A morte e os camiños

Teatro. ALAN CLEAVER/FLICKR

Teatro. ALAN CLEAVER/FLICKR

Xabier López López.

Malia amencer inclemente, o día mellorara as súas trazas até pendurar do máis alto un deses soliños de outono cargado de promesas. A rodeira estaba galonada de follas douradas e vermellas e no medio espido arboredo, animados por un espírito dacabalo da natividade e a elexía, cantaban ledamente os paxaros. Mesmo parecía que aquela suave airexa que asubiaba nas ventás da ambulancia gozaba da amábel temperatura dunha xeira primaveral. Con todo, canto máis traxecto consumía a viaxe, máis e máis escuro viraba o camiño. Como se cada dubitativa e desafortunada parada (Hostivice, Jeneč, Pavlov…) só fosen pretexto para denunciar a miraxe, e ocasión de luxar o ceo con nubes avoltas e sombrías. O meu condutor apenas falaba. Animado tan só por esa lei que parecía rexer cada desvío, apenas despegaba os labios para anunciar cunha voceciña por completo desapaixonada a proximidade dalgunha ruína, un montón de escombros, calquera agrupación de pedras comesta polo mato.

Pasaba xa da hora do xantar –mesmo para quen adoita facelo de maneira extemporánea− cando o automóbil dexergou ao lonxe, nun curuto miserábel, unha desbaratada agrupación de cabaneis e casopas. Como queira que non se adiviñaba máis camiño ca o que marcaba unha estreita congostra, determinei baixar e intentar un ascenso a pé. Tiña un premonición;  unha intuición;  un presentimento. Aínda que acaso haxa que matizar estas palabras todas, prestándolles esa profundidade que a miña vivísima imaxinación –recoñezámolo− porfiaba en adxudicarlles sen propósito de emenda. Murallas, muíños, barbacás; foxos, capelas, pontes; catacumbas, labirintos, túneles. Malia que desprovisto de argumentos que me permitisen situar no tempo aquela viliña desbaratada e miserábel, abondou cun sinxelo recurso á escorregadiza materia literaria para vestir aquelas pedras cos aditamentos todos deses contos –nunca souben se medievais ou “medievalizantes”− que me contaba o meu pai ao pé da cheminea cando o viño da cea non lle levantaba dor de cabeza. Xaora que si. Pese a non ter a máis remota idea sobre a data da construción do vello lazareto –se é que por ventura os meus pasos se dirixían a onde eu cría− asumín con completa naturalidade ese pacto tácito que latexa en todas as historias que se contan arredor do lume: “todo aconteceu hai moito tempo, aínda o máis próximo”. E si. Que aqueles bandidos dos contos se agochasen en lugares tan vellos coma o crime –ocupados e abandonados un cento de veces antes de darlles morada−  non era dende logo o máis irrelevante da narración. Item máis: era o celme, a súa esencia. Pisar as mesmas laxes que outros pisaron. Durmir onde outros durmiron. Escoitar, nos intersticios das máis silenciosas madrugadas, apenas o eco dun eco dunha voz que recorda unha esperanza, unha oración, unha dor inenarrábel.

Ao que culminei a ascensión –alí abaixo, contra a chapa relucente da ambulancia, o meu condutor mataba o tempo cun cigarro− reparei nunha vella calzada. A pesar de estar vencida pola herba, aínda deixaba adiviñar o seu itinerario. Das portas das míseras cabanas manaba unha inquietante escuridade. Cheiraba que confundía. Era tan insoportábel aquel fedor que había que cubrir os nefres coa manga para non botar fóra o almorzo e aínda a cea da noite. Daba a sensación de que en calquera momento podía asomar o rostro escarnecido dun deses desafortunados inquilinos que habitaran o vilote en tempos remotos.

Mandei os escrúpulos a muxir galiñas e dobrei o lombo para entrar nunha das chousas. Só cando aclimatei os ollos á escuridade puiden comprobar qué se fixera daqueles cativos pavillóns. Escombro, refugallo, silveiras… Polas pegadas de feluxe dun recanto deducín que alí se facía lume, sospeita que verifiquei cando dei en localizar nun recuncho os restos dunha pequena cacharela. Cuspín forte no chan –o fedor agatuñaba dentro de un até virar moco na gorxa− e saín ao exterior co devezo de repetir a inspección nas outras chousas.

