Agustín Fernández Paz: “Debemos pórnos como meta escribir tan ben coma os mellores”

Agustín Fernández Paz será nombrado doctor honoris causaCésar Lorenzo Gil.

Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) é o escritor de ficción máis “vendido” en lingua galega. Tamén un dos máis populares grazas aos seus moitos éxitos entre a mocidade. O seu último libro, A viaxe de Gagarin (Xerais) é un dos títulos máis vendidos do 2014. Fala para Biosbardia de libros, sobre o oficio do escritor e os retos da nosa cultura.

A viaxe de Gagarin é un relato ambientado na década do 1960 cuxo protagonista é un rapaz que tiña unha idade semellante á súa naquel tempo. É un libro nacido da súa autobiografía?

A proximidade entre a idade do protagonista e a miña é un dos factores que inflúen na escolla do tema pero non é o único. Aquela década, na que eu alcanzo a mocidade, penso que ten algo de representativo para toda a sociedade actual, que hoxe vivimos a vida que comezou a espreguizar naquel tempo. Foi a época da liberación da muller, que empezou grazas aos electrodomésticos que lle facían a vida máis agradable, e acabou cunha reivindicación social máis ampla de igualdade. Dos movementos sociais, de París a Praga. En pouco tempo pasaron moitas cousas que influíron no mundo actual: as guerras de Vietnam e a dos Seis Días entre Israel e os seus veciños; a carreira espacial que amosou publicamente a competencia entre a URSS e os EUA; a extensión da loita revolucionaria do Che Guevara a África e América do Sur… E entrementres, en España viviamos nunha ditadura, moi reprimidos e condicionados polo poder totalitario. Moito máis do que a xente de hoxe imaxina, en parte porque callou a idea de que o franquismo era algo así como o que sae na serie de “Cuéntame”.

Vostede non escolle como personaxes da novela arquetipos da Galicia do 1960.

Non. A maioría dos galegos e dos españois non era antifranquista. Cando Franco organizaba aquelas manifestacións de reforzo do seu réxime, concentrábanse auténticas multitudes na praza de Oriente. E sería infantil esquecer as longuísimas fileiras que se formaban para ver o cadáver do Caudillo. Pero eu quería falar desa minoría antifranquista, co enfoque posto sobre a resistencia cultural. O libro foi naquela época un símbolo de belixerancia contra a ditadura e o meu obxectivo era rescatar aqueles impresores, escritores e libreiros que construíron a oposición a través do seu traballo diario. A cultura era unha área moi perigosa para Franco, de aí a forte represión sobre as publicacións clandestinas ou o enorme control sobre os libros que se consideraban perniciosos. Loxicamente, esta non foi a única fronte de resistencia. E eu podería escribir unha novela sobre o antifranquismo obreiro, por exemplo. Pero coido que ese eido xa foi debidamente cuberto co libro O latexo da vida e da conciencia, editado pola Asociación Fuco Buxán, primeiro volume das memorias do sindicalista ferrolán e traballador da Bazán Rafael Pillado. Unha obra imprescindible que se le coma unha novela.

A acción discorre por varios escenarios pero o centro en Galicia é a cidade da Coruña. Ten relación coa súa biografía?

Non. Elixín A Coruña por unha razón moi sinxela. Na década do 1960, a represión franquista era máis potente sobre Ferrol e Vigo, por causa do obreirismo, e sobre Santiago, por mor dos movementos universitarios. A Coruña formaba parte da Galicia plácida onde se supuña que non pasaba nada. Ademais, para pechar o círculo, é alí onde se sediaban os tribunais represivos, algo que me veu moi ben para deseñar a trama. Toda a novela busca unha coherencia interna, un realismo dentro de que todo é ficticio que a faga verosímil para o lector.

A viaxe de Gagarin publicouse na colección de Xerais para adultos. Mais o ton é xuvenil.

Eu pensara esta novela para a colección de Xerais de libros para a mocidade: “Fóra de Xogo”. Foi logo dunha conversa con responsables da editorial que me convencen de publicala na colección “para adultos”. Se fose hai dez ou 15 anos, negaríame. Así pasara con Aire negro, que porfiei que saíse en “Fóra de Xogo” porque quería que a lesen os mozos e sabía, pola miña experiencia docente, que os rapaces naquela altura non lían os libros da colección “rosa” de Xerais. Mais logo da publicación do libro de Xosé Miranda Morning Star nesa colección todo cambiou. Esa novela encántalles aos mozos e serviu para romper aquel preconcepto. Hoxe os lectores xuvenís non teñen reparos en leren libros desoutra colección. En cambio, si que hai adultos que non lerían nunca un libro dunha colección xuvenil, polo que é máis doado que un libro xuvenil se publique “para adultos” que ao revés.

