Fragmentos do diario de Xoán-Manuel Casado

Barrio abandonado. Reino Unido. MIKE KNIEC/FLICKR

Barrio abandonado. Reino Unido. MIKE KNIEC/FLICKR

Edición de Xesús González Gómez.

PRESENTACIÓN

De 1980 a 1986, Xoán-Manuel Casado (1949-2002), pasou case como un lóstrego pola nosa literatura. Eses anos publicou tres libros de poesía: Os preludios (1980), O libro de Caldelas (1982, Premio da Crítica española) e Antigo Futuro (1986). Dúas novelas: O Inverno do lobo (1985, Premio Blanco Amor) e Os brasileiros (1986, finalista do Premio Xerais de novela). En 1981, conxuntamente co seu pai, o tamén escritor galego, Manuel Casado Nieto, dera ao prelo unha Mostra antolóxica de poetas ingleses, franceses, italiáns e cataláns. O seu primeiro libro, unha plaqueta de poesía, en tiraxe de 100 exemplares, Rexistro de menores espantos, aparecera en 1973, en edición de autor. En 1989 despediuse (sic) da literatura galega cun libro realizado conxuntamente con Xosé Manuel Salgado, é que talvez sexa o seu libro máis «coñecido»: Entrevistas con Xosé Luís Méndez Ferrín. E logo, até o 2006, en que apareceu postumamente a súa poesía completa co título de Crónica persoal, volume en que se recollen os seus libros publicados e os inéditos, a cargo de quen isto presenta, o seu nome desapareceu da literatura galega. Tres anos despois da aparición da súa poesía completa, dábase ao prelo unha das tres novelas que deixara inéditas: Volta e revolta.

Desde aquel xa afastado 1989, Xoán-Manuel Casado loitara para ser publicado, e vía como unha e outra vez rexeitaban os seus orixinais. Desanimou?: a verdade é que continuou a escribir: á parte da mencionada Volta e revolta, deixou inéditas dúas novelas máis, un libro de contos e unha obra teatral, así como o inicio dunha novela da que chegou a escribir uns cincuenta folios. Tamén hai que dicilo, estas obras foron escritas antes de 1996. Nese ano, a non ser que aparezan cadernos nalgún outro lugar que non sexa o que foi o seu domicilio, encetou a escrita dun diario. Diario que escribía en cadernos que adoitaba comprar ad hoc; diario que tiña ambición de ver luz, de ser publicado. Con todo, ou talvez por esa ambición, é un diario intermitente, que vai do 1996 ao 2001: faltan, porén, os anos 1999 e 2000, que non estaban entre os seus papeis: ou non os escribiu, ou os lanzou ao lixo ou, non o creo, perdéronse. No entanto, tampouco é un diario no que o autor anote día a día as súas vicisitudes ou pensamentos: nalgúns anos faltan meses enteiros, só se anotaron dous ou tres meses, o autor non se vía condicionado a escribir cada día, só cando lle apetecía ou lle petaba, ou pensaba, acho, que estaría ben anotar aquela anécdota, aquel pensamento, aquel feito, ou a impresión daquela lectura, daquel cadro, daquela obra teatral, ou dunha peza musical…  ou dun acto ou feito político determinado. Ou a morte dun ser querido, a nai, ou dun amigo, etc.

O diario está, nun principio, estruturado como os diarios «clásicos»: ano, mes e día da anotación, mais a vontade de estilo do autor e a vontade que se este diario vise lume, levouno, nun momento dado, a unha reelaboración dos anos 1997 e 1998: todas as anotacións dun mes aparecen xuntas, sen mencionar o día en que foron escritas. As páxinas que se dan a continuación son un exemplo desa «reelaboración». Empezou Xoán-Manuel Casado o seu diario en agosto de 1996, mais só existen anotacións dese mes, durante un viaxe a Andalucía. O ano 1997 está enteiro, 1998 até o mes de xuño. De 1999 e o 2000, como dixemos, non se encontraron cadernos, e o 2001 consta só dos meses de abril e maio dese ano. Foi nese ano, en setembro, que se lle descubriu o mal, dous tumores cerebrais, que acabarían con el cando tiña, xustamente cincuenta anos e un mes de vida. Durante o mes de novembro e parte de decembro de 2001, fixo unha serie de anotacións no diario que, finalmente, queimou.

