‘O Gran Reino’: Mediocre historia para unha brillante personaxe

9788499147383Galadriel Vilas Souto é unha das personaxes máis interesantes das creadas ultimamente en Galicia. Ten 14 anos, non ten ningunha amiga. Combina intelixencia, astucia e certo desprezo polos seus semellantes que a fai moi atractiva literariamente. Amais de todo, ten unha imaxinación infinda e cos seus anos foi quen de crear un universo complexo, incluídos os seres que o habitan (iso si, entre os seus talentos non está o debuxo: diría máis, debuxa coma un home maior imitando a forma dos deseños dun neno pequeno.

A mala sorte de Gala (que seica no seu contorno parece menos estraño ca Galadriel) é que deu, como personaxe, cun autor que parece que só a creou para a xulgar, para poñela de exemplo do que non debe ser unha adolescente galega. E para conseguilo inventou unha historia, O Gran Reino, que lle queda pequena, que como único valor ten o de servirnos para coñecer esta fantástica personaxe.

O Gran Reino, de Eduardo Santiago, gañou o Premio Jules Verne de Libro Xuvenil que convocou Xerais este ano. É un libro pensado como resposta á moda dos relatos sobre universos paralelos, mundos fantásticos pensados principalmente para o público adolescente. Xa saben como vai o tema. Gala le e le destes libros até que non pensa noutra cousa e acaba tola (o adxectivo utilízao o autor en varias ocasións), convencida de que vive nun deses universos, Margonia, creado curiosamente por ela mesma.

Mais ao contrario do que pasaba no Quixote, Santiago para nada emprega o humor, a parodia ou a decostrución desoutros libros que quere criticar. En troques, converte a Gala nunha enferma que rexeita a comida; ese é só un dos seus defectos, tamén é manipuladora, misántropa e ten certos toques psicopáticos.

O mellor deste libro é que compensa lelo só pola personaxe de Galadriel Vilas. As nosas letras (máis no caso das pensadas para nenos e mozos) apenas contan con personalidades tan ricas, atractivas e complexas. Normalmente son criaturas planas, algunhas veces por desgraza simples prototipos pedagóxicos.

Persoalmente coido que Eduardo Santiago tamén quixo ensaiar con Gala unha composición pedagóxica: ela é un exemplo do que non debe ser unha rapaza. Non pasa nada. Tamén o doutor Fleming descubriu a penicilina por ser un pouquecho deixado coa limpeza. Os camiños do enxeño non teñen por que seren dereitos sempre.

O mellor deste libro é que compensa lelo só pola personaxe de Galadriel Vilas. As nosas letras (máis no caso das pensadas para nenos e mozos) apenas contan con personalidades tan ricas, atractivas e complexas.

O libro abala entre dúas realidades: a cotiá de Gala en Vigo, en loita constante contra os mandados dos adultos e máis tarde sometida a un tratamento psiquiátrico. E a fantástica, a que se desenvolve en Margonia, ese mundo en perigo de desaparición que é ao mesmo tempo invento e recreación doutros universos aprendidos pola moza.

A parte de Margonia ten nulo interese narrativo. Nela, o personaxe de Gala deslízase sen graza nunha trama aburrida e superficial. Éntranme dúbidas de que nun primeiro borrador, Eduardo Santiago tivese intención de contarnos unha outra historia de universos paralelos porque se a súa idea era expresar o fastío por este tipo de relatos, utiliza demasiadas páxinas, copia as convencións do xénero e en ningures aparece o distanciamento ou a ironía precisas para captarmos esa posición de cansazo.

Neste parágrafo final da crítica, teño que compartir unha confidencia: para min que os debuxos abominables dos habitantes de Margonia non son obra de Galadriel Vilas. Dáme a min que son obra dun home que remedou (con ben pouco éxito) os supostos garabatos dunha menor. Eis o derradeiro misterio que nos queda: seguro que os debuxos orixinais de Gala están á altura dos seus demais talentos. Se alguén os atopa, que nolos envíe para publicalos en Biosbardia.

♦ O Gran Reino, de Eduardo Santiago, Xerais, 2014. 322 páxinas. ♠13,60€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s