Algo interesante que dicir sobre David Foster Wallace

3-3 DOMKE WALLACE 1Manuel Veiga Taboada.

Hai xa varios anos que me asombra a atención prestada a David Foster Wallace, non só polos numerosos suplementos literarios de xornais e revistas, nos que aparece –igual que na internet– a súa imaxe de home que acaba de entrar na madurez, pero conserva o seu aspecto contestatario, coa badana sobre a súa melena longa, senón sobre todo pola súa presenza nas librarías máis comerciais, nas que é doado encontrar as súas obras. Se pensamos no escaso fondo que acostuman a ter ultimamente estes establecementos e se pensamos tamén que o seu libro máis importante, A broma infinita, é practicamente ilexíbel, non cabe menos que preguntarse: por que Foster Wallace consigue esa visibilidade? Por que librarías que funcionan como supermercados, sempre cos seus espazos determinados polas vendas e as promocións, gardan un lugar de relativa preferencia para este autor norteamericano de culto que moi poucas, pouquísimas persoas, son capaces e dispoñen de tempo suficiente para ler?

A broma infinita conta, na súa edición normal, con case mil cen páxinas de letra miúda, máis outras cen de notas. É probábel que vostede chegue á páxina trescentas sen saber aínda con certeza cales son e como son os seus personaxes. Pero, unha vez e outra encóntrome con este libro. Tamén, por suposto, cos seus demais títulos, todos salvando o último, O rei pálido, xa dun tamaño máis accesíbel.

A prolixidade de Foster Wallace é parecida á de Roberto Bolaño. Os dous se esforzaron ao máximo nos seus dous últimos libros, quizais presaxiando a súa morte inminente. O primeiro suicidouse con 46 anos, o segundo morreu, despois dunha longa enfermidade, aos 50. Pero quizá, o que máis os iguala, a pesar de escribir en linguas diferentes, é o estilo. Os dous narraron as súas historias, mellores ou peores, con máis éxito ou con menos, nunha linguaxe contemporánea. Iso quere dicir que se souberon situar lonxe da retórica convencional, do que entendemos por “escribir ben”, o que significa: ben pero dunha maneira un chisco anticuada. Os dous pisaron moito a rúa, Bolaño como emigrado sudamericano, con poucos medios, Foster Wallace como enfermo mental e adicto ao alcohol que o primeiro que facía ao chegar a unha nova cidade era buscar a asociación de ex alcohólicos, normalmente persoas de clase baixa, para participar nos seus debates (de feito, case a metade d’A broma infinita se nutre desta fonte). Os dous sabían como falaba e como pensaba a xente e reproducírono con intensidade, dunha forma bastante sincera, con humor e manexando todos os resortes que pode ofrecer a literatura, como persoas cultas e intelixentes que sen dúbida eran.

Parte da crítica afirma que ambos están sobrevalorados, o cal é moi posíbel. Pero o seu éxito neste momento, como autores non masivos, pero si como referentes, como narradores que marcan cando menos unha das liñas a seguir pola prosa moderna, parece indiscutíbel. Hai que dicir, con todo, que a lectura de Bolaño é bastante máis accesíbel que a de Foster Wallace, o que fai máis difícil de entender o recoñecemento que ten o segundo, sobre todo nos puntos de venda, como dixemos ao principio.

Igual de culto, pero guapo e cheo de tenrura

Sospeito que David Foster Wallace é a forma que encontrou Norteamérica, da man das súas cadeas comerciais e difusoras do libro –aínda e a pesar de todo un obxecto de enorme prestixio cultural–, para competir coa literatura de culto que até hai pouco era, con preferencia, europea. Falo por exemplo dos austríacos Peter Handke ou Thomas Bernhard que, na década dos oitenta, conseguiron converterse en auténticos faros narrativos, a través dunha prosa moi persoal e difícil.