Hoxe os lectores xuvenís non teñen reparos en leren libros das coleccións de adultos.

Na súa obra é case unha marca de estilo a mecánica literaria. Todas as pezas funcionan coma unha engrenaxe. Teñen unha estrutura equivalente á dun rañaceos.

Doulle moita importancia á coherencia do texto, é verdade. Loxicamente, o máis decisivo nunha obra literaria é a escolla do narrador e do punto de vista. Mais logo a seguir, para min o que prima é a estrutura da novela.

Como é o seu sistema de traballo?

O primeiro é a idea. Pero non funciona coma unha faísca. Eu anoto, anoto moitas cousas pero non necesariamente considero eses apuntamentos como unha bolsa de ideas de novela. Mais logo hai un pensamento que si funciona como punto de partida. Non é un sucedido ao xeito dese tópico do amigo que te encontra e che narra algo que empeza: “con isto que che conto podes facer unha novela…”. Coido que é máis importante a mirada, aquilo que non pasa para todo o mundo, aquilo que só pasa para ti. E é nese momento cando recompilo, agrego ou enriquezo esa primeira semente con cousas que tiña pensadas de antes. O interese sobre o tema escollido vai medrando dunha maneira irracional. Na seguinte fase leo moito sobre o tema. Hai novelas que requiren moita documentación mais incluso nas que non o precisan, intento mergullarme nos temas que van aparecer nela. A partir de aí vou definindo os personaxes, fago fichas biográficas de cada un deles e incluso deseño dun xeito esquemático secuencias que quero que aparezan no libro.

Esa primeira fase remata co primeiro manuscrito. Eu sempre escribo a man e en cadernos de follas amarelas. Esa primeira redacción é coma un xorro da auga dunha fonte, rápido e continuo. Non me preocupo nesa altura nin do estilo nin da coherencia, nin sequera das descricións. Cando chego a un punto no que teño que contar como é unha casa, por exemplo, poño entre parénteses: aquí conto como é a casa e sigo para adiante.

Unha vez que teño ese manuscrito, empeza o traballo de verdade. Paso no ordenador a primeira versión e imprímoa. Ármome de rotuladores de cores e peneiro cada folla a conciencia, até que o mecanoscrito está practicamente cuberto de tinta vermella. Con esas correccións fago unha segunda versión e volta a empezar. Polo xeral, como mínimo fago seis versións antes de que no mecanoscrito, logo da corrección, apenas aparezan subliñados.

Os autores xuvenís teñen fama de pensar máis nos lectores ca os escritores para adultos.

Penso que o de pensar nun lector concreto dáse e debe darse entre os autores de libros infantís. Porque as estratexias narrativas son máis eficaces se se adecúan ás necesidades deses lectores. Todo ten que ser moi sinxelo para que os cativos non se perdan. E digo sinxelo, non superficial. Porque ningún libro debe ser superficial. Poño moitas veces como exemplo o meu libro O meu nome é Skywalker (publicado por SM na colección “O Barco de Vapor”): un adulto pode achegarse a ese título e encontrar niveis profundos que quizais a un rapaz de dez anos se lle escaparon nunha primeira lectura. Pero estar, están aí.

No caso do libro xuvenil, buscar un lector concreto é un recurso mediocre. O que debe primar, e no meu caso prima, é preocuparse por que o texto sexa atractivo para quen o le.

“Pódese facer excelente literatura xuvenil sen personaxes adolescentes”

Nesta mesma revista, Xabier P. Docampo acusaba a certo sector do profesorado de só recomendar nas súas clases “libros de instituto”.

Iso é empobrecedor e ten dous problemas. Os profesores deben ter como premisa crear lectores. E se só promoven un determinado tipo de libro, primeiro, os rapaces acabarán por aburrírense; e segundo, eses lectores quizais nunca se atrevan con outros universos literarios, para desgraza deles.

Ademais, é un clixé absurdo iso de que os libros xuvenís teñan que ter personaxes xuvenís. O meu libro para mozos máis vendido, Cartas de inverno (Xerais) é unha novela que non ten un só personaxe adolescente. Pénsase erradamente que os lectores mozos necesitan identificarse con alguén dos seus anos. Mentira. Para identificarnos cun personaxe literario é moito máis importante que teña carne, que respire, que o notemos próximo independentemente de onde se sitúe. Até nos universos literarios máis distantes podemos sentirnos máis coma na casa. Loxicamente, cadaquén ten liberdade para construír os libros como queira pero a min non me chistan esas receitas prefabricadas que consisten en ir mesturando un 20% de templarios, un 30% de instituto e outro tanto doutra cousa supostamente divertida ou misteriosa.

