Rosa Aneiros: “Non podemos pintarlle á mocidade o futuro en negro”

rCésar Lorenzo Gil.

Común noutros sistemas, a verdade é que poucas veces unha triloxía de literatura xuvenil escrita en galego consegue o éxito e a resposta lectora de Ámote Leo A. (Destino Xalundes, Estación de tránsito e Terminal de… chegadas?), publicada por Xerais. Conversamos coa súa autora, Rosa Aneiros (Meirás, Valdoviño, 1976), sobre este proxecto. Tamén sobre creación literaria e lectores.

A triloxía como concepto editorial triunfa moitas veces na literatura xuvenil. Estou pensando na saga d’Os xogos da fame, de Suzanne Collins. Como deseñou vostede o proxecto Ámote Leo A.?

Primeiro sen saber se ía ser unha triloxía ou unha única novela. Para min escribir non é seguir un guión, é enfrontarme a un reto. Nunca parto dun formato definido senón dun desafío. A serie foi para min, como escritora, a maneira de liberarme dos universos das miñas anteriores obras, Sol de Inverno e Ás de bolboreta, que se desenvolvían en universos de certa tristura, de certa dor. Necesitaba crear un mundo no que desfrutar, abrir a mente. Deime de conta de que a viaxe era un concepto que conectaba con esa alegría da vida e empecei a tirar dese fío. É logo, cando empezo a profundar na personaxe de Leo, cando empezo a vela como unha personalidade tan forte que sobarda calquera límite, cando a viaxe pasa a ser unha escusa, cando o texto empeza a medrar tanto que me obriga a pensar en como construílo… é nese momento (e recordo perfectamente o intre exacto) no que decido converter a historia nunha triloxía. Para conseguir que un texto literario sexa accesible ás veces hai que partir da complexidade, ir modelándoa até que encontramos o mellor camiño para nos expresar. Para min, unha novela é unha fórmula na que todo casa.

Para min, unha novela é unha fórmula na que todo casa.

A resposta dos lectores da triloxía foi excepcional. O personaxe de Leo tamén callou neles. Como viviu esta experiencia paraliteraria? Pode ser que estas sensacións só se vivan no contexto do libro infantil e xuvenil?

Coido que cada obra ten a súa propia resposta. Cando publiquei Resistencia (Xerais) sorprendinme da reacción da xente que lía a historia. Coido que no caso de Leo A. esa resposta foi máis entusiasta, máis espontánea. Neste tempo tamén é máis visible porque se sustenta nas redes sociais, especialmente o facebook e o twitter. E desta volta volvinme sorprender ao ver chíos con citas dos libros, fotografías baseadas nos personaxes… Foi moi gratificante recuperar esa sensación que eu tiña con 14 anos de que todo era posible, de que a vida era unha páxina en branco e podiamos aspirar a todo. Eu son xornalista de profesión. Como observadora da realidade, dáme moita mágoa esta especie de determinismo gris que se bota enriba da mocidade: habedes estudar para nada, para emigrar ou para estardes no paro. O mellor que vos pode pasar será terdes un traballo precario. Pois non. Hai que cultivar a esperanza, o espírito crítico. Un dos motivos de escribir esta historia é tamén reaccionar a un tipo de literatura para mozos baseada en experiencias acríticas. Vou dar un nome: Federico Moccia. Ese tipo de libros móstranos unha forma de vivir contraria ao que debe ser a xuventude. Por iso os personaxes da miña triloxía son valentes, son arriscados, son diferentes. Porque esa actitude non a debemos perder nunca, especialmente cando empezamos a vida adulta.

A literatura galega non está afeita a un diálogo tan fluído entre lectores e escritores. Incluso vostede, seguramente, publicou libros para adultos que non tiveron esa resposta malia os seus méritos. Non se acaba por crear un dilema: escribir para a mocidade é máis agradecido, polo tanto por que arriscarse ao silencio, á indiferenza?

Nunca penso neses termos. No meu caso, cada historia encontra o seu público. Ao imaxinala, ao construíla, vai atopando a faixa de idade na que se “sente cómoda”. Non é certo que haxa unha única literatura infantil e xuvenil. Non é o mesmo ler con tres anos que con cinco; con oito que con 11. Eses matices son importantes, aínda que a outro nivel cada libro poida ser lido e desfrutado polos adultos. Mais a secuencia nunca opera na outra dirección. Sempre é primeiro a historia e logo o público, non ao revés.

Explíqueme como funciona o proceso de creación no seu caso.