[Respecto á lingua, só se corrixen erros evidentes, e se normativizan certas palabras a partir do chamado «acordo de mínimos». Mantéñense algunhas que son evidentes castelanismos, pero cuxa versión galega estragaría, en certa maneira, ou o sentido da frase ou unha matización determinada.]

Rexistro de menores espantos, Barcelona, O vento que zoa, 1973.

Os preludios, Sada, Ediciós do Castro, 1980.

Mostra antolóxica de poetas ingleses, franceses, italiáns e catalás, Sada, Edicións do Castro, 1981.

O libro de Caldelas, Vigo, Editorial Galaxia, 1982.

O inverno do lobo, Barcelona, Sotelo Blanco Edicións, 1985.

Os brasileiros, Vigo, Edicións Xerais, 1986.

Entrevistas con Xosé Luís Méndez Ferrín, Barcelona, Sotelo Blanco edicións, 1989.

Crónica persoal. Poesía completa 1973-2002,  Santiago de Compostela, Pen Club/Danu, 2006.

Volta e revolta, Vigo, Edicións A Nosa Terra, 2009.

XGG.

 

DIARIO DE ENTRETEMPO

Por Xoán-Manuel Casado.

1997

Xaneiro

Días sen beber. Coido que fago ben. Como borracho, tendía ultimamente á retrospección e ao pronunciamento edificante

 

Segue a afogarnos a estética, esa compracencia nas formas que nos impide tantas veces traspasar a codia e entrar, sen complexos, na materia. Defendía onte, como defenderei mañá, a miña preferencia por aquela arte dotada dunha escura intensidade interior sobre esa outra que exhibe, como virtude primeira, a aparencia fermosa, pola simple razón de que sobrepoño intelixencia a compostura. Argumentei coa esterilidade de quen busca descubrir a unha adolescente recentemente namorada a condición, por certo que ruinzalla, do seu amado.

Sucede en pintura, en cine, en música. Hai un decorativismo dominante que empeza polo propio corpo de cadaquén. (Perdo de vista a amigos que deixaron a bebida por debelaren os lípidos; perdo de vista a amigas que queren mellor a sala de musculación que o meu inverno palabreiro.)  Busco, e non atopo, nos prototipos físicos de moda, ese grosor moral que distinguiu aos seus predecesores.

O risco preciosista é particularmente patente na poesía: debe ter un resorte de almasí que se activa ao menor despiste. Importa a poesía na que os sentimentos están implícitos, na que o poeta non acaba de parecer boa xente. (Hai outros: vin os máis delicados da miña xeración furando zorras luguesas e degustando viño encabezado, denantes de compoñeren silvas sobre a elegancia decadente.)

Non é de hoxe e será de sempre. Distingue ao home unha aspiración á beleza, talvez o xeito de anguria máis duradeiro de todos os que é capaz de argallar na súa contra. (Na súa contra: a inelutable relación conmutativa do home consigo.)

 

Otero Pedrayo, a cuxa sinuosidade debo moita hora estéril e algún segundo alampante, salienta como coma características inexorables da cultura galega o barroquismo e o romanticismo. Nada de particular ten a primeira, que é endomingamento dos pobres que non queren parecelo. O romanticismo é distinto; o romanticismo individual é unha doenza pulmonar que esperta a nosa solidariedade. O romanticismo colectivo, en troques, resulta benigno por demais. Se houbese que escenificalo, corresponderíalle a representación visual dunha multitude acatarrada.

 

Ese parentesco entre toda gran prosa por baixo de épocas e de linguas… Como se a nómina completa dos seus autores tivese cursado nunha mesma Academia de Contabilidade.

 

Menos é máis. O vello ditame de Adolf Loos, por parte de ética para practicóns da sete e media, serve de recordatorio do sentido que, salvados momentos de errabundia, é propia da arte dos tempos. Como as vangardas: non agregar, senón elidir. Ningún ismo prosperou se, despois do seu paso, non hai, para a escolma, un camiño de menos.

