Suso de Toro: “O meu proxecto literario está finalizado”

César Lorenzo Gil.

Suso de Toro (Santiago, 1956) é un dos escritores en lingua galega máis influentes dos últimos trinta anos. É un dos poucos que crebou os muros de marxinación da literatura, coñecido e seguido polos lectores e cada vez máis recoñecido pola crítica, confesa nesta entrevista que Somnámbulos (Xerais), agora no andel de novidades, é o epílogo ao seu proxecto literario. Sobre ese libro e o resto da súa variada traxectoria conversamos.

suso1No 2010 vostede anuncia que deixa a literatura. Por que?

Consideraba que acabara un ciclo vital e profesional. Para min, a literatura fora unha empresa á que me dedicara con esforzo e ilusión. Constatei os límites da miña realidade, até onde podía chegar. Tamén os límites da miña literatura; cheguei a un punto de autocoñecemento suficiente para parar. Decidín cerrar o ciclo porque estaba conforme comigo mesmo. E ao mesmo tempo profundamente disconforme co que estamos a vivir en Galicia e en España. Só un exemplo: o último Sant Jordi ao que acudín, no 2010, esa festa do libro que celebra Barcelona o 23 de abril, un programa da segunda cadea de TVE púxonos xuntos para entrevistar a min, un escritor en catalán e outro en vasco. Cando me tocou falar, empecei a soltar palabróns, a queixarme de que para a cultura oficial, as linguas do Estado só daban para un deses chistes que empezan con “Un vasco, un galego e un catalán…”. Non sei se emitiron aquilo pero quedei contente de poder expresar tanto cansazo acumulado.

Mais agora volta con Somnámbulos.

Este libro nace do primeiro relato, “Negocios de familia”. Era un texto que necesitaba botar fóra, que me proía. É un relato que ten moito a ver coa miña propia idade. A partir dos 50 anos, as persoas, tamén os escritores, empezamos a reflexionar e a falar sobre a nosa propia vida. A orixe deste relato está na miña propia vivencia de mocidade no remate do franquismo; é unha reflexión sobre o pasado. Os outros textos xa estaban escritos desde hai tempo. O segundo, “Conversando coa auga”, é unha encarga da Fundación Augas de Barcelona; o terceiro, “Insomne”, naceu primeiro como unha gravación magnetofónica.

Así que este libro é unha paréntese. Volverá ao silencio.

Agora escribo só polo pracer que me dá a loita que supón a creación. Xa non teño propósito de nada. Xa non me quero encadear aos lectores. Pero no futuro seguro que escribirei libros e intentarei publicalos. O meu proxecto literario xa está finalizado.

En moitos ámbitos viviuse con certo drama a súa retirada.

Até houbo quen me chamou traidor. Vin actitudes moi arrogantes. Notei unha gran falta de respecto, algo máis habitual do necesario no trato aos creadores.

Volvendo a Somnámbulos, falábame de que “Negocios de familia” é unha reflexión sobre o último franquismo.

É. A tensión de guerra, franquismo e antifranquismo é do meu punto de vista o resultado dun padrón de conduta familiar. Hai toda unha corrente que buscou unha coartada para asumir esas contradicións familiares: o argumento de que a guerra foi o choque de dúas castes de bárbaros e no medio quedou unha terceira España, á que todos se queren apuntar para sentírense cómodos. De aí a reivindicación de José Ortega y Gasset, tamén que se busquen referencias para lexitimar ese lixo ideolóxico; o último que está a ser mal usado é Manuel Chaves Nogales.

Por outro lado, imponse a idea de que as forzas antifranquistas non eran demócratas e polo tanto non eran lexítimas e cómpre ocultalas. Esta construción ideolóxica da historia está encabezada por persoeiros como Fernando Savater, Antonio Muñoz Molina, Andrés Trapiello. E a “biblia” literaria de ambos movementos é a novela Soldados de Salamina, de Javier Cercas.

