O brazo ergueito de Sofía Casanova

Sofía Casanova fai o saúdo fascista arrodeada dos seus netos na súa casa de Polonia no 1938.

Sofía Casanova fai o saúdo fascista arrodeada dos seus netos na súa casa de Polonia no 1938.

Xosé Enrique Acuña.

Pode unha persoa, escritor ou escritora, que no seu día e con publicidade insistise en declaracións en apoio de Adolf Hitler e mais dos seus criminais métodos de goberno darlle nome a un centro de ensino? Pode ser bautizado o lugar onde se forman as novas xeracións en valores cívicos e democráticos co nome e apelidos de alguén que simpatizou por escrito con Benito Mussolini ou que mesmo celebrou, mediante a prosa e poesía, os méritos e métodos de guerra do xeneral Francisco Franco? A resposta é claramente si, e nesta Galicia de 2014 nun vergoñento caso, por partida dobre. Un instituto da cidade de Ferrol e outro centro escolar de Culleredo manteñen tal distinción á figura de Sofía Casanova.

Un conto vello e actual

Manuel Fraga Iribarne detectara, xa desde os seus tempos como director do Instituto de Cultura Hispánica, o enorme valor propagandístico dos escritos anticomunistas de Sofía Casanova. O despois ministro da ditadura e outros coñecidos franquistas galegos como José Luis Bugallal e o xornalista Manuel Fraga de Lis —máis coñecido no seu papel de ríxido censor— organizaron actos de difusión da súa obra na década dos 50 do século pasado e Fraga, xa como presidente da Xunta de Galicia, renovou o seu predicamento sobre a figura da dereitista galega ao apadriñar, desde a propia Secretaría Xeral da Presidencia, a publicación en 1999 dun volume de máis de 700 páxinas que recollía un documentado estudo sobre a vida e obra de Sofía Casanova, firmado por Rosario Martínez Martínez. Unha autora que quince anos despois vén de recoñecer nunha entrevista —Faro de Vigo, 9 de febreiro de 2014— que “aquí [Sofía Casanova] non lles interesa nin ás esquerdas nin ás dereitas; en realidade non lle interesa a ninguén”. Á vez, —e ao mesmo tempo que verifica que hoxe non se aceptaría a súa actitude de apoio a Franco ou que vise a Hitler como un salvador— lamenta “que se silenciase unha muller da súa enorme valía e intelectualidade”.

Mais o certo é que Casanova, a maiores de ter rúas adicadas na súa memoria en cando menos cinco concellos, continúa a recibir nos últimos anos numerosos recoñecementos, nomes de centros públicos de aprendizaxe incluídos. Relecturas que pasan por un tomo patrocinado polo IEGPS, Vida e tempo de Sofía Casanova (1861-1958) e unha longametraxe documental como A maleta de Sofía (Marcos Gallego, 2011), na que diversos intelectuais e investigadores inciden outra volta máis, con maior ou menor vehemencia, nos seus trazos biográficos (unha “sedutora” no parecer dalgún dos especialistas). Aproximación en imaxes que décadas antes xa abordara José Antonio Durán por medio dunhas certeiras e documentadas entregas videográficas (1991) e que, xunto á obra entregada por Rosario Martínez, serviron para que Sofía Casanova, e o seu pensamento real, non fose precisamente algo descoñecido ou oculto entre o público lector.

Máis sorprendente foi a asunción en 2008 por parte da Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia —xa que logo no denominado goberno bipartito— dunha colectánea de escritos xornalísticos, traducidos ao galego para esta ocasión, que se tentou xustificar no texto político e institucional da edición, “pola dimensión cultural de Casanova”, un suposto papel de “embaixadora privilexiada de Galicia e Polonia” e mais tamén, subliñábase, porque “escribir en feminino sempre foi un acto transgresor”. Versión gobernativa, escrita desde a tradición progresista e feminista, que se contradí claramente co expresado pola propia Casanova nunha entrevista que concede en 1925 e na que, sen reparo algún, afirmaba: “Eu fun unha muller verdadeiramente española. Isto é, submisa ao marido. Moi submisa…”. A seguir con gabanzas efectuadas en automático, tamén a Fundación Galiza Sempre, nunha mostra por ela organizada en 2010, inseriu o activismo de Sofía Casanova como un elemento pioneiro dentro do feminismo galego ante o descoñecemento —enténdese— dunhas opinións que a escritora igualmente expresa na citada entrevista: “Que é o que máis me preocupou na vida?: A familia. A educación das miñas fillas. Logrei facer delas unha mulleres admirables, de fogar. Á española. Son moi felices. Están todas casadas. Entregueilles aos seus maridos, intacto, o depósito sagrado que Deus me confiara…”. Quizais máis inesperada, por extemporánea, foi a homenaxe que en outono de 2013 recibe Sofía Casanova en Silleda por parte das Xuventudes Socialista de Galicia. Dirixentes desta organización gabaron nesta ocasión unha autora a anos luz do pensamento socialista, confesa admiradora de Hitler e que mesmo informou en tempo real, para o ABC madrileño, con acrítica distancia e benevolencia obscena, sobre as primeiras matanzas perpetradas polo nazismo.

