A derradeira noite de ‘El Pueblo Gallego’

Capa do derradeiro número de 'El Pueblo Gallego'

Capa do derradeiro número de ‘El Pueblo Gallego’

Xosé Enrique Acuña.

No 2014 cumpriuse o 35º aniversario do peche definitivo dun dos xornais máis importantes da historia de Galicia, El Pueblo Gallego, con sede en Vigo. Velaquí a historia do seu derradeiro número impreso.

Foi o 17 de xuño de 1979, hai pois 35 anos, e era domingo. Ese día, un xornal de Vigo saía á rúa cun titular a tres columnas: “Adeus a Galicia”. Esta despedida ocupaba unha portada na que se repetían frases duras, tristes, tamén doentes. Do estilo de “este exemplar que tes na man é o derradeiro que vas recibir por debaixo da porta da túa casa ou é o último que vas adquirir no quiosco”. Os lectores, moitos de décadas, recibían pois a mala nova e outra frase editorial, xa con vocación lapidaria, avisaba que o que viña de acontecer formaba parte da reiterada “negra sombra que, unha vez máis, se abate sobre Galicia”. O que tentamos lembrar non é outra cousa que a pequena historia do derradeiro número dun xornal que marcou boa parte da historia da Galicia contemporánea. O abrupto final dun periódico tras cincuenta e cinco anos de andaina e despois de 20.661 números publicados dende que fora fundado no Vigo de 1924.

O día que se coñeceu a noticia

“Esta vai ser a última madrugada. Alguén ten decidido que El Pueblo Gallego cale a súa voz, apague as súas linotipias, amordace a súa rotativa”, escribía Juan M. Herrera, o director do xornal clausurado, en primeira plana. Non lle faltaba razón, mais en rigor era a a segunda morte do periódico que dirixía este xornalista por encargo e confianza dun goberno sucesor do franquismo. A anterior chegara por man dos alzados contra a república en xullo de 1936 despois de tomar coas armas as instalacións dun xornal que pasou a ser ocupado por falanxistas e colaboracionistas para, dun día para outro e logo de expulsar da súa redacción e reprimir xornalistas e traballadores non afectos, convertelo no voceiro inmediato e por moitos anos das noticias do terror.

Dende estas infames e golpistas xornadas El Pueblo Gallego pasou a ser —xa incautado e roubado a Manuel Portela Valadares, o seu lexítimo propietario— un medio de propaganda ao servizo directo da Falange para, co paso acomodaticio do tempo, pasar a formar parte da estatalizada prensa do Movimiento. Xa no tardofranquismo toda esta rede informativa oficial, proveniente na boa parte dos casos de roubos e espolios, foi agrupada nunha estrutura administrativa que tomou a eufemística denominación de “Medios de Comunicación Social do Estado” (MCSE). Será este ente, activo durante o comezo da chamada Transición, o que en xuño de 1979 toma a decisión de pechar pola brava e con enganos El Pueblo Gallego.

Xornalistas e empregados, sabedores da orde gobernamental de peche, constitúense en asemblea aberta á vez que se xuramentan para lanzaren unha edición de despedida e denuncia.

Ás sete da tarde do día anterior á clausura efectiva será Manuel Orio, o redactor xefe, quen coñeza a fatal noticia por medio dun simple teletipo despachado —“vomitado”, díxose— pola axencia Europa Press. Alleo a esta filtrada información, o director voaba en avión a Madrid convocado polos responsables políticos do MCSE. Foi o último en se informar. De feito a pésima noticia vai recibila, xa chegado a Madrid, por conta dunha urxente chamada telefónica que se lle fai desde a propia redacción de Vigo. O agravio foi todo un terremoto entre os xornalistas e empregados que, sabedores da orde gobernamental de peche, se constitúen en asemblea aberta á vez que se xuramentan para lanzaren unha edición de despedida e denuncia. Un activo proceso de defensa que eles mesmos contaron e definiron nese histórico e final nº 20.661 de El Pueblo Gallego: “Durante toda a tarde e até a hora do peche do xornal que se efectuou ás tres da madrugada, os traballadores do diario defenestrado mantiveron unha honrosa e admirable postura de traballo”.