A min este mecanismo social e psicolóxico interesoume e intentei buscar o motivo. Coido que o que hai detrás é unha grande inseguridade no relacionamento co pasado das súas familias, unha manobra para quedaren a gusto no persoal pero que no intelectual me parece equivocado e case obsceno. “Negocios de familia” é a miña resposta, un texto brutal, violento porque violento e brutal foi o final do franquismo. A historia oficial ocultou a violencia da fase final da ditadura e da Transición. A historia que conto é ficción pero no fondo é unha reivindicación persoal do que eu vivín naquel tempo e que agora dá a sensación de que nunca existiu.

A historia oficial ocultou a violencia da fase final da ditadura e da Transición.

O terceiro relato, “Insomne”, é unha visión ficcionada de Manuel Fraga. Malia a súa importancia na historia recente non é unha figura demasiado tratada na literatura.

É curioso. Como no relato non se define explicitamente a Manuel Fraga, en Galicia todo o mundo “pillou” o personaxe e entre os lectores da versión castelá do libro non o colleron, seguramente porque eles non conciben que puido haber un poder paternalista e despótico coma o de Fraga en Galicia. O español medio considera a Fraga un personaxe chusco. Coido que é posible que Fraga tivera noticia desta historia, que circulou en formato gravado e escoitouse na Sala Galán de Santiago. El lía todo o que eu escribía, lía moito, todo o que o atinxía. E se o leu, estou seguro que lle gustou. Eu xa convertín a Fraga en personaxe literario en Polaroid, no 1986. A min ofréceronme escribir unha biografía sobre el. Cheguei a pensar nas chaves do personaxe: un neno inseguro e torpe que medrou cunha nai fría e cun pai autoritario, toda unha vida loitando por arrumbar esas pantasmas da infancia; o resto da súa vida foron acontecementos sen importancia. Ao final desistín, non me compensaba gastar tanto tempo da miña vida con tal persoa. Tamén me pediron unha biografía de Raxoi. Pasoume o mesmo.

En canto ao seu peso na nosa literatura, penso que a cercanía histórica fai difícil literaturizar personaxes e acontecementos. A literatura nace dunha decisión persoal de falar daqueles temas que che revolven o corpo. Cando un se autoimpón temas, case sempre sae mal. A literatura sobre o poder é moi especial; coido que para conseguir resultados satisfactorios hai que ter unha experiencia política intensa, unha experiencia a ese nivel que condicionase a túa vida.

Vostede dixo unha frase moi interesante sobre o estilo: “Hoxe, aínda que queiramos, xa non podemos escribir coma o facía Robert Louis Stevenson”. O escritor do século XXI pode escribir como facía James Joyce?

A min Joyce interésame como construción autoral; en canto á experimentación, eu sempre fun da idea de que había que lograr a liberdade expresiva e a busca da transmisión. Nunca quixen romper co lector. O Ulises de Joyce é unha perversión do pacto literario. Volvendo a Joyce como construto artístico, considero que realizou o seu empeño de converterse nun grande escritor con grande astucia. Quería que a súa obra ocupase un posto de poder e logrouno. A min interésame a dialéctica que ten con Irlanda, algo que se oculta xeralmente no estudo que del se fai desde España. Está claro que era un antiimperialista. Gústame moito esa frase que dicía de que quería arrebatarlles a lingua inglesa aos ingleses.

“Era novo de máis para facer as cousas que fixen”

As súas primeiras obras, Caixón desastre (Xerais, 1983) e Polaroid (Xerais, 1986) significaron unha ruptura na narrativa galega. Nun texto publicado aquí en Biosbardia, Manuel Veiga Taboada explicaba a conta do segundo título “non só todo o que se pode facer en galego senón tamén todo o que algúns novos autores querían facer pero aínda non se atreveran a realizar ou talvez intentaran sen chegar a encontrar de todo a fórmula apropiada”. E logo explica que a meirande parte dos narradores posteriores son herdeiros seus.

Eu era novo de máis para facer as cousas que fixen. Nesa primeira etapa, nos dez primeiros anos, máis ou menos, entre o 1983 e o 1993, eu era consciente de que tiña que abrir camiños; tiña que dinamitar posicións ideolóxicas e estéticas que consideraba un atranco para que a literatura en galego gañase lectores. Mellor dito, os lectores xa estaban aí, o que faltaba era ofrecerlles novos espazos de comunicación literaria. Sinceramente, eu nunca quixen tanto influír noutros autores, crear escola, senón acoller un público que cumpría manter ou gañar para a nosa lingua.

