Occupy: A democratización da economía

Manifestantes do movemento Occupy Wall Street en Nova York, outubro do 2011. TOM GIEBEL/FLICKR

Manifestantes do movemento Occupy Wall Street en Nova York, outubro do 2011. TOM GIEBEL/FLICKR

César Lorenzo Gil.

Faktoría K publica Cuestionando a economía, conversas de David Barsamian con Richard D. Wolff. Libro moi interesante para coñecer os deseños da nova esquerda, a reformulación da loita de clases marxista (o 99% contra o 1% que ten o poder) e os modos humanos de saírmos da crise económica.

Ao redor dun milleiro de neoyorkinos, convocados principalmente pola internet, concentráronse en Wall Street o 17 de setembro do 2011. Ao xeito da Primavera Árabe ou do 15-M español, en vez de marcharen, algúns ficaron, non na rúa financeira de Nova York senón en Zuccotti Park. Durante o día, voltaban á entrada dos mercados financeiros para protestaren contra as regras do xogo do capitalismo estadounidense. O 1 de outubro, a policía detivo 700 persoas na ponte de Brooklyn. A partir de aí, o movemento Occupy Wall Street deixou de ser un movemento puramente neoyorkino. Foise replicando nas principais cidades e vilas dos EUA.

O lema de Occupy é hoxe mundialmente famoso en todos os movementos sociais rexeneradores: “Defendemos o 99% da xente do 1% que ten o poder”. O concepto de loita de clases superaba o eixo esquerda-dereita para situarse no eixo oligarquía-cidadanía. Nun país onde a esquerda non existe desde hai décadas na política real, este axuste ao paradigma marxista serviu para espertar novamente as conciencias. A influencia do movemento é notable. Eclosións coma a de Podemos no Estado español quizais non terían tanta capacidade dialéctica de non existir Occupy.

Por que tivo tanta influencia a pesar de ser marxinado nos grandes medios e pesar relativamente pouco nun país tan poboado como os EUA? Unha das razóns reside na súa gran fortaleza intelectual. En Occupy participaron activamente varias das cabezas máis espertas das ciencias sociais. Por exemplo, o antropólogo David Graeber, gran renovador do ideario anarquista ou o economista da escola marxista Richard Wolff.

Da man de Faktoría K chega ás librarías galegas Ocupa a economía. Cuestionando o capitalismo, o libro de conversas entre o xornalista David Barsamian con Wolff. Un título imprescindible para coñecer que foi Occupy e en que parámetros se está a construír o novo pensamento político de esquerdas diante da crise do capitalismo xurdida no 2007.

Wolff explica nas páxinas do libro cal foi a principal causa da crise económica que padecemos, tamén en Galicia. Contra a idea cada vez máis estendida de que nos enfrontamos a unha crise do Estado do Benestar, o economista norteamericano relaciona tres conceptos: a perda de poder adquisitivo dos salarios desde a década do 1970, o aumento espectacular dos beneficios empresariais e a desregulación do labor financeiro.

A orixe real da crise

Afirma o profesor que nunha dinámica de aumento da produción de bens de consumo, con salarios cada vez máis escasos, o estadounidense medio necesitou aumentar o seu endebedamento. Esta práctica foi alentada por un sistema económico que por un lado buscaba mercados para o empréstimo do diñeiro e por outro estaba sometido á doutrina da Reserva Federal dos xuros baixos para evitar a recesión. A burbulla inmobiliaria colisionou coa burbulla das hipotecas, deixando os balanzos dos bancos con grandes furados. Mais o problema, di Wolff, non foi ese; senón a solución aplicada desde os gobernos.

En practicamente todo o mundo, os Estados saíron ao rescate dos bancos crebados. Investíronse billóns de dólares e euros en reflotar a banca. As administracións públicas gastaron nas entidades financeiras o que tiñan gardado para os servizos esenciais. A receita non evitou o aumento do desemprego e converteu os gobernos en súbditos dos bancos, xa que para poder afrontar os gastos correntes necesitaron endebedarse, é dicir, pedirlles diñeiro aos bancos rescatados, que amablemente llelo prestan, iso si, aplicando porcentaxes de xuro moi superiores ás que eles mesmos estaban a pagar polos rescates dos que se beneficiaran. Ao final, a crise foi un negocio perfecto para o gran capital: recibían diñeiro barato e a continuación tiñan quen llo compraba máis caro.

Os asalariados caen da burra

Para Wolff, a actual crise é a culminación dun proceso de lenta detracción da plusvalía do traballo. A plusvalía é esa parte do beneficio empresarial que se obtén de restarlle ao beneficio neto de venda de calquera produto fabricado ou servizo prestado o salario que o operario cobra. Canto peor sexa o salario, máis aumenta, claro está. Desde a década do 1970, os salarios baixaron en termos reais. A crise que padecemos arestora confirma que a man de obra é hoxe un ben demasiado abundante para as empresas, que precisan menos traballadores mercé aos avances tecnolóxicos e que poden producir con soldos ben máis baixos noutros países sen ningunha dificultade para transportar e vender o producido por todo o mundo.

Di o economista que o asalariado maduro de hoxe vive, por primeira vez, o drama de pensar que os seus fillos van vivir peor ca eles, algo que non sucedeu en toda a historia do capitalismo moderno. E esa consciencia podería servir, di Wolff, para rachar a fe case relixiosa que o común dos estadounidenses ten no capitalismo.