 

Dálle por casar aos amigos, en segundas, como os que onte contraeron no Ampurdán, nunha finca solariega na que o despacho mudou para ocasión en Xulgado Civil e o resto de dependencia en escenarios eventuais para a compostura inicial e o posterior desafogo dos concorrentes ao convite.

Rara vez fallan estes recatamentos, non sei se porque se chega a eles con acopio de experiencia e recursos de escepticismo ou porque non queda tempo para ensaiar un terceiro. O certo é que os resultados acostuman avaliar o tino da decisión. (Alarmoume nesta parella un certo entusiasmo sen cautelas, unha ledicia inerme: sabido é que un sólido comezo soe garantir esborrallamentos irremediables.)

Estas nupcias dúplices xuntan a un grupo de amigos na posxuventude, prácticos en autoindulxencia, especialistas en si mesmos. (Que mal todos: canta palabra defraudada, canto sentimento derrubado, que esmerada eficiencia para a sabotaxe e a quebra.)

Témolle ás confidencias suscitadas polo alcool, esa estética de maduros que finxen amercearse da súa vida, esgrimindo a sedución inapelable da riqueza e da estirpe. (Somos talentos malversados en noites irreversibles, en encontros ao chou, en exercicios brillantes de inconsistencia.)

O Ampurdán, á noite, está calmoso e frío. Quérolle ben a esa bisbarra de avariciosos e tolos, pola que levo transitado varias décadas e coa que sosteño esa relación aberta á sorpresa só posible cos lugares cos que se soubo marcar distancias. Circulo a gusto, mentres trae un clarinete a radio do coche. A soas, coma sempre, síntome salvado de intimidade. (En compaña, non: cómplice, resolto, falando en participio.)

 

O outro día vin na ópera un episodio significativo. Transcorría o segundo acto e os dous protagonistas representaban unha escena bucólica. Eu asistía, gañado por esa impresión de artificiosidade da que, pese á miña inercia de espectador, rara vez consigo ceibarme. De sócato, algo chamoume a atención á metade dun dúo: desde a miña localidade inmediata e lateral ao escenario, a postura da soprano, sentada no chan, permitíame apreciar con claridade que non gastaba roupa interior. O efecto da descuberta foi detonante. A escena adquiriu, para min, unha intensidade da que carecía momentos antes e aquel canto, cen veces escoitado sen maior interiorización, soaba único e mancante nesta oportunidade. Pasara que a representación artística se transfigurara en experiencia vital.

 

A única palabra unívoca do dicionario: quizais.

 

Unha superstición persoal lévame a supoñerlle unha posteridade feble aos que, en vida, tiveron razón case que sempre. Algo así como se o refrendo histórico ás súas posturas os privase de todo interese polémico ou, aínda peor, os resignase a un papel de predicadores. Ocórreme con Albert Camus, do que están a publicarse estes meses as súas Obras Completas (en versión española).

Primeiro síntoma: busco os seus libros nos estantes e non dou con ningún. Canto hai que non os leo. Un par de décadas, cando menos. Pasa cos autores dos que se estivo tan preto: sempre queremos mellor o distanciamento que a decepción.

Camus é, para min e de antemán, L’Étranger. Aquela fábula sobre o fatalismo, ambientada nunha paisaxe de luz, chumbeiras e muros albeados, compendiaba moitas das miñas perplexidades incipientes daquela. Marcoume. (Hai tanto, clausurado no cuarto dun hotel de terceira, pasaba os interregnos do amor fumando apático fronte á ventá suburbial e imaxinábame Mersault.) Visconti fixo coa historia un esvaído exercicio de caligrafía.

La Peste é distinta: imaxino que lle pesan os anos, que a súa tese (a exaltación da honestidade, dito en groso) é, por unánime na teoría, inactual. O seu teatro apenas se representa, non sei se por convencional nas formas ou filantrópico nos contidos. Quedan lonxe aquelas veces. Unhas neboentas montaxes na cúpula do Coliseum, á que acudía xente vestida, de pés a cabeza, de negro existencial. (Non recordo se Les Justes ou Le Malentendu).

