Xavier Queipo: “Sempre procurei a experimentación, na vida persoal e na literatura”

q10-034-bxl(c)César Lorenzo Gil.

Cando Xavier Queipo (Santiago, 1957) fixo os 55 anos, decidiu recuperar unha serie de textos curtos que non tiveran unha publicación definitiva. Froito dese traballo, un ano despois publica 55 (Xerais), o seu máis novo traballo. Nesta entrevista falamos deste libro mais tamén pescudamos nas constantes da literatura dun dos nomes máis recoñecidos e singulares das nosas letras actuais.

55 nace, segundo o prólogo do libro, dunha “posta a punto” da “gabeta literaria”. Que viu neses textos para que merecesen ser publicados? 

A escolla foi dupla. Por unha banda, quería darlles nova vida a moitos textos –compoñen a metade de 55– que publicara en antoloxías ou publicacións periódicas (algunhas delas efémeras). Pola outra, quixen publicar textos que nunca viran a luz mais que estaban á espera dunha oportunidade para se achegaren aos lectores.

Neste caso, o tempo dos textos seguro que lle dan ao autor unha visión diferente hoxe da que tiña cando os escribiu. Non se lle pasou ao que a moitos creadores, que editarían obra xa publicada novamente ou directamente abominan dalgún libro seu do pasado. Mais en todo o caso, en 55 hai moita revisión de hoxe ou quedaron “como estaban”?

Nestes anos mudou a normativa e, daquela, os textos xa publicados precisaban dun aggiornamento gramatical amais de pequenas adaptacións estilísticas, resultado dunha reletura autocrítica. Comecei a publicar de xeito serodio –Ártico (Sotelo Blanco na primeira edición, 1990; Galaxia, na segunda, do 2011), o meu primeiro libro saíu cando eu xa tiña máis de trinta anos. Iso fai que, agás contadas excepcións, non “abomine” de textos xa publicados. Síntome máis satisfeito duns que doutros, por descontado, mais todos eles son parte de min e do meu traballo. Non, non rexeito ningún deles.

Vostede ten dito que se sente máis ca nada narrador de relatos. Que ten ese formato que o fai tan atractivo?

Síntome cómodo nas distancias curtas por varias razóns, entre outras por aquelas derivadas do costume familiar e social de contar historias e polo feito de que esa medida se adapta mellor á miña psicoloxía persoal. E ese gusto lévoo a moitos eidos da vida, tanto no confronto profesional como nas relacións persoais. Hai moitas outras razóns literarias que están explicadas nos meus ensaios “O tamaño importa”, incluídos no libro Cartas marcadas (Galaxia).

Galicia deu historicamente moitos bos contistas. Hai algún perfil cultural que o explique ou é que uns autores vanse inspirando nos predecesores nunha sucesión encadeada no tempo?

Ten razón, pois escritores como Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Manuel Rivas, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Martinez Oca, Xavier Alcalá, Marilar Aleixandre, Ramón Caride, Xosé Miranda, Antón Riveiro Coello, Samuel Solleiro ou o mesmo Suso de Toro, móvense con moita soltura nos formatos curtos. O perfil coido en pensar que ten que ver coa tradición oral, tan enraizada no noso país. Certo é tamén que, se cadra por iso mesmo, hai un certo rexeitamento entre os lectores, que foron masacrados coa idea repetida até a náusea que para ter unha “gran literatura” era preciso escribir grandes novelas-río.

O relato de viaxes, especialmente a Asia, é unha constante na súa obra que se repite neste volume. Explíqueme un pouco de onde vén ese interese.

Na vida de cada un de nós hai experiencias marcantes. Eu multiplico os meus cinco sentidos canónicos co que eu considero os cinco puntos cardinais do escritor, é dicir:

Primeiro observar con atención –que vai alén de ver–, logo escoitar diálogos acamados en varios estratos (por exemplo nunha festa, nun autobús, na rúa) para mesturalos como material para a escrita. Por suposto soñar (así conseguimos un arquivo de imaxes fantásticas, de secuencias temporais inauditas no tempo real. Tamén ler, e moi en particular, reler en voz alta, para que a lectura deixe un pouso especial. Sobre ese pouso é doado integrar as propias ideas sincopadas. E finalmente, reflexionar até dotar de estrutura un texto, que logo xa se escribe de xeito automático.