Camiño. MC DL/FLICKR

Camiño. MC DL/FLICKR

Os meus esforzos non tardaron en obter recompensa.

−Ande con tino, cabaleiro, non vaia ser o demo que pise onde non debe  e me estrague a vida.

Quen así falaba, con voz rouca e masculina, era unha vella que sentaba no chan, nun recanto, apertando teimosamente os xeonllos. Ao seu redor amontoábanse farrapos e reboutallos de comida.

−É vostede…?

Danica? Era aquela muller a señora Danica? Polo seu “oficio”, o ton reverencial do doutor ao falarmos dela e mesmo a propia imaxe que evocaba o significado profundo daquel nome (esa estreliña do luceiro que ben axiña nos arrinca un sincero sorriso) xuro que agardaba atopar, non sei, algo así como unha fada madriña, unha nobre anciá investida desa pálida beleza intemporal na que se asoman uns ollos cheos de vida. Porén Danica, a verdadeira Danica, era unha vella repugnante. Extremadamente delgada, marcaba os ósos nunha especie de vestido recto, sen cinto nin adornos, cunha caída semellante á da máis vulgar das cortinas. O nariz ganchudo, os ollos avermellados, a boca escarnecida…. Con todo, o máis desagradábel do seu aspecto eran as súas longas e graxentas guedellas negras, en todo impropias dunha muller da súa idade.

Por baixo do seu vestido asomaban unhas perniñas azuis inzadas de veas e mazaduras.

−Sabe, cabaleiro? Antes de que me siga a ollar con esa cara de noxo ten que saber que foron ducias de homes os que tolearon por estas carnes –botou as mans aos case indiscerníbeis peitos e apertounos con teimosía−. Porque Danica era unha muller pola que se mataba, sabe? Cantos anos ten? Trinta e cinco? Corenta? Vós, os que apenas vides de descubrir en que consiste a vida, non tendes a máis remota idea do que é a vellez, do que vos agarda aí, á volta da esquina, e non, como pensades, alá lonxe, moi lonxe, nun punto que nin sequera chega a adiviñar o horizonte… Porque estes braciños que ve foron un día redondos e frescos, e estas pernas dúas columnas, e estes peitos dúas cántaras das que os homes, e aínda algunha muller sen vendas nos ollos, mataban por beber até saciárense. Cóidese, querido, cóidese vostede tamén dos Idus de Marzo, porque nun dicir amén hase mirar ao espello convertido nun saco de ósos que non se explica que diaño aconteceu co home que foi un día.

Sorprendido por aquel parlamento, dei en dicir a primeira cousa presuntamente intelixente que me pasou pola cabeza.

−A vellez é digna se quen a viste ten en estima a dignidade.

Danica deformou os beizos cun ricto semellante ao sorriso.

−Non diga sandeces. A vellez é un castigo de Deus, ese purgatorio que se resistía a concibir o bo de Lutero. A vellez é un vestido insoportábel, unha soidade atroz que nin sequera han experimentar eses homes que perden os seus pasos no deserto…  Cando un é vello, escoite, bota de menos até aos seus máis aceirados inimigos…

−Tivo vostede moitos?

Danica fitou para min con repentino interese.

−Os suficientes, querido señor.

En dicindo isto, a vella achegou as mans á lordenta parede co propósito de poñerse en pé. Camiñou durante un tempiño ao meu redor, mergullada no silencio, coma se estivese a examinar unha mercadoría, unha desas rustridas e resignadas bestas que se exhiben nas feiras do gando.

−Non é, que se diga, un varón agraciado −bisbou−. Claro que os berces de avoengo −agarrou con dous dedos a manga do seu traxe− teñen a insólita habelencia de perdoar o imperdoábel. Que é o que quere de min?

−Saber –balbucín.

A vella actriz torceu o bico.

−E que é o que quere saber? Saber da humilde Danica? Por ventura coñecer a súa vida e milagres? –Volveume ollar con ese inquietante detemento dos tratantes de gando− É vostede un oficial do xulgado? Acaso seguen todos eses prestameiros do diaño –cuspiu no chan− coa teima de poñérenme o barazo no pescozo?