Aquela longa e dura xornada, a totalidade das persoas que compuñan o cadro de persoal tentaron e conseguiron deixar cando menos testemuño da súa situación. Procurar solidariedades e denunciar con contundencia as manobras deseñadas en Madrid desde o goberno de Adolfo Suárez e perpetradas por altos cargos que proviñan, todos, das estruturas xornalística e política do réxime franquista. Déronlles aos seus lectores unha afrontosa comparativa sobre os medios de MCSE clausurados: “Oito xornais en Andalucía, catro no País Vasco e un en Galicia. Só caeu o de Galicia”. E a pesar, remarcaban, de que no consello de ministros sentaban tres persoas que presumían de ter nacido en Galicia, casos de Sancho Rof, Otero Novas e Bustelo y García del Real. Con todo, o ambiente no xornal era de serena tristura e de rotundo empeño en marchar coa cabeza ben alta. O momento —“agora que as madrugadas xa non serán as nosas compañeiras”—, para que se reivindicase a propia historia do xornal, mesmo con todas as súas luces e sombras, e se mostrasen en homenaxe “as plumas da despedida ante a lexión dos que aquí, nesta casa sempre xenerosa, fixeron do xornalismo relixión”.

Unha ilusión cumprida

Malia ser un número que se monta ás présas, dar imaxe de normalidade foi norte e consigna do despedido corpo de redacción. Nas vinte e catro paxinas que con éxito conseguiron sacar á rúa non deixaron de publicar, con vocación de servizo, todo aquilo que formaba parte dunha edición diaria. Os horarios dos voos a Madrid, dos trens, dos vapores da ría e mais das liñas de bus. As farmacias de garda, o tempo, o santoral e o cupón pro-cegos ocuparon na maqueta o seu lugar igual que as carteleiras dos doce cines abertos en Vigo. Os reclamos por palabras, unha escasa guía médica e unha máis completa guía do fútbol modesto, para esa xornada dominical, aparecían no seu lugar, como no seu sitio de sempre figuraban o crucigrama, o salto do cabalo e a programación das dúas cadeas da TVE. Eran tempos de Pipi Calzaslargas, das entrevistas de “A Fondo” con Joaquín Soler Serrano e de fins de emisión televisiva con “boas noites, despedida e peche”. Na publicidade o GS Palas que vendía Citroën e unha plana enteira de El Corte Inglés. Pouca cousa. En realidade, a maioría das páxinas foron, nada mais e nada menos, que unha crónica amarga e á vez combativa —narrada coa forza de tanta noticia allea que chegara polos teletipos— dun xornal diario que se dilapidaba e duns traballos e oficios, cos seus salarios, que desaparecían.

Unha páxina completa mostrou, plasmou para a historia, os retratos, a maioría en postura activa ante as súas máquinas de escribir ou perto das súas cámaras de fotos, dos compoñentes da redacción. Os dezasete nomes que figuraban na morte do EPG: Paulino García, Francisco Otero, Eduardo Muñoz, José María Larrubia, José Freire, Félix Blanco, Rafael Arjones, Manuel López Prado, Javier González Méndez, Lalo Atienza, Marcelo Otero, Federico Puigdevall, María Xosé Porteiro, Xosé Antonio Perozo e Begoña Moa. Todos, xunto o director e o redactor xefe, Herrera e Orio, achegaron os seus últimos escritos, as últimas columnas e reflexións. Moa, a máis nova da redacción, firma “A traición y con alevosía” onde, antes as acusacións do goberno da UCD de inviabilidade económica e comercial do xornal, lanzadas para xustificar o peche, lembra que El Pueblo Gallego non recibira investimentos nos últimos corenta anos e que, denunciaba, seguía “a funcionar coas mesmas máquinas [referíase á rotativa] que en 1924 e nunhas instalacións que caen de vellas”. De feito, se seguimos as fotografías que se publican neste número final, moitas delas asinadas polo histórico reporteiro Siorty, non deixa de sorprender o percorrido que se fai polas instalacións que de xeito nidio lembran ás dun xornal dos anos trinta. O tempo semella parado na estampa do despacho da dirección, da biblioteca, dos talleres e cunhas imaxes de rotativas, pregadoras, que merecerían, non mais, que ser xa pezas de museo. Unicamente a presenza de teléfonos e máquinas de escribir con carcasas plásticas rompen un reseso mosaico propio de anos republicanos.