Un relato que asentou

O certo é que Sofía Casanova, ao contrario do que pode semellar ante os “transversais” recoñecementos que agora acumula, sempre foi escritora de culto entre as elites económicas e sociais da España da Restauración; as sempre asustadas e ameazadas pola acción emerxente dos distintos movementos da clase obreira. Especialmente entre aquelas mulleres lectoras da súa mesma clase social que, a maiores de coincidir cos seus postulados ideolóxicos, valorar a súa capacidade de muller escritora e admirar unha vida privada propia de novela decimonónica, precisaban dotarse no día a día de argumentos e razóns para manter intactos —e a salvo de revolucións— os seus privilexios sociais de clase. Os escritos de Casanova na prensa madrileña, derramados durante décadas, serviron para forxar unha liña de pensamento reaccionario, non exenta —como décadas despois farán os ideólogos falanxistas— de certas tinturas rexeneracionistas, e que vai contribuír decisivamente a modelar aquel pensamento feminino español —moi marcado polas sotanas da igrexa de Roma— que se verá referendado e representado polos militares que se alzaron en armas contra a legalidade constitucional republicana en 1936.

“Eu fun unha muller verdadeiramente española. Isto é, submisa ao marido. Moi submisa…”

Un feito práctico da biografía intelectual de Sofía Casanova é tan singular como significativo. A estratéxica conferencia que pronuncia en 1919 ante xenerais e xefes do exército e da armada española para situalos, poñelos en posición de defensa, ante a ameaza bolxevique. Conferencia (asombrosamente incluída na edición apadriñada pola Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia en 2008), que sumada aos reiterados escritos da escritora sobre as maldades de comunismo soviético e as bondades dos réximes nazi-fascistas, orientan e modelan conversas tanto nos cuartos de bandeiras africanistas e nos casinos militares da península como nos salóns e escolas das familias conservadoras e dereitistas. Se lle facemos caso a súa biógrafa principal cando esta afirma que as crónicas que a Casanova enviaba desde Polonia sempre circularon baixo abeiro diplomático —é dicir, en valixa—, podemos estar ante unha Sofía Casanova “axente” privilexiada do Reino de España e como semente activa e informativa dun pensamento que se expresará con violencia organizada, lexítima, segundo a propia escritora, desde xullo do 36. De tal xeito que, cando a entrevistan para La Voz de España de San Sebastián o 20 de novembro do 1938, non agacha ni disimula que se emociona ante eses “homes superiores” que “defenden a nación coas armas”. Sobre o principal deles, o xeneral Franco chega a escribir: “Vin a Burgos para realizar o meu soño de ver o Generalísimo. Onte, á fin, fun recibida en audiencia; a impresión que me causou é fonda e indicible. É o home providencial, e ao escoitalo e velo experiméntase unha sensación intensa da súa grandeza espiritual, da súa clarividencia e do seu afán nas armas de España. Despois de ter falado con el síntese unha impresión de fonda confianza, seguridade e paz espiritual”

A fotografía de Sofía Casanova

Estamos ante unha Sofía Casanova a escenificar o seu nidio apoio ao alzamento armado, tamén ás súas consecuencias violentas, e mesmo a informar que na súa “casa de Polonia, entre rezos e temores, pasaba as horas tras a radio a escoitar as mensaxes que chegaban de Burgos”. Para a revista Fotos. Semanario gráfico nacionalsindicalista, tamén editada nese San Sebastián da retagarda franquista, concede outra entrevista para a que achega un documento gráfico que recuperamos. Unha ben indigna mais inequívoca fotografía na que Sofía Casanova, na compaña dos seus netos e á porta da súa mansión polaca, non dubida en se retratar facendo o saúdo nazi (no 1938 e en Polonia, recalcamos). A erguer o brazo e a insistir que ela xa era franquista en terras polacas onde, dicía, a xuventude das universidades “canta hoxe os nosos himnos nacionais, traducidos polos meus netos”.

