O día que se escoitou o galego na televisión de Franco

Televisor. SHANKAR S./FLICKR

Televisor. SHANKAR S./FLICKR

Xosé Enrique Acuña.

Naceu a televisión, chegou á España franquista, con atraso, e certo día de 1957 o galego acadou lugar no seu plató fundacional. Un literato galego, tamén franquista, foi o titular desta historia non menor do noso idioma. O seu compromiso coa lingua galega, malia as dificultades e imposibilidades da súa contorna social e política, afianzouse desde a cautela, ao longo da súa longa vida e traxectoria. A que debe ofrecerse sen correccións nin mitificacións.

Xornalismo madrileño e en Madrid

Cipriano Torre Enciso reúne trazos biográficos comúns a tantos dos que, sumados con manifesto entusiasmo ao exército de Franco, acadarían tras derrotar a República destinos profesionais e políticos na capital do Estado. Fillo dun comerciante, nacera na Coruña o primeiro de xaneiro de 1902 dentro dunha familia na que un irmán seu chegará a catedrático de ciencias naturais e outro a xeneral do exército franquista. Asentado en Madrid, traballa como xornalista e colócano na creación da revista gráfica de Radio Nacional de España no mesmo tempo no que se decide a publicar as súas primeiras entregas literarias. E faino dun xeito ben particular. Unha novela escrita a dúas mans con outro xornalista coruñés que presenta en 1940 baixo o título de Tiempo nuevo. Unha aposta narrativa compartida con Victoriano Fernández Asís na que se plasma a vida e milagres dun xornalista americano destacado na guerra europea. Aventuras dun correspondente do The Morning Star de Filadelfia a viaxar por Londres, Berlín e París en trama non distante do xénero policial e que un crítico, o amigo e camarada de camisa azul Melchor Fernández Almagro, quíxolle ver a influencia que as narrativas propias do cine tiñan nos dous autores. Enciso publica en 1942 na editora oficial do Estado unha nova novela, outravolta a medias con Fernández Asís. Cunha vella artista de circo como personaxe máis conseguido, Doce meses y un día, tal foi o título, transcorre igualmente en período bélico e os xogos de espionaxe e corrupción abertos nas súas numerosas páxinas circulan entre a fame e a descomposición social que xeran os conflitos da frontes e a retagarda.

Cipriano Torres Enciso foi cultivador da literatura desde novo.

Cultivador dun humorismo ben particular, colabora tamén neses primeiros corenta no xornal deportivo Marca cunha serie de artigos que en 1943 foron axuntados no volume La vuelta al deporte en 80 relatos de humor. A súa actividade como escritor penetrou no mundo infantil e na revista de historietas Clarín publica en 1949 o conto Memorias de Nacho, perro detective. Este mesmo ano, como publicista e antólogo, responsabilizarase do tomo Diez obras maestras de la literatura española e en 1954 de Diez obras maestras de la literatura francesa. Os dous, outra vez, na estatal Editora Nacional. Antes, en 1952, recibira das súas amizades coruñesas o Premio Pérez Lugín de xornalismo en razón, díxose, do seu labor no diario madrileño Pueblo. Neste rotativo, tan ligado ao sindicalismo vertical falanxista, sería onde Enciso desenvolverá o máis longo tramo profesional a exercer do que daquela se denominaba “redactor de tribunais” e dentro dunha especialización que desempeña en base o seu título de avogado xa que, universitario no seu día en Santiago, licenciárase en Dereito pola universidade compostelá en 1934. Novas colaboracións de Enciso con Radio Nacional de España —sitúase na creación dun programa de título “Airiños, Aires” con vocación de atender aos radioescoitas galegos— serían simultaneas aos seus traballos na redacción de Pueblo. En 1952, cando a Semana Santa, rádiase desde esta emisora unha versión preparada por Enciso e Victoriano F. Asís da Arte de la Pasión de Lucas Fernández e, neste mesmo ano, emítense conferencias radiadas de Enciso sobre a temática de “Galicia en sus danzas”.

O galego na televisión de Radio Nacional de España

Vai ser precisamente Radio Nacional de España, a que se creara polo exército de Franco como elemento de propaganda e contrapropaganda cando a guerra do 36, a que foi elixida polas autoridades do réxime ditatorial para poñer en marcha unha adiada televisión. Co falanxista galego Jesús Suevos como principal responsable político, as emisións televisivas comezarían oficialmente o 28 de outubro 1956 cunha programación que, con fatais fallos sonoros, pasou cancións patrióticas, documentais de monxes mercedarios e os obrigatorios coros da Sección Feminina da Falange. E poucas datas pasaran deste día inaugural cando, o 4 de xaneiro de 1957, o galego, a literatura galega, daría os seus primeiros pasos na televisión por conta dunha programación centrada no católico culto do Nadal. Nos escasos 90 metros cadrados do estudio do Paseo de La Habana, dúas mulleres, María Romero, unha coruñesa con experiencia como locutora de radio, e Carmiña Piñeiro, licenciada en Filosofía e Letras, puxéronse a recitar vilancicos galegos, orixinais, resaltouse, de Cipriano Torre Enciso. Os cronistas que recolleron na prensa o desenvolvemento desta emisión pioneira destacarían que “gustaron especialmente” dúas das televisadas mostras poéticas de Enciso. As tituladas “O meu Manoliño” e o “Vilancico das Meigas”. Este último na tradición do expresado certo día por Vicente Risco: “En Galicia até as meigas lle cantan ao neno Xesús”.

Nos escasos 90 metros cadrados do estudio do Paseo de La Habana, dúas mulleres, María Romero, unha coruñesa con experiencia como locutora de radio, e Carmiña Piñeiro, licenciada en Filosofía e Letras, puxéronse a recitar vilancicos galegos.

O feito de que a obra literaria de Enciso, a ligada ao ciclo do Nadal, fose escolleita para esta emisión histórica que, aclaremos, non máis puideron vela unha minoría con televisor —só un escaso parque de centos de aparatos nese ano— e exclusivamente en Madrid, viña dada por anteriores e reiteradas colaboracións en RNE sobre unha temática que o escritor, desde ben tempo atrás, viña reunindo materiais. As súas conferencias radiadas sobre os xitanos e o vilancico español (1954), sobre os Reis Magos, os figurantes nos beléns galegos e o culto ao neno Xesús en Galicia (1956), son paralelas á confección e escrita dun libro que titulou Panxoliñas: retabro galego de Nadal. Editado en 1956, a súa difusión non foi comercial e o mesmo Enciso cubriu os custos da edición para utilizalo, e por anos, como un singular agasallo de Nadal que enviarlles ás súas amizades. Unha obra de 63 páxinas, acompañada con amenas ilustracións de José A. Cuní, que foi considerada como a primeira entrega culta adicada ao Nadal e a xeito de libro por un literato en lingua galega que bebe da tradición popular e dos rexistros, tamén cultos, que a interpretan. En realidade existe outra obra que pode compartir tal mérito e quizais con maiores merecementos: O libro Belén en Galicia, con poemas e cadros escénicos, firmados, cando menos no mesmo ano, por “Beni-paz”, pseudónimo conxunto dos cregos Benigno López Díaz e Xosé María Paz. Achegas de literatos galegos no curso da historia, ben coñecidas por Enciso, que lle valen, a maiores dun intenso labor de recompilación por aldeas e parroquias, para crear un mundo que a crítica, ou os amigos críticos aos que lle chegaba o libro cada Nadal, definiron como “voces novas fundidas en mudos himnos relixiosos”. Frase que, segundo os costumes da prensa da época, non é de descartar que formase parte dun “remitido” do propio Enciso con destino a ser publicado na páxina de novidades literarias dos xornais de referencia. Outra frase pode dar unha pista: “unha monxiña galega fíxolle saber [ao autor] que Panxoliñas o levaría sempre como un devocionario”. Entre os amigos e achegados que comentan o libro de Enciso, un latinista, Manuel Rabanal, que se empeña en ver a influencia da máis nova poesía de Álvaro Cunqueiro nas panxoliñas do poeta, e o escritor José Luis Bugallal, compañeiro xuvenil de letras e prensa, que lle dá as grazas ao autor por contribuír, atrevíase a afirmar, a que o galego fose a mellor lingua, “doce e tenra”, para lle escribir ao “divino infante”.

Por que Enciso, por que en galego?