Os xornalistas opinan e denuncian

Begoña Moa buscaba tamén responsables da clausura do seu xornal. Preguntábase quen eran os culpables e apuntaba, sen dúbidas para ela, as ligazóns que “moitos prohomes da UCD teñen cos monopolios xornalísticos e de papel prensa”, e sinalaba a privilexiada relación de políticos como Landelino Lavilla, Oreja Aguirre e Otero Novas coa Editorial Católica. Unha versión que corroboraba outra das firmas tamén máis novas da redacción. É Federico Puigdevall, baixo o título de “Ya lo tiene todo”, quen quere desvelar, nunha documentada información, os xogos de relacións interesadas dos medios privados coas principais familias da UCD e o suarismo posfranquista. Os nomes de Pío Cabanillas, Marcelino Oreja, Leopoldo Calvo Sotelo, entre outros, son cruzados cos seus intereses directos en empresas xornalísticas e outras corporacións e bancos que as financian. Empresas, ao entender de Puigdevall e Moa, que serían os armadores verdadeiros dunha decisión que en realidade procuraba eliminar competencia e rematar, a vez, co espazo de liberdade de información, plenamente atento aos movementos sociais de Vigo, como no que se convertera El Pueblo Gallego.

Un xornalista procesado

Defensa da liberdade informativa que sufrira nas súas carnes o propio Puigdevall, promotor da Unión de Periodistas en Galicia, cando foi procesado por aquel xuíz tan dereitista, Julián Sansegundo Vergazo, por ter publicado unha reportaxe sobre travestidos vigueses. Puigdevall, de vinte e tres anos, foi condenado a seis anos e un día de inhabilitación profesional, multa de 20.000 pesetas, así como a un mes e un día de arresto maior. Sentenza que sería confirmada pola sala segunda do Tribunal Supremo en plena restauración democrática.

A rebeldía de Puigdevall tamén se fai notar cunha agre denuncia que neste caso deitaba sobre o “debe” de certos “compañeiros” de profesión convertidos, no seu parecer, en figuras silentes. “Mais hai algo que nos doe, tanto o máis que o peche; algo que cantos aquí traballamos aínda non terminamos de cadrar. Pensabamos que a solidariedade era unha das máis valiosas armas”, reflexionaba antes de acusar directamente que non tiveran “chamadas telefónicas, preocupacións ou interese nos nosos colegas de Galicia”. Atónito que se mostraba o xornalista despedido ante un silencio que doía, seguía a subliñar, pero do que, en realidade, facía culpable principal os donos dos “medios que ocupan o espazo informativo desta terra que enmudeceron ante a noticia do noso peche”. Unha decisión que o mesmo Puigdevall situaba nuns intereses empresariais que se sentían claramente favorecidos pola desaparición dun competidor directo no mercado. Con todo, Begoña Moa insistía con firmeza que “ningún dos que hoxe aquí estamos a poñer punto final ao noso xornal anda a pensar en abandonar tan facilmente; hai moitas loitas por levar a cabo para conseguir a liberdade de expresión”.

Voces e columnas

Contundencia de opinións ás que se suman as achegadas desde un lacónico “The End” asinado por Javier González Méndez, todo un encadeado de nostalxia e ira (”tanto tempo acusándonos de azuis [por falanxistas] para agora sentenciarnos por roxos”) ilustrado cunha fotografía de Castro, o popular repartidor da rúa do Príncipe, a facer malabares cun exemplar do periódico. A columna, entre aceda e intimista, de Xosé Antonio Perozo, o testemuño en galego de Otero Guldrís, os agradecementos profesionais do redactor xefe Manuel Orio, a convivencias de ideoloxías e camaradaría celebradas por Félix Blanco e os ataques á UCD de Eduardo Muñoz. Tamén as entrevistas de Paulino García aos traballadores e subscritores, un Manolo López Prado a lembrar os seus primeiros contactos co cícero e o tipómetro e, escrita por un tenaz e laborioso Federico Puigdevall, unha retranqueira carta aberta “á querida máquina de escribir”. Tampouco faltou, posiblemente a única vez que publicou un artigo, a documentada e crítica opinión do linotipista da casa Xosé María Pérez Landín.