Camus é un personaxe dos que gusta ver en foto, por el, pola época, polo noso pasado. Aquela foi unha teima de fidedignos.

 

En que se parecen unha persoa e unha tortilla francesa? En que ambas son a mala resolución dunha boa idea.

 

A un emigrante o destino prívalle de algo máis que dunha terra: tamén da posibilidade de ser alguén distinto de quen se perdeu esa terra.

 

Casa viva. MIKE BITZENHOFER/FLICKR

Casa viva. MIKE BITZENHOFER/FLICKR

Febreiro

–Non puiden –cóntame o amigo–, enténdeme, quero que me entendas, non puiden conterme, porque a presenza do que fixera non me deixaba en ningún momento do día, era como ter dentro un espírito que me recordaba sen pausa a miña traizón, eran catorce anos, entendes, ela aínda ía ao colexio, eu empezaba na Universidade, e desde entón xuntos sempre e sempre para ben, aquela sensación de que ela estaba no comezo de todo, os primeiros bailes foran con ela, os primeiros bicos foran con ela, a ningunha iniciación era allea e todo o invadía coa súa ledicia, días, regresos, bares, outonos, todo, comprende, todo, e por iso, aínda que só fose en memoria diso, nunca debín ceder, e creme se che digo que eu non quería, que foron as circunstancias, as circunstancias e ela, unha economista coa que empecei falando de política e que me acabou levando ao seu dúplex, foi todo cousa dela, xa sei que pode parecer ridículo a estas alturas, mais fáloche de verdade, o remorso non me deixaba acougar, teño que dicirllo, teño que dicirllo, repetíame onde quer, un é unha consecuencia da súa educación e eu fun educado para a lealdade, non sei se iso será bo, pero en calquera caso é así, teño que contarllo, repetíame, ela seguro que me comprende, non pode ser que esa única vez teña máis forza que a nosa historia toda, e comprendeu, díxenllo nun almorzo e comprendeu, a súa educación difire menos da miña que a miña propia, comprendeu as miñas dúbidas, os meus desalentos e que a miña sinceridade lle permitía ceibar para sempre: el é violinista e leva durando catro anos.

 

Escollo, como compaña para unha viaxe rápida, a lectura dun par de poetas galegos máis ou menos en voga, confiando en corrixir a miña apatía para cos seus versos.

Non o consigo, a verdade. A poesía de Cáccamo resúltame distante, pese a que podo recoñecerlle mérito. Coido que o que me arreda dela é a concepción súa do poema como estrutura na que cada verso posúe valor autónomo, igual que se fosen rubati sucesivos, que privan ao conxunto de respiración. Sempre me fai o efecto de que son poemas fabricados, que chova, que trone, a tantos versos diarios de cinco a sete da tarde.

Rodríguez Baixeras é autor dalgún poema breve que se conta entre os que máis estimo da poesía galega última, pero o conxunto non me comunica gran cousa. Sóbranme palabras poéticas a posta e convencionalismo sentimental. Ademais, acostuma a soarme a xa escoitado. Isto último non sería un defecto definitivo se cambiásemos o punto de vista sobre el. Se conviñésemos que se trata dun compositor non máis que enteirado e dun intérprete de verdadeiro talento.

Polo demais, o gusto pola aparatosidade que os dous exhiben non ten porque ser unha condición literaria. Os poetas semellantes que levo coñecido non lle debían esa tonalidade a unha decantación poética, senón á súa irreparable afección ao fútbol.

 

Nin sequera bebín.

 

Do poder tiranizador das grandes ideas dá conta a calidade subalterna dos que acostuman a dirixir a súa defensa.

 

Hai un pracer moi cumprido e escasamente práctico en follear o Catálogo dunha libraría de vello. Alí están, en ordenación alfabética de autores, o célebre manual metafísico, a mostra sobexa de costumismo de lei, o novelón afamado, o obsoleto dicionario da rima ou o tratado de balística, como oferta miscelánea para o lector vagaxeiro, para o que empeza a achegarse aos libros polo tacto, pola vista, polo olfacto, antes de mergullarse sen reservas no seu contido. A impresión artesanal, como a escrita a lapis, son algo máis que procedementos. Son, cando menos, exercicios de sinceridade. A sinceridade do home reside sempre nas mans.

