‘Sangue 12’: As vampiras segundo Cris Pavón

Sangue-12-394x630Sangue 12, editado por Urco, é o primeiro libro que Cris Pavón consegue publicar por unha canle normal. Pavón está considerada, inxustamente, como unha autora maldita por mor de certa fatalidade do orixinal da súa novela Limiar de conciencia, que foi finalista dos premios Xerais e García Barros e finalmente foi editado en versión dixital pola propia autora. Esta consideración, hai que recordalo, só pervive en pequenos cenáculos. Para o público máis amplo das nosas letras, esta novela xuvenil será a súa carta de presentación.

Nesta nova obra, Pavón revisita o mito vampírico para actualizar un dos eixos da tradición literaria dos non-mortos: a sedución. Sangue 12 é un libro sobre a sedución hoxe en día entre a mocidade urbana galega.

O tópico do vampiro sedutor provén do mito do cazador: un ser profundamente atractivo, principalmente grazas ao seu exotismo e a certos poderes sobrenaturais. Un ser guiado pola necesidade de atrapar e capturar as súas vítimas para se alimentar de sangue fresco. O tabú da ansia de sexo camuflado co eufemismo da fame.

Pavón mantén ese perfil de vampira (o protagonismo é feminino neste libro) cazadora aínda que as cartas xa están derriba da mesa diáfanas. Non persegue para saciar os cairos senón cun claro fin de posesión, de dominio sexual pleno.

O máis interesante do libro é, por tanto, o xogo que se presenta entre a vampira e a súa vítima/obxecto de sedución, unha rapaza humana coa que se comunica a través da telepatía. Ambas son personaxes complexas, resabiadas, impacientes por tomar conta completa dos seus desexos: unha, demostrar a súa mestría na arte cinexética; a outra crebar as fronteiras da adolescencia e entregarse a esa sensación superior, tan complicada de atopar nunha sociedade que perdeu hai tempo o tellado dos límites da moral xudeocristiá.

O máis interesante do libro é o xogo que se presenta entre a vampira e a súa vítima/obxecto de sedución.

As mulleres creadas por Pavón, neste contexto de obra xuvenil, teñen pouco a ver cos perfís máis habituais nas novelas “de instituto”. É obvio que a escritora coruñesa ten presente na súa construción do libro dúas tradicións novísimas das letras vampíricas; o ciclo de Stephanie Meyers, iniciado con Crepúsculo, e a serie da tamén estadounidense Charlaine Harris True Blood, popularizada pola televisión. Fronte ao primeiro modelo, rebélase contra o amor cursi, contra o vampirismo entendido como maldición, contra o medo á transgresión. Por esa banda, Sangue 12 funciona como unha reacción, como unha alternativa na que a mocidade se deixa levar polo lado salvaxe da vida, con drogas e trabadas ben profundas na medianoite incluídas.

Ese movemento pendular non coloca o libro na órbita da saga de Harris da que falamos xa que a diferenza desoutra obra, o universo de Pavón é máis estreito, definido unicamente por un espazo urbano rutineiro no que incluso a presenza da vampira se dá dentro dunha orde onde escasea a imaxinación.

Sangue 12 ten dous defectos principais, á parte da renuncia á construción dun universo particular. O máis grave, a falta de traballo literario para que a obra se desprenda das páxinas de palla seca, para que os acertos destaquen e completen un libro que, a fin de contas, parece algo desleixado. Pavón demostra certa inmadurez, transmite ás veces certo aborrecemento polos seus escritos, un rancor cara ao texto que o lector recibe multiplicado en moitas páxinas. É esta unha eiva que comparte este libro con Limiar de conciencia. A outra é a sensación de que o idioma empregado é livián coma pole. O galego de Pavón é descafeinado, en moitas ocasións inconsistente. O óptimo labor de corrección e edición lingüística que fai Urco en todos os seus libros disfraza un tanto esa rudimentaria relación entre a autora e a materia prima da súa literatura pero en moitas ocasións as fendas son demasiado evidentes. Sobre todo nos diálogos. Non é só que sobren na súa meirande parte por seren ocos senón que en moitas ocasións demostran a incapacidade da escritora de reproducir a fala popular sen pór en cuestión a escolla lingüística das personaxes. O artificio de galeguizar o castelán da mocidade urbana de Galicia case nunca funciona. Neste caso queda moi mal. Sería máis honesto por parte de Pavón, quizais, escribir directamente en castelán.

♦ Sangue 12, de Cris Pavón, Urco, 2014. 204 páxinas. ♠12€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s