Alejandro Tobar: “As subvencións, en vez de consolidar o mercado das traducións, desvirtuárono”

tobarCésar Lorenzo Gil.

Unha das editoriais máis novas de Galicia tomou o seu nome dos corvos que acompañaban o deus xermano Odín: Hugin e Munin é un selo especializado en tradución que basea a súa rendibilidade nunha base de practicamente un cento de subscritores. Detrás do proxecto está Alejandro Tobar (Lugo, 1983). Con el falamos de libros e tamén de números, os das axudas públicas da Xunta.

Hugin e Munin naceu no 2011 como editorial especializada en tradución ao galego de títulos estranxeiros de prestixio. No 2014 nace unha colección específica, ‘Vólvense os paxaros contra as escopetas’ para lles dar oco a traballos que non coinciden coa liña editorial xeral. Que diferenzas hai entre ambas coleccións?

Levamos publicados 24 títulos da colección principal, na que prima o trato preferente cos subscritores, e outros cinco desoutra nova colección onde van parar as obras, sempre de narrativa, que si nos interesan pero que por razóns de extensión (por exemplo o Micromegas de Voltaire, con só 48 páxinas, ou A lente de diamante de Fitz-James O’Brien, con 52), de temática (en novembro sairá unha desenfadada novela erótica francesa do século XIX) ou de formato (adianto que temos practicamente listo O soño, de Johannes Kepler, un opúsculo acerca dunha viaxe lunar que vai acompañado do caderno de notas orixinal do científico, tres ou catro veces meirande ca a ficción en si) non teñen cabida na colección principal, a dos subscritores. Outros factores que diferencian ambas as coleccións son o deseño das cubertas, o prezo e mesmo a tiraxe ou as canles de distribución.

O seu plan de negocio baséase na subscrición. Explique o modelo.

Temos neste momento algo menos dun cento de subscritores (máis dun 90% particulares, pero tamén algúns institutos e bibliotecas), o cal para nós é un piar fundamental, xa que permite que non teñamos dependencia ningunha da Administración e propicia que no aspecto económico planifiquemos con detalle cada ano editorial: oito libros para o caso da colección principal. Págase algo menos de dez euros ao mes (no caso dunha domiciliación, o cobro é trimestral e non hai compromiso de permanencia, é dicir, o subscritor pode cursar a baixa cando guste; se é por transferencia ou compra na páxina web, daquela é un único cobro anual). O subscritor recibe na casa dúas novas obras cada trimestre. As obras tamén se venden de xeito individual en todas aquelas librarías onde teña presenza o libro en galego.

Están satisfeitos co resultado?

Funciona bastante ben. Por unha banda a base de subscritores leva un ano sen apenas cambios, roldando as cen persoas, e por outra estamos a aumentar trimestre a trimestre as vendas directas ás librarías. Ter subscritores permite cadrar as contas en positivo, vender no resto de canles permite obter unha ganancia.

Nestes anos xa forman parte do seu catálogo nomes como Pasolini, Bukowski, Fante, Achebe, Clarke ou Asimov, moi coñecidos e cuxos libros seguen interesando o público. Mais ao tempo tamén publican libros menos coñecidos, varios de autores recentes (Cano, Barredo, Lindgren) mais tamén moitos escritos hai máis de cen anos. Ten algo a ver na escolla que sexan libros libres de dereitos de autor?

Esas mencións, ben traídas, foron de homes…, pero que conste que tamén traducimos obras de excelentes escritoras: Aphra Behn, a Marquesa Colombi, Grazia Deledda e Mary Wollstonecraft. De aquí a xullo do 2015 publicaremos castro autoras femininas máis. Canto aos dereitos de autor, facemos por manter unha proporción similar de novelas de autores contemporáneos (cos dereitos de autor vixentes) e clásicos (libres de dereitos). É unha norma tácita e flexible pero a nós sérvenos a modo de guieiro. Así, se non me engano, coido que dos 29 títulos actuais, para 11 deles houbo que pagar polos dereitos de autor —un 38% do total. Ora ben, se o libro en verdade nos interesa, que a obra teña dereitos pode complicarnos a publicación mais non ten por que ser un atranco insalvable.