Outros xornalistas de fóra sumaron apoios, algún deles con anteriores responsabilidades no EPG. Contribuíron coas súas opinións, mesturadas entre comunicados de apoio de organizacións políticas e sindicais (Galicia Ceibe, Partido do Traballo de España, Intersindical Nacional Galega, Confederación Sindical Galega, Partido Galego do Proletariado, Unión Sindical Obreira…). Así, un xa xubilado e sentimental Ánxel Sevillano —primeiro galeguista, despois falanxista e outra volta galeguista— a magnificar en galego as grandes figuras que escribiron no xornal e como, por veces, lembrou, tiveran que imprentar o xornal en resmas de ruín papel estraza. Segundo Mariño, a desvelar o alcume dun dos veteranos teletipos da redacción —o “Lola Flores”, por conta do seu infernal ruído— e a facer humor con que, malia que a xestión das linotipias se decidía en Madrid, dada a súa antigüidade, tiñan que ser mantidas e arranxadas con “arames de Vigo” ou mesmo que, emotivo como o vello poeta Sevillano, contar como a veterana pregadora do xornal sempre tiña que ter ao seu pé “un botelo con auga da Falperra”. Por medio das súas habituais “Crónicas sin veto”, Gerardo González Martín —mesmo despois de recalcar que el non cría na prensa do Estado— avisa do que se vai perder con peche de todo aquilo que se artellaba cada día no vetusto predio da rúa doutor Cadaval, nº 8.

Gustavo Luca foi dos que sempre lembrará o día no que lle sinalaron nunha mesa, coa maior das confidencias, a marca que deixara o sabrazo que perpetrou, para asustar e demostrar o seu poder, o militar que en xullo de 1936 entrou á fronte dunha forza armada en El Pueblo Gallego.

Pola súa parte, vai ser Manuel Tourón, director do EPG durante catro anos, o que se refira aos xornalistas, novos aínda, que pasaron pola redacción. Mari Carmen Parada, o gran Cuco Cerecedo, Segundo Mariño ou Gustavo Luca de Tena. Os que algún día na redacción, cando xa gozaban da confianza dalgún compañeiro experimentado, e quizais “roxo” coma eles, se lle permitía coñecer unha afronta que permanecía inalterada. Gustavo Luca foi dos que sempre lembrará o día no que lle sinalaron nunha mesa, coa maior das confidencias, a marca que deixara o sabrazo que perpetrou, para asustar e demostrar o seu poder, o militar que en xullo de 1936 entrou á fronte dunha forza armada en El Pueblo Gallego. Aquel Fabián de Caso Castañeda, capitán do Rexemento Zamora nº 29, formado na agresión colonial do Rif á beira do logo xeneral da Divisón Azul Agustín Muñoz Grandes, e que, como home de orde, mantivo unha tranquila vida social no Vigo do franquismo desde a presidencia da Casa de Zamora.

Dosinda Areses e Méndez Ferrín

Unha enquisa de urxencia tamén foi levada ás páxinas deste último número. Begoña Moa preparou un inquérito no que lle daba voz ao dramaturgo e ex-xerente Xosé Posada Curros, ao locutor, da daquela combativa Radio Popular de Vigo, Xerardo Rodríguez, e a un Xosé Luís Méndez Ferrín que foi definido como “escritor e político marxista-leninista de práctica nacionalista galega”. Ferrín, ao contestar as preguntas de Moa, definía El Pueblo Gallego como “o xornal máis vangardista da Galicia dos anos trinta” e que ao se converter no diario oficial da Falange, caracterizou, “as masas populares —que endexamais se equivocan— negáronlle o seu apoio”.

Mais a participación de Méndez Ferrín non quedou só nesta puntual opinión. Por medio dunha das entregas do que el bautizou como “A Columna salomónica” entrega, baixo o heterónimo de “Dosinda Areses”, un texto dende o que “quería practicar a transgresión”. Explicou que el tiña pensando entregar o trasunto dunha “Sonata” que Valle Inclán nunca chegou a publicar. Logo de describir o que ía a dicir, o que pretendía escribir, ao que se ía referir e por onde discorría o seu texto, vén a darlle fin co efecto literario de que “non vós darei un Bradomín inédito” (en realidade, si o ofreceu deconstruído), remata: “O xogo non foi posible. O Pueblo Gallego xa non voltará saír á rúa. A miña práctica literaria de transgresión non poderá ser recollida en periódico ningún de Galicia. As sombras do reino dos filisteos abateranse cada vez máis sobre as nosas vidas. (…) A pluma de Larra eu quixera agora pra presentar a Galicia coma un cemiterio”. E Ferrín —ou Dosinda Areses— remata con estas palabras: “A oligarquía do Estado Español, despois de apropiarse deste periódico e de servirse del durante máis corenta anos pra os seus fins, agora fai coas súas páxinas unha pelota e tira con ela ao basureiro de Matamá. Sinto noxo”.