Hai varias desas experiencias na miña vida e as máis das veces escribo precisamente delas utilizando esa combinación de sentidos e esas coordenadas. Os veráns na aldea, as longas tempadas de vida no mar en condicións extremas, a experiencia como médico e máis en particular a experiencia nun sanatorio psiquiátrico, a primeira viaxe a Asia, máis en concreto á selva, ao pouco de rematados os estudos de bioloxía, os amores difíciles e a exclusión social, a emigración forzada por mor desa exclusión, o traballo nun contexto multicultural e multilingüístico… Se conto estas cousas é para indicar que, en gran medida, a miña escrita parte, xa non tanto na temática senón no xeito de contar as cousas, do vivido, do soñado, do experimentado… todo peneirado pola aventura magnífica de escribir nunha mestura de realidade e ficción, que se mesturan coma dous gases sen que saibamos onde comeza un e onde remata o outro.

A súa relación cos xéneros narrativos sempre é esquiva. Nótase que ten predilección pola historia, por exemplo pero sempre garda unha distancia coas convencións da novela histórica. É consciente esa posición?

Se cadra porque a miña relación coa realidade é esquiva e garante así que teña azos para gozar da vida. Podería dicir que ao inicio non fun consciente de estar rachando cos modelos establecidos, mais ao tempo sempre procurei a experimentación dun xeito ou doutro, na vida persoal e na literatura, o que leva aparellada unha personalidade peculiar e un estilo pouco canónico.

Outra ponla de 55 é a literatura científica. Debe ser pola propia orientación profesional dos escritores galegos pero non abondan mostras deste xénero. Que dificultades encontra? E que potencialidades?

Esa visión das pólas é curiosa, pois dalgún xeito leva aparellada a idea de que todo o libro forma parte dun tronco único, o que acae ben coa miña idea de cosmogonía en formación. Eu teño unha formación científica, que acarrexa unha práctica cotiá do método hipotético-dedutivo, propio das ciencias. Mais tamén teño unha formación literaria construída, se cadra, dun xeito máis ecléctico, como adoita acontecer cando un é autodidacta. A estas características habería que sumar a formación sentimental e artística por simpatía, ao levar case 30 anos de parella dun artista, a formación de funcionario dunha institución internacional, que leva xunguidas certas doses de conciliación, capacidade de negociación, diplomacia, mestura de argumentos técnicos e políticos no discurso. A “escritura científica” é o resultado desa amálgama, onde agroman regularmente termos científicos que forman parte do meu discurso diario. Eu falo así e, por exemplo, á simulación de morte chámolle tanatocrese, e á morriña do inverno diapausa, mais iso forma parte do meu xeito de ser e de falar e non debería soar como algo imposto ou metido a presión no texto senón que forma parte da miña linguaxe cotiá, onde é fundamental medir as palabras, ter claros os conceptos. O mesmo acontece coa mestura doutras linguas. No meu contorno fálase así, e cando non che sae unha palabra nunha lingua usas doutra lingua e continúas así a falar con naturalidade. As potencialidades desa mestura son enormes, en particular para construír un estilo propio, recoñecíbel, en permanente evolución, coma se se tratase dun big-bang lingüístico.

A entomoloxía ten certa tradición na nosa literatura; penso en Ferrín. Mais sempre aparece como unha forma de metáfora da sociedade humana. Como ve este tema?

Con Ferrín teño falado pouco, mais el sempre é moi cortés e moi respectuoso comigo. A última vez que nos atopamos na rúa Camelias de Vigo recomendoume un libro de insectos, Le livre secret des fourmis, de Bernard Weber, que lle trouxera de Francia Darío Xohán Cabana. Unha casualidade, pois eu xa utilizara ese libro como lectura iniciadora dun dos meus relatos “formigas con ás”. Un dos textos que aparece en 55, o apareamento dos escornabois apareceu publicado no 2008 nunha antolóxica sobre literatura galega editada en Luxemburgo pola revista Abril. Recibín varios comentarios no senso de que era un excelente relato erótico, cando eu o tiña exclusivamente como unha recreación dunha observación naturalista. Os textos, ás veces, resultan metafóricos sen que nós os deseñemos así de inicio.

Tamén hai espazo no libro para relatos máis ou menos autobiográficos. Como xestiona o pudor cando fala de si mesmo? Que técnicas lle parecen máis efectivas?

Coidado coas trampas que todo escritor pode introducir nos seus textos. O que semella autobiográfico polas referencias de lugar, paisaxe, tempo histórico, alusións familiares, etc, pode non selo ao 100%, e o mesmo acontece con historias que poden semellar alleas á experiencia do escritor. O pudor é, dalgún xeito, unha actitude defensiva, de retraemento… de vergoña… de contención. A contención é necesaria ás veces para acadar o equilibrio ou para celebrar a ledicia de vivir. Non a considero, pois, unha característica negativa senón unha manifestación do carácter.