Land Rover (Xerais, 1988) é o seu primeiro xiro. Como reaccionou a crítica diante dun cambio tan grande a respecto dos seus libros anteriores.

Naquel momento apenas tivo repercusión. Era unha novela moi violenta, moi pechada e estruturada. Aínda que se vendeu a edición, é dicir, os lectores entenderon o cambio, non houbo críticas de interese até a década do 2000, cando eu tiven necesidade de explicar os parámetros da miña obra, cando o libro aparece traducido ao castelán.

Un ano despois publica Ambulancia (Xerais). Era unha novela adscrita ao xénero policial. Na miña opinión, o buque insignia da colección Negra de Xerais, un grande intento –fracasado– de construír unha narrativa popular en galego. Por que lle interesou a vostede cinxirse ao xénero máis regrado tras varias obras de maior liberdade.

Para min, cada libro é un desafío que empeza sempre coa mesma pregunta: Son eu quen de facer isto que quero facer? Ambulancia quería ser unha novela policial feita con plena convicción, con seriedade. Eu quedei satisfeito co resultado.

Os xéneros policial e negro tardaron moito en asentarse en galego. Arestora parece que viven unha época medianamente boa pero segue a debaterse se Galicia pode “manter” novelas deste tipo, sempre relacionadas con sociedades urbanas maduras, cousa que quizais non sexamos.

O importante para unha novela dese xénero é a verosimilitude. Unha liña que me parece interesante é a novelística de bestseller psicopolicial que escribe Pedro Feixoo. Penso que pode funcionar. A novela policial e a novela negra son subxéneros da novela realista, da novela social. E para facer libros verosímiles hai que coñecer a nosa xente. E dáme a sensación de que en gran parte da nosa literatura non aparece a nosa xente, non aparece a súa substancia, non aparece esa parte canalla e brutal que temos, que teñen todas as clases sociais. Dá igual o tamaño das nosas cidades ou a envergadura dos nosos crimes. Non penso que haxa debate niso. A novela negra e a novela policial teñen abondo caldo de cultivo en Galicia. Son xéneros criminais, baseados en dous tipos de delito: os que cometen os de abaixo ou que cometen os de arriba. O que falta é valor para tratar os temas. Como é que non está novelada a corrupción en Galicia? A fraude das caixas de aforros? Coido que desde a guerra, unha gran parte da sociedade galega é covarde. No 1936 mataron ou mandaron ao exilio os mellores. Quedou a covardía; unha covardía transversal cuxa columna vertebral é a complicidade. O mundo da cultura non quedou á marxe deste sistema. Todo o mundo quere medrar, todos están á espera dun postiño.

Quedou a covardía; unha covardía transversal cuxa columna vertebral é a complicidade. O mundo da cultura non quedou á marxe deste sistema. Todo o mundo quere medrar, todos están á espera dun postiño.

Está falando da crítica?

Por exemplo. A crítica literaria ha facerse tendo en conta unicamente a obra literaria. O libro está aí; hai que explicalo, xulgalo, analizalo. Non entendo esas críticas que se regulan dun xeito ou doutro segundo o éxito do autor. E ponse así explicitamente na crítica: Fulano de Tal que tivo grande éxito de vendas con este libro. Pero que é iso? Como algunha obra destacou un pouco no modesto panorama do libro en galego merece máis atención? Gústalle máis ao crítico por ese motivo?

Con Tic Tac (Ediciones B, 1993; Xerais, 2003) volveu deixar lectores e académicos co pescozo retorcido. Outro cambio de vía e o inicio á súa carreira literaria profesional.

É certo que foi durante a redacción de Tic Tac que me decatei de que tiña que cambiar de vida. Pedín dous meses de excedencia no meu traballo porque necesitaba o tempo todo para acabar aquel libro. O proxecto literario que eu quería culminar sobardaba os límites da vida que tiña naquela altura. Sabía que só dando un paso cara a adiante podería dar conta do labor como eu quería.