Chegara a Burgos en idade xa avellentada pero activa e intacta nas súas conviccións e coa confesa intención de coñecer a Franco, pronunciar conferencias propagandistas, algunha delas por Galicia, e á vez detectar a intensidade dun movemento armado que, estudado in situ, a conduce a declarar que lle gustaría “que coñezan todos os españois a fonda impresión que levo non fondo da miña alma ante a grandiosidade da Cruzada que se está realizando en España”. Do seu trato directo con Franco deixou testemuño de que o xeneral golpista tivera “a inmensa amabilidade para comigo de enviarme, por medio do seu axudante, a súa fotografía cunha cariñosa adicatoria” e máis tamén que fóra recibida “polo señor Serrano Suñer”, o ministro do goberno de Franco, apuntamos, que xa coñecía de primeira man e en tempo real da existencia do campos de exterminio nazis. Casanova, en audiencia, foi igualmente saudada polo xeneral Orgaz, militar que lle concede “unha cariñosa acollida confirmada pola súa benevolencia cos meus versos, pois ordenou que a miña homenaxe ao exército se lea nas 25 academias militares da España liberada”. Referíase sen dúbida a ripios do estilo dos que por entregas se foron publicando na prensa galega confiscada polos alzados e dos que nos resistimos a ofrecer unha versión en galego: “Ya suenan los clarines / del requeté que marcha, / la Falange se aleja / cantando cara el sol”. Ou aquel outro máis que comprensivo coa violencia —recollido por Martínez Martínez— e no que cantaba: “La cruzada comienza / por Dios y por España / cuerpo a cuerpo, sin tregua, / formidable, cruel. / Del monstruo apocalíptico / pisemos las entrañas / nos ha dado el Arcángel / su lanza y su corcel”.

Do seu trato directo con Franco deixou testemuño de que o xeneral golpista tivera “a inmensa amabilidade para comigo de enviarme, por medio do seu axudante, a súa fotografía cunha cariñosa adicatoria”.

O certo que a única que nunca se enganou sobre as súas opinións políticas, nin tampouco sobre os seus labores de escritora, foi a propia Sofía Casanova. Na mesma entrevista de 1925 chega, despois de transmitirlle ao seu interlocutor que na Gran Guerra traballara de enfermeira —“en Varsovia pasei o día curando feridos”—, confíalle outra frase: “acudín moi preto da liña de fogo en certa ocasión…”. Esta última frase e esa “certa ocasión” é preciso reproducila por conta do exceso de magnificación sobre o seu chamado xornalismo de guerra ou de mesmo de “fronte”, como se chega a afirmar por parte dalgún dos propagandistas ou revisionistas actuais da súa obra xornalística. Magnificación como reporteira de Sofía Casanova que nos fai lembrar imposturas ou falsidades doutros coñecidos escritores ao respecto da veracidade ou non das súas crónicas bélicas. No ABC podíanse ler confidencias, entre impensables e risibles, por parte de xenerais á “reporteira” galega até o extremo de revelarlle aspectos que chocarían co máis laxa das censuras militares en tempo de guerra.

Xogos de ficción —queremos entender— mesturados coa contrastada capacidade de narrar dunha muller que, situada nun contorno privilexiado e con acceso á prensa local do momento, foi quen de escribir miles de páxinas sobre as confrontacións armadas entre Alemaña, Rusia e Polonia, e dunha vida severamente marcada pola Revolución de Outubro. De feito, as dúbidas sobre a veracidade ou non das súas crónicas deben agrandarse se reparamos no caso dunha agora reverenciada entrevista con Lev Trotski. Moi ao estilo do Javier Cercas actual, Casanova narraba —con moitas doses de antisemitismo— o seu suposto encontro co líder bolxevique: “Deixounos Sarah xunto a unha porta, onde a Garda Vermella facía sentinela, e mentres que lle pasaban a tarxeta miña a Trotski dialoguei coa canalla moi armada que alí había (…) É simpático Trotski? Non é atractivo. Acentúa o seu tipo israelita… (…) Non se revela nel nin a vontade nin a intelixencia; nada, en fin, potencialmente forte. Podería pasar por un artista decadente (…). Historia, con innegable pulso narrativo, vivida e redactada no que ela denominaba o “antro das feras” e nun país que non era outro, para ela e os lectores do ABC, máis que “a satánica Rusia”.