 

Simplemente transitando pola rúa é moi sinxelo comprobar que poucas veces se dan xuntos a beleza e o talento físico.

 

Apalpo a expectativa por un partido de fútbol que hoxe debe disputar a equipo hexemónico local. Se trunfa, xa temos aquí a trompetaría patriótica, os lábaros ao vento, a xactancia en coiros vivos. Esperemos que non.

Por opinións así, gáñome sona de rarificado pola lectura, de xentiña residual. O certo é que eu tamén probei, de neno, e que arrastrei ao pai, a cambio de cualificacións suadas, aos máis diversos estadios onde xogase o meu equipo. Nada durou. Os seus estoupidos de perplexidade polo que consideraba insubstancial divertimento minarían os poucos alicerces ocos da miña afección e, desa feita, abandonamos as viaxes deportivas dos domingos.

Noutro tempo, asegurábase que Franco fomentara a curiosidade polo fútbol para sentar diante do televisor aos catalanistas e aos obreiros. De ser certo, conseguiuno. (Recordo poemas sociais nos que se apoñía esa proclividade opiácea dos burgueses: trato a moito burgués de cepa e ningún se interesou xamais polo que teñen como paradigma de zafiedade esmerada, de impertinente aposta polo pedestre.) Hai, sobre iso, estudos sociolóxicos; non sei se, á par, tamén antropolóxicos.

Recibo, como improperio á sensibilidade, a afirmación solvente de que o distintivo do xogador español é a furia. Pensaría xa desterrado ese sórdido estigma de vascóns. Igual sempre. Seguemos a ser unha sociedade de característicos, menos atentos a soerguer un proxecto que a estampar unha impronta.

(Soan claxons, emerxen bandeiras polas ventaniñas dos coches, estride o alalá de cen berros en consún: unha escena, moi pura, de historia popular. Unha revolta de conformes.)

 

Coincido nun loito familiar co primo Mariano, ao que había moito que non vía. En realidade, desde que, vinte anos atrás, me pediu sete mil pesetas por unha semana e nunca mas devolveu. De que me ve, achégase presto e cun sorriso moi franco. Se a mención do incidente podía terse por prescrita, el non é dese particular: as súas primeiras palabras son xa referidas ao asunto. Dime que me tranquilice, que non pensa ofenderme coa oferta do que hoxe non pasaría de ser unha propina. Como non me acode unha resposta á altura do seu enxeño, non teño máis remedio que sorrir e ceder. Despois, pensei que fixera mal, porque, nas xentes como o primo, a repentización dialéctica non é un atributo, senón unha elaborada disposición profesional. Dentro de vinte anos penso ser duro con el.

 

Falo incansablemente por teléfono con que posúe o don suxestivo que máis me chega: a voz. Carisma absolutorio diante do que esvaecen axiomas e defensas.

 

Voces nocturnas, claro é. O fastío (o segundo valor en suxestión), o alcool, a experiencia, a inacción, a trasnoite: un unísono de infortunios con rango literario, a esfarelárense na voz carnal que se creba e intima.

 

Sumo confidentes como outros suman amantes. Creo na superior incitación sexual dunha muller que fuma e me fala da vida (falar da vida: en cuestión de complicidade oral, todo un xénero), na mesma medida na que me pon o espírito fláccido a beleza de pasarela ou de portada. (Resistente á xeografía, hiperestésico fronte á historia.)

Billie, Edith, Pastora: que outra cousa foron máis que transmisoras das súas respectivas biografías, anímicas, espasmos con voz. Talvez non reunían esas calidades tan á vista que calquera espello é capaz de detectar, mais a súa forza era distinta: clandestina, en vea.

