Os mellores libros sobre Lois Pereiro e a nosa Xeración Perdida

Manuel Veiga Taboada.

O concepto de Xeración Perdida, como moitos outros conceptos sociais, admite varias interpretacións e varias orixes xenéticas. O seu primeiro significado alude a calquera xeración que non se identifica cos valores herdados dos seus pais e que, incapaz de cambialos, decide situarse á marxe. Ás veces, non hai unha vontade propia de saírse do camiño establecido, senón que a desconexión é debida a unha forza maior, por exemplo ás consecuencias dunha guerra, á emigración dos pais que deixa un gran número de rapaces en situación precaria, etc.

É certo que cando se fala de Xeración Perdida case sempre se está un a referir ao nivel artístico, pero hai que ter en conta que a expresión artística ten case sempre moito que ver, de forma consciente ou non, con cambios sociais de maior tamaño que lle afectan a un número moito maior de persoas, neste caso de mozos.

Fragmento da capa do libro 'Futuro imperfecto', de Xulia Alonso.

Fragmento da capa do libro ‘Futuro imperfecto’, de Xulia Alonso.

Poderiamos comezar por dicir que a primeira gran desconexión moderna, unha perda real de identidade, prodúcese co paso da sociedade artesanal ou agraria (na que o traballo realizado se parece ou transcorre a un ritmo paralelo ao dos obxectos cos que se traballa), á sociedade industrial (onde a relación entre o traballo esixido e os obxectos producidos é moito máis distante, ás veces difícil de vincular a simple vista). Estamos próximos ao concepto de alienación, pero non é diso do que imos falar.

En todo o caso, digamos que a fin da II Guerra Mundial, e o xigantesco empuxe que recibe nese momento a industrialización nas sociedades avanzadas, produce unha desconexión que unha parte máis sensíbel da mocidade é capaz de percibir, até o punto de que decide reaccionar, se non contra ela, si cuestionándose o novo papel que a sociedade lle atribúe. De aquí partiría, cando menos en certa medida, o espírito da Xeración Perdida estadounidense, a máis coñecida.

Podemos entender que en Jack Kerouac hai un interese por distanciarse do inxente desenvolvemento técnico que se está producindo, así como das pautas que ofrece e un desexo de apalpar a sociedade estadounidense, tal e como aínda é, coas súas propias mans e ollos e a través das súas propias sensacións. Para iso non encontrará nada mellor que un automóbil e unha estrada, sen meta definida. Obviamente, esta sensibilidade para percibir o cambio económico e político, desde o ámbito sensorial, conduce a unha rebeldía, aínda que de natureza máis estética que política.

A nosa propia Xeración Perdida

Sirva esta introdución, aínda que pareza distanciada, para achegarnos á nosa propia Xeración Perdida, aquela que vive, a unha idade aproximada de vinte anos, a primeira Transición española, é dicir, o final da ditadura, o inicio da liberdade para opinar, vestir e comportarse, a eclosión das drogas, a dispoñibilidade dun pequeno excedente económico nas familias, suficiente para permitir que os seus fillos estuden fóra da casa, en universidades situadas a máis de cen quilómetros e vivan independentes, con tempo libre e incluso viaxen ao estranxeiro, xa non por necesidades laborais senón co único fin de coñecer o mundo e acumular experiencias novas.

Esa nova xeración recibe e asimila, en menos de cinco anos, os cambios que se viñan producindo no chamado mundo occidental desde os anos sesenta (música, drogas, sexo, consumismo e relacións menos xerarquizadas na familia e na empresa). É dicir, debe asimilar a experiencia dun par de décadas en menos dun lustro. E iso debe facelo en contraste cunha sociedade aínda alicerzada sobre un ideario confesional e ríxido, promovido pola Igrexa e o Exército, a base sobre todo de medo, subdesenvolvemento económico que obrigaba as persoas á unha dedicación plena ao traballo, sen tempo para pensar en nada máis, e illamento tanto no sentido xeográfico como no da circulación da información e das ideas.