O certo é que as calidades literarias de Cipriano Torre Enciso no foron nin moito menos a razón única do seu paso e presenza pola nacente TVE nin que o galego, un idioma ignorado, malparado e perseguido na ditadura, puidese estar presente en antena. Torre Enciso, en tempos de nacional-catolicismo, con tanta reivindicación entre relixiosa e patrioteira do Nadal, era un home de confianza, un camarada na vitoria, e cunha traxectoria que coñecía ben o falanxista ferrolán Jesús Suevos, todopoderoso responsable final da nacida televisión. E máis aínda, outro compañeiro de sempre, Victoriano Fernández Asís, o que antes do 36 fora un republicano azañista e casarista, tiña agora responsabilidades entre técnicas e directivas na posta en marcha da televisión de Franco. Os dous, Victoriano e Cipriano, comezaran a exercer o xornalismo no coruñés El Orzán. Enciso, desde 1926, formouse neste periódico dirixido por Leandro Pita Romero e nesa redacción frecuentou, e mesmo aprendeu, de nomes como Jenaro G. Catoira, Alfredo Tella, Adolfo Torrado, Eduardo Pérez Hervada, Bugallal ou Pan de Soraluce. Unha formación que sería fundamental para unha decisión que en 1936, cando o alzamento dos xenerais africanistas contra a República, adopta sen dubidar, dado o seu perfil ideolóxico, e por conta, seguro tamén, dunha circunstancia familiar. O seu irmán militar, comandante de enxeñeiros, foi o elixido polo estado maior do exército franquista para a alta responsabilidade de crear e poñer nas ondas unha radio de guerra ao seu servizo.

Á dereita, un retrato de Cipriano Torres Enciso

Á dereita, un retrato de Cipriano Torres Enciso

Na radio de Serrano Súñer e Dionisio Ridruejo

Enciso foi primeiro locutor e redactor-xefe de Radio A.Z. para, coa posta en marcha efectiva coa benzón de Millán Astray de Radio Nacional de España en xaneiro de 1937, formar parte dun primeiro cadro de locutores e redactores. Xa fose con camisa azul ou en uniforme militar, Enciso senta ante o micrófono nesas primeiras funcións bélicas e radiais de propaganda que se abren entre Salamanca e Burgos e por alí andaban tamén co mesmo oficio e entusiasmo o falanxista Gonzalo Torrente Ballester, Luís Moure Mariño e Carlos Alonso del Real. Instalada xa RNE no burgalés Palacio da Audiencia baixo o control de Serrano Súñer, ministro de Franco, e xa con dirección efectiva de Dionisio Ridruejo, Cipriano Torre Enciso pasa a formar parte desa elite falanxista que desembarca na capital castelá para facer da radio de Franco un elemento clave de axitación política. Con Ridruejo, o equipo agrupa intelectuais falanxistas de primeira hora xunto a outros que se sumaron, por diversas razóns, ao chamado Movimiento. Nomes como Luis Rosales, Luis Felipe Vivanco, Melchor Fernández Almagro, Antonio Tovar, Pedro Laín Entralgo e “cataláns de Franco”, caso de Ignacio Agustí, José Ramón Masoliver ou Xavier Salas. Con Enciso, e mesmo con outros galegos como Álvaro Cunqueiro, Eugenio Montes e Jesús Suevos a colaborar —tamén as irmás Delgado Boo— a radio franquista dotouse dun compacto grupo (a sumar Manuel Aznar, avó de José María Aznar, e o Juan Aparicio que perseguiría gobernativamente o galego) que, despois do seu triunfo en 1939, se repartiron xenerosos e ben pagos destinos e que, sobre todo, nunca deixaron de se apoiar malia as diferenzas políticas e persoais que o tempo por veces abriu. Días para eles, os de Burgos, dun total compromiso coas ideas fascistas e que tamén para a maior parte deles, no de Enciso de xeito máis ponderado, co paso das décadas ou “del alegre paso de la paz” do seu himno partidario, xa propios de esquecer ou de situar no debe duns presuntos “erros de mocidade”. Segundo recoñeceu o propio Ridruejo, a quen sempre se considerara o autor intelectual do lema, o irmán comandante de Cipriano, o Santiago Torre Enciso que chegará a xeneral, foi o que realmente “inventou” e propuxo en Burgos o uso da frase máis propagandeada polo falanxismo e os militares de Franco en plena guerra. Aquela —que tanto dano fixo— de “Por el imperio hacia Dios”.

O irmán de Cipriano, Santiago Torres Enciso, ben puido ser o autor do lema “Por el imperio hacia Dios”.

