Unha recensión sobre a narrativa de Rodríguez Fer que non vou escribir

DIARIO DUN CRÍTICO RESUCITADO.

claudioEncetei a lectura de Contos e descontos. Narrativa completa (Toxosoutos), de Claudio Rodríguez Fer na sala de espera dun policlínico compostelán, o que sempre é un mal inicio. O volume que conforma esta narrativa completa componse de catro libros: “Prometeo adolescente (1972-1976)”, é dicir, cando o autor tiña entre 16 e 20 anos, aínda que nos avisa nas palabras limiares que lle pon ao libro que “as primeiras partes, “Pre-relatos” (formada por micro-contos) e todo o ciclo de Ión, conformaron o meu primeiro e non nato libro narrativo”. A este libro o autor engadíralle un prólogo datado en 1973/1974, no que citaba as súas, digamos, influencias: Proust, Kafka, Joyce e Faulkner no estilo; na teoría Poe, Chékhov e o formalismo ruso. O contido era “explicado á luz dos polos nietzscheanos do apolíneo e o dionisíaco; e o significado, citando aquí os diversos autores estruturalistas e, finalmente, Borges”.

O comentarista, se estivese a escribir unha recensión deste libro, podía dubidar das palabras do autor neste «Limiar retrospectivo», mais, baixo palabra de honra, vai acreditar nas súas palabras e só engadir, a respecto dos relatos que conforman “Prometeo adolescente” (20 contos): Así che saíron, meu caro.

O comentarista, no entanto, engadirá “y pedantones al paño/ que miran callan y piensan/ que saben, porque no beben/ el vino de las tabernas” (a división debe ser esta, polo número sílabas, e os versos lémbroos porque os cantaba Serrat). E non porque a estes contos lles falte viño, que lles falta, mesmo “pelexón”, senón… adivíñeo o lector. Os autoprólogos adoitan ser autopoéticas, moitas veces; outras son confesións: a maioría, meros reclamos publicitarios.

Aquí, nin erotismo dos outros nin pornografía de capados. No fondo, todo este volume é un exercicio de humor, a custa do lector: Rodríguez Fer no fondo é un grande humorista.

A segunda cousa que diría o comentarista na súa recensión, se a fixer, sería preguntarse: o autor, ao publicar estes contos, non os revisou e corrixiu? Non pola calidade intrínseca dos contos –que non teñen moita, tampouco é de estrañar, non é Rimbaud quen quere, senón quen pode– xa que neles hai palabras que naqueles anos non usaba case ninguén, non só en galego, senón en francés, español, catalán, portugués e mesmo inglés: minimalista, por exemplo. O comentarista, na súa presunta recensión, preguntaríase se o autor naqueles anos, que van de 1972 a 1976, escribiu os seus contos en galego, porque o comentarista lembra, ou xulga lembrar, que naqueles anos o autor escribía na ‘Taboa redonda’, de El Progreso, de Lugo… en castelán.

Despois deste relatos xuvenís, mera aprendizaxe, vén o segundo libro, “Meta-relatos”, uns cantos dos cales foran publicados por Xerais. Estes relatos non son relatos, e moito menos o que di o autor: “reflexión sobre o fenómeno narrativo e, por extensión progresiva do literario ao cósmico en forma de ficción”. A verdade é que aquí, de reflexión, nada de nada: amoreamento de frases e citas de autores e de libros lidos (asimilados?); non, infelizmente, de saberes (poéticos, reflexivos e/ou narrativos) aprendidos nos libros ou autores citados.

Mais isto non é unha recensión e debemos acabar. De 1984 a 2009 hai unha serie de relatos recollidos baixo o título de «Os paraísos eróticos». Sobre erotismo hai moito escrito, e bo: de Bataille a Sarane Alexandrian pasando, por exemplo, por Juan-Eduardo Cirlot, Jacques Pauvert, Julio Cortázar, Annie Le Brun etc. Eu quedo con dúas definicións, unha do editor surrealista Eric Losfeld –editor, clandestino, de múltiplos libros eróticos e pornográficos, o que lle valeu ser o editor máis castigado pola censura da V República Francesa, máis que o mítico Maspero–: “a pornografía é o erotismo dos outros”. E outra do escritor galego J.A.M: “o erotismo é a pornografía dos capados”. Aquí, nin erotismo dos outros nin pornografía de capados. No fondo, todo este volume é un exercicio de humor, a custa do lector: Rodríguez Fer no fondo é un grande humorista (vou ter que reler a Freud e os seus estudos sobre o chiste, a Robert Escarpit e a Celestino Fernández de la Vega).

Xesús González Gómez.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s