Ledicia Costas: “A miña primeira novela escribina con 14 anos”

lediciaCésar Lorenzo Gil.

Ledicia Costas (Vigo, 1979) foi unha escritora precoz. Con apenas 20 anos publicou o seu primeiro libro: Unha estrela no vento (Xerais). A partir dese momento converteuse nunha das grandes promesas das letras galegas. Agora presenta Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais), premio Merlín 2014, un dos libros para rapaces máis interesantes dos publicados nos últimos anos. Nesta conversa, ademais, dános pistas sobre o que será o seu primeiro libro para adultos.

Escarlatina é unha viaxe ao mundo dos mortos pensado para rapaces. Mortos cheos de humor pero que feden mal, que apodrecen. Como manexou o pudor de falar de determinados temas para o público infantil?

Non. Non teño pudor cando escribo. Nos libros, tamén nos infantís, o único que hai que ter en conta é o respecto cara aos lectores. Non debemos pór barreiras ou limitar que temas son ou non son para nenos. Este é un libro de humor macabro. Quixen desmitificar a morte, falar dela con naturalidade e graza. Estraño aquelas historias de terror humorístico ou humor terrorífico que lía cando era pequena… O pequeno vampiro, por exemplo.

No libro hai referencias explícitas a obras e autores infantís. Roald Dahl está moi presente; nótase moi positivamente a súa influencia. Recoñece outras pegadas?

As referencias literarias na miña obra, tamén nesta, son sempre inconscientes. Traballo por instinto, escribo sen plan. E polo tanto esas influencias, que loxicamente existen, aboian desde o meu íntimo, sen chamalas. Si recoñezo que neste libro quixen ser máis fiel ca nunca ao propio imaxinario que me marcou. Quería que todos aqueles temas que me encantaban de nena saísen para fóra. De aí que a presenza de Dahl e outros quizais sexa máis explícita. Pero non só me cingo ao literario. Por exemplo, aparece unha referencia literal á serie de Dragon Ball porque para a miña xeración, que se criou con La Bola de Cristal e as series do Xabarín Club da TVG, o universo narrativo vai máis alá dos libros.

Amais da historia de Escarlatina e Román, neste libro hai 12 receitas de cociña. Pero non o que un podería imaxinar nun libro de mortos viventes. As receitas son reais, pódense facer e teñen boa pinta.

O fácil sería xustamente deixarse levar polo argumento e inventar receitas de porcalladas, que non valesen para nada. Eu non quería iso. Buscaba xustamente facer dous libros en un. Por unha banda contar unha historia e pola outra deseñar un compendio de receitas atractivas para os cativos (hai chocolate, hai pizza, moito azucre, masa e forno) mais con certa complexidade. Receitas que as poden facer os nenos mais que cómpre executalas en equipo. Receitas para que as entendan os rapaces pero que nalgúns casos precisan práctica, coma un desafío para eles.

Vostede culmina co premio Merlín as esperanzas dunha década na que aparecía en todas as listas de grandes promesas da nosa narrativa. Nos últimos tempos non hai autor que non a cite como nome que ter en conta. Por exemplo, Agustín Fernández Paz. Como se leva esa etiqueta, como unha carga, coa esixencia de cumprir as expectativas…?

Son sincera. Non era consciente desa etiqueta, así que non me afectou para nada. Diría máis: sempre pensei que pasaba desapercibida. O meu xeito de entender a literatura baséase no traballo. Para min, cumprir as expectativas consiste en lograr sorprenderme a min mesma co meu próximo libro.

Vostede publica o seu primeiro libro moi nova. Lembra como empezou a escribir?

Coido que todos os escritores chegamos a través da lectura. Cando nena lin moito. Era o que máis prestaba. E logo o “vicio” completouse coa escritura. Con 14 anos xa tiña unha novela acabada e miña nai dicía: “xa se lle pasará”, coma quen fala dunha carraspeira porque eu prefería ficar na casa, cos meus libros e os meus papeis, en vez de ir xogar á rúa coas amigas.

Hai anos, Ramón Caride reflexionaba sobre os motivos de que nunha sociedade na que os mozos eran maioritariamente castelanfalantes, quen empezaba a escribir case sempre o facía en galego. Cavilou vostede sobre este tema?

No meu caso, o certo é que me criei nun ambiente castelán. Na miña casa falouse castelán e as miñas lecturas foron masivamente castelás até a adolescencia. Mais á hora de escribir tes que tomar unha postura. Eu fun gañando en consciencia de que tiñamos unha lingua nosa cunha grande historia literaria. Pola miña propia relación co galego, ás veces estraño non ter maior formación filolóxica para que o meu idioma literario acade maior profundidade pero fago moitos esforzos por corrixir, por coñecer máis sobre gramática, léxico e ortografía.

Vostede estudou Dereito.

Si, son avogada. E durante a carreira, moitas mañás espertaba pensando que aquela facultade non era o meu sitio, que me equivocara, que debería ter estudado Filoloxía. Mais hoxe estou contenta coa miña profesión.

Como é o seu método: escribe todos os días?

Todos os días, ao redor de oito horas en cada xornada. Son moi metódica pero non escribo segundo un plan definido. Gústame ir construíndo a historia a medida que a vou escribindo. É o mellor xeito de que siga a ser divertido escribir. Pero tamén sei que o éxito para unha escritora, é dicir, conseguir escribir o libro que queres escribir, só se consegue con esforzo, con horas e horas diante do texto; primeiro creando e logo corrixindo. A corrección é o que menos me gusta do meu traballo pero é un labor ao que lle dedico moito tempo. Chega un momento no que xa practicamente sei de memoria o texto dos meus libros e até me farta telos diante e estou desexando mandalos á imprenta e esquecelos. Antes lía os libros unha vez publicados e incomodábame porque vía que aínda había cousas que se poderían ter corrixido. Escarlatina é o primeiro que non lin.

