Henrique Torreiro: “O cómic debe tratarse coma un xénero literario”

César Lorenzo Gil.

Nos próximos días, Henrique Torreiro (Ourense, 1972) recibirá o Premio Ourense de BD, que recoñece a traxectoria persoal deste activista da cultura de base, difusor do cómic e do cinema en Galicia desde hai máis de 20 anos, ilustrador, editor e tamén crítico de banda deseñada.

biosbardia-htorreiroVostede formou parte durante moitos anos da organización das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense. Agora recibe o galardón de recoñecemento persoal “pola súa dedicación á BD”.

Síntome nunha posición estraña porque estiven moitas veces do outro lado, do que escolle a quen premiar, cando formaba parte das xornadas. Coido que en min, a organización quixo focalizar un premio que en realidade atinxe máis cousas: atinxe o labor das propias xornadas, que desde o 1989 a través da Casa da Xuventude de Ourense, que dirixía Benito Losada, quixeron difundir unha arte daquela minoritaria. Atinxe os proxectos colectivos de publicación Phanzinex, Frente Comixario. Sinto que ese premio é para todo ese esforzo, non só para min.

Nomea vostede a Benito Losada, quen lles dá nome aos premios de cómic que se entregan anualmente. Que importancia tivo Losada no tecido cultural de Ourense?

Losada foi un mestre para min. Ensinoume todo o que sei sobre xestión cultural. El tiña un xeito de traballar desde a base, sen grandes alardes técnicos pero cun pragmatismo excepcional. Adaptábase aos medios que tiña e tiráballes todo o partido. Soubo enfrontarse ás dificultades económicas e políticas con grande intelixencia. Concibía a xestión cultural dunha maneira horizontal, democrática. Nalgúns casos implicouse completamente, facendo as veces de líder necesario; noutras a súa asistencia parecía menos presencial, optaba por un segundo plano pero sempre se notaba a súa man. Espero que no futuro lle dean o recoñecemento que merece. É máis complexo facer unha “recompilación” do seu traballo que se fose un autor con obra publicada, por exemplo, pero sei que hai persoas investigando sobre o seu papel, que foi non só interesante para a cidade de Ourense senón para toda Galicia. A relevancia de Losada aínda é maior cando pensamos que na xestión cultural de hoxe en día hai quen esquece esa necesidade de vínculo coa realidade para a que se traballa, coa funcionalidade das iniciativas. E prefírese inventar algo moi orixinal para conseguir unhas liñas nun suplemento cultural dun xornal de Madrid aínda que logo no tecido local esa iniciativa pase desapercibida.

A falta de Losada e da Casa da Xuventude obrigou a que desde hai anos as Xornadas de BD se xestionen de forma particular?

Déronse varias circunstancias. Non houbo unha única causa. Penso que houbo erros na estratexia política cultural, ao prescindir dunha marca consolidada como era a da Casa da Xuventude de Ourense e se empezou de cero co Espazo Xove. Mais non só. Nas xornadas había unha necesidade de cambio xeracional e iso obrigou a un período de transición. Foi un acerto manter as xornadas ano tras ano, aínda que fose cun baixo perfil porque non se perdeu a continuidade e se permitiu que madurasen as persoas chamadas a liderar a nova etapa. Penso que Anxo Losada e o Sindicato del Cómic teñen experiencia, intelixencia e moitas ganas. As xornadas agora teñen outros obxectivos. Xa non fai falta dar a coñecer o cómic nin explicarlles aos lectores que a banda deseñada ten valor. Iso xa o saben. Agora o que queren é que se dean a coñecer novos traballos, que en Ourense haxa espazo para nomes importantes, que se debata e para as novas tendencias. Coido que se está a ir nesa dirección. A proba é que o talento dos premiados nestes últimos anos é altísimo e a súa maduración técnica é a meirande de todos os tempos: Alicia Jaraba, Xulia Vicente ou Cristian Foxón son autores moi valiosos.

O talento dos premiados nestes últimos anos é altísimo e a súa maduración técnica é a meirande de todos os tempos: Alicia Jaraba, Xulia Vicente ou Cristian Foxón son autores moi valiosos.

Vostede non vive en Ourense desde o 2007. Estivo en todas as iniciativas culturais de relevancia: nas Xornadas de BD e de caricatura, no Cineclub Padre Feixoo, no Festival de Cine… Minguou a efervescencia cultural das Burgas?

Penso que non. Quizais se transformou. O Cineclub ten hoxe máis audiencia e repercusión ca nunca. Conseguiu integrarse na rede de salas que proxectan fitas do CGAI, un grande éxito que lles permite aos ourensáns ver unhas películas de difícil acceso noutras circunstancias. Que hoxe na cidade se poidan ver cada semana dúas boas películas é para estaren orgullosos. Non digo que a xente de Ourense estrañe máis oferta ou máis iniciativas pero hai que ter presente a propia estrutura social da cidade e da provincia. Por desgraza, Ourense acaba por ser unha cidade de paso porque non hai posibilidades laborais para fixar poboación. Estudas, buscas traballo no sector privado; non atopas; opositas; aprobas; acabas trasladado en calquera punto do Estado e só volves a onde naciches nas vacacións. Da directiva que dirixía o Cineclub cando eu estaba nela, ningún membro segue a vivir na cidade.

O cómic en galego segue a ter pouco espazo editorial. Mais parece que o nivel dos autores é moi alto, non si?