Neste segmento, o da literatura persoal e difícil, aínda que claro está á súa maneira, entra agora Foster Wallace. Por suposto, non é el o primeiro autor norteamericano capaz de facerse cunha parte do prestixio do que gozaba a literatura europea máis exquisita. Antes xa o fixera, de maneira clara, William Faulkner, pero Faulkner, que foi acusado no seu país de provinciano, era do sur, é dicir, dalgún modo reflectía unha especie de nostalxia pola sociedade de privilexios que existía en Europa durante o Antigo Réxime. Por suposto, o sur norteamericano de Faulkner non era igual, tratábase doutro continente e doutro século, pero de todos os modos aínda se percibe no ar, nas atmosferas retratadas nos seus libros e sobre todo por parte dalgúns personaxes, unha certa lembranza da vida doce de antes da abolición do escravismo, ao modo da que dicía Talleyrand que se vivía en Francia antes da revolución. As grandes mansións do sur dos Estados Unidos conservaban unha parte do estilo, das crenzas e da maneira de vivir, da antiga nobreza europea.

É dicir, que o narrador moderno que era Faulkner tiña como referencia unha sociedade xa antiga, algo moi distinto de Wallace. El mergúllase a fondo na revolución tecnolóxica e no cambio da estrutura familiar e social dos últimos anos.

Outros autores, como Raymond Carver, non son comparábeis a este nivel propio da literatura de culto da que estamos a falar. Os seus textos magros teñen menos ánimo de transcender e de comprendelo todo, características que sempre se manifestan nos grandes autores, naqueles que intentan dar testemuño dunha época. Aínda así, antes que Wallace e coas súas mesmas ou parecidas armas: modernidade, heterodoxia, espírito crítico e mesmo irónico, e ansia abarcadora, houbo outros na Norteamérica que hoxe coñecemos, por exemplo William Gaddis e, sobre todo, Thomas Pynchon, pero non lograron cumprir, no mesmo grao, os seus obxectivos. O que estivo máis próximo de conseguilo foi o segundo, pero talvez razóns de oportunidade e persoais (Pynchon nunca se deixou fotografar), lle impediron triunfar ao nivel de Foster Wallace.

Similar estratexia para dous suicidas: Wallace e Pollock

O de David Foster Wallace constitúe quizais un fenómeno parecido ao de Jackson Pollock, máximo representante do expresionismo abstracto que triunfou en Nova York ao acabar a II Guerra Mundial, e que conseguiu levar para o outro lado do Atlántico o título de capital mundial da arte que, até ese momento, ostentaba París.

Os Estados Unidos son hoxe o país culturalmente máis poderoso, máis que Europa tomada no seu conxunto. Ante todo dispón dun gran mercado interno, é dicir do público necesario e con capacidade para introducirse en lecturas dunha certa sofisticación, e cunha lingua que non precisa ser traducida. Ten tamén, como se sabe, unha capacidade de comunicación e promoción dos seus produtos case inesgotábel. Só lle falta algo que Europa teima en gardar encarecidamente para si: o prestixio cultural. Sen esa marca é difícil que o produto norteamericano consiga estenderse a aqueles territorios nos que aínda está ausente. Teñamos en conta que a eiva dos Estados Unidos provén da outra cara do éxito dos seus produtos de masas. É dicir, o cidadán europeo acostuma a entender os produtos norteamericanos como iso, como produtos de consumo, pero menos como arte. Obxectos vulgares, presos no mellor dos casos do kitsch.

Esa foi a barreira que conseguiu romper Pollock (e sobre todo os que estiveron moi atentos e acertados á hora de promovelo) e algo parecido, creo, é o que vén sucedendo agora con Wallace. Tamén Pollock, e os demais pintores agrupábeis dentro do expresionismo abstracto, inauguraron unha nova linguaxe, que bebía da abstracción europea de trinta e corenta anos atrás, pero souberon dotala dunha maior claridade ou, dito doutra forma, de efectismo. Conseguiron expresar a desintegración social e literalmente física da era atómica e con ela a ansiedade que producía nos individuos. “Ningún principio parece xa seguro”, dicíase e sobre todo intuíase, unha idea que por certo adoita a difundirse despois de todas as crises e de todos os grandes cambios técnicos. Pero Pollock foi capaz de descubrilo e de expresalo da maneira que necesitaba o momento que se estaba vivindo. Nun sentido parecido poderíase entender agora o éxito de Foster Wallace e, se pensamos con suspicacia, os desexos dalgúns de introducilo en Europa.

