Francisco Castro “interruptus” e a miopía de Castelao na URSS

sempre-galiza-recordando-castelao-L-e8zcwCDIARIO DUN CRÍTICO RESUCITADO.

Inicio a lectura d’As palabras da néboa, de Francisco Castro, editado por Galaxia. Este libro collino da biblioteca porque deste autor comentei, no seu día, o que debeu ser a súa primeira entrega narrativa. Non lembro o que dixen entón, algunha animalada, mais aos meus amigos e coñecidos, cando sae o seu nome, sempre lles digo que quen escribira aquela cousa é incapaz de argallar (narrativamente falando) algo mediano. Mais pasa o tempo e todos aprendemos e desaprendemos e resulta que un escritor do que leramos unha primeira obra e non nos interesara produciu, ao longo dos anos, algunha que outra que é lexíbel ou máis que lexíbel.

Que dicir desta novela?

No 1974, ou 1973, non podo precisar o ano, estreouse unha película de Ignacio F. Iquino, Aborto criminal. En Radio Peninsular de Barcelona (Radio Peninsular era a emisora comercial de Radio Nacional de España, que desapareceu no 1978: en Barcelona durou até o 1984) o programa nocturno estaba dedicado, claro, ao mundo da farándula, do cinema, do teatro, da canción, etc. Non lembro o título do programa, lembro, iso si, que o dirixía Miguel Rey. Como comentarista de cine: Jorge Fiestas, que tamén colaboraba, entre outras, na revista Fotogramas. Fiestas comentaba cada día unha ou dúas películas, segundo o número de estreas. O día que se estreou a película de Iquino apareceu, como sempre, á súa hora nos estudios de RNE. As palabras, máis ou menos, de Fiestas, foron as seguintes:

“Hoy, en el cine Comedia de nuestra ciudad, situado en el Paseo de Gracia confluencia con la Gran Vía, muy cerca de la sede desde donde emitimos se ha estrenado la película de Ignacio Fernandez Iquino Aborto criminal, interpretada por Simón Andreu [non lembro quen máis: Emma Cohen?]. ¿Por qué? Buenas noches y hasta mañana”.

A respecto desta novela podiamos escribir, mais ou menos, o mesmo. [Aviso ao lector, a partir da páxina 31, despois de ler as seguintes liñas, “Cando ela acordou (e xa nunca saberemos como acababa o soño, se era paraíso ou pesadelo) o primeiro que ollou foi a ollada grave, case asustada, de don Luís”, só lin frases soltas e parágrafos en diagonal, até a última páxina, que produce un final xa imaxinado por min na páxina 30: final consolativo para uso de clases subalternas, progres idiotizados e lectores choromiqueiros.]

As confusións de Alonso Montero

Despois da tortura inflixida ás miñas pouco áxiles e xa enferruxadas meninxes por semellante ersatz, que non me atrevo a catalogar (por medo a quedar curto), entro, como idiota desnamorado, en Castelao na Unión Soviética en 1938 (Xerais), de Xesús Alonso Montero.

O máis interesante deste libro, en primeira instancia, non é o que di Castelao da URSS ou sobre a URSS, que, como todo viaxeiro que era convidado oficialmente, viu o que lle deixaron ver e como, ademais, non sabia ruso, pouco podía decatarse. Tampouco sería o máis interesante o que Castelo percibe da URSS (como veremos, máis do que el e Alonso pensan). O importante do libro é a “desmontaxe” (hoxe diriamos “deconstrución”) dalgunhas historias, verdadeiras lendas urbanas, que se argallaron sobre a viaxe de Castelao á URSS: algunha supera o realismo máxico, abofé! Fóra diso, o libro é case nada.

Segundo Alonso, Castelao, como outros españois non comunistas que viaxaron á URSS no tempo da guerra civil, asimilou certas influencias do comunismo. Antes de entrarmos en materia habería que matizar algunha cousa: Alonso Montero adoita confundir marxismo con comunismo e comunismo coas consignas e prácticas dos partidos comunistas “oficiais”. Por exemplo, o italiano Camilo Berneri –asasinado polos stalinistas en Barcelona en maio do 1937– era tan comunista coma Antonio Gramsci (do que fixo a loanza desde os micrófonos de Radio Barcelona cando a morte do dirixente do Partido comunista italiano). Comunistas adoitan ser a maioría dos anarquistas (non se fala, ou falaba, de comunismo libertario?). Vén esta matización a conto porque para Alonso só son comunistas os que militaban en partidos comunistas prosoviéticos, e, en certa maneira, para reivindicar a figura de Suárez Picallo, achegado os anarquistas fronte aos stalinistas. Picallo, sen ir á URSS, percibiu moito mellor o que acontecía naquel país como no interior dos PC’s: de aí, a talvez, o seu achegamento aos anarquistas. Por outra parte, quen pode negalo: o sadense era moito máis progresista que Castelao.

