Armando Requeixo: “Para un libro ruín non hai crítica máis feroz ca o silencio”

César Lorenzo Gil.

Doutor en Filoloxía Galega, profesor e crítico literario, Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) é un dos máis activos mediadores do noso sistema editorial. O seu blog Criticalia é dos máis activos e ricos das letras galegas. Nesta entrevista coñecemos máis del, da súa visión sobre a difusión do libro e o momento actual da nosa literatura.

SONY DSC

Armando Requeixo. MARCOS CANDIA

Vostede desenvolve o seu labor como crítico nos medios de comunicación. Que diferenzas encontra a respecto da crítica académica ou en publicacións moi especializadas?

O crítico literario é un lector autorizado, cunha competencia lectora superior grazas á súa experiencia ou coñecementos na materia. A súa misión é valorar dun xeito máis ou menos subxectivo un texto, unha crítica que sirva para informar o público potencial dunha obra literaria. O analista ou investigador literario estuda os textos dun xeito académico. Fai unha valoración obxectiva. En troques de valorar, enuncia hipóteses de traballo. Resumindo, ambas figuras comparten o seu labor de mediadores. No primeiro caso entre os produtores literarios e os lectores; no segundo caso entre os autores e o canon literario que todo sistema debe ter.

Teño analizado este tema en diferentes foros. Para quen queira profundar, recoméndolle que lean o texto que escribín (“Crítica galega. Problemática e actitudes”) sobre este asunto no número 168 da revista Grial, publicado no cuarto trimestre do 2005.

A crise do 2008 acabou con moitas publicacións e obrigou a reconfigurar outras. Afectoulle á crítica literaria? Notou cambios no seu labor?

Xa hai tempo que detectei esa tendencia na reestruturación da prensa de papel que ía deixando para o libro espazos cada vez máis exiguos. Desde hai varios anos detectamos que o comentario literario se ía desprazando á internet, en especial a través de blogs. Hoxe confírmase que cada vez hai menos lugares nos que exercer a crítica e, os que hai, reduciron moito os espazos e caracteres que lle dedican, así que os críticos debemos aprender, cada día, a lección de ser capaces de dicir máis con menos. A rede favoreceu non só que proseguisen o seu labor críticos e tamén iniciativas de información cultural, senón tamén que nacesen outros novos. No eido dixital é onde se xoga unha parte decisiva desta profesión.

Que cambios notou na súa propia maneira de facer crítica desde primeiros da década do 1990, cando empezou?

Fun aprendendo, non tanto o que cómpre facer coma o que nunca debe facerse. Para min un ensino fundamental foi decatarme de que dun bo libro ten de se falar sempre para dálo a coñecer, dunha obra con luces e sombras convén ocuparse tamén para amosar a perspectiva propia sobre os acertos e as melloras posibles, pero dun texto ruín non debe dicirse palabra, pois non hai crítica máis feroz que o silencio. O espazo público que se nos dá aos críticos é demasiado precioso como para desperdicialo ocupándose de subprodutos.

Non teño lazos directos con ningún editor nin traballo internamente para ningún selo no que exerza como crítico de cámara.

Unha das principais “críticas á crítica” galega considera que existe demasiada familiaridade entre críticos, editores e autores. Que opinión ten a este respecto?

No persoal non é algo que me preocupe: eu non teño lazos directos con ningún editor nin traballo internamente para ningún selo no que exerza como crítico de cámara. Coñezo os autores coma coñezo os libreiros, os comerciais ou os xornalistas culturais: en ocasións cruzo con eles, mais só en casos contados manteño unha relación estreita e neses pouquísimos casos coido que mesmo me manexo hipercriticamente para evitar derivas perigosas.

Nunha entrevista en Biosbardia, Dolores Vilavedra díxome literalmente: “No mundo das letras imperan o autoengano e a compracencia”. Cal é a súa opinión?

Pois penso que ninguén mellor que Dolores Vilavedra para dicir se Dolores Vilavedra se autoengana e é compracente. En canto aos demais, habería que preguntar un a un para ter unha radiografía completa, así que non vou eu arrogarme aquí a voz do grupo. No meu caso, nin vivo no autoengano (sei onde estou) nin son condescendente (que llelo pregunten aos que se incomodan comigo e me escriben molestos tras unha crítica non laudatoria).

Na súa experiencia persoal, dado que é unha persoa habitual dos eventos culturais de Galicia: vímolo na visita de Nélida Piñón ao Concello de Cotobade ou na última Bienal Literaria do Pen Clube, por exemplo. Como considera que son as reaccións dos autores ás súas críticas?

Non penso que sexa eu un asiduo dos eventos culturais ou que o sexa máis que outros. En todo o caso, moitas veces os creadores reciben os comentarios á defensiva, como se descubrisen no crítico unha animadversión que non existe (polo menos, no meu caso). En case 25 anos de profesión viviín unha morea de situacións peculiares, tantas que darían para un libro. Cando vaia vello talvez se me dea por pensar nunhas memorias, quen sabe.

Moitas veces os creadores reciben os comentarios á defensiva, como se descubrisen no crítico unha animadversión que non existe.

A xeneralización da internet mudou a maneira de recibir a obra literaria. En galego non tanto pero noutras linguas abundan as críticas non profesionais, que se reivindican propias de “lectores normais”. Estase a dar unha superación da xerarquía na crítica? Nota banalización na valoración literaria?

Paréceme ben que calquera poida manifestar o seu parecer tras unha lectura. Non me gusta converter o oficio crítico nun reduto para a ‘caste’. Agora ben, supoño que unha formación axeitada (regrada ou non), centos de lecturas previas e unha natural inclinación facilitan as cousas.

Están os editores máis interesados en valoracións de lectores ca de críticos?

Hai editores que antepoñen o comercio a outros valores, así que sempre han recibir cos brazos abertos todos aqueles que lles axuden nas súas estratexias de mercadotecnia, sexan críticos ou iso que vostede chama “lectores normais”.

Seguimos na internet. Vostede ten un espazo, Criticalia, que publica diariamente crítica. Non é moi custoso reflexionar sobre unha obra cunha periodicidade diaria?

Se se len con atención os contidos de Criticalia é doado comprobar que non se publica nel unha crítica diaria. É certo que non hai semana que non se dea a coñecer algunha, incluso en ocasións máis dunha, pero o blog inclúe moitas outras seccións que son as que van alimentando esa periodicidade case diaria: as ‘Derivas’, os artigos de ‘Efemérides’, as ‘Crónicas’ de eventos literarios, o ‘Parlamento das Letras’, o ‘Ars dedicandi’ ou a ‘Tabela dos libros’, seccións estas últimas, por certo, moi ben recibidas, pois mesmo crearon escola e foron imitadas.

Que lle dá a web que non lle dea unha crítica nun xornal impreso?

A crítica de xornal é máis efémera. No medio dixital, grazas ás etiquetas e á indexación, é máis doado encontrar unha crítica, aínda tempo despois da súa publicación. É unha vantaxe tamén non ter límites de espazo nin de número de artigos. Superar tamén certo “presentismo” que che obriga a só falar de novidades editoriais. Comparativamente, cando publicas unha crítica na rede tes unha capacidade de difusión imposible para o papel.

Armando Requeixo. MARCOS CANDIA

Armando Requeixo. MARCOS CANDIA

“Parte da nosa canteira está a marchar a outros sistemas literarios”

Non sei se ten reflexionado sobre o público que segue a súa páxina. Quen le Criticalia, que busca?

É difícil sabelo, pero, polos comentarios que no propio blog deixaron algúns lectores, polo que outros me foron dicindo en persoa e pola pegada que en diferentes espazos da rede se observa, podo arriscar un perfil do criticalionauta: Persoa familiarizada coas novas tecnoloxías, que só acode á consulta da prensa en papel cando lle é imprescindible, pois a inmediatez e a comodidade da rede afórranlle tal sobreesforzo. Agradece a variedade de contidos, o acompañamento de documentos gráficos e ilustracións e o diálogo entre fórmulas multimedia (audio e vídeo). Valora a orientación nas lecturas (por medio das críticas ou das recomendacións colectivas como as da ‘Tabela dos Libros’) e que se lle deixe oír a voz dos propios creadores (‘Parlamento das Letras’).

Non é ningún descubrimento dicir que o libro galego é case invisible a nivel social maioritario. Cobre a internet o déficit de atención nos medios profesionais?

A relativa visibilidade do libro galego, tanto nos medios coma entre as xentes, é un problema que vén de vello e no que debemos seguir esforzándonos por mellorar. A rede pode ser un medio eficaz –de feito penso que xa o está sendo– pero entendo que debemos continuar traballando para que esa presenza medre en todos os ámbitos, tamén no da prensa en papel, a radio e a televisión.

Falemos de literatura: É vostede dos que pensa que vivimos unha Idade de Ouro, unha Idade de Alcatrán ou unha Idade de Miseria, con poucas obras publicadas. Pode engadir outra idade.

Nin unha cousa nin a outra nin todo o contrario. Vivimos na Idade da Fronteira, cun sistema que se está redefinindo constantemente nun mundo moi cambiante, con sistemas extraliterarios que interseccionan con este e fan que se reconfigure a gran velocidade: o político, económico, social, cultural, lingüístico ou o mediático en xeral e o “internetiano” en particular, por exemplo. Por tanto, nalgunhas cousas estamos peor que noutros tempos outras xa as perdemos e noutras máis progresamos francamente ben. O presente é complexo, o futuro incerto. Se hai vontade de sermos e de avanzarmos, andaremos o camiño.

