David Cortizo: “Hai moitos lectores que podemos gañar para os libros en galego”

César Lorenzo Gil.

David Cortizo (Pontevedra, 1978) é o director editorial de Urco, un dos poucos selos especializados da industria galega do libro. Nesta entrevista ábrenos as portas deste proxecto que empezou a publicar libros cando a economía entrou en crise e cuxo responsable mira cara ao futuro convencido de que as letras teñen público; é só buscar o xeito máis acaído para sumalo.

San queremosVostede non formaba parte do equipo que fundou Urco.

Non. Urco nace a finais do 2006 como un proxecto editorial de varias persoas das que só permanece na editorial Tomás González Ahola. A filosofía coa que naceu era servir de plataforma de entrada no idioma galego de obras fundamentais dos xéneros fantástico, ciencia-ficción, terror e fantasía. O primeiro libro publicouse no 2007, O corvo, de Edgar Allan Poe. Logo a seguir, O retrato de Dorian Gray, de Oscar Wilde, libro que por certo esgotou a edición. Logo a seguir chegaron as bibliotecas Lovecraft e Conan, de R. E. Howard.

Dous anos despois, Urco amplía o marco. Empeza a publicar clásicos máis recentes, por exemplo O xogo de Ender. Nese tempo os responsables da editorial empezan a decatarse de que quizais hai canteira de autores dos xéneros de Urco en Galicia, dado o gran número de orixinais que reciben cada ano. E optan por probar a publicar textos orixinais en galego. É así como nace a colección ‘Alcaián’, no 2010. Os dous primeiros títulos foron O que Darwin no previu, de Alba Paio Froiz, e Carmiña Burana, de Santiago Bergantinhos.

A partir da publicación de autores vivos e galegos empezou a editorial a decatarse de que estes libros tiñan máis éxito entre os lectores ca as traducións e a idea orixinal de primar os libros foráneos transformouse. Hoxe hai un equilibrio entre o traducido e o orixinal sen saír das fronteiras dos xéneros nos que nos especializamos.

De momento non entrou vostede no relato.

Eu chego a Urco a mediados do 2013, por necesidades organizativas da editora. Durante uns anos, os fundadores compaxinaron o traballo en Urco coa creación dunha empresa de impresión, Sacaúntos. Buscaban con iso controlar mellor o proceso de produción, facer libros de mellor calidade. Pero atender a todo foilles imposible. Ahola, que era o único que conseguira resistir nas dúas actividades, amigo meu desde a infancia, sabía que unha das miñas arelas persoais e profesionais era crear a miña propia editorial e tamén sabía que eu non tiña a formación axeitada para que tal empresa chegase a bo porto. Así que me fixo unha proposición: Por que non facerme cargo de Urco? Así podería aprender o oficio de editor e ao mesmo tempo manter vivo un proxecto que corría risco de desaparecer, non por falta de rendibilidade senón por falta de horas para atendelo.

Non é habitual que unha editorial tan pequena teña un director “a soldo”.

Non. O máis habitual, non só en Galicia, é que os editores sexan os promotores das súas empresas. Eu agora estou convencido de que se tivese creado a miña propia editorial naquela hora cando dispuña do diñeiro e pensaba en facelo, tería fracasado. Hai moitas cousas nas que un non pensa cando soña en fabricar libros; tantos detalles nos que un nunca reparara. En Urco levo aprendido moito.

A partir da publicación de autores vivos e galegos empezou a editorial a decatarse de que estes libros tiñan máis éxito entre os lectores ca as traducións.

Que balance fai do labor da editora neste tempo?

O obxectivo era encontrar novos públicos para a lingua galega. Ao primeiro publicamos, penso, moitos títulos; saturamos o mercado. Coido que é agora cando o mercado está empezando a responder á nosa proposta, cando por fin Urco soa entre os lectores como unha editorial seria, con criterio. Na industria do libro unha das cousas que máis costa conseguir é a confianza do público, logo a seguir a difusión dos títulos que produces. Penso que estamos recollendo os froitos de traballar nese sentido durante anos. Notámolo, por exemplo, en que títulos que cando saíron non tiveron grande aceptación, están a repuntar nas vendas. É o caso de Planilandia, de Edwin A. Abbott. Hai que destacar que ese maior grao de coñecemento de Urco ten a ver coa presenza no noso catálogo de autores vivos e de expresión galega. Nos tempos de hoxe é moi importante que os propios autores participen na promoción dos seus libros.

Fáleme do proceso editorial de Urco.