Todos os seus traballos narrativos até agora publicados están enfocados ao público infantil ou xuvenil. Pensa en escribir para lectores adultos?

Xa o fixen. A primeiros do 2015 vai aparecer en Xerais a miña primeira obra xa en colección adulta, un conxunto de relatos baixo o título Un animal chamado néboa.

Adiante algo.

Son relatos ambientados na II Guerra Mundial. Todos nacen de feitos reais que quería converter en feitos literarios.

Que diferenzas encontra entre a escrita para mozos ou crianzas e para adultos?

Non penso no público “obxectivo” cando empezo unha historia. Mais agora que rematei Un animal chamado néboa coido que a principal diferenza está na consciencia da complexidade da obra, tanto para o lector coma para min. Foi o libro no que máis traballei na documentación e tamén o que me obrigou a enfrontarme con maior valentía a temas crus, desagradables… Moitas noites fun para a cama con mal corpo. Cando escribo, chego case a obsesionarme coas historias que quero contar.

“É contraditorio queixarse de que falta mercado e logo ir contra aqueles libros que crean lectores”

Amais de narradora, vostede é poeta. Publicou Xardín de inverno (Everest) e participa no colectivo Poetas da Hostia. En que consiste ese colectivo?

Somos un grupo de poetas que buscamos xeitos novidosos de presentar a poesía diante do público. Facemos algo así como marketing poético. Consideramos que os recitais clásicos son pouco atractivos e buscamos maneiras máis divertidas de acceder aos poemas. Unha das actividades que máis éxito tivo foron os combates entre poetas: dous grupos que se “enfrontan” nun ring con Lucía Aldao e María Lado como árbitras. Cada poeta ou equipo de poetas ten que cumprir un reto, por exemplo, declamar un poema de amor adolescente. É interesante porque cadaquén ten que levar consigo toda a súa obra para ter recursos suficientes.

Tamén probou a escrita a catro mans con Pere Tobaruela. Que diferenzas encontrou a respecta da creación individual?

A principal, que non se pode improvisar nin ir creando sobre a marcha. No traballo colectivo cómpre cinxirse a un guión previo e ir cumprindo cada un a súa parte. Foi unha iniciativa de Tobaruela e prestoume bastante inventar canda el esas historias negras para rapaces.

As autoras de literatura xuvenil ou infantil adoitan ter maior contacto cos lectores grazas ás visitas aos centros de ensino. Tirou ideas destes encontros para futuros libros?

Tanto coma iso non. Falar cos rapaces é moi interesante para saber por onde respiran, que lles interesa, como esperan que sexan os personaxes das novelas. Aínda así, os meus libros son bastante libres. Gústame saber que opinan os lectores pero o principal é crear sen receitas, asumindo riscos.

Moitos críticos consideran que os libros para rapaces e nenos pecan dun exceso de pedagoxía e unha falta de literatura.

A literatura infantoxuvenil foi deostada moito tempo e coido que é inxusto. É contraditorio queixarse de que falta base lectora e ir contra aqueles libros que xustamente conseguen crear novos lectores. Dito isto, si é certo que ás veces determinados escritores esquecen que a literatura é liberdade e prefiren fabricar produtos con doses prefixadas de determinados argumentos que consideran interesantes para a mocidade. Pero eu sempre digo o mesmo: como sei eu que queren que escriba os profesores de tal ou cal instituto? Quen pense que prefabricando un texto vai ter máis éxito vai aviado.

Non pensa que houbo autores que baixaron a garda e non coidaron os textos coma si farían de estaren destinados a públicos adultos?

Mais iso non é culpa da literatura infantil e xuvenil. É culpa de quen despreza o neno ou mozo como lector, de quen o subestima e non o respecta. Cómpre enfocar coa mesma profesionalidade unha novela para adultos ca un libro para primeiros lectores. Cando hai rigor, esixencia e un achegamento de igual a igual co lector novo, polo xeral conséguense dúas cousas boas: que os lectores valoran o esforzo e despois que se crean varios niveis e unha obra pode lerse con diferentes idades, en diferentes momentos. Hai moitos grandes clásicos infantís e xuvenís que están aí para demostralo. Ademais, en Galicia temos a sorte de contarmos con varios Premios Nacionais de Literatura Infantil e Xuvenil. Que mellores mestres e exemplos para saber por onde hai que camiñar!

Que libros e autores forman parte dos seus piares literarios?

Non son moi mitómana. Son unha lectora total, sempre probando diferentes cousas. Hai nomes que si me acompañan, caso de Vicent Andrés Estellés, William Golding, James Riordan (en especial o seu Contos marabillosos do mundo enteiro)… Mais no que escribo non só pesa o lido, tamén o visto, as películas de Hayao Miyazaki, as series de Akira Toriyama (o creador de Dragon Ball ou Dr Slump).

Que libros leu recentemente que lle apetece recomendar?

Lin hai pouco A rapaza con pés de cristal, de Ali Shaw. Paga a pena.

Advertisements

3 comentarios en “Ledicia Costas: “A miña primeira novela escribina con 14 anos”

  1. Pingback: Ledicia Costas: "A miña primeira no...

  2. Pingback: Ledicia Costas: “A miña primeira novela escribina con 14 anos” | ::Axenda cultural AELG::

  3. Pingback: Premio Nacional de Literatura, espello deformado | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s