Un Cipriano Torre Enciso de radio, locutor e autor do serial “Cinco minutos de humor”, que escribe artigos falanxistas na prensa palentina e que aínda ten tempo en 1938 para firmar, baixo o suposto nome de “Totó y Gaga”, o texto infantil Viajes de Pololo, Marisol y Bigotes en el país de los rascacielos. Con limiar de Antonio Tovar e en coautoría con Joaquín Soler Serrano —xornalista franquista de primeira hora en Barcelona e que moitos anos máis tarde non se cansará de lles facer entrevistas a roxos e exiliados; María Casares e Maruxa Mallo, incluídas— publicará Enciso unha nova obriña infantil de título Juguetes: poemas para niños y para mayores. Divertimentos, quizais, que non agachan nin disimulan o seu rigor de selecto militante franquista. Un libro de título La marcha sobre Barcelona é significativo dentro da súa creación como privilexiado cronista das actuacións armadas do exército alzado. Enciso entrou nesta cidade coas columnas militares do xeneral Yagüe e, como mando da “III compañía de Radio y propaganda de los Frentes”, será dos que poña en marcha desde o 26 de xaneiro de 1939 a emisora de Radio Nacional de España na ocupada e tomada capital catalá. La marcha sobre Barcelona, escrita por Torre Enciso e un descoñecido D. Muro Zegrí, que mereceu de dúas edicións desde 1939, unha delas co xugo e as frechas falanxistas a ornamentar a totalidade da capa, é unha obra da que, andados os anos, deixou claro o seu nulo interese por reivindicala ou inserila nos seus repertorios curriculares. Circunstancias biográficas todas as descritas que soportan as razóns polas que a literatura en galego de Cipriano Torre Enciso fose quen de lograr espazo e ser aceptada na primaria televisión do xeneral Franco. Era un home de confianza, de orde, con amigos, xerarcas ministeriais, no lugar apropiado e o episódico uso e recepción do idioma galego nese programa televisivo, e nese ano concreto, non foi máis que unha anécdota, histórica, de seguro, pero á vez non mais que un breve e retórico síntoma da joseantoniana “variedade e riqueza de los pueblos de España”

Máis panxoliñas, máis poesía

O recital das panxoliñas galegas de Torre Enciso na aquela máis que minoritaria e madrileña televisión non foi o único neses días. O poeta era habitual dun Centro Gallego de Madrid, o do xeneral Lobo Montero, onde mandaban tantos militares, maxistrados, cargos do réxime varios, consgrados censores ou xornalistas como o propio Enciso. Un acto, no que tamén se penduraron nadais do gravador Castro Gil, sería toda unha mostra do papel nacional-católico que se lle quería reservar á tradición galega do ciclo do Nadal. Enciso pronuncia o 12 de xaneiro de 1957 unha conferencia —“Galicia canta al Niño Jesús”— presentado polo padre Manuel Rodríguez, secretario nacional de “Misiones”. Nela, coa imprescindible retórica cristiá, o poeta reitera que “Galicia era rica en cancioneiros e que o idioma galego era o máis cariñoso e musical para lles cantar aos nenos”. Por iso se facía preciso, apuntaba, “que os escritores galegos dedicasen a súa atención a investigar e traer a flor da terra estas cancións populares que reflicten o misterio do Nadal”. Á vez, desde un declarado coñecemento por ter interrogado os campesiños para tomar anotacións, recoñecía que no país “se perderan moitos vilancicos”. No acto Sara Salgado Boo (aquela compañeira falanxista na radio de guerra de Burgos) Carmiña Piñeiro e María Romero recitarán varias das súas panxoliñas en galego. A figura da lucense Carmiña Piñeiro quedará ligada igualmente aos estudos sobre o Nadal en Galicia. Compartiu conferencias sobre os seus rexistros populares (Noiteboa, cantos de reis, a gaita e o Nadal, a súa gastronomía…) con Ben Cho Sey e, en coedición con José Caamaño Bournaceli, editou en 1957 unha escolma que titularon Nadal en Galicia —que conta cun prólogo redactado en galego por Torre Enciso— na que se ofrecían cantigas, en castelán e galego, como unha que no tomo se lle adxudica ao propio Valle Inclán.

Unha das locutoras, Carmiña Piñeiro, de Lugo, publicou un libro de recolleita de panxoliñas galegas.