A desclasación feminina: todo un mundo. Admiro sen envexa a calidade depresiva das mulleres. En comparación, o home é trivial, inepto para a transcendencia. Levo coñecidas algunhas que extraeron do seu descontrol psicolóxico unha insospeitable validez verbal e unha sutileza moral e estética descoñecida nelas. Eles, en troques, derivaban nos seus despoxos.

Non sei que teñen que ver carácter e voz. Decepcionaríame que así fose. (Ignoro por que: supoño porque o carácter é como unha licenciatura nun mesmo que se pasa con sobresaliente.)

 

Lagoa seca. ANJAN CHATTERJEE/FLICKR

Lagoa seca. ANJAN CHATTERJEE/FLICKR

Marzo

Onde se ve unha praza, hai que sospeitar de contado que desde alí nace unha trama social de rúas e relacións dependentes que configuran a realidade dun mundo. O inverso é igualmente certo: os fíos artellan a arañeira común porque de todos eles turra a enerxía centrípeta da praza. Os conquistadores de Indias tíñano claro, e cada vez que poñían planta nun lugar fundaban unha praza e así garantían o seu dominio. Este barrio xurdiu, coma outros, arredor dunha praza. No rectángulo que forma, hai bancos con xubilados que intercambian criterios sobre a marcha do país. Os xubilados son coma árbores que lles medran ás prazas, e alí onde se inaugura unha florecen eses vellos filósofos provistos, a diferenza dos que saen nos libros, de solucións a man para case que todo. Sempre parece que os xubilados sexan invención das prazas e que, se elas desaparecesen, ninguén no sucesivo se xubilaría. A praza esta ten un lado ocupado por unha igrexa, e unha praza con igrexa é unha paisaxe de toda categoría. A igrexa pasa por neoclásica como calquera construción de estética indefinida, que non outra cousa foi, salvando o período central, o que chamamos neoclasicismo. Luce así mesmo torre de boa envergadura. Xusto enfronte,  hai un café con aire de levar alí desde o primeiro día, no que todos acaban por entrar nalgún momento a consumiren o de toda a vida nos cafés, o pocillo, a faria, o coñac sarraceno. Á noite, xuntando varias mesas precisadas de calza, un grupo de poetas idea improbables revistas ou unha antoloxía desas que dan nome a unha xeración e a introducen no circuíto literario. Claro que, até hai pouco, o que quería ver a un poeta en persoa abondáballe con acudir en horas laborables á pastelaría da praza. O propietario, o señor Foix, seica era un perpetuo candidato ao Nobel, e no negocio levaba servizo de caixa de xeito tan estrito que houbo quen debeu marchar sen o pastel xa envolveito por falta de tres pesetas. A algúns decepcionaba ese trazo, sen decatárense que un poeta incapaz de perdoar tres pesetas ten por forza que compoñer unha poesía moi firme e moi conveniente. Ser pasteleiro é, ademais, un prestixio nunha cidade que ten a respostería, xunto coas obras públicas e os xéneros de punto, como sinais de consistencia colectiva. O barrio que empeza na praza é oblongo, limitado nas beiras por outros dous, de luxo estes, e o seu segundo elemento aglutinante é o Carrer Major. A guerra civil e o propio espallamento urbano acabaron co seu carácter de centro de veraneo distinguido, ao que se chegaba en supersónica tartana ou, xa máis tarde, en tranvía con visillos sobre o piso de terra, do que aínda gardan memoria veciños andados. Os vestixios actuais dese tempo pérdense aos poucos. Até antonte, existía unha vaquería á que a escasa municipalidade do comportamento das vacas condenou ao peche. Non faltan algunha bodegas, que ofrecen un tinto mastigable, de moita báscula. As casas de comidas conservan na carta algunha receita de temporada, adoito máis meritoria arqueolóxica que culinariamente. Salienta tamén a profusión de conventos, o que indica que foi en épocas paraxes produtiva. Os comerciantes son vetustos, como os mesmos rueiros nos que están ubicados, e contaxian ao transcurso do barrio unha recomendable moral ao pormenor. De que escurece, paralízase o trafego e cada recuncho queda solitario. Con todo, se un decide camiñar a soas, non se desprende da sensación de que, tras as ventás clausuradas, hai ollos que o buscan.