Obras como as de Wallace ou as de Pollock poden ser así os temas artísticos dunha operación para capturar o último reduto (ou nicho de mercado) da arte e da literatura europea, pero, en todo o caso, hai que dicir que tal cousa ocorre non exactamente coa súa colaboración persoal e incluso a pesar das súas posturas políticas, ambas moi críticas coa súa propia sociedade. A oportunidade para os seus promotores xurdiu ademais de que ambos morreron moi pronto, case sen tempo a degustar o propio éxito. O primeiro aforcouse e o segundo estrelouse, probabelmente a mantenta, contra unha árbore cando conducía borracho (os dous padecían depresión e necesitaban tomar tranquilizantes).

Tamaño, tamaño, tamaño e algo máis

Tanto Wallace como Pollock utilizaron e lograron ascender ao cume a partir dunha idea moi norteamericana, o gran formato: os cadros enormes, case murais, e os libros de moitas páxinas. As ideas expresadas por un e outro lograrían seguramente un impacto bastante menor de ser expostas baixo unha fórmula máis reducida. Mais, ¿é realmente só o tamaño, a capacidade discursiva de Wallace ou o impulso primario de Pollock, o que nos impresiona? Pode ser, pero tamén é probábel que ambas obras conteñan ademais outros valores destacados. O intento de deconstruír o seu éxito, é dicir de explicalo, non debería conducir á súa infravaloración artística.

Polo demais, é obvio que a monumentalidade é unha característica das grandes sociedades e dos grandes imperios na súa fase de expansión (e talvez xusto antes do seu declive).

Pero ademais do tamaño das súas obras, ambos posúen outra característica común: o all-over de Pollock, ningún punto do cadro sen pintar, o que en Wallace poderiamos chamar saturación, a cantidade obsesiva de datos e pequenos detalles que nos proporciona, coma se ambos padecesen un acentuado horror vacui. Non por nada é moi coñecido –está na internet– o exemplar do Ulises de James Joyce hiperanotado por Wallace. Aí se encontran talvez as raíces que o inspiraron e quizais a idea do que el mesmo quixo chegar a ser, cando menos desde o punto de vista simbólico.

Nunca é fácil vender unha obra difícil

Wallace, ao igual que Pollock, non é un produto apto para a clase media culta, a consumidora habitual de libros, como non o era Joyce –que non tería sido coñecido mundialmente sen a habilidade que naquel tempo mostraba o marketing de París e a famosa libraría Shakespeare & Co.–, do mesmo modo que Pollock tampouco tería acadado o éxito sen o apoio da millonaria Peggy Guggenheim, dona dunha galería en Nova York, e sen os comentarios e a guía constante do crítico do momento, Clement Greenberg.

O liberalismo norteamericano de posguerra foi capaz de superar esta contradición (a de anotarse o prestixio, pese ao rexeitamento das clases medias cultas) con intelixencia e con moito diñeiro investido en promoción.

Nunca é sinxelo vender unha obra difícil, cómpren moitos medios e ademais que, en efecto, esa obra reúna certa calidade e unha capacidade demostrada para expresarse na linguaxe do seu tempo.

Advertisements

5 comentarios en “Algo interesante que dicir sobre David Foster Wallace

  1. Uff, que alivio, que alegría comprobar que sobrevives á leitura de “A broma infinita”. Como agora está de moda perguntarlle aos ecritores “En que libro ficarías…?”, ou algo parecido, pensei, alá vai que o Manuel ficou nas páxinas infinitas e de letra miúda da broma do Foster e xa non torna do mergullamento. Menos mal. Manuel, déixate de aventuras volumétricas e torna al rego do “Dicionario indignado e humorístico Do G ao Z”, que xa non estamos para bromas de dimensións monstruosas. Eu por iso prefiro cousas mais lixeiras como as do Monterroso, aínda que saian dinosaurios, que sempre é mais fácil fuxir das suas páxinas que das mais de mil do americano das gafiñas. Ollo coas dimensións. Infinitamente teu.
    Saúdos desde as páxinas breves do Monterroso.

