‘Raíñas no meu xardín’, o mellor libro de Xosé M. G. Trigo

00106520024990____1__600x600Non ten Xosé Manuel G. Trigo un nome de escritor. Até tentado estiven de chamalo nesta crítica Manuel Trigo, para abreviar e tamén porque me recordaría a Manuel Tiago, o pseudónimo que utilizaba o político comunista portugués Álvaro Cunhal cando firmaba as súas excelentes novelas. Mais se Trigo non ten o nome si ten as artes do bo escritor. E ben que o demostra na súa última publicación.

A novela que agora presenta Xosé Manuel G. Trigo non ten nada a ver coas de Tiago. Raíñas do meu xardín (Galaxia) é unha novela sobre o recordo, sobre o paso do tempo, sobre o encontro interxeracional, sobre dúas mulleres, a raíña María Antonieta de Francia e a bailarina galega Carolina Otero.

O máis interesante do libro, malia todo, non é o argumento senón o pouso que Trigo deixa en cada páxina. Autor veterano, con pouca obra publicada pero moita vida ás costas, con 66 anos firma o seu mellor traballo, cunha prosa de agradable lectura, con escenas ben construídas, cun galego que brilla, moderno e culto, por veces indómito á norma (de aí a presenza dalgúns castelanismos que aparecen en cursiva).

Trigo sabe xogar co tempo. Eis o seu meirande acerto técnico. Xoga coas elipses e cos saltos entre épocas e escenarios con habelencia. Quizais temeroso da reacción do público menos esperto, utilízase a si mesmo como vehículo para esa viaxe, para que pareza menos estraño que o narrador se converta en diferentes personaxes que son testemuñas das vidas que se contan. Ese xogo de suplantación renxe por veces. Quizais Trigo, por buscar intimidade coa realidade que conta, acaba por facerse artificial.

Cando a acción transcorre na vila dormitorio de Bertamiráns, a novela gaña potencia literaria.

O contraste entre o Trigo personaxe histórico e o Trigo personaxe presente é moi evidente. Cando a acción transcorre na vila dormitorio de Bertamiráns, a novela gaña potencia literaria. O propio escritor vólvese personaxe, protagonista dun relato do cotián moi substancioso. O encontro de dous xubilados provenientes da mesma comarca, dispostos a viviren os seus derradeiros anos de vida nese contorno suburbial, moderno, onde os sorprenden os barullos da vida (é como definen os personaxes os xemidos de pracer sexual que atravesan o pladur) ten unha frescura por veces escasa na literatura actual.

Quizais ao libro lle sobren algunhas páxinas, descricións superfluas ou digresións que desentoan coa liña xeral do libro. Mais o problema principal do libro é a posible decepción que han levar os que busquen nel unha historia ao uso, cunha estrutura de presentación, nó e desenlace. Raíñas do meu xardín non se ha ler así senón como un diario de sensacións. Non pensen en achegarse a esta obra coma quen inicia unha carreira cunha meta definida; fagan de conta que entraron nun xardín por un sendeiro calquera, desfruten de cada relanzo, párense nos parterres, naquela estatua ou nesta fontaíña. E cando acaben o libro, sigan para adiante, co recendo a natureza nas ventas.

♦ Raíñas no meu xardín, de Xosé Manuel G. Trigo, Galaxia, 2014. 184 páxinas. ♠16€

César Lorenzo Gil.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s