Seguindo co deseño do catálogo, recordo que o editor de Anagrama, Jorge Herralde, dixo unha vez que unha editorial ten dúas opcións: ou publicar clásicos ou converter os seus libros en clásicos. Non sei se coincide a súa opinión e, segundo, como percibe o interese dos lectores actuais e en Galicia por obras centenarias que non son canónicas?

Esa frase funciona ben como aforismo e como propósito. Oxalá todo o que un tocase fose ou tornase nun clásico, pero teño para min que en termos absolutos non o conseguiu nin o vai conseguir editor ningún. Obras canónicas, segundo quen? Segundo Harold Bloom, é dicir, cun criterio anglocéntrico? Consonte o criterio de Darío Villanueva? Cinguímonos á listaxe das cen mellores novelas de The Guardian? Ou mellor en relación co ditame do equipo docente da Universidade de Yale? O que é e non é canónico varía segundo a latitude e a época. Con todo e iso, o lectorado galego e en galego está disposto, polo menos tanto coma calquera outro, a gozar e a aprender das grandes firmas, á marxe da data de publicación da obra. No noso catálogo temos varios casos que referendan esta idea: nun lugar preferente está a novela A asasina, do grego Alexandros Papadiamandis, publicada orixinalmente en 1903 e cuxo autor tiña daquela máis de 50 anos. É unha lectura excelente para un lector de hoxe, non en van acaba de esgotarse a segunda reimpresión e preparamos xa a terceira. Ou Pescador de Islandia, de Pierre Loti, que está a acadar unhas vendas moi boas e parece que gusta, malia ser unha obra do século XIX. Ou Jude o escuro (esta si é canónica para Bloom, por certo), de Thomas Hardy, que malia levar só uns días no mercado vemos que está a espertar un interese notable. Incluso os que leron o libro no inglés orixinal están a valorar moito o esforzo por tela en galego.

A asasina, de Alexandros Papadiamandis, publicada orixinalmente no 1903, xa vai pola segunda reimpresión e pronto publicaremos a terceira.

Poden aínda converterse en clásicos?

Todo é revisable; o que hoxe atrae a atención dos lectores, mañá pode non facelo, e viceversa. Nós, máis que clásicos, buscamos obras de referencia: tamén na contemporaneidade: por exemplo Servizo de Correos e Cita con Rama.

Hai unhas semanas publicáronse no DOG as axudas públicas da Xunta á tradución. Vostede foi moi crítico coa repartición. Fíxose algo mal?

Fixéronse moitas cousas mal nesta repartición e nas anteriores, tanto por parte da Administración coma desde algunhas editoriais. Nós estudamos os casos dos últimos catros anos e encontramos diversos desaxustes: desde obras que xa estaban traducidas ao galego e reciben diñeiro para unha nova tradución até casos de editoriais que xorden do nada (ou, para dicilo con palabras amables, que teñen unha ben discreta presenza nos circuítos comerciais do libro en galego), varren cartos públicos para a casa e até máis ver. Son consciente de que apenas existe xa o chamado xornalismo de investigación en Galicia, mais convido a todos os interesados, ou simplemente curiosos, a revisar por si mesmos os montantes e os destinatarios das adxudicacións, que para o período 2011-2014 é posible consultar nos boletíns do DOG dispoñibles na rede. En novembro publicarase máis información sobre este tema. Prefiro non simplificar o asunto.

A tradución é un dos alicerces de calquera sistema literario. En galego custa moito crear un mercado estable para os libros foráneos. Que cre que falla? Que se pode facer para melloralo? Que papel lle toca ao Goberno?