 

Levo un tempo persuadido de que a lingua galega serve para algo máis que para falar de Galicia. Forzando un pouco o enunciado, case que estou por dicir que toda lingua parece feita para examinar realidades alleas e que, aplicadas á propia, acostuman a adoecer, a medias, de redundancia e localismo. O escritor galego tido por cimeiro dáme sempre a impresión de triplemente barroco: porque o seu estilo o é, porque escribe sobre esa orde estética e porque a paisaxe usual de palabras e argumentos ten, na prosa, un efecto acumulativo. (Non é necesariamente malo ser barroco: é, se acaso, de entendemento difícil para mediterráneos.)

Supoño, así mesmo, que ese gusto polo irracional é consecuencia dunha sociedade sen asentamento. Se a esquerda política non acaba de consolidarse, será porque carece de inimigo á súa dereita ao que abater. Á dereita hai unha clase popular que asumiu a función que unha burguesía sen atributos nunca soubo exercer.

Caio, ás veces, por aló: miro e vexo pouco, o que vexo non acabo de entendelo; o que entendo só difusamente me concirne. Está, verbigracia, a polarización política entre dúas terracotas enxebres, dous personaxes de conglomerado, nemorosos e autóctonos. (Se o exceso non gusta, é porque nunca supón afondamento de virtude, senón exasperación de xaez.)

O idioma si que o teño. Se algunha achega me correspondese nese eido, sería sen dúbida a de facer presente un temperamento nada dado a neboeiros, insensible a tipismos de calquera rango e a salvo de raciais desfalecementos. (Importuno, se non fosen os mil quilómetros de distancia territorial e, cando menos, outros tantos de apartamento anímico.)

 

A humanidade actual é o produto da laboriosidade de moitas xeracións. Da laboriosidade sexual de moitas xeracións.

 

Sen que se saiba por que, hai elementos desestabilizadores de necesidade dunha acción narrativa. Por exemplo, abonda con darlle a un personaxe, por secundario que sexa, a condición de chinés para que a trama tome de sócato un aire conspirativo, aboie a traiduría, afloren fumadeiros, atraquen baixeis, axexen  perigos, recaian eses perigos, emerxan contrabandos, arraigue a vinganza, cunda, en fin, o azafrán. A novela europea fía camiños, se de máis sedentaria aparencia, de máis arriscada aventura no substancial. Son libros para ler a modo, escudindo a tentación, tan adoito presente, de pasar páxinas veloces coa esperanza de que apareza o chinés.

 

Sartre (ideólogo estudantil na máis lograda das súas moitas caracterizacións humanas) ocupa un lugar certamente rebaixado en relación co que foi seu en vida. Non se debe falar de inxustiza, de anemia ideolóxica da época: o tempo invalidou boa parte desa obra por razóns literarias. As novelas eran problemas abstractos enmascarados de acción narrativa. O filósofo acababa por comerse ao literato. (Sucede así coa bisexualidade: sempre dá a sensación de que a homosexualidade domina, e que o resto é exorno ou fisgoneo.) Tampouco o teatro, nin estrutural nin tematicamente, resistiu ben.

O tipo humano arroxa unha imaxe contraditoria. Adoito, a admiración polas súas posturas non se traduce en simpatía por culpa da falta de encanto (físico, en primeiro termo). Os reproches eran varios: xuvenalia, compañeira odiable, revolucionarismo recreativo, ego disfrazado de individuo, brutalidade intelectual.

Gañará a posteridade, sobre todo porque afortalou a historia do pesimismo con algunhas frases que as xeracións se legaran con présa. Tamén porque, en definitiva, fracasou. O fracaso como salvagarda dos ideais: a lucidez insoportable do século.

 

Eses días nos que unha punxente ternura se instala dentro dun como o máis paralizante dos inimigos.

 

Na madrugada barcelonesa falta un saxo. O de Perico Sambeat, non sei por onde nestes meses que tanto extraviamos.