Esa fe veu inducida por un cada vez máis controlado sistema de valores simbólicos: medios de comunicación controlados polo gran capital que á súa vez tamén dirixe a política, con moi leves diferenzas no comportamento entre demócratas e republicanos, en especial no eido económico. A lectura que o profesor fai para os EUA ben podería valer para España, onde PP e PSOE pelexan en todo o que non afecta ao modelo económico, onde o mapa de medios está cada vez máis amarrado polo poder financeiro e político.

Nese espertar das conciencias, Wolff cóntalle a Barsamian que pode estar non só o xermolo de Occupy senón o fertilizante máis efectivo para ir amodiño cambiando as cousas. O economista considera que só mediante unha actuación política mediante movementos sociais e colaboración con colectivos sindicais, gremiais, culturais… se pode conseguir un estado xeral de oposición ao actual sistema económico.

Richard D. Wolff

Richard D. Wolff

Cooperativas, gasto público, democracia económica

O libro non só fai diagnose; fai propostas. Wolff recorda como os EUA trataron a crise do 1929. Aínda que non repara en que só a chegada da II Guerra Mundial e a conseguinte medra da demanda industrial conseguiu rematar coas pésimas cifras económicas, o economista subliña que Franklin Roosevelt creou 11 millóns de empregos públicos entre o 1934 e o 1940. É dicir, máis ou menos empezaron a traballar para o Estado oito de cada cen habitantes do país. Imaxinamos un impulso semellante na Galicia actual? Que de repente a Xunta lles dese un salario a 216.000 galegos nun período de seis anos? A taxa de desemprego rexistrado no antigo INEM é hoxe de 238.203 persoas.

Como puido conseguilo Roosevelt daquelas? Conta Wolff que entre o 1929 e o 1934 se produciu a maior medra de afiliación sindical de toda a historia dos EUA. O engado da URSS, a miseria que deixara o crack e a consciencia feminista e socialista foron causas deste aumento. Como consecuencia, o goberno federal empezou a considerar esa forza colectivista cada vez máis poderosa e propúxolles ás grandes fortunas do país un pacto: o real New Deal. A cambio de manter a paz social, os ricos deberían pagar, mediante impostos, eses novos salarios. O esforzo pagou a pena durante un tempo. Melloráronse as infraestruturas dun país tan xigantesco, medrou o consumo, afianzouse o consenso capitalista. Mais, como di Wolff, Roosevelt non garantiu a irreversibilidade das reformas. Ao permitiren os seus sucesores que pouco e pouco medrasen os beneficios empresariais, todo o capital gañado se investiu en minar o vello consenso até que no 1970 xa as cousas volveran ao punto anterior. Sen regras que cumprir, presidentes como Ronald Reagan ou Bill Clinton fortaleceron o gran capital e permitíronlles especular até o infinito.

Wolff considera que a vella receita do New Deal pode reciclarse. En vez de infraestruturas, o mundo necesita máis servizos sociais básicos. Aumentar o persoal dedicado á sanidade, á educación (tamén de adultos), ao coidado de crianzas e de vellos. Simplemente evitando que os pobres paguen máis impostos ca os ricos (como denunciou que ocorre un dos homes máis ricos do mundo, Warren Buffet) habería diñeiro dispoñible para ese cambio.

Mais o economista non queda aí. Na súa revisión crítica co capitalismo e coa súa principal alternativa na historia, o comunismo, repara en que o erro principal en ambos sistemas foi considerar o espazo de traballo como unha área na que a democracia quedaba en suspenso, onde os dereitos comunmente aceptados na sociedade eran restrinxidos (o exemplo de Qatar Airways, que despide as traballadoras que queden embarazadas ilustra ben o concepto). Wolff considera que se debe estender a democracia á xestión empresarial, que as decisións se tomen en común, en beneficio da maioría, non dos intereses dos directivos. Como solución máis accesible, o profesor repara nas cooperativas. De feito, no manifesto que asinaron varios líderes de Occupy aparece citado o complexo Mondragón de Euskadi como exemplo que seguir.

A nova esquerda

Ocupa a economía é un libro básico para quen queira orientarse no turbo escenario político-económico actual. Diante dunha crise do capitalismo que debería ter consecuencias tamén na política, ao lector galego interésalle saber máis do que ferve no mundo, de onde beben propostas coma a de Podemos, o BNG ou AGE para un novo proceso constituente.

Wolff é marxista pero non un marxista de chaqueta de pana e colo cisne. As súas teorías só miran ao pasado para evitar repetir erros, non con nostalxia. A súa é unha linguaxe nova, comprensible, dedicada á maioría social. Por ese vieiro camiña a nova esquerda, a que realmente pode ser transformadora porque é comprendida pola xente, porque dá respostas actuais a problemas actuais.

Advertisements

4 comentarios en “Occupy: A democratización da economía

  1. Concordo co autor desta recensión no interese do libro de conversas con Richard D. Wolff, se ben lle aporía o seu ‘estadounidocentrismo’. É curiosa a escaseza de títulos en galego que aborden a crise económica, as súas causas e consecuencias, que contrasta coa inflación, tamén nos últimos anos, de volumes sobre filoloxía, sociolingüística e outras disciplinas relacionadas coa lingua. É todo ben sintomático e indicativo do tipo de sistema cultural existente.

    • Graciñas polo comentario. O noso sistema editorial ten certas eivas e certas inclinacións. Quizais o lector en galego sexa máis sensible á lingua que á economía. É unha opinión, simplemente

  2. Pingback: Doce libros do 2014 que paga a pena ler no 2015 | BiosBardia

  3. Pingback: ‘A utilidade do inútil’, por que si debes ir por Letras digan o que digan teus pais | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s