“Pensei que ao gañar o Xerais, outros textos meus terían unha relectura crítica; non foi así”

 

A súa obra, a pesar de estar consolidada, sempre aparece no territorio dos heterodoxos. Séntese cómodo nesa posición?

No meu libro do que falaba antes, Cartas marcadas, explico a “dieta para conservar a musa”, é dicir, a necesaria para seguir na procura constante, na experimentación permanente, no abraio renovado. É dicir, para non me conformar coa repetición. Se iso é heterodoxia, pois si, habito en permanencia nese territorio. Coido que como artista creador e como científico, teño esa obriga comigo. Síntome cómodo porque estou en permanente actividade. Se algún día constato que deixei de ser un creador activo, ese día deixaría de escribir, ou cando menos de publicar.

Para moita xente foi sorprendente que vostede se presentase ao Xerais, o premio con maior visibilidade das letras galegas mais case sempre gañado por autores non tan consagrados como era o seu caso. Pasado o tempo, como valora a experiencia de gañar ese certame?

Non sei de onde vén a sorpresa. Por desgraza, hai moitos lectores que non van máis alá de ler os libros premiados e eu tiña poucos premios, o que facía que a meirande parte dos meus textos ficasen nunha nube de esquecemento, agás, se cadra, Ártico e O paso do Noroeste (Sotelo Blanco), ambos os dous premiados no 1991 e 1996, ou Glosarios (Espiral Maior), que se ben non recibiu ningún premio significou, segundo palabras dos académicos, unha pequena revolución na poesía non-lírica galega. Por outra banda, é vostede o que di que son un autor consagrado. Eu non o vexo así e, por descontado, non o vía así cando me presentei ao premio no 2011. Gañar o premio Xerais significou unha chamada de atención sobre o meu xeito de escribir. Eu contaba con que, de saír premiado, este feito tería unha repercusión na lectura crítica doutros textos meus que considero de interese como Papaventos (Xerais), Malaria sentimental (Sotelo Blanco), Os ciclos do bambú (Galaxia) ou Dragona (Xerais). O mercado e os lectores non funcionan así, e isto foi unha decepción.

Do meu punto de vista, a novela coa que gañou, Extramunde, é diferente ao resto da súa produción. Está de acordo? Se o está, cal foi a motivación da obra?

Respéctoo mais paréceme unha chisca reducionista. Todos os meus libros son diferentes, ou cando menos teñen vocación de ser diferentes dos anteriores. Contornos (Xerais) ten pouco a ver con Saladina (Galaxia) e O ladrón de esperma (Xerais) en nada se parece a Cartas marcadas, Caderno da revolución Cultural (Laiovento) ou Os dominios de Leviatán (Deputación de Pontevedra). Concordo, pois, coa singularidade de Extramunde, mais penso que Ringside (Sotelo Blanco), Mundiños (Xerais) ou Pegadas (Concello de Santiago) son tamén libros singulares.

A motivación de Extramunde, foi a de construír unha metáfora da sociedade actual a partir de dous soños (“o soño inquisitorial”, que lle dá pé á primeira parte do libro e o da “procura da individualidade”, orixe da última parte). Coido que o conseguín pois penso que é unha novela digna, que lle rende unha homenaxe á novela de aventuras, á literatura do mar e á literatura de viaxes. Para quen lle interese a miña obra, David Miranda-Barreiro publicou un traballo sobre a novela.

“A chave para a expansión das letras galegas fóra é facermos acupuntura cultural”

 

Neste tempo no mercado literario coma en calquera outro mercado, utilízanse etiquetas para vender mellor os produtos. De aí o de literatura africana, feminina, nórdica ou homosexual. Como valora este sistema. A orientación sexual ou a procedencia xeográfica inflúe tan decisivamente sobre a obra artística?

As estratexias comerciais supoño que son lexítimas, pois o traballo dos editores é vender libros. Non parece que no noso sistema literario estean producindo grandes resultados, pois non só baixan as vendas, senón o interese pola nosa literatura. No digo que os nosos editores non saiban vender libros, mais coido que as súas estratexias comerciais non son de éxito. Se cadra isto ten que ver cunha limitación crecente dos recursos publicitarios ou co encistamento nunhas rutinas que non acaen ben cos tempos que vivimos. En Galicia, agás algunhas excepcións notables (Agustín Fernández Paz, Manuel Rivas, Diego Ameixeiras, Xurxo Souto), a única estratexia que funciona é a dos premios ou o carácter mediático dos autores. Iso ten que ver, probabelmente, co tamaño do noso sistema literario, non coa calidade da escrita, que está a vivir un momento doce. As etiquetas son se cadra necesarias dende o punto de vista do vendedor, mais a min como autor e como lector non me interesan en absoluto. Ao fío disto, gustaríame dicir que un dos mellores agasallos que me fixeron nos últimos tempos foi este artigo de Carlos Negro, no que falaba de “literatura sen necesidade de ningún adxectivo”. Nesa categoría, “sen necesidade de ningún adxectivo”, é onde me sinto cómodo.