Pódese esperar deste choque unha revolta política, pero se pensamos que o cambio da Transición chega acompañado de melloras salariais (a sinatura de convenios permite subas dun 50%), apertura de fronteiras a todos os efectos e liberdade, ademais dunha reforma política controlada desde as principais potencias capitalistas (Alemaña, a través do SPD e os Estados Unidos, por medio do seu secretario de Estado, Henry Kissinger), comprenderemos mellor que o cambio non se dea en profundidade e que a contestación estética e emocional (Xeración Perdida) teña o seu espazo. Todo está relacionado e encadeado e a resposta a unha situación complexa non acostuma a ser dunha soa vía. Aquí imos falar unicamente da Xeración Perdida, é dicir da parte sensíbel e artística desa contestación.

O Ano Pereiro tivo unha relevancia que non tiveron outros, en primeiro lugar porque a súa vida e inquietudes nos resultan aínda próximas e tamén porque a xeración que hoxe ten entre vinte e trinta e cinco anos pode identificarse, dalgún modo, con esas inquietudes.

E para o caso galego debemos falar entón de Lois Pereiro, non só porque el representa, mellor ca ninguén probabelmente, este tipo de conflito que desemboca nun posicionamento estético e cívico, senón tamén pola lectura que desde o 2011, ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas, se vén facendo do seu papel e da súa obra, desde os sectores máis dinámicos da nosa sociedade. O Ano de Pereiro tivo unha relevancia que non tiveron outros, en primeiro lugar porque a súa vida e inquietudes nos resultan aínda próximas e tamén porque a xeración que hoxe ten entre vinte e trinta e cinco anos pode identificarse, dalgún modo, con esas inquietudes.

Non é posíbel explicar aquí todo o que a nosa Xeración Perdida representou ou significa aínda hoxe, pero si podemos felicitarnos por contar con dous libros que nos ofrecen practicamente todas as pistas necesarias para comprendela. O primeiro deles é A palabra exacta. Biografía de Lois Pereiro, realizado por Antón Lopo e editado por Galaxia. O segundo é Futuro imperfecto, de Xulia Alonso, da mesma editorial.

Lois Pereiro

Os libros, en xeral, publicados sobre Pereiro pecan dun exceso de referencias, en parte porque os escribiron autores dunha xeración posterior, desconectados da súa realidade, e, en parte tamén, porque o propio autor se prestaba a iso. A substancia de Pereiro encóntrase, tanto ou máis que na súa obra, nos seus gustos, é dicir na súa postura, en todo aquilo ao que desexa parecerse, en gran medida como desprazamento da sociedade que o rodea e que el rexeita, por fea e abafante.

Pereiro é un artista cuxa principal tarefa é criarse a si mesmo, desde unha cidade pequena e moi periférica, aínda que os monfortinos acostumemos a presumir daquela vella e constante circulación de trens que nos rodeaba. El mesmo é a súa propia obra de arte, non demasiado orixinal en si, como se pode ver comparándoa con outras moitas historias de estética e traxectoria parecida, pero si valorábel no seu contexto e que necesariamente se ten que arroupar con todos eses referentes universais, ese gran número de músicos, escritores e cineastas que conforman e modulan a súa propia posición. Cada obra exterior seleccionada é un ladrillo para a súa creación.

Con todo, Pereiro non acabará converténdose nun mecano formado polos seus referentes, e esta é a parte que eses libros non son capaces de descubrir ou de abranguer. Pereiro ten vida e traxectoria propias, fai as súas propias apostas, algunhas de carácter decisivo. E Antón Lopo é capaz de desvelárnolas acudindo, como non, ás fontes: a súa nai, en primeiro lugar, o seu irmán, Xosé Manuel, xornalista que neste libro ofrece datos sobre a infancia do autor, a súa irmá, algúns dos seus principais amigos, sobre todo Fernando Saco, e, fundamentalmente, Piedade Cabo, a súa moza, a súa musa e a súa confidente até o final (como se pode ver nun libro tamén de interese, da autoría do propio Pereiro: Conversa ultramarina, editado por Positivas).