Entre os anos 1997 e o 2005 vostede publicou varias obras para adultos: Calzados Lola, Círculo, Non volvas e Trece badaladas, todas publicadas por Xerais. Tamén as obras xuvenís A sombra cazadora (Xerais), Conta saldada (Obradoiro) e Morgún (Xerais). E as obras de crónica, ensaio e periodismo Eterno retorno (USC), Parado na tormenta (Galaxia), O país da brétema (Aguilar), A carreira do salmón, Nunca máis Galiza á intemperie, Españois todos, Ten que doer e Outra idea de España, todos publicados por Xerais. Foi a súa época de escritor en galego profesional. Era unha excepción no noso mercado editorial, unha especie de ensaio económico e sociolóxico cun único suxeito de experimentación.

Ese tempo foi para min unha agonía. Presentei Non volvas a cinco premios literarios. Era moi duro porque necesitaba o diñeiro. Sentía naquela época que o meu traballo era rexeitado en Galicia. En contraste, conseguín certa instalación no sistema literario español.

Vostede e Manuel Rivas convertéronse nos “rostros” que simbolizaban para moitos as letras galegas desde Madrid. Até houbo que os criticou por consideraren que vostedes facían o papel de “buen gallego” ante a cultura hexemónica.

Agruparnos a Rivas e a min na mesma frase era un tanto azaroso. A nivel literario cada un tiña o seu lugar e o seu camiño. Pero si é certo que incluso hoxe os nosos nomes son os máis recordados.

A miña ficción non é a do “buen gallego” que esperan en Madrid. Paguei unha peaxe moi alta porque non quixen asumir ese papel que El País lle asignou á cultura galega como espazo exótico. O que eu souben desde moi cedo era que quería ser un escritor do meu tempo con lectores. E para saír das fronteiras da literatura galega non queda outro primeiro camiño ca a tradución ao castelán. A min non me chamaron, eu coeime. Loitei por encontrar o meu espazo; eu nunca quixen ser un escritor español, quería ser un escritor galego lido fóra de Galicia.

A min non me chamaron, eu coeime. Loitei por encontrar o meu espazo; eu nunca quixen ser un escritor español, quería ser un escritor galego lido fóra de Galicia.

Agora que nomea El País, vostede foi un dos impulsores da edición galega do xornal madrileño.

Esa edición foi iniciativa miña. Eu entrevisteime con Juan Luis Cebrián en Madrid e lle propuxen crear unha redacción en Galicia. Quen nos fode é Madrid mais quen nos corta o pescozo son os de aquí. Quen dentro de Galicia nos ten marxinados e nos censura son os medios con base nas nosas cidades. Os de Madrid simplemente nos ignoran. Para superar ese cerco, a única vía era abrir El País, unha vez fracasado un proxecto autóctono de periódico, abafado polos poderes galegos antes sequera de nacer.

Home sen nome (Xerais, 2006) é a súa novela sobre a Guerra do 36. Chegou nun momento no que a memoria histórica estaba na boca de moitos. Foron varias obras as que se publicaron coa mesma ambientación naquel tempo.

E penso que iso foi un factor en contra do libro. Porque a miña novela non reivindicaba a memoria dos vencidos, era unha novela sobre os asasinos. Era un libro singular, que daba nome e apelidos dos verdugos, que quizais apareceu no momento inoportuno, malia poder pensarse o contrario polo ambiente que en efecto existía cando se publicou.

Vostede definiu Sete palabras (Xerais, 2009) como unha metáfora de toda a súa carreira literaria, un concentrado de Suso de Toro.

Os meus libros son todos de ficción, sempre escribín ficción; nunca historias reais. E aínda así, decateime de que en realidade andas a buscarte a ti mesmo, a explicar quen es e o que viviches. Con Sete palabras atopeime a min mesmo.

“Nunca votei polo PSOE”

Vostede implicouse en diferentes momentos na actualidade, con posicións políticas claras. Por exemplo, durante a maré negra do Prestige, no 2001, mais tivo moita máis repercusión nos medios a súa relación co presidente do goberno español entre o 2004 e o 2011, José Luis Rodríguez Zapatero, encontro do cal quedou o libro Madeira de Zapatero (Xerais, 2007).

