As mil e unha noites do Kalif Salomão

5179714913_e275f178c6_zCésar Lorenzo Gil.

Todas as noites, cando chego ao coche tras saír do traballo, encontro debaixo do limpaparabrisas un billete, que dicía miña bisavoa. Un anuncio do vidente Kalif Salomão, o adiviño favorito de varias personalidades, tal e como indica o texto, escrito en portuñol, non en van o “Mestre” ten unha consulta transfronteiriza e afirma no papelciño que tamén atende en francés.

Kalif Salomão non é o primeiro emprendedor da videncia que empapelou os coches da cidade ultimamente. Antes foi a hora do Mestre Amadou e antes ca eles outro adiviño nixeriano que prometía “dicir a verdade, aínda que doia”.

Non sei se esta moda da videncia en Galicia, de raíz africana, se pode considerar unha nova burbulla, iso si, underground, logo do ocaso dos establecementos de compra de ouro e o difícil acomodo nos gustos dos ex fumadores do vapeo dos cigarros seica electrónicos. Pero visto que no último mes collín ao voo dúas conversas que xiraban ao redor das profecías que a dúas mulleres de máis ou menos 60 anos lles presentara un destes xamáns, é de pensar que o negocio non dá perda.

Para que logo digan que se achega, por fin, a morte da novela! A narrativa ten unha vida! Respira en cada canto! Primeiro porque tomou conta de calquera deseño. Pós a televisión e en todas as canles, para falaren de calquera tema, usan a palabra relato. “Ao PSOE está a faltarlle o seu propio relato do zapaterismo”, di por aquí un profesor asociado nunha facultade privada de Políticas. “Florentino ten as pezas pero non o relato do Madrid desta tempada”, brada por alá un xornalista deportivo con camisa de taxista. Desde “Mujeres y Hombres y Viceversa” á irrupción de Podemos todo se cinxe a un guión, a unha estratexia narrativa que deixa en ridículo calquera colección de fichas e notas dun novelista profesional.

A novela saíu dos libros e tomou conta da sociedade. Todos queremos que nos conten, que nos expliquen, que nos poñan en antecedentes e nos contextualicen. Todos estamos pendentes do último crime e os xornais abandonaron a pirámide invertida para usaren como principal método de redacción o Manual do Folletón.

Grazas á internet, o relato enriquécese con múltiplas personaxes, voces e escenarios. Ningún autor o controla, libre coma a cola dun dragón na imaxinación dos consumidores de narrativa.

Todos podemos ser escritores, dicíame hai uns poucos anos o promotor dunha empresa de autoedición de libros. Quizais o axioma é outro: todos queremos ser personaxes. Se antes mataban o aburrimento dos invernos infindos escoitando historias de lobos e mouras de melena rizosa, agora fuximos da maré de sobreinformación procurando a nosa propia historia. E coma pescudar no pasado case sempre trae nostalxia e dor, que mellor que rabuñar na esperanza que sempre promete o futuro? Aí estará o Kalif Salomão coas mil e unha noites de profecías personalizadas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s