Onde primeiro escribo é na cabeza. Teño moitas historias circulando pola mente; vounas agrandando na primeira fase sen escribir nin unha liña, nin unha nota. Vou camiñando e vou pensando en tal ou cal momento da acción; quedo no parque coa miña nena de dous anos e perfilo este ou aquel personaxe. Só cando a historia está amadurecida é que me poño a contala. E aí empeza outro proceso porque todo aquilo que pensara moitas veces acaba esborrallado. Gústame escribir porque é escribindo que constrúo o relato. É a medida que vou construíndo a historia que os personaxes, as escenas, os conflitos van collendo corpo, vanse desvelando a medida que os creo. Iso paréceme fascinante. Pero tamén hei recoñecer que me custa pórme a escribir porque preciso que o relato estea pronto e me pida saír.

É a medida que vou construíndo a historia que os personaxes, as escenas, os conflitos van collendo corpo, vanse desvelando a medida que os creo.

É vostede unha escritora metódica ou impulsiva?

Escribo por necesidade. Non podo vivir sen escribir pero para escribir dependo da vida. Houbo momentos nos que tiven tempo e fun constante. Na redacción de Resistencia escribía cada tarde, moitos meses de traballo intenso. No caso de Sol de Inverno escribín as primeiras 40 páxinas dunha sentada, non sei en cantas horas. Mais logo tiven que preparar unhas oposicións e estiven moito tempo sen poder escribir. Como dicía antes, cando me poño a escribir é porque a historia está fabricada na miña cabeza. É por iso que teño certa présa en construír o esquelete inicial, en levar con éxito o fío do inicio ao final. Logo é hora de corrixir. Esa é a fase máis importante. O máis importante é tomar distancia co texto. De tanta proximidade, un autor non le o que escribe, pasa polas liñas máis coa memoria ca cos ollos. Iso é malo. Cómpre deixar o texto un tempo só, lonxe. Cando voltas a el, levas moitas sorpresas. Páxinas que recordabas perfectas non valen nada; outras que contabas con refacer resulta que non estaban nada mal. É nese tempo cando o escrito colle substancia.

“Para entendermos o tempo de hoxe teremos que ir á literatura, non á prensa”

Fala da dependencia que a creación ten da vida. E tamén da súa filla. Na narrativa escrita por mulleres do século XXI, amais do cuarto propio do que falaba Woolf, que influencia teñen os propios cambios vitais, por exemplo a medra da familia?

Non penso que iso sexa un problema feminino. Hoxe eses cambios de contexto afectan tanto as mulleres coma os homes. E non son unicamente problemas relativos á familia, é o traballo ou a súa falta, cambios de domicilio… Xa non existen aqueles escritores homes que dispuñan de seis horas ao día para pórse a escribir porque a muller coidaba da casa e da familia. Os tempos cambiaron e os ritmos de dedicación á literatura axéitanse aos tempos da propia vida.

E paradoxalmente, tal e como explicaba Fran Alonso tamén en Biosbardia, nunca tantos escritores profesionais houbo en Galicia, considerando profesionais persoas sen emprego que ocupan as horas de cada día facendo literatura. Non pode haber overbooking de orixinais dentro dun tempo?

Non creo. A conxuntura editorial é moi dinámica. Absorbe moitos textos. Mentres uns publican os outros escriben. Uns empezan unha novela, outros toman un descanso logo de varios anos dedicándose á literatura. É bo que haxa relevo, é bo que haxa talento trabalando. E esta situación, teño que dicir, vívoa cunha mestura de sentimentos. É dramático que tantos xornalistas que saben escribir tan ben hoxe non estean redactando reportaxes e entrevistas na prensa, que non teñan onde amosar ese talento. E é dramático porque vivimos un tempo que hai que contar e quizais os que o deberían contar ou ben están no paro ou ben están abafados nas redaccións con ocupacións sen importancia por culpa da precariedade ou das axendas dos medios. Pero ao mesmo tempo coido que vai quedar testemuño literario desta época mediante esas obras que se están a escribir. No futuro seguramente leremos a Diego Ameixeiras para entender que pasou na Galicia deste momento. E coido que ese diálogo dos novos escritores coa realidade vai atraer novos lectores que habitualmente non lían en galego. Así que malia ser unha situación que me pon triste, por outro lado dáme moita alegría.

Cando escribimos case nunca somos conscientes de que factores extraliterarios van atinxir o noso traballo.