Vostede non se agocha á hora de definirse politicamente ou de participar en reivindicacións públicas. Segue a ter influencia o papel do escritor/intelectual entre a opinión pública? Que matices ten o feito de facer vostede moitas veces o rol de escritor en lingua galega na capital de Europa (Bruxelas)?

Son como son e non teño nin idade nin motivos para me agochar. Referente ás miñas opinións nin sempre son ben recibidas, pois ás veces afástanse da ortodoxia, mais iso é algo que non me preocupa. Son librepensador e nesa liberdade prefiro vivir. Non teño elementos obxectivos para avaliar a influencia no público. Entendo que a meirande parte da xente se move por referentes externos, no deporte ou na música, nas redes sociais ou na literatura, mais teño dificultades, xa dixen, para avaliar cal pode ser a influencia dos escritores. Coido en pensar que sendo o universo dos lectores limitado, a influencia será tamén limitada. Eu exerzo de “embaixador cultural” de Galicia en Bruxelas, ou cando menos esa é a percepción do meu rol e das asociacións culturais Belgaliza, Couto Mixto e Doa das que formei ou formo parte. Que o galego se teña escoitado nos teatros e nos recitais poéticos en Bruxelas desde o 2007, cando comecei a miña participación no Colectivo dos poetas de Bruxelas é algo polo que presumir. Agora teño a sorte de contar entre nós con Ramón Neto, poeta galego de mérito recoñecido, que participa tamén no colectivo e como tal partilla esa responsabilidade de facer sentir no corazón de Europa que Galicia existe, que ten unha lingua propia e unha literatura que non desmerece, nin en calidade nin en diversidade, a calquera outro sistema literario europeo.

A literatura galega apenas ten percorrido fóra da nosa lingua pola ausencia de traducións. Desde a óptica central de Bruxelas é a nosa unha situación diferente á doutras linguas minorizadas de Europa?

Falando de proxección exterior a min gústame o concepto de “acupuntura cultural”, é dicir incidir en puntos concretos e estimular aí o coñecemento da nosa lingua e da nosa cultura. Iso evitaría dispersións e paus de cego e favorecería as sinerxías e o efecto multiplicador. Ese labor correspóndelle ao Consello de Cultura Galega, mais tamén a editoras e axentes culturais. Cómpre planificar os esforzos en lugares onde exista unha receptividade maior. Bruxelas, é por exemplo unha cidade cosmopolita e ávida de contactos con outras culturas. Outros lugares poderían ser São Paulo ou Lisboa, non o sei, teño as miñas dúbidas sobre a querenza dos lisboetas. Neste sentido enténdese a aposta de Galaxia co seu selo Mar maior, que pretende levar a literatura galega a Bos Aires e Montevideo en castelán e ao Brasil en portugués. A andaina comeza agora, e non se sabe aínda como vai funcionar, mais é unha aposta que supón unha oportunidade de expansión da literatura galega.

A nivel de traducións funcionamos a partir do castelán e, potencialmente do portugués, mais isto acontece case con exclusividade no eido académico. É unha eiva clara do noso sistema literario, que non poderá mudar se non é cunha aposta clara a nivel colectivo pola proxección exterior. Precisamos de axentes literarios que promovan a nosa literatura. Iso require non só entusiasmo senón tamén dunha estratexia e dunha dotación económica axeitada por parte das editoriais e das institucións culturais, que semella non se decataron do que poden saír gañando. Sería unha aposta de país, mais tal parece que o país é unha entelequia.

“Nunha primeira lectura non puiden co Ulises

 

E falando de traducións, como foi a experiencia de participar no proxecto de edición do Ulises en galego? Que atrancos atopou?