Os autores galegos actuais son excelentes. Nunca vivimos unha situación tan boa. E coido que a cousa vai ir a mellor. No campo editorial, debemos felicitarnos porque haxa editoriais centradas no mundo do cómic, caso de El Patito e Demo. Vemos, ademais, que selos xeneralistas apostan pola banda deseñada, en especial pola novela gráfica (caso de Rinoceronte). O problema do sector editorial do cómic é o mesmo ca o do libro en galego, en xeral. Temos un índice de lectura baixo. Aínda que o cómic ten un público fiel, se a repartición global é pequena, o anaquiño da torta que che toca é loxicamente moi pequeno. Por iso ás veces custa encarar proxectos máis ambiciosos –en especial novelas gráficas– con garantías de rendibilidade. Aínda así, o esforzo dos autores non decae. Merecen unha gabanza porque fan un gran traballo sen o agradecemento do mercado.

Teñen oportunidades de formación os novos creadores ou son autodidactas?

Autodidactas eran hai 20 anos, cando a miña xeración facía cómic. Hoxe non. É certo que non existen escolas específicas, agás a privada de Pontevedra (O Garaxe Hermético) pero o 90% dos debuxantes pasou pola Facultade de Belas Artes ou realizou obradoiros profesionais e nunca tanta posibilidade houbo de formación en liña para quen queira aprender técnicas, guión…

Como publica agora a “canteira” do cómic. Seguen a funcionar os fanzines ou xa todo se realiza en páxinas web persoais?

Hai de todo. Tanto nas xornadas de BD de Ourense coma da Coruña preséntanse fanzines todos os anos. Son moito mellores que os de antes porque as ferramentas de autoedición permiten hoxe produtos máis perfectos e outros recursos, como os programas de retoque e ilustración, facilitan acabamentos profesionais en proxectos máis afeccionados. E, claro está, os autores aproveitan a facilidade para publicar en liña en blogs persoais. Mais en canto a isto último, coido que un non se debe conformar con pensar que o seu traballo é accesible en todo o mundo porque iso de nada vale se ao final non te visitan. Hai que ter en conta a necesidade de visibilizar as creacións, dominar as redes sociais, saber chegar a onde o público está. Quizais os autores de hoxe e de mañá teñen que ter todo en conta, non só as historias que realizan.

Entre autores e lectores están os medios de comunicación. Unha das súas queixas recorrentes é a falta de crítica de cómic.

A falta de crítica, en xeral. Até no caso de novelas best-seller, é moi complicado encontrar crítica seria, razoada e imparcial, xa non digo en Galicia senón en todo o Estado. O que hai son comentarios de lectores, superficiais, baseados no “Gústame/Non me gusta” que non son guía para nada, que empobrecen o campo literario. No caso do cómic, a situación é igual. Ou quizais peor desde un punto de vista: o cómic debe tratarse como un xénero literario aínda que haxa quen pense, a estas alturas, que non o merece. A narrativa, hoxe en día, supera o propio texto de relatos e novelas. A linguaxe do cómic puido considerarse en tempos efémera (os tebeos caducaban cada semana), masculina e infantil (cando se chegaba a certa idade, xa nos considerabamos maiores para ler libros con debuxiños) pero iso cambiou. É unha linguaxe madura, complexa, capaz de ser soporte de relatos de todo o tipo. E o mesmo pasou co libro ilustrado. Hai proxectos para adultos de gran valía onde a ilustración non é só acompañamento senón que a presenza do debuxo inflúe na recepción de todo o contido. Eses libros serían ben outros simplemente con cambiar de ilustrador.

Cómpren críticas razoadas, que debullen os contidos do cómic. Cómpre que aparezan nos medios críticas de banda deseñada para que se consolide o propio xénero da recensión. Canto máis se familiaricen os lectores e os autores cun hábito de comentario crítico, maior beneficio obterán ambos: os creadores porque recibirán impulso cando innoven; os lectores porque terán canles fiables para diferenciar aqueles proxectos que casan cos seus intereses de antemán.

Até no caso de novelas best-seller, é moi complicado encontrar crítica seria, razoada e imparcial, xa non digo en Galicia senón en todo o Estado. O que hai son comentarios de lectores, superficiais, baseados no “Gústame/Non me gusta”.

Sempre me pareceu moi interesante a relación entre historia e cómic. Recordo de adolescente como determinados títulos me valeron para me achegar a períodos históricos. Non hai un campo de cultivo enorme neste ámbito en Galicia?

Coido que si que houbo interese institucional por crear produtos de cómic histórico pero quizais pecaron dun didactismo primario e tanto lectores coma creadores aborreceron ese camiño. E non digo que non sexa interesante un cómic histórico didáctico pero debe haber espazo para máis vías. Penso que hai lugar para unha visión máis de autor sobre os acontecementos históricos e nese sentido hai proxectos moi destacables, por exemplo Historias de Galiza, que publicara Difusora (con relatos ambientados en diferentes épocas) ou o máis recente “Proxecto Castelao”, de Inacio Vilariño e Iván Suárez (Demo Editorial, coa colaboración da Libraría Komic), unha maneira adulta e moderna de encarar un personaxe que en Galicia é un mito. Tamén son destacables O fillo da furia, de Manuel López Poy e Miguel Fernández, ou Cabana de balieiros, de Alfredo López Tokio. Mais preparar un cómic de época, ben documentado e rigoroso, custa. E a produción canto máis cara menos probable é en Galicia. Ás veces miro con envexa como noutros lugares tratan a súa historia e os seus mitos. A banda deseñada ten un gran poder para dar a coñecer e popularizar determinadas historias.

Xa sei que hai moitos e moi bos autores de cómic. Pero necesito que me filtre cinco ou seis imprescindibles.

Imos considerar a Miguelanxo Prado un autor tan consagrado que non necesita recomendación. Así que direi os nomes de David Rubín, Xosé Domingo, Emma Ríos, Xacobe Fernández Serrano e Xulia Vicente. Pon detrás deles un longo etcétera.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s