Recuando –o que non deixaba de ser, baixo calquera punto de vista, un motivo de vergoña− atropelei as palabras no intento de disipar canto antes calquera dúbida nese sentido. Non, en puridade non son un oficial do xulgado. Traballo con eles, si, pero é a gobernación quen me paga. Visito, piso acotío os tribunais, mais…

− Do… xulgado? En absoluto, señora, eu só…

−Sentemos –murmurou a anciá−. Son vella e canso con facilidade. Dicía a vostede que non tiña nada que ver coa xustiza?

−Iso mesmo trataba de explicar.

−Pois daquela dígame: que quere de min?

Impresionado aínda por todo aquilo –e xunto á sorpresa da descuberta, a fealdade e a miseria constituían tamén razóns de peso− comecei a sentir certa compaixón por aquela muller que nese preciso instante, mentres eu intentaba acomodarme nalgún lugar que non supuxese unha ameaza para os meus pantalóns, sopraba os lixos dun codelo de pan co obvio propósito de meterlle o dente. Non, nada é tan sinxelo. Nunca. A aparente claridade que poden exhibir os meus mandados (“En execución da resolución xudicial de referencia, proceda a conducir á persoa citada na parte expositiva ao sanatorio psiquiátrico de costume para dar cumprimento á mesma”) desaparece de vez cando ao papel se lle apón un rostro, a tépeda respiración dun semellante.

−Vostede mesma acaba de dicilo hai uns segundos –finxín sorrir−. Quero coñecer “a súa vida e milagres”.

A vella olloume con certo abraio. Ao cabo, logo de mudar de expresión un par de veces, pareceu convencerse da necesidade de volver abrir a boca.

−A vida e milagres de Danica Dementieva, a grande, enorme e nunca ben ponderada actriz… –sorriu cunha maligna satisfacción−.  A vida e milagres de quen gozou e sufriu con todos os gozos e os sufrimentos dos que o home garde memoria −calou, tomou aire, pechou por un momento as pálpebras−. Sabe onde nacín?

−…

− Non? Pois nacín nos camiños, meu señor, algo ben común, por outra banda, entre os cómicos da legua. Concretamente… concretamente nese camiño de bois que atravesaba en tempos o Gran Ducado de Oldemburgo, nalgún punto desa guedella de bosques que arreda ou arredaba a vila de Dötlingen da cidade hanseática de Bremen. Aínda que non o crea, recordo perfectamente esa desapiadada treboada que nos axexaba dende a mañá, facendo escorregar polos clareiros das árbores unha masa de nubes apertadas, negras coma a boca da fame…

“Contra o serán, xa non había un segundo de acougo. O que horas antes non pasaba dunha tensa espera entre lóstrego e lóstrego, virara nunha sucesión ininterrompida de raios e chispas que non deixaba, sequera, dirixir unha triste ollada aos ceos. Rompeu a chover como non choveu dende o Dioivo. As árbores abaneaban coma xuncos e corría a lama polas gabias como corren os regatos polos penedos da montaña. A tarde pintaba tan terribelmente fea que nos vimos na obriga de parar os bois e xuntar as carretas nun pequeno outeiro. Miña nai rabiaba coa dor. Se lle digo que botaba cóbregas pola boca, seguro que pensa que esaxero. Mais non é así. Había tanto sufrimento e tanta furia naqueles dentes apertados, que mesmo parecía que era ela a que provocaba o descomunal trebón que se nos viña encima”.

Unha miga turbado pola situación, non tardei en adiviñar que aínda tiña por diante un bo tempiño antes de poder satisfacer as miñas angueiras. Fora realmente oportuno seguirlle as voltas a aquela vella que parecía alimentarse de palabras? Ben; así se fiaran as cousas; non había outra. Polo demais… Non tiña diante á mesmísima Danica Dementieva –lembrei a enorme sorpresa do doutor do sanatorio−, unha das culpábeis principais dos meus últimos desvelos? Se unhas horas antes non acubillaba sequera a esperanza de dar con ela, que podía perder por escoitala durante uns minutos? O condutor da ambulancia non ía marchar sen min, non si? Ademais, lembrei, o home nin sequera tiña noticia de que dera coa muller do meu mandado; para el, con toda seguridade, aínda seguía buscando.

