‘Escarlatina, a cociñeira defunta’: nunca o podre soubo tan ben

Escarlatina e Román, personaxes creados por Ledicia Costas, debuxados por Vítor Rivas.

Escarlatina e Román, personaxes creados por Ledicia Costas, debuxados por Vítor Rivas.

Ás veces os autores de literatura infantil (e xuvenil) pregúntanse por que os críticos non os tratan con respecto. A resposta é simple: porque se publican moi poucas historias coma a de Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, premio Merlín 2014, publicado por Xerais. Libros coma este fan brillar os dous compoñentes: a literatura e a infancia.

Escarlatina é unha das mellores obras do ano porque vai á esencia da literatura, sexa esta pensada para quen aprendeu a ler onte ou hai setenta anos: aquilo que nos fai adorar as historias nace do cotián e do máxico, do inmediato e do repousado, da habelencia de quen domina as palabras e as pon ao servizo dun conto no que, unha vez que te metes, dá moita preguiza saír. A min dáme algo de mágoa non ter agora oito ou dez anos e achegarme ás aventuras de Román cos ollos sen cicatrices. E a pesar de toda a adulteración (parafrasaeando a Bernardino Graña) que trae consigo facer anos, aínda sentín unha faísca poderosa ao ler o libro.

Costas consegue o máis difícil en calquera arte: facer que algo construído con certa complexidade e certo risco pareza tan simple que nos preguntamos como raio non se realizara antes. Iso que reunía a metáfora apócrifa do ovo de Colón, iso que define a xenialidade. A escritora viguesa parte dunha idea difícil: a relación da morte coa infancia. E vai máis alá, a relación dos cativos coa morte dos seres queridos. Pero a resolución non é sentimental nin pedagóxica. Opta pola vía contraria, por explotar os instintos infantís ao máximo: o do xogo, o da irreverencia, o pracer de ver todo sen transcendencia, cos primeiros ollos. Ledicia Costas non tira as crianzas da pucharca na que luxan a roupa do domingo, ben ao contrario empórcase canda elas e os lectores saímos tamén pingando pero felices.

Costas consegue o máis difícil en calquera arte: facer que algo construído con certa complexidade e certo risco pareza tan simple que nos preguntamos como raio non se realizara antes.

Mentres lía o libro pairaban sobre a miña memoria certas sensacións que vivín cando lin Matilda, de Roald Dahl, hai xa tantos anos (Obradoiro ten unha edición en galego, traducida por X. Miguel Barros, que xa vai pola décima edición). Especialmente a da liberdade, a da xenerosidade de abandonar o que se supón que deben ler os nenos para ofrecer o que realmente queren ler, queren vivir. Costas é unha autora consciente da tradición da que provén e neste traballo nótase. Non é unha escritora que chega aos públicos infantís ou xuvenís co oportunismo de entrar no rodicio das lecturas escolares. Nótase nela que ten un proxecto de obra para cativos, Escarlatina seguro que só é a primeira e exitosa paraxe.

Un dos grandes acertos do libro é incluír receitas de cociña. Sendo un libro de defuntos trapalleiros e fedorentos ben podería pensarse na preparación de fantasías nauseabundas. Non, ese compendio de sabores é un esvelto pero moi interesante manual para a crianzada con ganas de fochicar no forno. Este é un libro que non só dá para ler ou serlle lido a quen escoita coas orellas tesas, é unha obriña que ten unha vida inesperada, con manchas de manteiga e fariña encol da mesa da cociña.

♦ Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, Xerais, 2014. 168 páxinas. ♠12,50€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

3 comentarios en “‘Escarlatina, a cociñeira defunta’: nunca o podre soubo tan ben

  1. Pingback: Doce libros do 2014 que paga a pena ler no 2015 | BiosBardia

  2. Pingback: 'Escarlatina, a cociñeira defunta': nunc...

  3. Pingback: Premio Nacional de Literatura, espello deformado | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s