Xa o dixen en varias ocasións: Traducir é un exercicio saudable para calquera escritor. Axuda a procurar opcións na propia lingua, a explorar novos camiños. Neste sentido é recomendable para a formación de calquera escritor. Constitúe, sen lugar a dúbidas un reto, mais un reto que non pode senón implicar unha maduración no xeito propio de escribir. No caso de Joyce, e do Ulysses en particular o reto é maior, considerando a complexidade formal do texto. A tradución do Ulises foi un traballo colectivo, sen liderados. Eu xoguei un papel, mais o resultado final non se tería acadado sen a participación das catro persoas que asumimos a responsabilidade da tradución nin da editorial Galaxia que prestou o seu apoio loxístico. É ben sabido que o máis salientable da prosa do Ulises son os constantes cambios de técnica narrativa e de estilo. Nós decidimos que os criterios estilísticos non serían determinantes na distribución de tarefas. A tradución que queriamos facer requiría non só a capacidade de trasladar do inglés ao galego palabras e frases, senón que esixía —entre moitas outras cousas— malicia lingüística (para reproducir o ton irónico que percorre sutilmente o texto orixinal), oído musical (para seguir o ritmo mudábel da prosa joyceana e captar a cadencia específica de certos treitos), memoria selectiva (para lembrar frases, palabras e situacións que se repiten ao longo do texto), coñecementos profundos da evolución da lingua galega dende que hai rexistros escritos (para ser quen de emular o xogo evolutivo do inglés)… Ningún de nós reunía en grao superlativo as características, capacidades, destrezas, habelencias e intuicións —lingüísticas e literarias, enciclopédicas e mundanais, comúns e singulares— que o labor esixía de palabra en palabra, mais por xunto si que atesourabamos esas competencias.

Seguindo co Ulises, coida que segue a ter influencia? Fáleme do seu caso persoal.

O Ulises é, sen dúbida, unha das obras máis influentes na narrativa europea do século XX. A meirande parte dos escritores que teño consultado recoñecen ter experimentado dificultades co texto. Eu mesmo, hei recoñecer sen arroubo, non fora quen de rematar co Ulises, nin na súa versión orixinal nin na tradución ao portugués. Pasados os anos, confrontado coa necesidade, resultoume máis doado, pois a lectura doutros grandes autores do século XX como Samuel Beckett, Julio Cortázar, Severo Sarduy, Roberto Bolaño, Derek Walcott, Claudio Magris, David Foster Wallace, tan distantes como nos poidan parecer de Joyce, aprendéranme xa a descifrar a complexidade. O libro non deixa indiferente e, sen sacralizar en exceso unha obra, diría que un non escribe igual –non pode– logo de ter asimilado as ensinanzas estilísticas de Joyce.

Vostede é moi crítico co novo modelo de lectura electrónica. Recordo que xa vaticinara o seu fracaso e dubidaba de que servise para dar a coñecer autores minorizados. O tempo veulle dar a razón. Mais o problema é que a xente non le, nin en papel nin na pantalla. Cal é o seu diagnóstico sobre o tema.

A lectura de textos literarios sempre foi unha actividade de minorías, en certo sentido, de elite. Coa redución progresiva da clase media (que é a que constitúe a masa crítica de lectores) por mor da crise económica e da ausencia de expectativas, a porcentaxe de lectores e, sobre todo, de vendas, diminúe. Os libros en galego son relativamente caros se os entendemos como produto de consumo (o prezo de dúas novelas corresponde ao prezo de encher o carriño do supermercado con alimentos para dúas persoas toda unha semana). Esta é so unha compoñente dun problema que é, certamente, máis complexo. A nivel individual os lectores habituais (os letraferidos) seguen lendo coa mesma intensidade. Na miña percepción, o que se foron perdendo foron lectores esporádicos e novos lectores.

Que libros está a ler ou leu hai pouco que lle resultaron tan interesantes coma para os recomendar?

As miñas lecturas máis recentes, da fin de agosto e deste mes de setembro foron Amazon, terres et hommes, découverte des sources, do explorador francés Bertrand Flornoy; L’inquisition de Goa, do médico tamén francés Charles Dellon e Catapultas, unha colección de contos de Alfonso Álvarez Cáccamo. Agora estou lendo A novela de Genji: Esplendor, de Murasaki Shikibu, considerada unha obra mestra da literatura xaponesa e mundial.

Advertisements

3 comentarios en “Xavier Queipo: “Sempre procurei a experimentación, na vida persoal e na literatura”

  1. Pingback: Xavier Queipo: "Sempre procurei a experime...

  2. Pingback: Xavier Queipo: “Sempre procurei a experimentación, na vida persoal e na literatura” | ::Axenda cultural AELG::

  3. Pingback: On Travel Writing and Narratives of Mobility – David Miranda-Barreiro

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s