Sabino Torres, o home que é Pontevedra

Sabino Torres. XAN CARBALLA

Sabino Torres. A. I.

Non é un xénero demasiado cultivado en galego o das memorias. Menos as que se presentan cun alto nivel de edición como é o caso de Crónicas dun tempo escondido. Pontevedra 1930-1960, que Sabino Torres presenta arestora en Galaxia.

Torres é un dos grandes arquitectos da industria editorial galega contemporánea. Cos seus 90 anos pódese gabar de ser das últimas testemuñas vivas dun tempo, o da guerra do 36 e a posguerra, que hoxe parece o pasado máis remoto, dado o moito que cambiou a sociedade.

Nese libro, o editor e impresor fai un percorrido pola súa memoria parcial, dirixido e enfocado cara a aqueles aspectos que quere destacar da súa experiencia vital. Ás veces proxecta o seu recordo ao xeito dun fío que una directamente a visión canónica dalgúns personaxes co trato directo que el mesmo tivo con eles. Eis os casos de Laxeiro, Celso Emilio ou Filgueira Valverde, cuxo protagonismo parece acomodado ao recordo que na nosa época aínda permanece.

O traballo de humanización destes e doutros personaxes é un dos grandes valores do libro. Case sen querelo, Torres vainos dando pequenas pinceladas sobre a súa rutina, a súa vida máis alá da épica artística ou politica. E neses pequenos intres é onde cobra moita forza este texto. Cando Celso Emilio aparece en Pontevedra casado con Moraima non é o poeta social que todos temos na cabeza, é un cargo burocrático acomodado, que se deixa ver nos actos sociais e que fai suspirar as mozas casadeiras, que logo de suspirar polo lanzal celanovés, escoitan das súas nais: “Tarde piaches”.

Cando Celso Emilio aparece en Pontevedra casado con Moraima non é o poeta social que todos temos na cabeza, é un cargo burocrático acomodado, que se deixa ver nos actos sociais e que fai suspirar as mozas casadeiras.

Polas páxinas do libro desfila a epopea da edición en lingua galega a finais da década do 1940 e primeiros do 50. A colección Benito Soto de poesía foi fundamental na resistencia interior ao analfabetismo na lingua propia imposto polo franquismo. Torres conta a súa historia con tal naturalidade que até parece que tivo a mesma sofisticación económica e política que organizar unha churrascada ao pé dun carballo nun día de xullo. O editor foxe do heroísmo pero o heroísmo aparece. Cando un alto cargo do franquismo prohibe a edición de Musa alemá, versión de poesía xermana de Celso Emilio e Antonio Blanco Freixeiro. Vai ser o gobernador civil de Pontevedra quen salve a colección (non gustaba nas altas esferas da cidade que no nome homenaxeasen un pirata da Moureira que fora executado por orde gobernamental). Por certo, este gobernador foi un dos ben poucos subscritores de honra que tivo o proxecto editorial. Para quen pense que era fácil diferenciar os bos e os maos cando dunha sociedade enteira se trata.

Sabino Torres retratado polo pintor Rafael Alonso

Sabino Torres retratado polo pintor Rafael Alonso

E falando de malos oficiais, Torres dedícalle moito espazo a Filgueira Valverde. Nótase nel que mantivo diferenzas, nalgún caso notables, co polígrafo. Mais entre outros méritos, recoñécelle que grazas a el hoxe Pontevedra ten un dos centros medievais mellor conservados e máis dignos de Europa.

Sabino Torres reivindica nas páxinas deste libro a canteira de artistas que deu a cidade do Lérez. Desfilan escritores mais tamén pintores e músicos. E para contar as súas historias, o petrucio tamén nos ilustra sobre os cafés de moda, a connivencia entre políticos e hostaleiros para lanzar tal ou cal local, as miserias e preitesías ás que se había que someter para comer quente tres veces ao día… Un relato vívido, sen grande retórica, dese tempo escondido.

Por veces, temos a sensación de que Torres foi (é) Pontevedra. Toda a cidade nun momento dado parece un invento do escritor. E esa sensación conséguea coa firmeza de quen ten unha incontestada autoridade sobre o pasado. De novela parecen moitos episodios, especialmente o sucio plan dos rexedores locais que nun momento dado contratan un anarquista catalán para que lles poña dinamita ás ruínas de San Domingos.

Este é un libro co que desfrutarán os interesados en desvelar os pequenos detalles das biografías dos nosos artistas máis sobranceiros. Tamén quen quere descubrir unha figura quizais non demasiado enxalzada nos círculos culturais de hoxe en día. Paga a pena inspirarse en persoas coma Torres, quen para culminar as súas arelas de poeta, en vez de pór a imaxinación a funcionar, preferiu a métrica dos tipos da imprenta, unha máquina tan valente nas súas mans.

♦Crónicas dun tempo escondido. Pontevedra 1930-1960, de Sabino Torres, Galaxia, 2014. 325 páxinas. ♠22,90€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s