Temos dúas áreas de traballo que funcionan dun xeito diferente por razóns obvias. Cada ano preparamos a publicación dun determinado número de traducións. Son obras que en moitos casos levan anos na lista de espera; aquí non hai sorpresas. E polo outro lado, temos outra base de datos, de orixinais galegos, cos que tamén confeccionamos un plan editorial, que en moitos casos se dilata até os dous anos.

Que criterios segue para decidir que un deses mecanoscritos se ha converter nunha obra de Urco?

Amais de encaixar na nosa liña editorial, teñen que cumprir dous criterios que son complementarios e básicos: a rendibilidade, é dicir, contar cun público potencial que queira comprar e ler ese libro, e a calidade, porque cando publicas algo sen calidade, aínda que pareza que pode vender, a medio-longo prazo nin vende nin favorece que o lector confíe na túa editorial.

Proximamente publicaremos Limiar de conciencia, de Cris Pavón, obra que só tivo unha edición electrónica, finalista do Xerais e do García Barros.

No xénero popular historicamente deuse o caso de editores que interviñan moito no traballo final dos escritores, que collían obras con potencialidade e porfiaban no autor para que seguise a traballar nelas. Que perfil de editor é vostede?

Recoñezo que non me gusta intervir demasiado nas obras. Si é certo que son eu o que decide en primeira instancia que libros deben incluírse no noso catálogo e en moitos casos fago unha primeira corrección estilística. Canto máis maduro é o autor, menos necesidade hai. Pero ao mesmo tempo, canta máis experiencia collo nesta profesión, máis me decato de que son quen xa de ver máis alá do escrito, que hai posibles libros que chegan a nós coma diamantes que necesitan puído. Penso que no futuro esa capacidade para detectar materia prima de calidade aínda a desenvolverei máis. E convivirá esa necesidade coa xestión doutro tipo de escritores. Nos últimos tempos publicamos obras de autores con experiencia literaria. Requiren outras capacidades editoriais.

Adiánteme algún próximo título.

Proximamente publicaremos Limiar de conciencia, de Cris Pavón, obra que só tivo unha edición electrónica, finalista do Xerais e do García Barros, de quen xa publicamos Sangue doce. Xa forman parte tamén do noso catálogo firmas como Eduardo Santiago, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2014 ou Ramón Caride, autor con moitos premios e prestixio.

Por que cre que un autor consagrado como Caride confía nunha editorial pequena logo de editar tantas obras nas principais compañías do país?

O bo de sermos especialistas é que tamén os autores nos ven como o xeito ideal para lanzar aquelas obras que encaixan neses xéneros que traballamos. Talvez unha obra de ciencia-ficción en galego teña maior difusión, maior destaque se aparece en Urco que se aparece nunha colección xeneralista de Galaxia ou Xerais.

De cando en vez reaparece o debate sobre o número de libros que se publican en galego. Edítase demasiado no noso idioma?

Non penso que haxa libros de máis no mercado, o que faltan son lectores. E coido que eses lectores están pero non len en galego o suficiente. O que deberiamos facer é conseguir que os afeccionados aos libros, os de todos os perfís, incluídos os que len só por entretemento, se sintan cómodos no noso sistema literario. Para encontrar lectores, clientes, os nosos negocios teñen que pór boa cara, sermos atractivos. Se pasamos o día a queixarnos, a rosmar, o cliente foxe. Unha das mellores cousas de traballar en Urco é que te encontras con lectores que non son os habituais do galego, é máis, moitos nos recoñecen que nunca leran en galego antes de asomarse a algunha das nosas propostas. Contábannos que sempre lles deu a sensación de que por parte dos autores e editoriais galegas hai certa incomodidade cando se achegan novos tipos de lectores. Coido que ese malestar nacido do vitimismo que temos os que nos dedicamos á cultura galega acaba por contaxiarse e iso non é bo, sobre todo se falamos de lectores que consomen unha media de dez, vinte libros por ano.

Para encontrar lectores, clientes, os nosos negocios teñen que pór boa cara, sermos atractivos. Se pasamos o día a queixarnos, a rosmar, o cliente foxe.

Quen ten un negocio físico ten doado achegarse ao seu público. Mais a industria editorial ten as canles pechadas. Só librarías contadas destacan as novidades galegas nos escaparates; os medios minimizan ou silencian a cultura propia…

Hai camiños que explorar. Hai que buscar a vida fóra con vida dentro. Unha das cousas que funcionan son as presentacións. Cando se presenta un libro nunha cidade, os medios desa localidade publican a noticia, ás veces entrevistan o autor. E as presentacións teñen éxito; coñécense os libros, hai diálogo. Visualízase o esforzo dos que traballamos na cultura. Mais insisto, eu fun un asiduo asistente a presentacións e en moitas ocasións acababa marchando anoxado porque só sentía queixas e protestas da mesa dos que falaban. Repito: protestar está ben cando as cousas están tan mal coma están pero ás veces é mellor levar esas dores por dentro e dicirlles aos lectores que estamos ilusionados, que pensamos cousas novas, que loitamos duro por ofrecerlles o mellor material.