Final con Filgueira Valverde e Manuel Portela Valladares

O dia 17 de xuño de 1979, Xosé Fernando Filgueira Valverde era director do Museo de Pontevedra. Tampouco era unha novidade, exercía neste cargo desde catro décadas atrás. E Filgueira, que mesmo escribira textos de radicalidade galeguista nas páxinas de El Pueblo Gallego en anos previos ao 36, coñecía ben a súa historia xornalística e tamén política. Pero sabía algo máis. Quixo durante décadas gardar un segredo e ben que o gardou. Con privilexios propios da xerarquía franquista, soubera en tempo real que o propietario real do xornal, o que ese día era pechado en Vigo, tiña que ver, e moito, coa institución que el dirixía. No seu exilio francés, Manuel Portela Valladares, propietario real e único de El Pueblo Gallego, “o vello carballo solitario” en definición de Castelao, fixo redactar en francés as súas derradeiras vontades testamentarias, e nelas, o Museo de Pontevedra ocupaba un lugar central e principal. Escribira: “Eu nomeo o Museo de Pontevedra, miña vila natal, o meu legatario para todos os meus bens, títulos, dereitos e accións civís e criminais para reclamar ou exercer en España, incluídas as accións extraordinarias que eu non podo formular en razón das responsabilidades políticas polas que fun condenado…”.

Filgueira Valverde oculta e evita que a sociedade galega saiba da existencia do mandado do que fora presidente do Consello de Ministros na República.

Filgueira Valverde, tamén sabedor do monumental expediente aberto contra Portela polo Tribunal de Responsabilidades Políticas do franquismo, coñecedor da súa fortuna e polo miúdo das propiedades que na cidade de Pontevedra estaban impunemente en mans doutras persoas, e malia estar en posesión do documento testamentario, decide non facer nada por executalo. Peor aínda; oculta e evita que a sociedade galega saiba da existencia do mandado do que fora presidente do Consello de Ministros na República. De feito, poucas, moi poucas persoas tiñan coñecemento da decisión tomada por Portela antes de morrer. So Agustín Portela, patrón do Museo de Pontevedra e pai do arquitecto César Portela, fixo intentos, frustrados, de que Filgueira fixese valer ante as autoridades estatais ou nos tribunais de xustiza a inequívoca vontade de Portela Valladares. O certo é que cando pecha El Pueblo Gallego, o Estado ocultoulle tamén á sociedade que o xornal que desaparecía e as súas instalacións e rotativa, eran as dun diario espoliado e roubado.

Os que coñecemos do silenciamento anos despois, e por confidencia de Antonio Odriozola, tamén patrón do Museo de Pontevedra, tampouco sabiamos que ese museo, por xestións de Filgueira, si dispuxera de fondos chegados da que fora inmensa e millonaria fortuna de Portela. Filgueira Valverde confesouno certa tarde de estraña intimidade no seu propio domicilio: “Cos cartos de Portela compramos para o museo as figuras do Pórtico da Gloria”. Poucos anos despois, “alguén” se fixo co documento que reflectía o testamento de Portela para poñelo deseguido en man dun acreditado investigador. Pero non chegou. Tampouco Filgueira, xa en posicións políticas privilexiadas —como conselleiro de Cultura dende 1982 ou como presidente do Consello da Cultura Galega— nada fixo para lle dar volta á situación. Todo o contrario. Máis silencio: o asunto Portela Valladares convertido en tabú no Museo de Pontevedra.