Foi así como tiven ocasión de coñecer de primeira man unha historia que, polas poucas veces que provocaba unha dúbida na narradora –repentinamente rosada e luminosa malia a súa fealdade− debeuse de contar un cento, se cadra un milleiro de veces.

−A miña nai…

A súa nai, continuaba, amais de comediante era parteira, ou, cando menos, quen se ocupaba de asistir ás parturientes que por unha ou outra razón –amores, desamores, vínculos familiares, pura e sinxela inercia− viaxaban coa Compañía. Xa que logo, e non habendo no xuntoiro mans máis destras ca as propias, foi ela mesma a que manexou o compás do sarillo. Artellou ao pé da carreta unha cama de ramallada, deitouse, e, logo de pelexar coa auga e máis co barro, logo de empurrar e turrar da crianza ao mesmo tempo, logo de seccionar o cordón umbilical cunha xenerosa dentada, foi quen de erguer por riba da súa cabeza unha sanguinolenta e denegrida picariña capaz de silenciar cos seus choros os trebóns da treboada. Porque Danica, ao parecer, fora todo un temperamento dende o mesmo día en que naceu. Só así se explicaba, comentaba chea de orgullo, que os demais nenos da compañía, incluso os mais vellos e espelidos, a obedecesen como a unha capitá. Que a nena quería amoras… pois aló ían todos nas silveiras, atravesando un mar de pinchos, até regresar ao camiño coas mans cheas de rabuñadas. Que a pequeneira tiña antollo de mazás… pois xa estaban todos a gabear polas maceiras sen parar mentes na extrema fraxilidade dalgunhas pólas…

Aos cinco ou seis anos xa dominaba os malabares, e pouco máis tarde xa era quen de apuntar os parlamentos cando a súa nai, a cada volta máis vella e descoidada, esquecía as rimas que devecían escoitar, coa boca en suspenso, os seareiros daquelas feiras vilegas nas que se podía mercar dende unha vaca a un alfinete, sen descontar a oportunidade de condenarse de aí á fin dos tempos.

Pasaron os anos –ao dicir isto a vella actriz puña a voar unha man diante da cara− e non, non sempre cumprira o papel de comediante dos camiños. Durante algún tempo, madía leva, foran outras as súas ocupacións. E todo comezou unha tardiña, tería ela trece, acaso catorce anos, na que os bois se viron na obriga de deteren violentamente o seu obstinado camiño de forza, paciencia e cuspe por culpa dun obstáculo certamente invencíbel. Perante a caravana, atravesando a congostra dun lado a outro, agardaba un numeroso grupo de homes armados, un fedorento e sucio batallón formado por voluntarios e veteranos. Mentres uns vixiaban o camiño cos seus ferruxentos fusís apoiados no bandullo, outros limpaban na campa lamacenta de abril os sabres e as baionetas e aínda outros máis alá quecían caldo –ou Deus sabe que outra efervescente e fedorenta beberaxe− nunha marmita chea de golpes. Aquela patulea de homes vellos, barrigudos e desamañados (máis dada a decorar a barra dunha taberna ca un campo de batalla) contrastaba, e moito, coa extrema solemnidade daquel capitán mozo que non deixaba de endereitar as puntas do bigote mentres buscaba o seu mellor perfil contra o tímido sol do primeiro verán.

Catro foron as razóns para que Danica abandonase a compañía de comediantes e se xuntase a ese sucio e heteroxéneo batallón co que, como puido saber sen entender gran cousa, o rei danés Cristian IX pretendía reforzar as malparadas tropas que intentaban manter a orde nos ducados do Elba. A primeira, porque a súa nai ficaba embaixo dun montón de terra (precisamente, nalgún lugariño entre Schleswig e Holstein), incapaz de aturar unha preñez serodia e endiañada; a segunda, porque neses volúbeis tempos nos que os nenos viran adultos (ou cando menos unha primeira aproximación menos covarde) déraselle por aborrecer todo o que tivese que ver con parlamentos, comedias e malabares; a terceira, porque a raíz dun lamentábel suceso cun crego comezara intuitivamente a simpatizar con todos aqueles que falaban de Deus e do diaño como sinxelos compañeiros de skat ou de calquera outro xogo de naipes; a última, e iso non quere dicir a menos importante, porque a pequena comediante, a diferenza de moitas outras mozas da súa idade, non camiñaba botada cara adiante co degoro de ocultar as primeiras pegadas da traidora e implacábel Nai Natura. Con outras palabras: “Aos trece ou catorce anos era máis muller ca outras que raian os vinte e aínda os vinte e cinco ou vinte e seis anos”.

