos. É o xénero que usamos todos os días, a esencia da narrativa e tamén o máis acaído a unha época que prima o zapping. De todos os xeitos, eu propúxenme escribir unha novela liñal, dunhas 100 páxinas, cun único personaxe protagonista, sen desvíos. Algo así como Bartleby, o escribente, de Herman Melville. Non sei canto vivirei pero quero cumprir este desexo.

A súa literatura ten unha vocación de ficción total e tamén de compromiso social. Son compatíbeis ambos termos?

Teño a fantasía e a marabilla como expectativas sempre que escribo. É un mundo de soños no que moitas veces a xente se refuxia, a onde se evade pero que moitas veces nos dá as chaves para entender o que nos arrodea. Eu considérome un autor surrealista porque necesito escachar a lóxica. E ao tempo téñolle moita lei á verosimilitude. Obsesióname ese fío que hai entre realidade e ficción. Adoro os programas de cámara oculta porque conseguen influír no que está a pasar creando algo que non existe. E tamén as lendas urbanas. Nas aulas uso moito historias inventadas que lles fago pasar por verdadeiras aos alumnos até que rematan.

Antes ca narrador foi poeta. Xa hai nove anos que non fai versos.

Fago, fago. Escribo poesía continuamente. É curioso, apréndolles aos demais a separar os xéneros e distinguilos mais eu úsoos todos remexidos. Unhas veces introduzo poesía na propia narrativa e outras veces volto ao verso.

Participou activamente na creación do selo Letras da cal. Como recorda aquela explosión poética da década do 1990?

Eu daquela participaba co colectivo Serán Vencello daquel momento. Chegabamos a Santiago moi noviños e relacionabámonos entre nós a través de recitais, da lectura de poemas. Letras da cal foi tamén un proceso de autodefensa. Xurdiu do convencemento colectivo de que facía falta darlles voz a todos aqueles novos poetas. Hoxe os poemarios custan 17 euros. Nós daquela crearamos unha editorial para que os libros só valesen 500 pesetas (tres euros). Traballabamos en rede, cadaquén achegaba a súa porción de coñecemento e habelencia, preparando presentacións, distribuíndo os libros… E a rede funcionaba.

Hoxe parece que aquilo todo está máis calmado. Os mozos xa non queren facer versos?

Se cadra está a agromar outra xeración e non nos decatamos. Ao cambiaren as épocas tamén cambian os medios de expresión. Nestes últimos anos vivimos un cambio radical na internet e na música, por exemplo, con fenómenos como os blogs ou grupos como Dios ke te crew. Hai moita xente nova con ganas de crear, incluída a literatura, por exemplo a revista Arraianos.

 

 

Advertisements

2 comentarios en “Séchu Sende: “Se soubese facer hip-hop cambiaría os libros pola música”

  1. O máis importante é a transmisión xeracional de pais a fillos…o outro, o tema político mellor non tocalo porque senón móntase a liorta e o que sae perdendo é o Galego…a retranca é unha boa arma para as discusións entorno da lingua, e sobre todo tentar ós galego-apreciantes, xente que se da conta do que se está a perder pero non fan nada ó respecto. Regalen libros en Galego e piquen a curiosidade da xente interesada pola nosa cultura…poñan exemplos de compañeiros de traballo ou amigos que non son de aquí pero que están interesados e incluso falan galego…iso amola ós renegados galegófobos…ou exemplos de viaxes a Brasil ou Portugal onde un se entende co Galego. Eu son optimista moderado, o máis importante é a vontade e que se cumplan as normas aprobadas pola maioría democrática en Galicia dialogando, porque as razóns están do noso lado, e non disputando, NUNCA MÁIS guerra lingüística!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s