 

–Igual que falamos –sentenciaba S. F. no Vieux Paris, sempre ben asistido de indolencia e de gin Giró– das tres B da música (Bach, Beethoven, Brahms), debía falarse das tres P: Puccini e Pérez Prado.

 

A valoración dos escritores acostuma a pasar por estes sucesivos estados: promesa, consagrado, automimético, acabado, mestre. A partir dese momento, toda condecoración é pouca.

A Cela e os do seu tempo deixamos de lelos por rurais, por antigos, por relatores dun país inactual xa daquela. Cando chegaron os primeiros libros do latinoamericanos, os escritores españois até entón en boga entraron nunha decadencia estimativa que pareceu sen remedio. Salvounos o feito de facerse vellos, que é circunstancia que volve inofensiva á xente e predispón ao seu favor. A un desgraciado (e un vello é un desgraciado cronolóxico) non amola recoñecerlle mesmo os méritos que non ten.

Non é posible discutir o talento de Cela, aínda no caso de que a súa literatura apeteza pouco. Puxo teima en evolucionar, experimentou (en xeral, con desacerto) e acabou por armar unha obra de gran trabazón lingüística, moi estimada en Madrid.

É autor dalgunha novelas valiosas: La familia de Pascual Duarte, La Colmena, San Camilo 1936, Mazurca para dos muertos. Algún dos seus libros goza, para min, dunha celebridade sobrepuxada: Viaje a la Alcarria.

Existen indicios de que, na ditadura, desempeñou algún posto sen decoro. Mais iso non conta. Ten garantido un maxisterio póstumo, pese ás súas escaseces narrativas. Nel, como noutros, resulta interesante esa casualidade suxerida en terras de barbeito e demasías instintivas.

Do celismo salvounos Juan Benet, un anticarpetovetónico. Despois, Benet morreu cedo de máis e a figura de Cela emerxeu definitivamente. A súa obra, como certos alimentos ou alcoois, ten o seu medio natural para ser degustada. Na proximidade do mar, esmorece depresa.

 

O único decente que se pode facer cunha guerra é perdela.

Cunha frase como a anterior, un chega a tres sucesivas actitudes: 1) Celebrar a propia ocorrencia; 2) Sospeitar que, de puro redonda, seguro que é allea; 3) Dubidar da súa verdade intrínseca.

Oportuna a última. Os derrotados de toda guerra, se preservan a decencia, é a cambio de perderen o lugar centrífugo, cos extravíos e rémoras consecuentes. Non hai tanto que vimos volver aos nosos perdedores, nomes saboreados durante décadas nas madrugadas clandestinas, e volvían desnortados e retrospectivos, listos para enmarcar e colgar, falando de garambainas.

Viñan, predicaban a reconciliación e regresaban ao seu único país posible. España era, a aquelas alturas, o exilio para eles. Unha experiencia decepcionante.

Os gañadores deberon sentirse refrendados: despois de todo, non había para tanto. Mitos inflados, mascotas do roxerío. Dirían. Reféns da honestidade, o material de máis desacreditada resistencia histórica.

Porque a historia foi dos outros: a historia sempre premia aos que lle plantan cara. (Xente de pouca estima á historia: sen carácter defensivo fronte ás intimidacións de taberna.)

Con Pasionaria, á que se celebra no seu centenario, foi un pouco distinto. Non estaba anticuada, porque só as ideas están suxeitas a un permanente proceso de revisión. O seu non era a disquisición marxista, senón o comunismo gutural. Non a recrutara ningunha páxina filosófica, polo que apareceu sempre indemne a calquera desenvolvemento teórico. A súa doutrina compúñase dunhas poucas verdades incontrovertibles gañadas na observación do traballo nas minas da súa mocidade.

Á súa volta, tivo o acerto de falar pouco, e tampouco o precisaba. Salientouse unha imaxe súa de avoa enternecida, pero non fixo nada por corresponder a ela. Entre altiva e a trasmán, exhibía nos actos a aspereza moral dunha cantaora de seguiriyas. Leva anos no futuro, e é probable que non desapareza del, instalada na posteridade fláccida daqueles cos que é imposible mostrarse en desacordo.

 

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s