“O xénero de fantasía fagocitou a ciencia-ficción e o terror”

Nas últimas décadas, falando estritamente dos xéneros de quiosco, teño para min que nese diálogo e competición na busca de audiencia, a lectura está a perder fronte a televisión, o cinema e, ultimamente, os videoxogos. Só no caso da fantasía, o que se chamaba cando eu era adolescente fantasía heroica, parece que segue a ser o libro o que marca as pautas. Por moito que Xogo de tronos se popularizase globalmente pola televisión, todo o mundo está pendente de que o escritor George R. R. Martin, siga a redactar a saga.

O xénero da fantasía fagocitou, en certa medida, a ciencia-ficción e o terror. É máis, estes dous xéneros están, desde o meu punto de vista esgotados. A fantasía ten tanto pulo que esa saga da que falas, Xogo de tronos, triunfa porque consegue fundir moitos aspectos tanto da ciencia-ficción como da vella literatura de terror.

Esa decadencia por que se dá?

A ciencia-ficción de calidade teno moi difícil nun mundo no que a tecnoloxía está tan presente coma é o noso. A realidade vai moitas veces máis rápido ca a imaxinación. Hai que ser moi bo para construír argumentos novidosos, atractivos e rigorosos que manteñan o lector pendente. No caso do relato de terror, coido que se trasladou á sección de Economía.

E por que a fantasía resiste?

A fantasía é un veo que lle poñemos á realidade para facela máis dixerible. Ten un público moi fiel.

Seguro que no seu íntimo dálle moita pena non ter publicado en galego Canción de xeo e lume, de Martin, un aniño ou así antes da serie da HBO.

Un dos obxectivos de Urco é conseguir que o lector en galego dispoña dos títulos fundamentais dos xéneros populares na súa propia lingua. Como é posible que un dos títulos máis importantes da literatura popular como é O nome da rosa, de Umberto Eco, non estea en galego? Pois co libro de Martin pasa igual. Mais sexamos realistas, o proxecto de tradución desa saga sería economicamente moi complicado. Falamos de volumes de máis de mil páxinas; é doado imaxinar o custo de verter ao galego cada obra.

Supoño que esa é unha das razóns polas que non se publica banda deseñada en Urco.

Aínda está “quente” A vitoria final, de Iban Zaldua e Julen Ribas, que gañou o Premio Euskadi de Literatura (subliño, Literatura) no 2012. E estamos contentes co resultado comercial; superou as nosas expectativas pero non tanto como para considerarmos viable seguir a facer cómic. Necesita unha produción de altísima calidade e nós sós non damos feito. Si me gustaría que no futuro puidésemos crear algún proxecto en mancomún con outras editoras, quizais unha edición conxunta en varios idiomas. Sería unha boa maneira de aumentar a oferta de cómic en galego.

Urco é viable economicamente no longo prazo? Que papel teñen as axudas públicas no seu negocio?

Urco percibiu as axudas públicas habituais en todas as editoriais galegas, en dúas categorías: as que se conceden para facilitar o labor de tradución e a compra de exemplares con destino ás bibliotecas. Estas últimas parécenme moi valiosas pero moi mal enfocadas por parte da Xunta.

Explíquese.

Arestora estanse comprando moitos volumes de moi poucas obras. Amoréanse nos almacéns os exemplares á espera de que os repartan polas bibliotecas. Sería máis razoable comprar menos libros de máis títulos. Favorecerían o traballo das editoriais e garantirían o dereito de acceso á lectura daquelas persoas que non teñen capacidade para compralos. Esa é a misión das bibliotecas e se contan con maior oferta mellor a poderán cumprir.

Interrompino cando falabamos de futuro.

Si; futuro realista, non ciencia-ficción. O proxecto de Urco é viable a longo prazo porque xa hoxe é sustentable. Co paso dos anos, a parte da torta dos nosos ingresos que procedía das subvencións foi minguando a favor das vendas. O ano 2014 vivimos un aumento moi interesante dos ingresos, o que nos fai ser moi optimistas de cara ao futuro. Estamos moi satisfeitos co recibimento das novas coleccións infantil (‘Os Libros da Merenda’) e xuvenil.