Sexa porque a arrichada mociña xuntaba no corpo torrado polo sol todas as venturas que poida xuntar unha boa femia, for porque aquela patulea non acostumaba desbotar ningunha presa, Danica deixou a compaña dos comediantes e xuntouse a aquel pequeno exército de esfarrapados co que o rei de Dinamarca pretendía pór freo ás insolencias de Guillerme e Francisco Xosé I, naquela altura estrañamente ben levados . Así foi que, dalgunha maneira, virou niso que os homes de armas afeitos ás longas campañas militares chamaron nalgún tempo “soldadeiras”; isto é, que durante os meses e aínda os anos que seguiron –porque a aquel conflito aínda o seguiron outros moitos−  Danica, a moza Danica, foi a nai, a cociñeira, a costureira e aínda a manceba dos moitos exércitos que se ocupaban en mudar as cores do mapa da vella Europa.

Os seus quefaceres eran os quefaceres usuais nese tipo de andanzas: cosía, remendaba, cociñaba, limpaba as botas e as correaxes dos oficiais … Ora que Danica desempeñaba tamén outros cometidos que non tiñan as outras mulleres da tropa. Sexa polo seu xenio, for polas súas excepcionais dotes de persuasión –das que todos tiveran boa proba cando determinou tomar como mascota un pequeno esquío que morría de medo no máis alto dun piñeiro−, a pequena comediante dedicábase tamén a outro tipo de mesteres: entendíase cos prestameiros das vilas que cruzaban, conseguía víveres e doazóns dos viláns que saían ao camiño para ver marchar o exército e mesmo tomaba todos os traballos necesarios para recrutar novas mulleres para a tropa. Abondaba con que se adiantase unha miga da cabeza da marcha, e nun dicir amén, con tempo suficiente para axexar os traballos das lavandeiras dos ríos da contorna, xa tiña un bo número de mulleres de mala reputación –que tal era o cobizado− dispostas a se incorporaren sen pensalo ao batallón.

Con todo, a andaina de Danica coas hostes danesas durou o tempo de entraren en combate. E este tivo lugar nas inmediacións dunha aldeíña chamada Dybbøl, preto do mar, nunha chaira inzada de canais e de mosquitos, precisamente o mesmo día en que o fachendoso capitán da tropa alegaba unha severísima indisposición que o imposibilitaba para camiñar en primeira liña. A visión era tan terrorífica coma marabillosa. As tropas inimigas –unha especie de marea brillante e ruidosa, apuntou, dourada coma o viño mosto e densa coma o vómito−  agardaban alá diante, ao abeiro da artillería, fornecidas de todo tipo de armas e defensas. Mentres a infantería agardaba co xeonllo en terra a orde de abrir fogo, os fermosísimos cabalos negros rinchaban ás súas costas agardando o momento de que os cabaleiros os acirrasen para lanzarse ao ataque.

Danica, como todas as mulleres da tropa, agardaba o desenlace en retagarda. A dicir dela, dándolle o seu merecido a un tamborileiro que acababa de descubrir os praceres da carne axexando como se vestía, e que xa non era quen de guindar do maxín a curvatura feliz das súas nádegas, a aguda e tersa feitura dos seus peitos, o engado daquel frondoso e desmedido xardín que chamaba por el a golpe de corno, segundo confesou nun arrebato tan pueril coma garatuxeiro. Si, ese foi o papel que xogou a comediante na afamada batalla de Dybbøl, infausto evento do que eu mesmo, nado vinte anos máis tarde, apenas gardo memoria polos apresurados apuntamentos escolares e a cháchara un tanto inconexa dun vellote desdentado que sobrevivía vendendo cartóns e febras de tabaco. Mentres as bandeiras de Cristian IX dobraban sobre si como frangullas de herba, mentres os perplexos veteranos saltaban polos aires como as pezas dun xadrez golpeado por un bruto, mentres o vento se incendiaba cos hurra a Guillerme e Francisco Xosé I e os xenerais buscaban o momento máis idóneo para brindar algunha frase célebre, Danica castigaba a insolencia do tambor, ambos os dous nas traseiras dun carromato, propinándolle o escarmento peor e máis desapiadado que se poida imaxinar, dar a catar o que un soñou catar mil veces para logo advertilo de que non o ha catar máis nunca.