Na sociedade galega coa que eu fantasío, os libros en galego son inmensa maioría, e non hai lector que, en similares condicións, recorra antes a unha tradución en castelán ca a unha en galego. Non ten sentido que unha lectora galega calquera, por exemplo, se interese por comprar Miguel Strogoff, Canción de Nadal ou 1984 en castelán cando existen boas e coidadas versións destas obras na nosa lingua De feito, como comportamento é disparatado e daniño. Ora ben, sucede que esa lectora a miúdo descoñece que en galego dispomos desas e de infinidade doutras importantes obras. Esta circunstancia vén motivada por diversos factores, algúns realmente graves, como o feito de que padezamos un goberno que no ámbito lingüístico voga á contra, que carezamos por completo dun plan lector, dunha estrutura de promoción e dotación das bibliotecas, dun modelo de creación dunha engrenaxe editorial seria. O actual sistema de subvencións, lonxe de consolidar o mercado de tradución ao galego, desvirtuouno.

Hai outros defectos: que as máis das librarías non se preocupen de contarlles aos interesados que de tal ou cal libro que buscan hai versión galega; que a Asociación de Tradutores Galegos sexa ninguneada ano tras ano; que a Facultade de Tradución de Vigo non se anime por fin a facer unha subscrición coas editoriais de tradución do país –que lle suporían 500-800 euros ao ano por recibir a produción editorial traducida de Kalandraka, Rinoceronte, Galaxia, Urco, Xerais…? Fariámoslles prezo, con certeza–; que non haxa unha masa social potente que dea un golpe na mesa e lea dunha vez na lingua que lle corresponde por ser de onde é, en fin: o cambio ten que ser de raíz. Con todo e iso, resistimos.

Que lle suporían á Facultade de Tradución 500-800 euros ao ano por recibir a produción editorial traducida de Kalandraka, Rinoceronte, Galaxia, Urco, Xerais…?

Vostede publicou un libro (Cremalleiras, Tris Tram, 2008). Segue a escribir?

Si, algo escribo, pero sen ínfulas de ningún tipo, é dicir, só por pracer, para exercitar a mente e para despois o gardar nun ficheiro e deixalo aí aparcado, nas entrañas do portátil. Gozo moito coa escritura e coa lectura, a verdade.

Ademais de traducir algúns títulos de Hugin e Munin, vostede verte ao galego regularmente libros publicados por outras editoras. Comparte con outro editor galego, Moisés Barcia, ese duplo oficio. El sempre dixo que unha das causas do nacemento de Rinoceronte foi a precariedade dos tradutores. Que opina a este respecto? Sáelle mellor a un tradutor ao galego traballar con Hugin e Munin que con outra editorial?

No ámbito da tradución literaria, Rinoceronte abriu no 2005 un camiño que hoxe outros transitamos. Cónstame que remuneran ben os tradutores e que as súas tarifas, se non iguais, si son moi próximas ás que estipula a Asociación de Tradutores Galegos (ATG), algo ao que practicamente ningunha outra editorial galega se aproxima. De todos os xeitos, cómpre ter presente que o Rinoceronte recibiu nos últimos catro anos máis de 156.000 euros só en concepto de axudas á tradución por parte da Xunta; e despois veñen os cartos públicos por compras para bibliotecas (reducíronas pero habelas hainas). É unha empresa, ademais, que concorre a varias axudas de institucións de Hungría, ás do Programa Cultura 2000 da Unión Europea, ás do Centro de Información de Literatura Finlandesa, ás do Instituto do Libro de Polonia, ás do Ministerio de Cultura de España, ás do Fondo para a Promoción da Literatura Islandesa, ás do Instituto para a Tradución de Literatura Hebraica, ás do Programa Sur da República Arxentina… Ollo, que esta é unha opción perfectamente legal e tan válida coma a de quen se move á marxe destas canles, como é o noso caso. Pero claro, con ese cadal de cartos públicos non só é posible remunerar como cómpre os tradutores senón tamén ter unha decena de empregados ou aventurarse en proxectos que para o común dos editores serían inviables. Nós movémonos, como dicía, nuns parámetros a todas luces distintos, e só tres das últimas 29 obras contaron cunha axuda deste tipo, co cal, para o resto das obras, cada euro que levou o tradutor tivo que ir medido ao milímetro. O que si facemos para equilibrar no posible esa remuneración é reflectir no contrato unhas liquidacións medias de entre o 10% e 15% para o tradutor. Isto, até onde eu sei, non o fai ninguén máis en Galicia. Con esta política conseguimos que a implicación do tradutor non cese no momento de entregar a tradución; se o libro vende ben, o beneficio é para todos. Se non, partindo dun pagamento inicial de 400 euros (pouco máis de seis euros por páxina se a obra ten, por exemplo, 120.000 caracteres, algo que buscamos cando se trata dunha encarga a un tradutor externo), o beneficio por vendas ha ser escaso, tanto para a editorial como para o tradutor ou tradutora. Por deixar todo claro, sinalarei o obvio: absolutamente toda a axuda que recibimos para as tres obras subvencionadas (dúas pola Xunta, unha pola ATG) foi parar á conta bancaria dos tradutores.