Tampouco, dada a súa situación como director dunha prestixiosa entidade conservacionista, ensaiou a vía de tentar recuperar exclusivamente o patrimonio documental que se gardaba no vello casarón que acollera até os seus últimos días El Pueblo Gallego. Ao final todo se dilapidou. O desaparecido busto en mármore de Portela, a biblioteca, o arquivo fotográfico e histórico, a colección de prensa ou calquera outro ben. Quizais tamén se perdeu, ou Filgueira quixo perdela, a posibilidade de relacionar a devolución de El Pueblo Gallego por parte dun Estado, en rigor xa democrático, e a lexítima indemnización monetaria por conta do espolio (rotativa incluída), co proxecto que, por aqueles mesmos días animaban outros galeguistas encabezados por Isaac Díaz Pardo para crear un xornal de expresión galega. O chamado proxecto “Galicia”.

Ao final todo se dilapidou. O desaparecido busto en mármore de Portela, a biblioteca, o arquivo fotográfico e histórico, a colección de prensa ou calquera outro ben.

A Filgueira pois, moi no seu acreditado estilo, faltoulle a valentía precisa para se enfrontar aos poderes públicos. Todo o contrario doutro dereitista de primeira hora e escritor coma el —José María Castroviejo— que como director de El Pueblo Gallego cando o franquismo foi quen de merecer multas e sancións polas súas opinións. María Xosé Porteiro e Xosé Antonio Perozo acoden ao vello xornalista para montar unha dobre páxina nese, hoxe podemos dicir que exemplar, número final de El Pueblo Gallego. Ante eles dous un Castroviejo, retratado vello, abatido e sen disimular a súa dor polo peche do seu xornal de sempre, a recordar aquelas campañas que abriu contra a instalación de fábrica de celulosas en Galicia e como fora cesado en 1954 por ter voz propia e autónoma en tempos de censuras.

O certo é que a historia foi ben triste e o patrimonio orixinal de Portela Valladares pasou en liña directa de mans dos militares golpistas aos xestores da democracia, e dende estes, a mans particulares que lograron facer perder, tristemente tamén desde a impunidade, o fío da memoria. Décadas despois, cando xa se anunciaba a eminente demolición da vella sede de doutor Cadaval —por un tempo refuxio de ionquis— tamén “alguén” lle fixo chegar ao alcalde nacionalista que neses anos gobernaba en Vigo un sinxelo e asumible rogo. Que cando menos se salvagardasen as pedras da porta de entrada e as dos catro chanzos da escaleira que a ela conducían. A idea transmitida non era outra cousa que converter o conxunto nunha asumible, clara e conceptual homenaxe a todos aqueles grandes nomes da nosa historia contemporánea que por alí subiron e entraron. Entre outros moitos, Castelao, Dieste, Maside, Fernández Mazas, Manuel Antonio, Bal y Gay, Manuel Torres, Antón Villar Ponte, Fernández Mato, Cunqueiro, Fernández del Riego… e Manuel Portela Valladares.

 

Advertisements

5 comentarios en “A derradeira noite de ‘El Pueblo Gallego’

  1. Ayer he tenido la oportunidad de leer tu trabajo sobre la última noche de El Pueblo Gallego. Enhorabuena. Es una excelente crónica de lo que fué aquel –uno más– atentado contra la libertad de expresión. Te pongo un link con el artículo que publiqué el día que cumplí mis seis años y un día de inhabilitación especial, por si es de tu interés.
    http://elpais.com/autor/federico_puigdevall/a/
    Un cordial saludo y mi enhorabuena… treinta y cinco años después.
    Federico Puigdevall

    • ola federico que hiciste despues de esto seguiste trabajando o te desencantaste de la profesión? sabes donde puedo aprender periodismo de investigación?, muchas gracias

  2. vaia inda así hai pouca información sobre este xornal e seu fundador…non sei de onde viña esa fortuna que tiña. Gustavo luca tiña información sobre o que había no edificio ademáis do xornal unha biblioteca boísima e unha folla que lle chamaban “la oliva” que se vendeu todo o peso, para reciclar….son tantas cousas…..o edificio eu inda me acordo del, tirarono o fin de 1999, pero cunha orde do goberno anterior do pp, sen poder facer nada , era refuxio de ionquis no centro, podiano ter reciclado como centro social ou biblioteca como a penzol e nin iso.

  3. por certo quitando as fotos que publicou magar no seus libros non hai case fotografía do edificio, polo menos publicadas, das privadas ten que haber moitas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s