‘A Eva futura’, unha resurrección innecesaria

Auguste Villiers retratado por Jules Barbey d'Aurevilly

Auguste Villiers retratado por Jules Barbey d’Aurevilly

Explica a contracapa da edición galega d’A Eva futura que esta novela, obra de Auguste Villiers de L’Isle-Adam, é un dos títulos máis destacados do simbolismo francés de finais do século XIX. Pobre bagaxe para o século XXI. Que queda hoxe do simbolismo? Cumpría de veras resucitalo para a literatura galega? Coido que no caso desta obra, mellor era deixalo estar.

A Eva futura novela o intento de Thomas Alva Edison (si, o personaxe histórico, un dos máis coñecidos inventores dos séculos XIX e XX) por crear unha muller artificial, no contexto dun xogo intelectual, científico e metafísico co seu compadre, o lord Celian Ewald. A nova Eva (Hadaly) tería por fin a beleza feminina pura, sen a contaminación do intelecto, do carácter, das debilidades da muller. Si, si, non estou esaxerando. Estamos diante dunha obra cuxo principal tema é a misoxinia.

Non discuto que baixo o obsoleto (hoxe en día, no seu tempo era simplemente aburrido) xeito da escrita de Villiers poida haber certa crítica a ese comportamento misóxino mais a capa de prosa recargante é tan grosa e tupida que custa ver ironía, desleixo polos personaxes ou algo semellante.

A fórmula narrativa da novela é teatral. A acción avanza en base aos diálogos dos protagonistas, discursos case sempre pseudofilosóficos que transparentan unha mestura de medo e reverencia polas novas tecnoloxías que grazas ao descubrimento dos usos cotiáns da electricidade estaba a vivir o mundo do último terzo do século XIX. O que naquel tempo podería parecer unha análise profunda sobre o que ía ser o futuro, desde a óptica actual é simplemente inxenuidade. Villiers non se ocupa de facer literatura anticipativa, ao xeito de Jules Verne, pero cae varias veces na tentación de especular sobre os límites e novas estremas do coñecemento científico e, sobre todo, a capacidade da técnica para influír e modificar os usos sociais.

A Villiers fállalle o pulso narrativo, a habelencia para deseñar un universo de seu no que realmente lle apeteza entrar ao lector.

A Eva futura non consegue afianzarse como novela de culto. A narración é pastosa, callada en referencias mitolóxicas de varias culturas. As súas descricións, lacónicas, suxiren escenarios imaxinados pero a Villiers fállalle o pulso narrativo, a habelencia para deseñar un universo de seu no que realmente lle apeteza entrar ao lector. Máis ben, quen le esta novela ten a sensación de mirar unha escena con cheiro a alcanfor por un burato tan estreito que nin tan sequera mira máis alá das perneiras dos pantalóns de Edison e Ewald.

Non hai neste libro ningún elo co subxénero steampunk, esa óptica retrofuturista que tenta imaxinar o mundo futuro desde o punto de vista da época vitoriana. Por ese lado non hai xeito de espertar interese no lector actual para unha obra demasiado corroída polo tempo.

Tampouco aguanta como obra de reflexión filosófica sobre o positivismo, especialmente en canto ás posibilidades da electricidade no mundo futuro. Se queren unha obra de calidade, enorme, ambiciosa e moito máis moderna, velaí está Contraluz, de Thomas Pynchon, unha auténtica emenda á totalidade ás leis científicas que regulan a enerxía eléctrica.

Entón, para quen queda esta novela? Para aquelas persoas interesadas en profundidade en todas as correntes literarias francesas, incluso as ramas menores. Porque Villiers en xeral e esta obra en particular non alcanza maior talle ca ese: unha curiosidade pasada de moda.

♦ A Eva futura, de Auguste Villiers de L’Isle-Adam, traducido por Isabel Soto e Xavier Senín. Hugin e Munin, 2014. 413 páxinas. ♠15,50€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s