Cando acertou a asomar o nariz pola cortiniñas do carromato, os restos do exército danés batíanse xa en franca retirada. Era unha imaxe lamentábel, abofé, pero ela non nacera para compadecerse de ninguén. Nin sequera dela mesma. Así que, tan axiña como chegaron as tropas vitoriosas até onde eles estaban –un vertedoiro cheo de cascallos, uniformes, bandeiras e balas de morteiro− uniuse a elas como uns meses antes fixera co Batallón Danés de Veteranos. Comezou así unha singular peregrinada, de exército a exército, segundo fora o signo das distintas batallas, como se ela mesma fose un trofeo de guerra máis. Aínda que ninguén a tomaba por tal −pois nunca ninguén ousou dobregar a súa vontade− era ela mesma a que, sen dar nin chío, buscaba os carromatos da retagarda, improvisaba acaso unha despedida silenciosa e resolvía unirse á tropa en marcha logo dunha ollada desapaixonada ao horizonte.

−De aí, querido señor, que tivese ocasión de percorrer media Europa, de cacho para cribo, e aprender que todos os bandos, todos, por moi repugnantes que nos parezan os seus motivos, teñen a súa parte de razón. E tamén, créame, a coñecer un bo número de nacións sen necesidade ningunha de pisalas.

A dicir de Danica, os húngaros eran sucios pero alegres, os franceses disciplinados mais aburridos, os flamencos tan hieráticos e distantes como sorprendentemente desprendidos. E en todos os sitios escoitara blasfemar por igual, cagar nos mandos, na nai do Cordeiro e mais na Madre Patria, enarborasen a bandeira que enarborasen; en todos as mesmas apetencias de bebida, naipe e folganza.

Un serán (andaba ela coas mesmas tropas que uns meses antes cercaban o París da Comuna, revelou nunha sorte de luminescencia) tivo ocasión de presenciar, nunha viliña na que o exército fixera campamento, unha moi singular representación teatral coa que uns cómicos entretiñan os traballadores dunha granxa. Vestían roupaxes ben pintorescas –cousa nada común en tempos grises coma o pelello das ratas− e daban vida a uns personaxes con nomes moi ocorrentes: Pierrot, Pantalón, Columbina, Pulchinelo… Polo que puido dexergar tras un par de sesións –pois non foi quen de se subtraer á curiosidade e deu en presenciar todas as actuacións do grupo− a comedia, aínda que suxeita a certo esquema, daba lugar a unha serie de gozosas e delirantes improvisacións e pouco tiña que ver aquela forma de representación coas aborrecíbeis consellas morais ou coas coplas populares que a súa nai e outros comediantes tiñan que recitar decorrido cando o público ante o que se vían non era ese público paifoco que se contenta con cabriolas e malabares. Os señores seguían sendo señores e os criados criados, os amores os mesmos desamores, pero nin as bromas nin as declaracións de amor eran nunca as mesmas nin os tropezos os mesmos tropezos. Segundo parecía, pois non tardou en establecer conversa cos actores, traballaban unha Comedia moi popular nos reinos de Italia, e particularmente en Nápoles, lugar de onde procedía a meirande parte da Compañía, un reino este no que xa os cativos, aínda os menos espelidos, sabían poñerlle o nome aos personaxes con só velos aparecer ao lonxe.

Chámese como se chame –morriña, nostalxia, saudade, ou, sinxelamente, querenza repentina por un mundo perdido− Danica volveu collerlle o gusto ao asunto e determinou volver aos camiños xa non como soldadeira, dálle que non, senón como aquilo que dera pé ás súas primeiras andanzas polo mundo. Non tivo demasiados atrancos para que a aceptasen. Resulta que Pimpinela, mellor dito, a muller que interpretaba Pimpinela, xa andaba ben entrada en anos como para encaixar nunha personaxe á que os personaxes todos andaban a facerlle as beiras. Así que, logo dun demorado exame da cabeza aos pés, o xefe da compañía, un gordochiño tan simpático coma comellón, non dubidou en aceptar o ofrecemento de Danica, ocasión que aproveitou a súa antecesora no papel –un dos poucos membros da compañía que non era italiano− para abandonar o grupo e ficar nunha prometedora taberna acabada de abrir nunha encrucillada de camiños.