Sofía Casanova ofrecía sen disimulo todas as súas cartas ideolóxicas nos escritos destinados á prensa e os consumidores deles mesmo o agradecían e agardaban as súas mensaxes e advertencias. De tal xeito que ao comentar, por exemplo, a saída dunha novela de autoría feminina non oculta o seu desagrado ou incomprensión ante o seu contido: “Se ledes a novela de [Karin] Michaëlis, de seguro sentiredes, coma min, o íntimo contento de non nacer en países onde un capricho sentimental desfai matrimonios e a familia se disgrega (…) Sentín unha ledicia patriótica, pensando a cada liña que, grazas a deus!, en toda a nosa España e a súas Indias non hai nin haberá nunca cidadás do tempero de Elsie Lindter [a protagonista]. Casanova engadía deseguido a solución a estes “desvaríos” de muller: “Acaso serían o máis eficaz uns longos exercicios relixiosos, a pan e auga, con azoutes día e noite”.

A retornar ás preguntas

Sofía Casanova, Académica de Honor da Real Academia Gallega, temerariamente proposta por esta entidade para o Premio Nobel, emparentada con escritoras galegas de pensamento reaccionario e conservador como Pilarín Millán Astray ou Francisca Herrera Garrido, nunca acreditou, como as lectoras para quen escribía, nas conquistas que pensadoras achegadas ao movemento obreiro, ou outras xurdidas desde a progresión das liberdades burguesas, promovían sen descanso nas primeiras décadas do século XX. Recoñecíase na beneficencia, na educación protectora e confesional, cultivaba un concepto beatífico e retórico do pacifismo (pola contra, sempre glorificou a agresión colonial española no Rif) e mesmo ten confesado envexar a independencia das mulleres nórdicas. Mais estaba a anos luz ( por moito que agora se diga que “escribía en feminino”) dunha Alexandra Kollontai, autora para ela dun “libro malo”, e da que escribiu: “O seu feminismo de igualdade sexual e de nova ética comunista ten un comentario no monstro de mil cabezas que se arrastra polas rúas e suburbios da sacra Moscova. Son once mil nenos prostituídos, dexenerados, infectos, nacidos do libre amor, e que o paradisíaco Estado non coida” .

Chegados a este punto, retornamos ás preguntas coas que abrimos esta reflexión. Nos días —décadas dos 80 e 90 do século pasado— no que se deron nome a numerosos institutos alguén, como no caso de Ferrol, realizaría unha inocente proposta ante un claustro reunido para tomar a decisión de lle retirar, e con razón, a denominación e rótulo a un centro que soportaba a vergonza de ser coñecido polo nome de “Camilo Alonso Vega”, un coñecido militar e xefe das forzas policiais no franquismo durante anos. O profesor ou profesora relator deu o nome de Sofía Casanova e sospeitamos que sumaría como méritos da candidata a ladaíña de que era galega, que casara cun aristócrata polaco, que escribira unha cantidade importante de libros, que foi traducida a outras linguas e —con anecdotario de que a súa criada falaba galego— iso de que sempre se lembrara da súa terra natal. Tamén o de que fora xornalista e, de seguro, unha chea máis de méritos que (como era común naqueles días nos que só se lle concedían nomes de escritores aos institutos e colexios, xa fosen bos, malos ou pésimos; os loitadores sociais non mereceron ni acadaron distincións semellantes) decantarían, con pouca ou mínima oposición, a decisión final. Tamén podemos intuír que moitos de aqueles que apoiaron a proposta nesa xornada claustral, pouco ou nada saberían, ou directamente se lles ocultou, da nomeada Sofía Casanova nin, por suposto, do integrismo da súa ideoloxía política tan ligada á extrema dereita española. Da de antes e da despois da guerra do 36. O certo é que a figura da Casanova —como outros casos que aínda persisten para escarnio das persoas e colectivos, cargos electos incluídos, que nas súas mans está o darlle volta a tan pouca democrática e incivil circunstancia— continúa a ser homenaxeada nos frontispicios de centros públicos de ensino de Galicia e mesmo aireada, caso da páxina web dalgún dos centros sinalados, con santificantes e deturpadas versións da súa biografía.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s