    P.D. Outra pergunta de moda aos escritores é “Que libro non acabaches de ler?” Vai preparando a resposta. Os do Monterroso non temos eses problemas.

  2. Encantado de saudarte, Detective. Grazas polo comentario. Pero non disimules que ti tamen les cousas longas cando o merecen. Eu agora, por exemplo, estou tomando un cafe e lendo as Memorias de Ilia Ehrenburg que son 2000 paxinas. Vou na 1080. E a vantaxe que ten estar no paro. Perdon pero este Samsung non me colle os acentos. Saudos.

  3. Que bárbaro, Manuel, 2000 páxinas nada menos. Vexo que vas de menos a mais. A este paso, aínda acabaremos tendo que botarche as obras completas do Galdós, cos seus episodios nacionais incluidos, como se fosen un único libro. Non quero calcular o número de páxinas. Agora que andamos co Modiano ás voltas, comprobo o número de páxinas dalgúns dos seus libros que teño por aquí e fíxate nas que lle faltan para chegar ás 2000: 182 p., 147 p., 162 p., 177 p., 162 p., 178 p., e así. Nengún deles chega ás 200 p. Ti ves, Manuel? Poñamos que cada libro do Modiano ten 200 p., dividamos 2000 entre 200 e dá 10. É dicer, 10 Modianos por 1 Ehrenburg. Matemática pura. Hai que pensalo todo. E o que é pior, sempre pode haber algún malvado que che poña unha mao no ombro e che espete cheo de orgullo leitor: “Que tal, Manuel, xa ves o que son as cousas, mentras ti lés 1, eu case leo un Premio Nobel inteiro.” Claro, lendo un de 2000 p., un exponse a estas cousas.
    Leo na contraportada do Bartleby do Vila-Matas:
    -Señor Rulfo, ¿por qué lleva tantos años sin escribir nada?
    -Es que se me murió el tío Celerino, que era el que me contaba las historias.
    Veño da biblioteca do barrio e collín “Tu i Jo” dun tal Niccolò Ammaniti. Ía coa idea de coller outro deste mesmo autor que me pareceu que tiña boa pinta e que hai uns días aínda o tiñan en Anagrama (aquí o que non corre, voa) e acabei collendo este outro en catalán porque o outro va voara. Leo que pon: “Un llibre perfecte… Ammaniti ha escrit una obra mestra.” (Corriere della Sera). Pois ben, ten só126 páxinas. Xa ves, Manuel, o mundo está cheo de Premios Nobel de menos de 200 p. por libro e de obras mestras de 126 p. Tempos aqueles da nosa literatura en que semellaba que andaban a competir a ver quen a tiña/escrebía mais gorda, e a un que chegba ás 350 p. viña outro e botáballe enriba as 400 p., e aínda un terceiro que non se conformaba con menos de 450p.

    P.D. E digo eu, e logo aos escritores de mais de 1000 páxinas aínda non lle morreu o tío Celerino? Pois xa vai sendo hora.

    P.D. O mais preocupante de todo é que a rapaza que me atendeu (bueno, xa non era tan rapaza), púxome no marcalibros para devolver o 10 Nov. Home, non sei, o 10 Nov. (9 Nov. +1) ao mellor non podo devolverllos.

    Saúdos biosbárdicos.

  4. Tomo nota de Ammaniti que non conhecia. Ten nome de cogumelo. Isto non pon nin puntos e aparte. Perdon. Digo, por se non o sabes, que Tallon saca libro o 23: “Escritores peligrosos”. Como ti vives no Este e eu no Oeste non nos quitaremos o exemplar. A comportarse, que dicia Manuel Maria.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s