Dos textos laudatorios de Castelao sobre a URSS que reproduce Alonso habería moitas cousas a dicir, e algunhas as di o propio Alonso, sen nunca, porén, chegar ao fondo da cuestión, pois dá a impresión que Alonso o que esta a crear é unha nova “lenda urbana”, máis “científica”, ou con máis datos, sobre esta viaxe e a posterior “pegada” do comunismo no rianxeiro.

Castelao cando viaxou a URSS non se decatou de nada: nin de como vivían os obreiros, nin da represión sobre pobos e homes/mulleres, nin das purgas, nin dos asasinatos masivos, nin da fame case crónica, etc. As súas palabras sobre o stakhanovismo son penosas. Como penosas son as súas declaracións sobre a política das nacionalidades. De nada disto, avisa Alonso, sobre todo das purgas, dixo palabra Castelao. Para resumirmos –que isto se alonga demasiado–, o rianxeiro reproduciu, pasada pola súa persoal peneira, toda a propaganda que lle introduciron os soviéticos e os seus colegas españois, de aí que, como afirmara Guerra da Cal, o rianxeiro oficiara en Nova York “misas stalinistas de pontifical”: obsérvese: stalinistas, non comunistas.

Castelao cando viaxou a URSS non se decatou de nada: nin de como vivían os obreiros, nin da represión sobre pobos e homes/mulleres, nin das purgas, nin dos asasinatos masivos, nin da fame case crónica, etc.

Sobre a recepción por parte de Castelo das teses positivistas ou neo-positivistas de Stalin sobre as nacións ou nacionalidades, non debemos estrañarnos que as asumise case literalmente: ao cabo, as teorías da nación que usaba Castelao até entón non eran máis que glosas a Vicente Risco e algún outro. Das outras teorías marxistas sobre a nación, do austromarxismo (Bauer e Renner sobre todo) ao indio Roy pasando por Rosa Luxemburg ou Pannekoek, o rianxeiro, e case todo cristo naqueles anos, nin tiña pajolera idea. Por outra banda, Castelao, como tantos outros, non percibiu que seguindo a Stalin na súa teorización, Galicia, ou o Brasil, non serían nacións. Mais non imos entrar agora e aquí nestas disquisicións, que levarían moito tempo. Outro día pensaremos nelas ou sobre elas, ben que non é necesario: marxismo e nacionalismo son incompátibeis.

Acabemos con algunhas, mínimas, puntualizacións e/ou recordatorios.

  1. Na dedicatoria, Alonso escribe: “A min ségueme engaiolando a Unión Soviética (planetaria) teorizada por Lenin, Rosa Luxemburgo (sic), Antonio Gramsci, Manuel Sacristán, Pietro Molteni, Mercedes Núñez Targa…”. Supoño que, coas présas, se lle esqueceron os nomes de León Trotski, Nicolai Bukharin, Enrico Malatesta, P. Kropotkin, George Orwell, Karl Korsch e tantos outros, todos eles anatemizados e outros asasinados por algúns daqueles que fixeron a única Unión Soviética que existiu até hoxe, e que foi o inferno para o proletariado e a negación diaria e sistemática dos principios comunistas e marxistas. A esquerda, se quere resucitar neste século XXI, debe, dunha vez por todas, como xa avisaba Orwell nos anos 1940, enterrar o bolxevismo, os produtos do bolxevismo: só así poderá renacer un verdadeiro socialismo/comunismo igualitario/equitativo e realmente democrático.
  2. Nótese a “clarividencia” a contrario de Castelao nestes fragmentos: “Entre la URSS y los EE.UU. no hay más que esta diferencia y con ella se da un paso gigantesco: el capitalismo pasado de manos de los capitalistas a manos del Estado [subliño eu, XGG]. Y nada más por ahora. ¿Será necesario avanzar más? No lo sé; pero con esto basta para no detener el progreso y hacer que las máquinas sirvan para aliviar al hombre y para redimirlo del excesivo trabajo.

“¿Podremos llegar en España a un capitalismo del Estado? Quizá en España se luche por otra cosa…”.