Recordo que cando Biosbardia empezou a madurecer, logo de que Manuel Bragado reivindicase os lectores novos coma o viveiro de lectores futuros, vostede e o escritor Xabier López iniciaron no Twitter un debate moi interesante sobre a validez desa filosofía. Aquí pódese explicar en máis de 140 caracteres.

Por suposto que o gran viveiro de lectores en lingua galega está na mocidade. É na idade da adolescencia cando madura o hábito lector. É moi difícil que se desenvolva dun xeito espontáneo na idade adulta nin que se poida fixar só a través de textos de literatura canónica. Agás excepcións, a literatura xuvenil serve de lectura de adestramento para crear desexo por outro tipo de libros. Isto xa é un feito que pouca xente pon en dúbida. O único que se pode cuestionar é o quen. É dicir, quen produce eses textos. Se non o facemos nós, acabaremos por importar textos doutras linguas. Os escritores en galego, iso si, debemos ser ambiciosos, non para sobrancear no mercado estatal ou no ámbito lusófono, por poñer dous exemplos. Non. Debemos dalo todo, buscar a excelencia a nivel mundial. Poñer como meta facelo tan ben coma os mellores.

Dicíame Xabier Docampo nesa entrevista da que falabamos hai un cacho que vostede forma parte dunha xeración que renunciou quizais a facer a literatura que quería para facer a literatura que en galego facía falta naquel momento.

Non é que houbese un conciliábulo no que deseñamos unha estratexia común pero si moitas conversas, moitas ideas cruzadas e un compromiso común: como docentes e como escritores tiñamos que cubrir o oco que había naquel intre na literatura galega para mozos e nenos. E si, naquela decisión houbo algo de renuncia. Quizais eu me tería dedicado á literatura policial, non o sei. Pero aquel compromiso foi moi satisfactorio e estou contente de ter posto o meu gran de area na normalización do galego no ensino.

“Os defensores do galego somos menos poderosos ca os nosos adversarios mais non debemos caer na apatía”

Por biografía, vostede viviu todas as etapas da lingua galega na era da Autonomía: os primeiros tempos nos que estaba todo por facer, unha segunda etapa de certo orgullo, cando parecía que a industria editorial conseguira a normalización e dignificación que lle faltaba ao galego noutras áreas, e a situación actual, de volta ás dificultades. Con que estado de ánimo debemos encarar o momento actual?

Primeiro hai que saber que está a pasar, obxectivamente. O goberno de Alberte Núñez Feixoo, des que chega ao poder no 2009, está a executar unha estratexia acomodada aos intereses dese sector da sociedade galega que non se presenta directamente ás eleccións pero que calquera pode definir como “Os que mandan”. E aos que mandan, o status do galego como lingua oficial e de prestixio non lles presta. Están decididos a reducir a lingua galega ao ámbito do folclore, do doméstico, para que non estorbe. E teñen todas as armas para convencer a xente de que é unha industria subvencionada, cando digo eu que terá o mesmo dereito a cultura a recibir axudas públicas ca as empresas do automóbil, por exemplo. Porque é curioso que a ninguén lle preocupe que dos nosos impostos quiten unha parte do presuposto para axudarche a comprar un coche e logo o libro deba pelexar no mercado “a pelo”. A redución das axudas á tradución ou á edición, a mingua de compra de libros para as bibliotecas ten dous obxectivos: obrigar a industria á precariedade e ademais, mediante as mensaxes de que o galego se impón nas escolas e falacias así, que un pai, cando se encontra diante da decisión de escoller un libro para lle regalar á súa filla, mire o libro en galego con sospeita ou con medo de que identifiquen a compra dese libro con determinadas ideoloxías. A marxinación da lingua é unha das políticas máis poderosas que padecemos.

E que podemos facer contra iso? Negarnos a seguir a corrente e propoñer unha alternativa. Cadaquén como pode. Eu teño as miñas obrigas como cidadán comprometido. Leo e consumo produtos nosos coma outra persoa pode pensar en que é mellor algo fabricado en Galicia ca fóra. E ademais diso, como o meu oficio é o de escribir, teño a obriga de compór textos atractivos, que creen o meirande número de lectores. Que eses lectores chamen por outros lectores e procuren novas lecturas. Outro, na posición que lle toque, fará o que poida. Somos conscientes de que somos moito menos fortes ca os adversarios que temos enfronte pero o peor que nos pode pasar é volvernos apáticos ou deixalos que pensen que teñen razón.

Vostede foi o primeiro persoeiro que se negou a recoller o premio cultural co que a Xunta de Feixoo substituíu os antigos Premios Nacionais creados baixo a presidencia de Emilio Pérez Touriño. Naquel momento houbera moita polémica. Recibira moitos apoios pero tamén críticas, incluso desde posicións comprometidas coa cultura galega, que consideraban que até en casos así, é imprescindible honrar as institucións propias. Como ve aquel asunto logo destes anos?

