Berta Dávila, Inma López Silva e un convidado italiano

Berta Davila

Berta Davila

DIARIO DUN CRÍTICO RESUCITADO.

Lin dunha sentada a novela coa que debutou na literatura Berta Dávila, a primeira e única cousa que teño lido desta escritora: Bailarei sobre a túa tumba, premio Biblos 2008. Non é, evidentemente, unha gran novela, mais é unha novela actual, ben escrita, cunha linguaxe contemporánea e que narra o(s) mundo(s) dunha xente, mozos que medran, do noso tempo.

Un grupo de mozos/as (aínda que o “centro” da trama sexa unha imposíbel historia de amor) cos seus odios, as súas xenreiras, as súa envexas, as súas bromas de mal gusto, mais tamén coa súa xenerosidade, e a súa verdadeira amizade, etc. Dávila foxe de calquera tipo de retórica (no mal sentido da palabra): crea unha linguaxe viva, que se percibe actual e, ademais usa dunha escrita en segundo grao, é dicir, unha ironía que só se percibe se se len con atención as frases. Unha linguaxe, doutra parte, que serve tanto para deseñar os personaxes como para debuxar detalles e apuntar, con grande economía de medios, os sentimentos dunha mocidade. Prométome, ler, cando poida, as outras cousas que ten publicadas Berta Dávila: a presente dá moito máis do que promete, sobre todo por dúas cousas: a autora argallou unha obra na que todo semella sinxelo, mais no fondo albíscase un gran traballo de escrita; e, ademais, un nidio interese pola estrutura narrativa (non conseguida de todo, debido talvez á inexperiencia), que falla, sobre todo, no último capítulo. Mais ese fallo, no fondo, non ten unha importancia decisiva. O outro acerto é o enmascaramento profundo da ideoloxía, que existe, mais non se percibe: como nas novelas de Balzac; sabemos que Balzac era reaccionario polos prólogos que endosaba á súas obras, non por estas. Despois do libro de Tovar, o meu descubrimento de Dávila (con todo, debo esperar a ler obras posteriores súas) reconcíliame outra vez coa literatura galega, da que estou tan afastado. Perdón, coa narrativa galega, xa que a poesía é outra historia.

Dávila crea unha linguaxe viva, que se percibe actual e, ademais usa dunha escrita en segundo grao, é dicir, unha ironía que só se percibe se se len con atención as frases.

Continuando cos meus descubrimentos de mediterráneos, collo da biblioteca un libro de Imma López Silva: Tinta. Un libro de contos editado por Galaxia. E unha novela traducida, Pericle o negro, de Giuseppe Ferrandino, publicada por Rinoceronte. Cólloa porque as únicas referencias que teño dela son dun amigo que é de fiar: nisto das lecturas un xa só se fía de si mesmo e dos amigos íntimos.

Pericle o Negro

Ao ser unha novela curta, léoa en dúas quendas. Non é unha gran novela –é unha variación d’A chave de cristal, de Hammett, mais, para min, sen o valor literario e moral da novela do americano–, pero déixase ler e está ben traducida. Ademais non hai que comparala co clásico: os mundos en que se desenvolven as dúas novelas son moi diferentes.

A novela (ou noveleta) de Ferrandino podería ser un exemplo para facer novela policial nas sociedades en que a policía oficial non goza de carisma (e con razón) e os denominados detectives privados se dedican a informes comerciais, divorcios ou seguimento de obreiros en baixa laboral: o punto de vista do delincuente. Punto de vista que, por outra banda, ten dado excelentes novelas negras, verdadeiramente negras, non esas que hoxe se nos están a vender como tales. O exemplo máis claro e xenial da novela negra desde o punto de vista do delincuente é Jim Thompson. Existen outros exemplos: James McCain, Charles Williams, Geoffrey Homes ou mesmo algunhas novelas de Donald Westlake publicadas co pseudónimo de Richard Stark e protagonizadas por Parker, etc.