Por dicilo nun ton parecido ao que el utiliza (e que hoxe nos soa demasiado apocalíptico), Pereiro escribiu as letras coas uñas entintadas no seu propio sangue.

Con este material de primeira man, si somos capaces de coñecer o Pereiro de verdade. Os datos, as viaxes e as relacións aparecen enmarcados no seu contexto orixinal, coas emocións e matices respectivos. Un libro recomendábel a todo tipo de lectores, tanto aos máis interesados como aos menos, porque en todo caso descubrirán algo orixinal: o fermoso e ao mesmo tempo demencial estalido que se produce nun momento histórico, concretado nunha persoa lúcida e con sensibilidade para reflectilo.

Se a isto lle engadimos que Pereiro non ten nada de impostor, pois todo o que viviu, viviuno en carne propia, recoñeceremos tamén a autenticidade do artista, algo que se dá en moi contados casos. Pereiro é anterior á posmodernidade e daquela os actores morrían de verdade. Por dicilo nun ton parecido ao que el utiliza (e que hoxe nos soa demasiado apocalíptico), escribiu as letras coas uñas entintadas no seu propio sangue.

Futuro imperfecto

O segundo libro non trata sobre un artista, pero, dada a súa beleza, pódese dicir que constitúe en si unha obra de arte. Unha obra de arte non desde os rexistros habituais da literatura senón desde a súa capacidade para transformar un testemuño social en emoción. E dígoo eu que nunca teño desexos de chorar lendo un libro, salvo neste caso.

Futuro imperfecto fala de Nico, un rapaz que comeza sendo militante nacionalista moi novo, pasa á heroína e acaba morrendo da sida, uns poucos meses antes de que se encontre o remedio para esta enfermidade. Quen conta a historia é a súa compañeira, Xulia Alonso, que hoxe vive un futuro que non era o agardado polos dous, pero que en todo o caso para ela, e máis para a súa filla, é un futuro, é dicir unha perspectiva para lembrar, analizar e emocionarse.

É unha obra doce entre os coios afiados, unha obra fermosa entre os cascallos da marxinalidade retratada, unha obra lúcida sobre a ruptura xeracional.

Hai que dicir que libros coma estes son moi difíciles de realizar polo seu tremendismo, porque tocan as intimidades familiares. Os testemuños que consegue Lopo son abertos e sinceros e tamén aclaratorios, e ese constitúe o seu gran mérito. Pola súa parte, as palabras de Xulia Alonso acaban por compoñer unha obra medida. A emoción do lector conséguese sobre todo grazas a ese axuste de medida, grazas a ese equilibrio. En Futuro imperfecto cada liña representa un acantilado do que o máis probábel é caer, pero Xulia Alonso mantennos con serenidade –e supoñemos que con algunhas axudas dun bo editor, dado que é primeiriza nisto da escritura, o cal non lle quita en absoluto ningún mérito á obra–, mantennos, dicimos, no bo camiño. Condúcenos polo gume da súa vida coa mestría de quen xa o viviu case todo. É unha obra doce entre os coios afiados, unha obra fermosa entre os cascallos da marxinalidade retratada, unha obra lúcida sobre a ruptura xeracional, redactada con comprensión cara aos que foron, sen pretendelo, os nosos inimigos, os nosos pais. Unha obra para seguir vivindo, a pesar de todo, e para poñer todas as esperanzas nesa filla de Nico e de Xulia, que hoxe representa a nova xeración e que se albisca a través das páxinas.

Cando lin Futuro imperfecto pensei, de contado, que era a obra exacta para converterse en lectura dos alumnos de bacharelato. Os meus desexos case nunca se cumpren, pero este caso parece que foi unha excepción, a xulgar polas catro edicións que xa leva o libro.

Sinto a satisfacción de que a literatura galega retratase xa toda unha época, a Xeración Perdida, a través destes dous libros magníficos. Por suposto, non quita que poidan vir outros, pero un xa queda tranquilo.

Advertisements

2 comentarios en “Os mellores libros sobre Lois Pereiro e a nosa Xeración Perdida

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s