Son sincero. Non pensei niso desde aquela agás cando alguén me pregunta, como é o caso. Esas posturas encontradas circularon pola miña cabeza nas horas seguintes a saber que me outorgaran o premio. E finalmente decidín non aceptalo. Por que? Primeiro porque era inxusto que aqueles premios que naceran para dignificarnos acabaran desvalorizados por vontade política. Tamén quería exemplificar o meu rexeitamento aos primeiros ataques contra o galego que nacían das políticas daquela Xunta. Seguro que habería razóns igual de boas para aceptalo pero insisto: non lle dou ningunha volta a ese tema.

Houbo represalias?

E que represalias ía haber? Se existen as listas negras, eu estouche nelas desde moito antes daquela historia. Doutra cousa calquera eu non teño noticia.

Miña filla, cada vez que ve na prensa que me van facer unha homenaxe, chama toda alarmada: “Non estarás peor de saúde?”.

Nos últimos anos, vostede recibiu múltiplas homenaxes. Como as recibe?

Miña filla, cada vez que ve na prensa que me van facer unha homenaxe, chama toda alarmada: “Non estarás peor de saúde?”. Como me sigan dando premios, vai ser ela quen se poña mala. Mellor que me premien en vida, que así podo compartir a alegría que lles falta aos que son homenaxeados logo de morreren, que non desfrutan cos amigos desa felicidade. Falando en serio, sei que vou maior e quizais é a hora de recibir o cariño da xente, sobre todo porque sei que na miña figura queren recoñecer o labor de toda a miña xeración, na escola e na literatura. Eu, cada vez que recollo algún galardón, síntome representante de todos eles.

Vostede non pode evitar que os demais escritores galegos o vexan como un símbolo, un mentor. Desde esa posición, que nomes de entre as xeracións máis novas de escritores de literatura xuvenil considera dignos de mención?

Marcos Calveiro, que é un autor que vai dar novelas aínda máis extraordinarias que as que xa compuxo. Ledicia Costas, unha escritora na que teño unha enorme confianza. Teresa González Costa e, pensando en literatura infantil, Xacobe Fernández Serrano.

E que autores o marcaron a vostede?

Houbo nomes moi influentes nalgún momento da vida que logo pasaron a un segundo plano. Na literatura xuvenil é quizais onde se fixaron máis os traballos dos clásicos modernos, que descubrín hai 30 ou 40 anos: Roald Dahl, que é un escritor único, está no alto. Canda el, Gianni Rodari, Ursula Wölfel, Alice Vieira, Michael Ende, Juan Manuel Gisbert e Christine Nöstlinger. Entre os escritores canónicos, sempre me acompañan Franz Kafka, José Ángel Valente, Álvaro Cunqueiro, Manuel Puig, Julio Cortázar, Xosé Luís Méndez Ferrín…

Que está a ler ou que leu recentemente que lle pareceu interesante?

En agosto lin moito! Encantoume La puerta de los pájaros (Impedimenta), de Gustavo Martín Garzo. É un libro precioso. Tamén estou moi enganchado ás novelas da islandesa Audur Ava Olafsdóttir: Rosa candida, A muller é unha illa, A excepción. Lin tamén varios libros da arxentina María Teresa Andruetto, coa que manteño unha relación epistolar e de intercambio de libros entre escritores. En galego gocei moito co’A vitoria do perdedor (Xerais), de Carlos G. Reigosa e con Xa non hai acougo, de Chinua Achebe, na edición de Rinoceronte. Impactoume moito.

Advertisements

4 comentarios en “Agustín Fernández Paz: “Debemos pórnos como meta escribir tan ben coma os mellores”

  1. GRANDE, GRANDE, GRANDE…non estou de acordo nunha cousa, eu comecei a ler en cantidades industriais xa de trintañeiro, e sobre todo en Galego…antes cáseque nunca lía na nosa lingua, non había xornais, nin tebeos, nin internet (anos 90), e así é máis complicado…por iso a miña mensaxe de optimismo é que NUNCA é tarde, a cultura non é unha tortura, e moito menos a literatura Galega que é excelsa, magnífica…e non hai mellores exemplos que NON HAI NOITE TAN LONGA ou A VIAXE DE GAGARIN. Regalen libros en Galego!!

  2. Pingback: Ledicia Costas: “A miña primeira novela escribina con 14 anos” | BiosBardia

  3. Pingback: Agustín Fernández Paz: “Debemos pórnos como meta escribir tan ben coma os mellores” | ::Axenda cultural AELG::

  4. Pingback: Ramón Nicolás: “Mudar de lingua literaria non é a mellor vía cara ao éxito” | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s