Absolutamente toda a axuda que recibimos para as tres obras subvencionadas (dúas pola Xunta, unha pola ATG) foi parar á conta bancaria dos tradutores.

Adiánteme que novos títulos van saír publicados en Hugin e Munin proximamente.

Non podo porque o elemento sorpresa é parte esencial da nosa relación cos subscritores e libreiros. Si podo, con certas cautelas, achegar os nomes dalgúns autores novos no noso catálogo: Jean Paul Sartre, a sueca Karin Boye, o escritor en croata Josip Mlakic, o ruso Porfiri Infantiev, a británica Vernon Lee, o alemán Theodor Storm etc.

Hai algún autor ou título que lle gustaría traducir pero que non sexa posible por algunha causa? Penso en cuestións económicas, ben polo que lle haxa que pagar ao autor ou pola falta de mercado para determinados libros.

Hai centos de títulos que como editor me interesan pero que neste momento, polos custos a asumir, deben agardar. Por citar un título, se ninguén o fai antes, nalgún momento moverei os fíos necesarios para traer Der Zauberberg [A montaña máxica], de Thomas Mann. É un exemplo para ilustrar o tipo de literatura que non por difícil deixamos de ter en mente.

Que leu recentemente que lle parece interesante para recomendar?

Teño varias lecturas recentes na memoria, pero só unha digna de recomendar, e cadra ademais que é literatura galega de marca maior: Zapatillas rotas (Xerais), de Xabier Quiroga, un autor, por certo, valoradísimo no meu círculo familiar. Era por setembro e, sobre todo, O cabo do mundo, –ambas tamén en Xerais– son dúas outras novelas súas cuxos dereitos, se eu fose un editor que publicase en catalán, castelán, portugués ou éuscaro me apresuraría a tentear a fin de as verter á miña lingua. Por sorte, os galegos témolas todas no orixinal.

Advertisements

2 comentarios en “Alejandro Tobar: “As subvencións, en vez de consolidar o mercado das traducións, desvirtuárono”

  1. SOLUCIÓNS: Regalen libros en Galego, hai moita xente que le en Galego pero non se atreve a regalar libros na nosa lingua á xente do seu contorno…den premios ás librerías que promocionen estanterías ou escaparates de libros en Galego (algo disto xa se fai pola AELG)…promocionen o Día das Letras Galegas dándolle homenaxes a escritores VIVOS, que o que había que premiar do traballo dos mortos xa se fixo e agora renden homenaxe a xente que cáseque nin ten escrito libros en Galego, a subvención para a cultura non está mal pero hai que crear mercado e nada mellor que un escritor VIVO e co premio do día das letras e que vaia polas escolas a promocionar a lectura en Galego. Por certo que o que tampouco pode ser é que en Galego custe o Ulyses de James Joyce 40€!! e que na edición do peto, en castelán custe 9€! Saúdos!!

  2. Pingback: Alejandro Tobar: "As subvencións, e...

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s