E así foi como a comediante xuntou artes distintas ao verso e ao malabar, pois cada representación, como xa se dixo, era unha auténtica lección maxistral. O criado Pulchinelo, logo de dar tres cabriolas, ou cantas fosen mester para chamar a atención do público, afectaba a voz e dicía: “Escoita ,Columbina! A túa faciana é unha rosa e as túas nádegas son brancas coma a flor primeira do cereixo” ou “Sabes Columbina que os teus ollos teñen sona entre os luceiros”. E entón Columbina, unha das criadas de Pimpinela, retrucaba: “Xa escoitei ese cantar outras veces, Pulchinelo; e teño que dicir que Pierrot sabe acompañalo de chifres e pandeiros”, cando non, “Tarde piaches, Pulchineliño, xa un paxaro que chaman Pierrot veu afagarme a orella”. Ao que o galanteador respondía con máis ou menos carraxe: “Dis que Pierrot..?. Ah, esa hidra velenosa! Ese papaleisón papahostias! Honra lle fai ao truán do seu señor Pantalón, o moi vergallán”, ou “Sei de quen lle ha quentar as orellas ao Pierrot tarde ou cedo, Columbina”.

Viaxou así Danica polos camiños todos, da Provenza a Brisgovia, de Saxonia a Baviera, de Silesia á Pomerania, cunha única idea a presidir todas e cada unha das súas andainas: “correndo os tempos que corren, sempre hai un exército á volta do camiño para o caso de que aborreza”. Meu dito meu feito: pasado un tempo volveu de soldadeira, pois aínda que non soasen xa os canóns nas fronteiras do Reich, sempre se podían contar manobras e exercicios militares para manter entretidos uns exércitos a cada volta máis grandes. Ora que cando cansou da vida castrense, volveu xuntarse con outra compañía de comediantes, e así, alternando as Compañías de Cómicos coas Campañas Militares, avellou e avellou, até sumar demasiados anos como para recibir incólume o trasfego dunha viaxe. Pousou; sentou cabeza. Logo de moito matinar deu cos seus ósos en Viena, onde encaprichou dela –pois aínda que entrada en anos conservaba un aceirado ramallazo de beleza− un digno empresario de carne e peixe en salga que a vira actuar nunha pousada e que non se deu por satisfeito até abordala unha noitiña, no medio da rúa, xusto cando os canóns e os estorniños anunciaban a posta de sol: “Sabes ler?”

Flores do edelweiss. INGMAR UNKEL/FLICKR

Flores do edelweiss. INGMAR UNKEL/FLICKR

Daquela comezou, confesaba, a súa Idade Dourada, os seus anos máis felices e ventureiros. Atrás quedaban os camiños, os carromatos e as pousadas de mala morte onde unha non sabía que era peor, se pelexar coas chinches ou ter que aturar os paifocos con gana de pasar a noite en vela. Chegaron os teatros, os pazos e os xardíns onde bebían licor os aristócratas e a xente de pluma e verso. Por vez primeira na súa vida –e tiña moita máis ca a que podían contar os seus anos− soubo o que era durmir entre sabas. Actuou nos mellores teatros de Viena, Praga e Salzburgo; compartiu mesa e mantel –outra gozosa descuberta− con cabaleiros e damas de renome e mesmo con músicos, pintores e académicos aos que non lles faltaba nunca un afago e mil cumpridos; participou en cacerías e en xogos de campo. Porén, o seu benfeitor –dicir “protector” sería pór o acento en manobras nas que nunca participou o mercador, de seu melindroso e unha chisca efeminado− marchou ao outro mundo ao cabo duns meses por mor dunhas febres ás que ningún médico soubo dar ningunha explicación e moito menos pór remedio. Para entón o seu círculo de amizades era grande abondo como para que non lle abrisen algunha que outra porta, pero o certo é que aquel infausto día –ela non tivo noticia do pasamento até unha semana despois, cando por casualidade leu a nova nese xornal que se dispuña a engurrar para anchear os zapatos− marcou o punto de inflexión naquel vertixinoso e abracadabrante ascenso que endexamais acertara a soñar.

