A alta literatura de Antonio Tovar

DIARIO DUN CRÍTICO RESUCITADO.

O poeta Antonio Tovar Bobillo retratado por Eduardo Blanco Amor en Castro de Beiro na década do 1960.

O poeta Antonio Tovar Bobillo retratado por Eduardo Blanco Amor en Castro de Beiro na década do 1960.

Leo dun tirón, en dúas quendas, esta vez si, Diario íntimo dun vello revoltado, editado por Galaxia, de Antonio Tovar Bobillo, máis coñecido como Antón: as liñas dedicadas ao seu nome lembran un pouco o “golpe” que sentimos nós cando nos dixeron que no canto de Mao-Tse-Tung deberiamos dicir Mao Ze Dong: era como se o mundo cambiase, e cambiou, como se perdésemos algo íntimo de nós.

Este é un libro que teño na casa, en Barcelona, e que o seu día non lin non sei debido a que. O libro ten “achados”, iluminacións tanto literarias como filosóficas. Está cheo (grazas!) dun mal zume lácteo que é sempre de agradecer contra a relixión e a figura de Deus e os seus adláteres. Fala tamén un pouco de política, declárase comunista sen partido e quere, no entanto, que o enterren coa bandeira do Partido (espero que cumpriran os seus desexos). Afirma, con razón?, que comunismo e nacionalismo non poden camiñar xuntos. Acho que, aquí, Tovar sofre un lapso ideolóxico: comunismo e nacionalismo talvez poidan camiñar xuntos (houbo na historia de Francia partido máis nacionalista que o Partido comunista francés? –á vez que estaba entregado por completo á política exterior da URSS: de aí, por exemplo a súa oposición, nun primeiro momento, á independencia de Alxeria: os rusos temían que o país africano caese baixo a influencia americana).

Por outra banda, sobre o acompañamento de nacionalismo e comunismo, Tovar anota involuntariamente un exemplo (17-X-1997): “Onte fun ó mitin de Izquierda Unida. No Ateneo falaron Pazos, Peña Rei e Anguita. O Pazos, a quen lle estamos moi agradecidos a Tucha e mais eu, atacou os nacionalismos, incluído o galego. Falou en castelán, claro, e rematou a mantenta cun verso de Rosalía, cunha poesía deliberadamente escollida tamén en castelán. Un desastre”. Velaí o nacionalismo español en acción a atacar outros nacionalismos, non en nome da loita de clases e/ou das clases sociais, senón en nome da nación, e da lingua española, xa que o tal Pazos, ao escoller o idioma e esa poesía, declárase nacionalista español, a quen lle molestan os outros nacionalismos. Se o seu discurso ou arenga fose sobre a loita de clases, mencionando o nacionalismo se fose preciso, talvez resultaría que o tal Pazos non era nacionalista español (á vez que sería comunista), ou poderiamos ter a dúbida: a elección, máis que do idioma, do obxecto (político) atacado denuncia ás claras a ideoloxía nacionalista española do devandito señor. O que quería aclarar era, no entanto, que o lapso sufrido por Tovar estriba en confundir comunismo e marxismo: o marxismo é incompatíbel co nacionalismo, nunca estes dous elementos poden formar unha aliaxe: son obxectos que se repelen, pensen o que pensen os denominados nacionalistas.

O diario íntimo, escaso en galego

O diario de Tovar é un dos poucos diarios máis ou menos íntimos da nosa literatura. Destes, dos diarios en lingua galega, fala tamén Tovar, e só recoñece un, que, ademais lle gusta mais ao que acusa, con razón, de demasiados hiperenxebrismos: Follas de Vagar, de Eduardo Moreiras, un libro tan descoñecido e tan mal recibido na súa segunda edición, en Edicións A Nosa Terra. Tamén anota Tovar (p. 158): “Tarrío desprezou a literatura de diarios. Ben”. Non sei se é así, mais se é así é, mal. O diario é, quizais, a última das mostras da literatura da modernidade.

