María Reimóndez antes da consagración

DIARIO DUN CRÍTICO RESUCITADO.

image4Unha das escritoras de máis éxito de vendas é María Reimóndez, autora con dous premios relevantes este ano: o Xerais de novela e o Relatos de Verán de La Voz de Galicia. De Reimóndez, até agora, só lera unha novela que me pareceu completamente falsa e mala: O club da calceta (Xerais). Falsa, porque de tan progresista que era, a ideoloxía que deitaba era un pouquecho reaccionaria: esa épica da máquina de coser, se non se matiza ben, acaba sendo unha loanza dun traballo cutre, mal pagado, aniquilador física e psiquicamente, etc, e acaba por tapar todo un tempo de represión, depresión, miseria física e moral e morte. Por outra banda, os diálogos semelláronme, no seu día, máis falsos que aqueles antigos pesos de chumbo que poden lembrar os da miña idade, se é que os lembran, se non, os máis maiores.

Para encher ese oco (outro máis) das miñas lecturas, busquei as obras que desta autora había na biblioteca: só dúas, Moda Galega (Positivas), que é poesía (e, por tanto, non a collín. Este diario atinxe só a narrativa) e O caderno da bitácora (Positivas), publicado hai xustamente dez anos e que mereceu o IV Premio de Novela Mulleres Progresistas. Ao acabar a lectura, debo confesar que este primeiro texto narrativo de Reimóndez interesoume máis que o que xa coñecía. O texto (sic) é o diario de navegación dunha capitá dunha nave espacial alá por non lembro xa que ano. En principio, alguén podería incluír esta novela dentro do xénero da ciencia-ficción: non me estrañaría absolutamente nada. Hai quen lle pon tal etiqueta a libros como Utopía, de Thomas Moore, ou A cidade do sol, de Tommaso Campanella. Alguén pensa que Noites de cocaína, de J. G. Ballard, é ciencia-ficción? Mais hai de todo. Tres ínclitos e coñecidos críticos literarios incluíron dentro de tal xénero unha coña miña (un canular, que din os franceses): Ucronía. Os anos agochados de Manoel-Antonio.

O libro, porén, esta ben escrito mais nunca atrapa, talvez porque á autora lle interesou máis vehicular unha certa ideoloxía do que facer unha novela.

Tal como indica o título, a presente novela ten a forma de diario. Tacticamente, a forma narrativa está ben resolta; estratexicamente, falla. Por que? Por, precisamente, novelar nun tempo e espazo indefinidos. Como ben se di na contracapa (escrita pola autora?) “Pero realmente fala da galaxia a capitana reimon?”, nome da autora do caderno, da narradora. O lector percibe que non, que fala, máis elíptica que directamente, do presente. E máis parabólica que alegoricamente (alegoría no sentido benjaminiano, xa que logo, kafkiano). De aí que o texto presente sexa unha parábola, ou, se afinamos máis, un apólogo en proxección que falla na estratexia narrativa e brilla na táctica: estratexia, cito de memoria, segundo o francés Michel Certeau, é o calculo ou manipulación de forzas, a estratexia postula un modelo; a táctica, segundo este filósofo, é a acción calculada que determina a ausencia dun modelo. Ao cabo, o lector non se enfronta nin cunha novela nin cun diario, senón cun apólogo en proxección, ese xénero tan amado polos directores hollywoodenses das series B e Z. (As series dos mortos-vivos e outras secuelas de ciencia-ficción; as de terror cutre; as policiais onde o crime sempre se paga dunha maneira ou outra, etc.)

O libro, porén, esta ben escrito mais nunca atrapa, talvez porque á autora lle interesou máis vehicular unha certa ideoloxía do que facer unha novela. Esa ideoloxía, que o lector que se achegue a este texto descubrirá axiña –outro efecto, e non precisamente secundario, do non-acerto da autora–, conduce (obriga?) a autora a encher algunhas páxinas de moralina barata (pp. 110/111), de filosofía de feirón (pp. 120/121) e de pseudo-poesía, aínda que nos momentos en que máis brilla a novela é cando a autora se esquece de todo –mesmo de narrar: en verdade non narra noito– e se deixa levar polo –digámolo lambidamente– o seu ser poético.

Outros dos fallos é o seu malogrado sentido do humor, a total ausencia de ironía, de sarcasmo e incluso, de sátira: as referencias: a forza sexa contigo, Star Trek, Dune, frases de Rimbaud, etc., non actúan ironicamente, nin en segundo grao: veñen porque veñen ou porque á autora se lle ocorreron naquel momento. Un exemplo do humor fracasado: “O mariñeiro s. marchou a algunha galaxia indeterminada na compaña de m.m. podería ser eu, pero non o son. digo que podería ser eu non porque eu puidese acompañar en nada ao mariñeiro s. senón porque eu tamén me chamo m. mesmo se case ninguén se lembra nestas latitudes”. (p. 59). Ás veces á autora dálle por frases deste calibre: “a nave avanza hoxe por un ceo no que brillan estrelas de confianza cada vez con raíces máis profundas”… “ata acabar sendo tan insignificante que nin sequera eu me vexa”, etc.

Xesús González Gómez.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s