É o mercado galego dependente do ensino?

Todos os mercados, nalgunha medida, necesitan coidar os novos lectores. Eu aprendín a desfrutar da lectura no instituto. As lecturas guiadas vanche facendo boca. Quen abandona a lectura na mocidade raro é que volva ler na súa vida. Así que está ben que coidemos ese público. Nós temos unha vantaxe; os rapaces gostan das nosas obras. Len talvez un libro dentro do plan docente mais logo queren ler outros. Ese foi o motivo de crearmos ‘Urco Xuvenil’, para recoller esa demanda.

Urco xa ten best-sellers?

A saga de Fernando Cimadevila d’O mundo secreto de Basilius Hoffman, que xa conta con dous títulos. É unha obra da que se venden exemplares todos os meses. Outros libros tamén funcionaron moi ben.

Como valora a experiencia de publicar en galego Apocalipse Z, a serie de Manel Loureiro que xa triunfara en castelán uns anos atrás?

Estamos moi satisfeitos. Estes libros eran deses dos que falaba antes que “deben” estar dispoñibles na nosa lingua, máis tendo en conta que o seu autor é galego. El mostrouse fascinado coa idea da tradución e colaborou moito con nós, especialmente na primeira fase do proxecto; agora pasa moito tempo nos Estados Unidos. O libro en galego vendeuse razoablemente ben tendo en conta que non é unha novidade e que xa o lera moita xente en castelán. Hai que recoñecer, iso si, que se vendeu mellor a primeira parte: O comezo da fin, porque transcorre en Galicia.

Que le cando ten tempo libre, cando quita o “traxe” de editor?

Si, podería supoñerse que cando un ten como traballo principal ler textos literarios, o que menos lle apetece cando ten lecer é seguir lendo. Pero no meu caso, a pesar de que eu mesmo temía que eses agoiros que escoitaba se cumprisen, sigo a ter moita gana de ler por pracer. Así recentes teño Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais), de Ledicia Costas, unha obra que me encantou, e Laura no deserto (Galaxia), de Antón Riveiro Coello, a que considero a gran novela galega dos últimos anos. Agora empecei O Gran Reino (Xerais), de Eduardo Santiago. Ultimamente case leo en exclusiva libro galego. Hai sempre cousas novas que me apetece ler que se van sumando ás lecturas pendentes que xa tiña.

Advertisements

5 comentarios en “David Cortizo: “Hai moitos lectores que podemos gañar para os libros en galego”

  1. Estimulante entrevista. concordo plenamente coa analise que fai David dos novos lectores, de necesidade de chegarmos a eles e de como facelo.

  2. Moi interesante David…a ver varias cousas, 1ª o libro en Galego hai que estimulalo e darlle vida, para iso hai que ir de arriba a abaixo, é dicir falas de que “os propios autores participan…” e logo vai a caduca e rancia rag e dalle unha homenaxe anual a un morto, e inda por riba, como pasa este ano independentemente da polémica por política, a unha persoa que non ten ningún libro destacado, así que relaciónase o libro en Galego con algo morto e non favorece en nada, máis ben perxudica e xa non digamos coa polémica ao redor…2º de abaixo a arriba…para pillar lectores habería que facer como fan os cataláns que un día ao ano compran libros por st.jordi, imaxino que a maioría en catalán…fomentar o regalo de libros en Galego, e para iso debería servir o día das letras…no que tí dis de “raro é que volva” o lector de libros madurito, non estou nada de acordo…eu non lía moito nos vintetantos e agora con carenta e poucos considérome un gran lector, e sobre todo de libros en Galego, collín ese bonito costume pois as necesidades pódense crear…visualicen os grandes libros en Galego de narrativa actual, ahí van uns cantos títulos que poderían ser moi populares: NON HAI NOITE TAN LONGA, AS VOCES BAIXAS, SOL DE INVERNO, AS RULAS DE BAKUNIN, OS FILLOS DO MAR, CONTOS DO MAR DE IRLANDA, etc…se un empeza cos clásicos -Cunqueiro, Rosalía, Otero Pedraio, Blanco Amor…-, as veces non teñen unha linguaxe ou temática moi actual e poden facer desistir ao persoal…empecen por visualizar os que eu citei anteriormente e insistan, que a literatura en GALEGO é EXCELENTE!!
    Saúdos, sorte e REGALEN libros en Galego, non se corten!!
    Alfonso

  3. Pingback: Ramón Caride: “Se fose estadounidense escribiría series de televisión” | BiosBardia

  4. Pingback: “Non hai luz sen escuridade”: todo o que sempre quixeches saber | Maleducadas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s