‘Pan e coitelo’. A narrativa lírica de Bieito Iglesias

DIARIO DUN CRÍTICO RESUCITADO.

1184918993030xoves_129Collo na biblioteca Pan e coitelo, de Bieito Iglesias, publicado por Galaxia. De Iglesias o último que lera fora un libro de relatos, O mellor francés de Barcelona, tamén en Galaxia. Relatos que, penso, e debo mallar na memoria para lembrar, se salvaban, sobre todo, polo idioma. Deses relatos só recordo unha variación, que non pastiche, sobre Sherlock Holmes, que me parecera ben pobre no seu momento.

Pan e coitelo non é unha novela moi longa, ilustrada con dúas aventuras de Mandrake (en italiano). Lese ben, é divertida, está ben estruturada, etc., mais penso que Iglesias puido dar moito máis e facer unha mellor novela cun pouco máis de disciplina. Disciplina no sentido de que o seu amor pola frase chocante, ás veces chocalleira, humorista, o seu gusto pola boutade e o arrouto, as ganas de xogar con comparacións que semellan ou poden semellar absurdas, acaban dominando a súa escrita. Despois de ler este Pan e coitelo, e cos antecedentes de Miss Ourense (Galaxia), Iglesias, se quixer, podería ser o gran narrador policial galego (esquézase o adxectivo negro). Ten dotes, graza, e, sobre todo, un gran sentido do humor que se agradece cando esta clase de narracións pode rozar, ou roza, a inverosimilitude. Mais outras son as súas nobres ambicións.

Iglesias, se quixer, podería ser o gran narrador policial galego.

De Iglesias lin, contando este, cinco libros narrativos. Sempre me pareceron ben escritos, mais sempre me pareceron (deixo de banda Miss Ourense) novelas, ou libros de narracións, fracasados por unha ou outra cousa. Unha veces, acho, porque ao intentar que o lector se esforzase en descubrir as claves internas que rexen a disposición dos feitos, Iglesias non acababa de dominar esas claves (eran os seus primeiros libros narrativos). Outras porque loitaba, penso, no seu interior para que o lector non tivese ningún atranco para comprender o texto e, en última análise, talvez loitaba contra as súas máis fondas crenzas. Por unha cousa ou outra, non eran novelas conseguidas.

Pan e coitelo lese, como dixemos, moi ben, ten páxinas inzadas dun verdadeiro lirismo, mais dun lirismo “narrativo”, non dese lirismo con que adoitan adornar os seus produtos moitos escritores galegos e que son páxinas neutras, mortas. Iglesias, sen fuxir da prosa, sabe imprimirlle a esta (cando menos nesta obra) as doses necesarias ou naturais de poesía, sen que sexan páxinas sobrantes ou de recheo. A novela leva como subtítulo, Novela moi moral. Ironías (autorais) á parte, é certo. É unha novela moral porque, no fondo, talvez sexa amoral coma algún dos personaxes mais logrados que inzan o libro. (Tamén cómpre agradecernos que Iglesias fuxa de calquera paternalismo político ou ideolóxico: talvez aí, tamén, radique a moralidade desta novela).

Este libro divirte, mais penso que se deixa levar moito, demasiado, pola frase, mais tamén é certo que son as frases as que sustentan calquera obra literaria. Quizais, deberiamos pedirlle a Iglesias que non se recree na súa facilidade verbal (semella ás veces que esta o atrape e non o deixe fuxir das súas redes e, por tanto, impídelle ver o bosque) e elabore retoricamente un pouco máis o estilo, que non pode, que non debe, quedar, simplemente, en brillantez ou, nos peores momentos, arroutada… Por outra parte, cómpre, tamén agradecerlle que fuxa da violencia “estéril” (porque nesta noveleta hai violencia) e, a pesar de todo –é dicir, do absurdo das situacións, sobre todo políticas– faga fuxir os seus personaxes de todo sentimento de resentimento e, sobre todo, amargura: o “detective”, como o protagonista de Le petit soldat, de Godard, aprenderá a vivir sen amargura, coas súas eivas físicas, e outras. Igual que o conselleiro, etc.

Iglesias, encore un effort si vous voulez…

Xesús González Gómez.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s