Ataque Escampe como fenómeno literario

Ataque_EscampeCésar Lorenzo Gil.

A música en galego segue a ser unha excepción. Ataque Escampe é unha banda que innova no musical e que coida tanto as letras das súas cancións que merece contarse entre as propostas literarias máis interesantes dos últimos anos.

Hai un tempo aparecera no Twitter unha conta que se adicaba a converter versos das cancións dos Ataque Escampe en chíos de máis ou menos 140 caracteres. Hoxe intentei encontrar a conta mais non fun quen. Talvez desaparecese. As letras son potentes, repletas de referencias, capaces de cortar coma coitelas ou facer vibrar: “Non hai ilusión desde o de Daniel e Amador”; “A terra foi quedando atrás, adios regatos pequenos, adios”; “Notas sórdidas asumen a existencia coma o Celta en segunda división”. E así.

A música dos Ataque Escampe, malia o que hai anos dicía un dos seus compoñentes, o escritor Samuel Solleiro, non é unicamente rock de serie B. Revisitan con audacia a música negra, os sons electrónicos e incluso a música disco máis elegante, sempre brillando a grande altura. O grupo galego asinou o que é o mellor traballo da nosa música na última década: Violentos anos dez, un disco perfecto desde o propio título ao derradeiro acorde, un viveiro dese estilo de contar e de cantar que é, sen discusión, literatura.

Moito se fala da vea retranqueira dos Ataque Escampe. Como sociedade dependente, seguimos a definirnos case sempre cos adxectivos do inimigo. A retranca (a presenza do humor nas súas letras) é un artefacto de moitas caras nas mans do grupo, unha árbore que lles permite evitar calquera solemnidade, moi habitual ultimamente nas propostas musicais indies, mais da que saen pólas coma a melancolía, o medo, a esperanza ou certo instinto de autodestrución.

A postura irónica dos Ataque Escampe permítelles manter a imaxe de grupo festeiro, desenfadado, que che permite bailar sen resentimentos. Mais a súa ironía é popular e intelixente, apegada ao terreo, nada posmoderna; máis ben un camiño oblicuo cara á realidade, por veces demasiado dura para tomala en serio. A foto dos membros do grupo (a capa do disco Noites de agosto), vestidos coma unha orquestra “Marimba” calquera no medio dunha paisaxe forestal calcinada é bastante explícita. Esa capacidade de ver a realidade trasládase aos versos das súas cancións. “Galegos de Alabama, tratade ben os galegos; cando van, cando van, cando van van para a cama pero acordan no caldeiro”.

Galicia es una mierda, xa o sei

Outro aspecto moi presente nas letras de Ataque Escampe é a asunción dunha postura política. É habitual que no rock e no pop os grupos opten por vías globais para a súa música. Temas universais, versos facilmente recordables, que se poidan trasplantar a calquera realidade. Non en van, este tipo de contidos son vangarda na globalización dos contidos culturais. Mais no caso do grupo compostelán, Galicia e o tempo actual forman parte do seu repertorio. Mais non dun modo, digamos, realista, senón a través dese mesmo filtro irónico-reflexivo que empata as súas letras con tradicionais referencias da reflexión política galega. Desde a asimilación do pobo galego co pobo negro durante os anos da escravitude, o que lles permite facer grandísimas cancións como “Once upon a time: a Terra Cha”, incluída en Violentos anos dez: “Son un negro/ a camiñar/ un sábado en Vilalba/ sen mirar para atrás”.

Máis explícito é o disco Galicia es una mierda (2008). Á parte da canción que titula o álbume, un divertidísimo alegato contra o autoodio posmoderno (especialmente o que nace de certo galeguismo depresivo): “Os Resentidos… son una mierda; Cristóbal Colón… ese es de fuera; Os Irmandiños… son una mierda; e os ciclistas de Mos”, tamén hai unha canción titulada “3 cantos a Lenin”, unha longa melodía de máis de nove minutos que empeza case unha canción de berce/taberna con ares eslavos e que, entre outras virtudes, inclúe un sample do himno da URSS (o máis belo canto político composto até o día de hoxe co permiso da Marsellesa). O tramo final, cun crescendo onde se combinan diferentes recursos sonoros (entre eles a voz de Xosé Luís Méndez Ferrín recitando o poema de Con pólvora e magnolias que comeza co verso “En Compostela pode un home”.

A presenza da literatura, en especial a poesía, é unha constante na obra musical do grupo. Con graza unhas veces, co adobío preciso da música outras, Ataque Escampe coñece a súa posición e non renuncia a unirse á longa marcha das nosas letras. É bo recoñecerlles o mérito.

Web de Ataque Escampe

Engádega do 26 de setembro do 2014: Grazas á Vella das Papas, volvo ter noticia da conta do Twitter baseada en letras de Ataque Escampe.

Advertisements

2 comentarios en “Ataque Escampe como fenómeno literario

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s