NaNoWriMo, Novembro, o mes das novelas frenéticas

nanowrimo-logoCésar Lorenzo Gil.

NaNoWriMo é un acrónimo que oculta o pomposo nome National Novel Writing Month (Mes Nacional da Escrita de Novelas). É unha caste de certame, hoxe de alcance mundial, que propón converter o mes de novembro en 30 días de escritura frenética. O obxectivo, rematar para o día 30 do San Martiño un borrador de obra de polo menos 50.000 palabras. Pura ximnasia literaria.

O certame esténdese ano a ano pola rede como unha especie de club de ximnastas da narrativa que deciden aceptar o reto de competiren entre eles para ver se son quen de cumprir ese ambicioso obxectivo. Máis que a oportunidade de publicar ou incluso de construír textos de calidade, a idea orixinaria da competición é conseguir que as persoas aspirantes a escritoras rompan os seus propios tabús en relación á narrativa e decidan experimentar, deslizárense polos teclados, converter o desexo en realidade a través dunha dura rutina.

NaNoWriMo xurdiu nos círculos de estudos literarios da baía de San Francisco, California a finais da década do 1990. Eran os tempos pioneiros da internet e os estudantes fantaseaban sobre as posibilidades da interconexión mundial. Daqueles anos hai moita teoría sobre hipertexto, wikificción, novelas colectivas… Hoxe case todo tivo a súa oportunidade de fracasar: ao final o relato apenas evolucionou.

O primeiro certame celebrouse en San Francisco no verán do 1999. Aquela experiencia piloto foi puída e ao tempo que medraba en interese foi fixando as súas regras de cara ao primeiro NaNoWriMo tomado en serio: o mes da escritura frenética sería novembro, cando no norte de California sopra un vento fresco do Pacífico que non apetece saír da casa; o obxectivo sería presentar 50.000 palabras a día 30; as ferramentas informáticas poderían visar sen maior problema que os participantes cumpran os requisitos: nin unha liña antes de novembro, nin unha liña despois. E logo, todo o tempo do mundo para a edición.

O primeiro certame celebrouse en San Francisco no verán do 1999.

A extensión da rede favoreceu a expansión deste xogo literario. Mais foi coa eclosión do fenómeno Amazon que se consolidou como certame de alcance global. A compañía de venda de produtos culturais (entre outros) foi a primeira transnacional que se decatou do novo nicho de mercado nacente entre os aspirantes a literato. Fronte ao tradicional esquema de produción editorial, onde o autor só podía influír para construír un libro atractivo para os editores, Amazon propuxo inverter o proceso: sexa vostede o seu propio auto-editor. Aínda que ese modelo non era novo e existen grandes obras mestras que chegaron ao papel con ese sistema, a compañía de venda pola internet foi máis alá: o negocio do libro deixaba de estar sometido ás leis da escaseza do papel. O libro electrónico permite que o negocio estea na propia vaidade do autor que pode encher os andeis virtuais das librarías informáticas con tantas pezas como queira. Dá igual que o regale ou que o cobre a 1,95 dólares. Amazon conseguira o seu obxectivo de ter contidos, datos e máis datos cos que ampliar a súa posición no mercado.

Software para escritores

Non é casualidade entón que Amazon colabore na celebración do NaNoWriMo. Tampouco que se achegasen a el empresas informáticas que producen ferramentas para escritores. Programas como Scrivener ou Story Mill son moi útiles para a escrita creativa, enriquecen as posibilidades de calquera procesador de textos e danlle prioridade á cerna do certame: controlas en cada momento cantos caracteres ou palabras estás a escribir. Podes marcar obxectivos para cada xeira ou para un período determinado. Nalgúns casos, cando chegas á meta, o programa avísate cunha alarma. Ao cruzar o límite das 2.000 palabras o teu ordenador aplaudirá, lanzará foguetes ou fará soar unha fanfarria de albricias.

Os organizadores do NaNoWriMo gábanse de que centos dos seus autores son hoxe escritores con obra publicada. A gran maioría dos catalogados son libros escritos en inglés mais tamén hai unhas ducias de novelas en italiano, castelán, portugués, ruso, francés… Iso no referente aos títulos editados baixo un selo comercial; a lista de autores autopublicados, como é lóxico, é moito máis avultada.

En galego non existiu ningunha adaptación do certame. Si se sabe que algúns nomes mostraron o seu interese en acollerse ás regras do Novembro Frenético mais non trascendeu se cumpriron os obxectivos e se o produto dese mes de ximnasia tivo fortuna.

Se alguén se anima, que nolo conte. En Biosbardia ten espazo para encontrar azos, apoio dos lectores e o que precise.

Advertisements

3 comentarios en “NaNoWriMo, Novembro, o mes das novelas frenéticas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s