Castelao, ao non ser nin marxista nin comunista, e querendo “loar” a URSS como bo liberal e populista, descobre a súa verdadeira faciana, a da URSS, non a súa propia: agora o obreiro non é explotado por capitalistas individuais, senón polo Estado. [Todo sabemos, con ler dous ou tres fragmentos de herr doktor Marx ou do amante da caza do raposo F. Engels –e non só as lapelas dos seus libros en edicións da antiga Academia de Ciencias da URSS–, que en última análise, o importante non é a propiedade dos medios de produción –con ser importante– senón as relacións de produción. (Este texto, segundo Alonso é do 1938-1939.)

  1. Páxina 33, dunha carta a Rodolfo Prada: “Os estímulos individuales aseguran o éisito dos plans, e na URSS téndese a crear unha élite, non vitalicia nin hereditaria, para rexir a vida e os destiños do pobo […] En ningún outro país do mundo se oferece mellor porvir aos traballadores. Un stajanovista pode ganar cinco veces máis que un obreiro ordinario […]” (os subliñados son meus, XGG.)

Crear unha elite: o que se creou. Segundo os trotskistas, a burocracia; para outros unha nova caste de capitalistas ou unha nova clase, etc. E Castelao peca de inxenuo: as elites acaban eternizándose (non esquezamos a famosa “xerontocracia” soviética) e converténdose en hereditarias (Corea do Norte, traspaso de poderes entre irmáns en Cuba, etc). É dicir, autoreproducíndose, ben que, de cando en vez, para “renovarse” –cando se autoperciben enferruxadas–, boten man das purgas, máis ou menos asasinas e/ou violentas. (Na URSS: a famosa xerontocracia e os catro últimos presidentes da URSS/Rusia saíron todos da elite da KGB: Andropov, Gorbachov, Eltsin e Putin.)

E Castelao peca de inxenuo: as elites acaban eternizándose (non esquezamos a famosa “xerontocracia” soviética) e converténdose en hereditarias (Corea do Norte, traspaso de poderes entre irmáns en Cuba, etc).

Obsérvese, ademais, que Castelao fala de estímulos individuais [é dicir, superexplotación] e afirma que aos traballadores se lles ofrece un porvir mellor: A ollada inxenua, liberal, populista de Castelao non pode entender que aos obreiros non hai que ofrecerlles nada: deben facelo eles. Mais o rianxeiro dixo o que viu e lle deixaron ver e, ao non ser marxista nin comunista, considera loábel que aos obreiros se lles ofreza un socialismo no canto de que estes, os obreiros, o constrúan.

  1. Por último, e lembrando que se poderían facer máis precisións deste tipo que se lle escapan a Alonso Montero, porque a súa tese de inicio estaba formada antes de traballar no material que tivo entre mans, aclaremos algo.

Alonso fala dun Castelao esquecido ou silenciado polos estudosos (non o vou negar, para que?), mais el, tamén, en certa maneira, agocha datos que están aí para que a súa tese lle saia, máis ou menos (a pesar de críticas a Castelao) “redonda”. A partir do 1940, Castelao afástase dos comunistas, coñécense as cartas en que afirma que os comunistas queren a unidade: eles a unidade e nós o cero, afirmaba o rianxeiro. Noutra carta, a Rodolfo Prada? (teño a miña biblioteca a mil quilómetros, desculpen), acusa os comunistas de seren os culpábeis, polas súas manobras de división, de que se perdesen as eleccións do Centro Galego da Habana –ao principio dos anos 1940. Ou mesmo Alonso esquece o escrito de Lourenzo Varela contra Castelao (anos 1940) que publicou X. L. Axeitos nun volume editado por Ediciós do Castro dentro da Biblioteca do Exilio. Escrito que, oh la la, case ninguén cita.

O problema, a maioría das veces, dos libros de Alonso é que formulan preguntas ás que el mesmo dá resposta sen, non obstante, “disolver” os problemas falsos: e a “suposta” pegada ou influencia do “comunismo” soviético en Castelao é un problema falso… ou traído polos pelos.

En fin, Castelao era o que era: nin un santo nin un ser iluminado que nunca cometeu erros: cometeunos e ás veces graves. Con asumilos, non pasa nada. Mais, sobre todo, non fagamos de Castelao o que non era: como todo fillo de nai tiña as súas contradicións e ao ser un home de mil pezas sufriu centos de influencias, unhas benéficas e outras non tanto, que fixeron del o que é, non o que, na nosa ideoloxía, queremos que sexa.

Xesús González Gómez.

Advertisements

Un comentario en “Francisco Castro “interruptus” e a miopía de Castelao na URSS

  1. Este texto de XGG lémbrame un chiste que circula pola internet. Vai Esperanza Aguirre conducindo o autobús da orquestra Panorama e a xente nas beiras, asustada, exclama: “Conaaa!”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s