‘Tes ata as dez’, un enigma en Vigo con demasiado caramelo

9788498655629Francisco Castro é un escritor que abala decontino entre varios xéneros da narrativa e tamén entre varios públicos. Nos seus máis de vinte e cinco anos de traxectoria podemos, no entanto, catalogar a súa obra en textos nos que o autor quere ultrapasar, ao seu xeito, certos límites sobre a linguaxe e a voz literaria e outros nos que cultiva modelos asentados na tradición nos que opta simplemente por actualizar ou achegar escenarios, personaxes e situacións aos parámetros do tempo actual e do espazo propio. Tes ata as dez, que publica Galaxia, pertence a esta segunda categoría.

A novela, encadrada na colección ‘Costa Oeste’, pensada para público xuvenil, é un relato de aventuras con tres eixos: a cidade de Vigo, a historia recente, en concreto o tardofranquismo, e a influencia das lecturas da infancia e mocidade no propio xeito de entender a vida. A fórmula escollida para engarzar todos os elementos é o xénero da busca do enigma, un xogo das pistas que funciona como cable ao que o lector se agarra desde a primeira páxina e co que o autor agarda telo enganchado até a páxina final.

Consegue isto Castro? Na parte principal si. Ese é un dos grandes acertos do libro. A situación inicial: un fillo que o mesmo día que enterra o pai recibe un correo electrónico do defunto, funciona. Con certeza, ese comezo abre moitas expectativas, moitas liñas que o lector pode imaxinar polas que vai transcorrer a historia. É un deseño aberto e como tal, a súa resolución pode decepcionar aquelas mentes que ampliaran de máis o campo do posible nesta novela.

O nobelo do libro, ese xogo da busca do tesouro, ten unha dupla cara. Por unha banda, é atractivo converter a cidade de Vigo nun plano no que a literatura e a historia florecen a partir de determinados lugares. Vigo ten fama de ser unha cidade anódina, construída no caos da présa do desarrollismo franquista. Castro dálle a volta á tortilla. Nesa eclosión do Vigo moderno pasaron moitas cousas, algunhas delas ben interesantes. A cidade máis poboada de Galicia ten aí o seu feito diferencial. A pena é que o escritor quedou demasiado na tona. Os puntos máis conflitivos da historia resólvense con pés de la. Non se contaxia a gravidade dos feitos, aparecen na novela máis distantes do que realmente son, tanto para a nosa propia memoria colectiva coma para a propia personalidade do protagonista. Quizais a razón haxa que buscala na esquiva de Castro do didactismo, que practican con mestría algúns autores galegos, caso de Agustín Fernández Paz. O problema foi que non encheu con nada ese baleiro.

Vigo ten fama de ser unha cidade anódina, construída no caos da présa do desarrollismo franquista. Castro dálle a volta á tortilla. Nesa eclosión do Vigo moderno pasaron moitas cousas, algunhas delas ben interesantes. A cidade máis poboada de Galicia ten aí o seu feito diferencial. A pena é que o escritor quedou demasiado na tona.

Outro acerto é aproveitar o libro para falar de libros. A peor faciana da literatura xuvenil é a pedagóxica: o sermón ideolóxico e educativo está tan presente no noso sistema que ten contaminado incluso gran parte do que se publica na ficción para adultos. Castro evítaa, afortunadamente, e en cambio propón na súa obra un fío condutor cara a outros autores, neste caso clásicos da literatura para adolescentes que teño por seguro que desapareceron do canon de lecturas das novas xeracións. Ignorar a Robert Louis Stevenson é un delito para calquera lector. Facer boca para que alguén se achegue a el, con xeito e elegancia, é sempre unha boa idea.

A cara escura da que falaba antes reside nos propios actores da trama. O máis frouxo da novela é a historia de amor. A voz narrativa, en primeira persoa, é en demasiados momentos un bafo de caramelo, caramelo reseso ademais. Castro crea unha personaxe feminina que se intúe interesante, poderosa a nivel narrativo pero que acaba minimizada, convertida nunha flor de plástico pola visión do personaxe masculino/narrador.

♦ Tes ata as dez, de Francisco Castro, Galaxia, 2014. 292 páxinas. ♠13,60€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s