No 2009, vostede fixo algo que ninguén fixera. No mesmo día gañou os premios de Literatura Xuvenil (hoxe denominado Jules Verne) e de Novela de Xerais, con Ás de bolboreta e Sol de Inverno, respectivamente. Logo destes anos, non pensa que este feito lle afectou á recepción dos libros, especialmente a novela de adultos?

Pode ser que si pero era unha consecuencia involuntaria. Gañei os dous certames pero eu non o sabía; ben podía non ter gañado ningún. Si comparto esa sensación de que quizais un libro tapou o outro pero quizais interviron outros factores.

Sol de Inverno é, coido, unha das súas novelas máis arriscadas, unha voz en segunda persoa que se mantén firme de principio a fin, unha historia con moitos escenarios, moitos tempos, moitas referencias… Mais dáme a sensación de que non tivo unha acollida axeitada entre a crítica e os lectores.

Non me queixo nin da crítica nin da recepción do público. Para min como escritora foi un deafío, tanto técnico coma argumental porque era un relato que lle debía ao meu padriño. É certo que quizais non se falou moito da obra pero aí penso que tivo algo a ver certa saturación, naquel tempo, da memoria histórica. Aínda que eu estou en desacordo con esa premisa, para moita xente houbo un exceso de historias ambientadas na Guerra do 36. Sol de Inverno saía dos límites habituais nesas novelas pero aínda así caeu nese mesmo saco de fatigas. Cando escribimos case nunca somos conscientes de que factores extraliterarios van atinxir o noso traballo. E case sempre o máis importante que lle pasa a unha novela ten a ver xustamente con ese contexto inesperado.

De aí que sexa imprevisible a lista de máis vendidos.

Escribir non é coma facer pan. A base de práctica sabemos que se poñemos a mesma cantidade de fariña, de auga e de sal, se amasamos así, deixamos levedar tanto tempo a tanta temperatura e cocemos no forno tanto tempo a tal lume, máis ou menos cada vez as barras van saír igual. Cos libros iso non pasa. Non hai receitas que funcionen. Ese conto de que se colocas unha dose de misterio, sexo, crítica social e non sei que máis tes o éxito asegurado en realidade é unha mentira.

Pregúntolle como escritora de ficción mais tamén como xornalista. Como ve o sistema de mediación informativa do libro en Galicia?

O caso galego, nese sentido, ten unha gran complicación. Os grandes medios do país teñen pouco espazo para o libro galego; é máis, non tratan as publicacións en galego como literatura senón como literatura en galego. Iso xa condiciona a quen le a prensa. Xa non te valoran á altura da literatura senón que te poñen nun apartado específico. Implicitamente, condiciona os lectores. Coido que no eido da crítica, temos moita crítica de altura, académica, filolóxica, cun rexistro pensado para universitarios, non para lectores. Penso que falta unha crítica escrita con rexistro xornalístico, máis pragmática, caso da crítica cinematográfica, que busca un vocabulario accesible para chegar a todos os públicos. Faltan espazos para chegar ao público xeral. Faltan voces que lle falen a ese público con palabras que entendan.

Ese conto de que se colocas unha dose de misterio, sexo, crítica social e non sei que máis tes o éxito asegurado en realidade é unha mentira.

Que libro que leu hai pouco recomenda que leamos?

Recomendo cento por cento A vaca que puxo un ovo, de Andy Cutbill e Russell Ayto, publicado por Patasdepeixe. É un libro para cativos que lin coa miña filla e que adorei. Ten unha historia ben enfiada que esperta o interese por ver como conseguen resolvela os autores. Hai quen pensa que a literatura infantil non ten valor e incluso quen a despreza como literatura.

Quizais algo tivo a ver esa obsesión por converter a literatura en pedagoxía.

Seguro. Mais o importante é que entendamos que literatura é todo aquilo que nos axuda a entender o mundo. Hai quen di que escribir para nenos é máis fácil. Incluso quen leva esa máxima á práctica e así sae o que sae ás veces. Pero eu penso o contrario, penso que é complicado escribir ben para o público infantil, especialmente porque hai que respectar o lector ao máximo, respectalo e ter en conta que cando se crean lectores non só estamos a escribir para o presente senón tamén para que eses lectores sexan lectores no futuro.

Advertisements

Un comentario en “Rosa Aneiros: “Non podemos pintarlle á mocidade o futuro en negro”

  1. Pingback: Rosa Aneiros: “Non podemos pintarlle á mocidade o futuro en negro” | ::Axenda cultural AELG::

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s