Constatei que cando Zapatero quixo reformar o Estatut de Catalunya, o aparato do Estado reaxiu na súa contra. E non só, dentro do propio PSOE foron moitos os que actuaron contra el. Zapatero supuxo o último intento por facerlles aceptable o modelo do 1978 a vascos, galegos, cataláns e demócratas. Fracasou. España non ten solución. Madrid, como concepto ideolóxico, resumido nese simbólico Quilómetro Cero que creou Miguel Primo de Rivera, abafa calquera posibilidade de convivencia.

Vostede formou parte da lista que o BNG presentou para as eleccións europeas do 2014. Para moitos foi unha sorpresa velo tan próximo a unha forza nacionalista galega.

Si, había quen pensaba que eu era do PSOE. Eu nunca votei polo PSOE. Votei polo PSG-Esquerda Galega até a súa integración no BNG e despois ao Bloque. Con Zapatero compartín amizade e considerei o seu mandato como unha oportunidade para Galicia, para que mellorase o seu autogoberno. Pero coido que hai que apoiar as forzas políticas propias de Galicia. Eu son moi crítico co BNG e de aí que non forme parte da súa estrutura pero con todos os seus defectos, son os nosos e debemos estar cos nosos.

As últimas enquisas afirman que incluso entre os votantes tradicionais o Bloque perde credibilidade.

Gustaríame que o BNG fose máis útil. Agora vivimos un intre difícil, o tempo da resistencia. O Bloque soubo resistir e espero que teña capacidade para tomar de novo a iniciativa e para dirixirse á sociedade real. Unha das grandes críticas que lle fago ao Bloque foi que renunciase durante moito tempo a tomar as rédeas do poder autónomo. Iso, pola contra, era algo que tiña moi claro Esquerda Galega. A renuncia do nacionalismo a tomar ese poder que tiñamos favoreceu os sucursalistas e a dereita, que fixeron o que querían facer co autogoberno galego: baleiralo e usalo contra os propios intereses de Galicia.

Non nos enganemos. Podemos é fiel ao modelo de “Madrid y sus provincias”.

Hoxe non se pode falar de política sen que apareza Podemos nalgún intre da conversa.

Non nos enganemos. Podemos é fiel ao modelo de “Madrid y sus provincias”. Para Galicia un goberno seu non significaría ningún cambio desde esa óptica. Ora ben, hai que destacar a pertinencia das súas críticas económicas e democráticas. O mellor que pode traer será unha reformulación política de ambos conceptos, unha actualización que poida rachar co consenso do bipartidismo actual.

Que libros está a ler neste momento?

Como decote, ando entre varios libros: Fuga sin fin (Acantilado), de Joseph Roth, e tamén a correspondencia entre o propio Roth e o seu compai Stefan Zweig, unha parella de contrarios ben curiosa. Ambos intelixentísimos aínda que a lucidez de Roth… Tamén estou con En el principio: Génesis de la Catedral Románica de Santiago de Compostela, un xenuíno produto da USC que, lamentablemente, desde a posguerra é o lugar natural de entrada da ideoloxía españolista na que se educa os universitarios galegos. Tanto na Filoloxía, ocupada pola escola madrileña de Menéndez Pidal, isto é Ramiro de Maeztu, coma na Historiografía. Coma en todos os traballos históricos desa universidade o libro interesa pola cantidade e calidade dos datos que ofrece mais vai todo interpretado dentro do relato deses reis aos que chaman “Monarquía asturiana ou leonesa”, nunca galega. E seguen a falar dun “único” rei galego, García II. Ignoran as verdades dos traballos de Anselmo López Carreira en O reino medieval de Galicia (Edicións A Nosa Terra) ou Para unha crítica do españolismo, de Camilo Nogueira (Xerais). E aínda hai un terceiro libro: El cura y los mandarines, de Gregorio Morán, publicado por Akal. Tremendamente polémico pero moi necesario.

Advertisements

3 comentarios en “Suso de Toro: “O meu proxecto literario está finalizado”

  1. Pingback: Suso de Toro: “O meu proxecto literario está finalizado” | ::Axenda cultural AELG::

  2. Pingback: Francisco Gonzalez Ledesma: unha pequena lembranza e unha carta. | BiosBardia

  3. Pingback: ‘O ocaso da familia Portela’. Un nobelón no Vigo franquista | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s