Nacho Alonso: “Pida na súa libraría, con amabilidade, que ofrezan máis libros en galego”

IMG_9393César Lorenzo Gil.

Fervenzas Literarias leva desde o 2007 informando na rede da actualidade do libro en galego. Hai poucos días publicou os seus premios, que foron seguidos con moito interese polos interesados na nosa cultura. O seu fundador e promotor, Nacho Alonso (Ávila, 1978) cóntanos moitas cousas sobre o proxecto e sobre lectura en xeral.

Fervenzas Literarias vén de facer públicos os seus premios anuais. Son moi amplos en categorías e cada vez os seleccionados o consideran máis prestixioso. Cónteme como foi evolucionando a idea desde a primeira edición no 2007.

A idea naceu un pouco para alzar a voz como lector. Os editores teñen os seus premios, os escritores os seus, os libreiros os seus pero os lectores, que somos a parte máis importante do elo literario, non estabamos representados.O obxectivo que queriamos conseguir por medio desta era que as persoas interesadas na literatura encontrásemos un punto de encontro, unha listaxe de libros recomendables que puidese ser útil para quen busca lecturas. Non sei se o estamos logrando pero a idea do premio era ampliar a rede social de cada lector, como gran recomendación colectiva.

Na primeira edición só había catorce categorías, non existían por exemplo os apartados de libro de teatro, de banda deseñada, traducións, etc… Intentamos, ao longo dos anos, encher eses baleiros que quedaron orfos nas primeiras edicións. Nalgunha ocasión foron os propios lectores quen a demandaron. Agora mesmo está bastante compensado. De todos os xeitos, se alguén cre que falta algunha cousa que nolo comente e prometemos estudalo para futuras edicións.

A diferenza doutros premios baseados na participación dos internautas, nos FL o mecanismo é aberto. