A xeración da gabeta

8070897172_0bdf182df1_z

Gabeta tipográfica

César Lorenzo Gil.

Nos tempos da crise, o libro impreso volveuse un ben escaso. Ou non. Talvez o que sucede é que logo de afacernos aos centos de novidades cada ano nas librarías, a baixa na produción da actualidade nos parece unha anomalía. O debate entre os que defenden a burbulla de antano e os que se laian da laringa de títulos actual aínda está no alto.

O caso é que unha das consecuencias que se intúen da dimunición do ritmo de publicación (especialmente no apartado de ficción) entre as editorias en galego é o suposto aumento de orixinais nas gabetas dos autores. Non podo dar probas xa que non teño entre as miñas calidades de superheroe adiviñar que arquivos gardan os escritores nos seus ordenadores (supoño que xa case ninguén terá o mecanoscrito amparado nunha carpetiña de cartolina dentro do propio caixón). Mais si parece que aqueles nomes que producían a bo ritmo antes do 2009 e agora hai anos que non publican cousa ningunha, non deixaron o hábito de escribir e gardan os seus proxectos literarios a que haxa tempos mellores.

Ese pode ser un motivo do silencio literario destas voces. Comparten, neste caso, a visión de que a literatura é un ben sometido ás leis do mercado e que non compensa arriscarse a que o editor te deixe en lista de espera indefinida para logo, ao final, vender unhas ducias de exemplares. O escritor galego, polo xeral, é optimista. A pesar de que as cifras de vendas (desde anos antes do inicio oficial da crise) son modestísimas, sempre pensa que vender toda unha edición, polo menos, é a meta mínima que deben atinxir. Ter a expectativa de quedar por baixo desa marca fainos medorentos. Para darlles o gusto, as editoriais cada vez rebaixan máis o número de libros que contén cada impresión. Poñer a imprenta a traballar de segundas nunca foi tan barato!

Sexa cal for a orixe desta idade de ouro da gabeta, da literatura polo momento inédita, coido que se debe converter nunha oportunidade para a mellora do nivel creativo das nosas letras. Demasiado acotío se publican libros que non acaban de estar ben acabados, novelas ou poemarios aos que lles falta edición, tempo para maduraren, reflexión e autoesixencia. Incluso os propios escritores, tempo despois de publicaren, confesan que a tal ou cal título lle prestarían unhas boas xornadas de corrección.

Non estou a defender unha roda infernal de revisión de textos porque é certo que calquera parágrafo pode ser mellorado ad infinitum, como ben demostran algúns dos xogos metaliterarios de Jorge Luis Borges. Pero o camiño inverso tampouco é axeitado. Moitas veces escoitei gabarse escritores, algúns deles con éxito comercial, outros con talento literario, de que remataban os seus traballos nun mes, dous, un trimestre como moito. Modelo industrial para un mercado artesanal coma o galego, con resultados as máis das veces mediocres.

Seguro que a escaseza de oportunidades para publicar acabará por traernos unha colleita extraordinaria de libros que naceron do compost que amarelou nas gabetas. A escrita ten a ver cun talento innato pero ningunha obra mestra pode prescindir do esforzo do adestramento. Puír o estilo é quizais unha tarefa pendente de moitos dos nosos escritores. Non hai nada de malo en descartar. Ningún futbolista chora porque non lle contan na estatística os goles que marca nos adestramentos. Na escuridade da gabeta é onde mellor brillan as pebidas da verdadeira literatura.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s