En efecto, reduciuse moito o número de libros editados. Cales pensa que foron os xéneros máis prexudicados?

O problema non é tanto o menor número de títulos como a drástica baixada dos exemplares de tiraxe media. Neste sentido, os xéneros máis prexudicados son sempre aqueles que se atopan nas marxes do sistema: o teatro, boa parte do ensaio e a poesía en xeral, pois o xénero máis “popular” —a narrativa e, sobre todo, a novela— é sempre o que mellor capea o temporal.

Que lle parece a escolla actual dos catálogos das editoriais?

Hai de todo e está ben que así sexa, pois depende da proporción que entre apostas de prestixio (aínda que non sexan moi comerciais) e literatura de consumo (pequenos best sellers a escala galega de calidade meridiana) se dea en cada caso. Nisto supoño que non nos diferenciamos moito doutras literaturas próximas, agás no tamaño.

O gran libro dunha literatura non ten por que ser unha novela.

Un dos tópicos das letras galegas modernas é a busca da gran novela, como un santo graal que non aparece. É certo que non se publicou aínda ou quizais xa está entre nós e precisa tempo para se consagrar entre os lectores, críticos e demais escritores?

É verdade que houbo (e se cadra aínda hai) unha certa obsesión coa caza desa ‘balea branca’, o que non deixa de ser un absurdo, porque o gran libro dunha literatura non ten por que ser unha novela, pode ser un poemario (poño por caso, Follas novas), un ensaio (por exemplo, Sempre en Galiza) ou unha peza de teatro (Don Hamlet). Alguén dubida de que a obra cume da literatura en lingua inglesa é o teatro de Shakespeare? Pensar que aínda non se escribiu un gran texto narrativo en galego é non considerar o suficiente a Eduardo Blanco Amor, Álvaro Cunqueiro, Ramón Otero Pedrayo e media ducia máis de inmensos narradores.

Vostede coñece ben as tripas da nosa literatura. Que bota en falta?

Maior profesionalización, en todos os campos, e unha meirande implantación social no noso territorio, ademais dunha proxección exterior máis diversa e asentada.

En que destacamos?

Temos unha tradición importante, con voces indiscutibles, e, sobre todo, unha boa canteira, que dará froitos futuros sempre que se estea atento a ela e non se deixe escapar cara a outros sistemas literarios, o que infelizmente está comezando a suceder.

Na comparación con outras literaturas, en que lugar quedamos?

Hai espazos nos que camiñamos con paso firme (poesía, literatura infantoxuvenil) e outros nos que as marxes de mellora seguen sendo amplas.

A crítica moitas veces ignora a literatura infantil e xuvenil como fenómeno realmente literario. Vostede que opina ao respecto?

Coido que segue a haber moitos preconceptos a respecto da literatura infantoxuvenil. É un problema, sen dúbida, pois evidencia que somos aínda un sistema inmaturo nese sentido. Particularmente, leo e comento moita literatura deste tipo.

Os premios literarios son vistos arestora como a maneira máis doada de publicar; xa nin importa tanto o gaño monetario dos certames. É entre os aspirantes aos diferentes galardóns que está o magma máis substancioso das nosas letras?

A miña experiencia dime que todo segue importando: o prestixio do galardón –é fácil que bos orixinais concursen en premios con longa tradición– pero tamén o premio en metálico (isto é matemático: a maior dotación, maior participación) ou o nome da casa que publicará a obra distinguida e se esta é comercial ou institucional. Os premios seguen a ser un viveiro de novas voces e, sobre todo os que se convocan para xente moza, un espello bastante fiel de por onde poden ir os vieiros futuros da nosa escrita.

Vostede é a miúdo xurado en premios literarios. Sexa sincero: cando escolle por que criterio se guía: inflúe, aínda que sexa de xeito inconsciente, a necesidade que ten o galego de gañar lectores e as editoriais de aumentar as vendas?

Só teño un criterio: a excelencia literaria entre os orixinais presentados, o demais, aínda que entenda que pode ser importante noutras ordes, non me inflúe á hora de axudar a decidir.

Dígame, se pode ser, cinco autores actuais que deberían estar en todos os andeis das casas galegas.

Por orde alfabética e atendendo aos diversos xéneros: Olga Novo, Antonio Reigosa, Antón Riveiro Coello, Rubén Ruibal e Xoán Tallón.

Advertisements

Un comentario en “Armando Requeixo: “Para un libro ruín non hai crítica máis feroz ca o silencio”

  1. Pingback: Armando Requeixo: “Para un libro ruín non hai crítica máis feroz ca o silencio” | ::Axenda cultural AELG::

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s