Unha posíbel novela negra, e mesmo policial, galega talvez non teña, para ser verosímil, mais que dous camiños: o punto de vista do delincuente e/ou o da vítima.

E falando de novela policial, penso que conviría empezar a clarificarmos dunha vez por todas o que se entende por novela negra e por novela policial. Os grandes éxitos actuais da novela policial, os nórdicos, Ian Rankin, etc., son excelentes escritores de novela policial, mais non de novela negra, tal como se entendía esta hai, por exemplo, trinta anos. Mais deixo esta discusión para outro momento. O que quería sinalar é que unha posíbel novela negra, e mesmo policial, galega talvez non teña, para ser verosímil, mais que dous camiños: o punto de vista do delincuente e/ou o da vítima (esta última goza ou ten en si diversas variacións que dilucidaremos outro día). E unha terceira, o humor. A novela policial, sen adxectivos, ten diante de si todos os camiños: o problema, ou os problemas, son outros.

Tinta

Tinta, publicado por Galaxia, é o primeiro libro que leo de Inma López Silva. A primeira impresión que se ten é que López Silva escribe ben, que ten, acho, calidades para as páxinas eróticas, mais falla, e flagrantemente, en dous aspectos: o humor e a ironía. Esta última, infelizmente, fica, na tona. Por exemplo, no último relato do libro. Nárrase a historia dun meigallo botado cando neno ao ditador Francisco Franco, alá, no seu Ferrol natal. A “narradora”, profesora de universidade, recibe un manuscrito dun seu alumno. Estamos no ano 2086. O manuscrito foi atopado en Vilalba, vai asinado por M. F. e está datado en 1976. Neste relato (cuxa “trama” está moi ben atopada) fallan humor e ironía. O humor non aparece en todo o relato, a ironía falla por a autora non traballar en segundo grao, é dicir, sobre o estilo orixinal de M. F., sobre a súa escrita. O mesmo acontece na maioría dos relatos deste libro, onde a autora non quere chamar a atención do lector polo que acontece, nin tampouco polo climax natural dos relatos: quere atrapar a atención do lector presentando personaxes curiosos, orixinais, que din os franceses: é dicir, paradoxais: crego católico e trotskista que acaba por se converter nun fodedor (e empreñador) de mulleres feas, etc.

Tinta é un libro de relatos ben escritos, ben feitos, sen estridencias nin caídas en abismos.

713o0pH84jL._SL1408_Por outra banda, e é algo que xa me chamara a atención nalgunhas das poucas novelas galegas que lera nos últimos vinte anos e nalgunha das que lin estes días, dá a impresión de que a autora procura temas que se ben están, ou poden estar, “protagonizados” por personaxes galegos, queren ser, de inicio “universais”. É dicir, que os entendan fóra de Galicia sen necesidade de entrar en fonduras. Este é un tema do que cómpre falarmos con sumo coidado e intentando non esbardallar nin saírse de madre, é dicir, acusar de cosmopolitismo (falsamente nacional e falsamente internacionalista, de acreditarmos a Gramsci) ou “comercialidade” a ninguén. Mais sobre esta cuestión xa se falará noutro momento. (Avisando, porén, que na cuestión son, digamos, hegeliano: saír do particular para chegar ao universal: o problema formúlase no primeiro adxectivo). Dá a impresión de que algúns dos nosos narradores parten do universal para chegaren ao particular. Argallan personaxes sen raíces para lles pór logo, mediante a xeografía e a lingua, a “nacionalidade” galega, sen outros traballos de creación, de fondura e de estrutura. Mais xa avisamos que este tema habería que deixalo para mellor ocasión.

En resumo, Tinta é un libro de relatos ben escritos, ben feitos, sen estridencias nin caídas en abismos, mais ás veces un acaba por pensar que serían máis “potentes” se no canto de correr tinta (son as súas palabras) polas veas da autora, correse sangue (literatura + vida).

Xesús González Gómez.

Advertisements

Un comentario en “Berta Dávila, Inma López Silva e un convidado italiano

  1. Pingback: A corrección sen riscos de María López Sande | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s