Emporiso, esta é unha afirmación que só deu en formular moito tempo despois. Aínda que o empresario xa non se contase entre os que están sobre a face da terra, as cousas ían fiándose de boa maneira. Logo duns meses de aforro e outros tantos poñendo a orella nas sobremesas dos salóns, logrou situar os seus caudais no lugar máis axeitado para obter réditos de maneira rápida e segura. Coa faldriqueira chea –que gozosa e ao tempo tan inquietante sensación!−  acudiu á casa dun prestameiro para lle propor unha participación no negocio e, como queira que aínda conservaba o poder de persuasión de cando moza, logrou xuntar todo o capital necesario para montar a súa propia Compañía de comedias, unha compañía que ela cobizaba itinerante, pois, en certo modo, xa aborrecera a vida lenta e melindrosa das cidades. Sorprendendo a propios e estraños –quen máis quen menos agardaba un billete de tren e unha reserva nalgúns hoteis do circuíto− mercou vestiario, bois e dúas carretas cubertas que aproveitaban un enxeño de bisagras para ofrecer ao espectador evocadores fondos pintados, ora os cumios nevados dos Alpes coa algodonosa  flor do edelweiss en primeiro plano, ora as ebúrneas columnas dun templo grego na ribeira do Mediterráneo ou do mar Negro; convenceu un acreditado profesor da universidade da necesidade dun corpo teórico sobre a inaprazábel volta ás orixes das artes escénicas; concertou cun cabaleiriño versado en números –irmán pequeno e tarambaina de certo barón ruín e presuntuoso− a organización dunha administración contábel e, ao cabo, arrebolouse outra volta á aventura sen máis preocupación que a de visitar o boticario e conseguir un par de botes de aspirinas.

Con todo, en canto a compañía saíu de Viena, todo comezou a se torcer. Primeiro perderon un boi e coa mesma a carreta da que turraba, apenas unha chea de cascallos de cen cores no fondal do camiño. Pasado un tempo recibiron a madrugada dunha gavela de bandidos que marchou coa recadación de toda unha semana. Por se iso fose pouco, ao administrador e a unha das actrices principais –casada ao postremo cun dos actores− sorprendéronos unha mañá copulando na beira do río, suceso este que a piques estivo de custar algunha cabeza. Santo Deus, que mala sorte! En menos de tres semanas –que tres semanas, en menos de quince días!− xa case non ficaba ren da súa compañía, polo que decidiu con moita dor de corazón liquidar as contas e regresar a Viena, onde aínda logrou subsistir con certa comodidade durante un tempiño.

−Aínda que logo viñeron os tempos malos, querido señor, porque a fortuna, cada vez estou máis certa, é coma eses viraventos cos que se divirten de cando en cando os pícaros.

−E regresou outra volta aos camiños…

A vella Danica miraba para min con ese aceno de absoluta incomprensión dos cans e outros animais de compañía.

−É unha maneira de dicilo. Que outra cousa podería facer? –entendéuselle ao cabo−. O éxito e o fracaso, meu amigo, van da man. Porque unha costa arriba é sempre unha costa abaixo; velaquí unha desas verdades de pé de banco á que nos queremos cegos con demasiada frecuencia. Pero vostede, e non me engane, non veu até aquí só para saber de min. Ando no certo?

 

Xabier López López. MANUEL G. VICENTE/XERAIS

Xabier López López. MANUEL G. VICENTE/XERAIS

Xabier López López (Bergondo, 1974). Empezou a publicar narrativa no 1997. É un dos escritores máis premiados e gabados pola crítica. Gañou o Xerais, o García Barros, o Vicente Risco (de literatura fantástica), o Lueiro Rei de novela curta e tamén o Premio da Crítica Española. Nos andeis podedes ler Biff, Bang, Pow!, o seu primeiro libro, reeditado este mesmo mes por Galaxia; Olympia Ring, 1934 (Galaxia) e Cadeas (Xerais).

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s