Hai moitas anotacións neste estupendo diario que, neste momento, me reconcilia coa literatura galega. Para Tovar, por exemplo, o mellor poeta da xeración española do 27 é Luis Cernuda. O curioso é que pola introdución a este apuntamento o lector pode pensar que Tovar vai negar a calidade do poeta andaluz: a medida que penetra na lectura de Cernuda, descubre o gran poeta. O mesmo acontece na anotación sobre Marcel Proust: da obra do francés non lle gusta o primeiro volume de La Recherche, mais Proust é moito Proust. Para Tovar, Álvaro Cunqueiro e Eduardo Blanco Amor son os grandes escritores, e A esmorga a gran novela galega. Cualifica Memorias dun neno galego de novela ruín, etc. Os apuntamentos sobre literatura son poucos, mais claros e contundentes, e é curioso que quen prologa este libro é un dos grandes valedores da literatura que Tovar ataca con “finezza”, é dicir, contundentemente. Como curiosidade, digamos que gusta de Aquilino Iglesia mais non de Celso Emilio Ferreiro.

Para Tovar, Álvaro Cunqueiro e Eduardo Blanco Amor son os grandes escritores, e A esmorga a gran novela galega.

Da mesma “finezza”, contundencia e claridade, gozan as súas anotacións sobre a relixión, Deus, o Dalai Lama, algúns poetas, a política e outras trapalladas. Poderemos non estar de acordo con el, coas súas opinións, tanto en literatura como en filosofía ou política, mais ninguén poderá negar nin a sinceridade do autor nin o seu saber literario, e mesmo, en certos momentos, lingüístico; saber que nada ten a ver, como sabe o lector, coa riqueza léxica. Diario íntimo dun vello revoltado é un deses libros que gaña coa relectura, e o lector, ao lelo, con se enfronta nin confronta cunha vida (aínda que tamén) senón cunha cousa que se chama gran literatura. Por outra parte, e este é un traballo que –de momento non me apetece– sería interesante estudar se nel existe, ou hai pegada, dun certo “estilo tardío” en Tovar (estilo tardío que, por exemplo, é evidente en O espello na serán, de Ramón Otero Pedrayo, ou no traballo, publicado en Grial, en dúas partes, en non lembro que números, que lle dedica o autor de Arredor de si a Baudelaire).

[Hai diversas anotacións de Tovar sobre a liberdade. Como marxista, di el, non pode acreditar na liberdade. O marxismo, afirma, non acredita na liberdade. É, xa que logo, o marxismo determinista? O marxismo hegeliano acredita na liberdade, o marxismo antihegeliano, non, de aí a negación da liberdade por parte, por exemplo, de Louis Althusser e os seus discípulos, e a súa teima en disociar a Marx de Hegel: eis un tema aínda por dilucidar.]

Esperemos que en próximas edicións deste libro se introduzan as pequenas omisións ou retoques, segundo o prologuista, que sufriu a edición publicada, por medo a acabar diante do xuíz, e tamén que se corrixan algúns pequenos erros factuais sen importancia ningunha mais que afean un libro de tal alta calidade literaria e humana como o presente.

Dúas anotacións do diario de Tovar: “Leo El País. Aburridísimo. Hai articulistas que son sociólogos, catedráticos de universidade, eméritos. Horrible. Lémbrome de César González Ruano, Agustín de Foxá, Julio Camba, Álvaro Cunqueiro. Que non eran nada. Magníficos escritores todos e todos de dereitas. ¡Que cousas!”. “Hai señores da Real Academia Galega que só escribiron un artigo. Tamén hai o Sr. aquel a quen lle deron o premio Otero Pedrayo de cinco millóns por ningún libro que se saiba teña escrito. Ningún” (Marino Dónega?, porque non se pode referir a Xesús Ferro Ruibal.)

Para acabarmos, os académicos, xa que, seica, non están dispostos a dedicarlle o día das letras a Carlos Casares (cando se barallan nomes de inútiles para tal celebración), aquí teñen un nome para o 2016: o ourensán Antonio Tovar Bobillo. Non se merecen.

Xesús González Gómez.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s