Amigo do padre Rubinos, tamén autor en lingua galega, e do chantadino, crego e poeta, Avelino Gómez Ledo, Enciso escribía para os católicos pontevedreses da revista Spes sobre a poesía relixiosa do mercedario Gumersindo Placer ou da de Enrique Chao Espina e el mesmo publica un novo libro desta vez centrado no culto mariano. Camelias brancas. Nosa señora en Galicia. Aparece en 1958 e o seu amigo Bugallal dixo desta entrega poética que Torre Enciso fala coa Virxe, “coma se esta fose unha aldeá”.

O caso é que aínda que con traballo e residencia en Madrid, con casa na Ciudad de los Periodistas, Enciso viaxaba en canto podía a Galicia onde o seu irma Eugenio, catedrático en Monforte, moi ligado a Parga Pondal, admirador de Otero Pedrayo e achegado aos galeguistas de Galaxia, era membro da Real Academia Galega. Na capital dirixe a revista Ademar, dos antigos alumnos dos irmáns maristas, colabora en Radio Peninsular e por terras galegas, continúa a recadar informacións de campo sobre as cantigas populares. Podía facer letras de música lixeira con destino ao “Festival de la Canción del Duero”, escribir guións para TVE, publicar algún poemario en español (1975) e á vez recibir premios nun certame de vilancicos como o celebrado no Barco de Valdeorras en 1974. Pura Vázquez acadaría o primeiro premio cun composto en español, mentres que Enciso logra o segundo cunha composición en lingua galega. Antes, en 1968, a coral Terra a Nosa edita un disco no que inclúe aquela súa “Panxoliña das Meigas” que en 1957 se recitara en televisión. Un claro antecedente da colaboración que abrirá co franciscano Manuel Feijóo Sousa, director desta agrupación compostelá. Con el firma Enciso a que sería a quinta edición do seu libro Panxoliñas e que nesta ocasión (1977) se enriquece con versións musicadas compostas por Feijóo Sousa. Libro reseñado por Celso Emilio Ferreiro, Emilio Merino e unha Concha Castroviejo que aproveita para reivindicar a condición de investigador do poeta. De feito, Cipriano Torre Enciso transmitiu que posuía, acumulaba, o que el mesmo denominou como unha “Biblia da canción galega”. Un inventario con máis de dez mil transcricións, froito das súas recolleitas, que entendemos sería fundamental, de se conservar, rescatar do esquecemento.

Remate con gastronomía

Antes de morrer en Madrid aos 92 anos, o 26 de xaneiro de 1995, Torre Enciso que casara cunha muller da saga dos Cervigón coruñeses e coa que tivera seis fillos, dedicou o seu tempo xa maior para seguir o vieiro gastronómico de autores como a Pardo Bazán, Picadillo, Julio Camba, Castroviejo, Cunqueiro e Jorge Víctor Sueiro e opta por un moi particular volume que publica en 1982. O libro Cocina gallega enxebre: así se come y se bebe en Galicia onde exhuma —e non precisamente no uso que lle aplican certos eruditos a esta palabra– pratos saídos directamente do fume das vellas lareiras e cociñas. Follas de emoción ante as antigas viandas que, seguindo a súa teima literaria de sempre, contan nesta obra cun capítulo dedicado á gastronomía do tempo do Nadal. Eduardo Hervada, un dos que puntualmente recibía cada fin de ano o tarxetón de Enciso, escribiu que nas súas páxinas se podía asistir directamente, e con fartura literaria, “á comida dos abades”. Antes, en 1981, Cipriano Torre Enciso, o que abrira o primeiro e cativo camiño do galego na televisión, na televisión de Franco, publicou polo Nadal, na prensa galega, un poema. Alí dicía: “Xoaniña, boa e boa, carretexa o dedo medio, sae contar as miñas coitas ao fillo do Carpinteiro”. Hoxe, as coitas do idioma galego persisten. E se cadra, máis aínda, na televisión.

Advertisements

Un comentario en “O día que se escoitou o galego na televisión de Franco

  1. Parabéns por este artigo. Tamén houbo un intento de usar o galego por parte do franquismo, que artigos coma este, poñen de manifesto. Cómpre seguir por esta vía. Este “galeguismo” é o precedente do “Galego coma ti”, de Fraga.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s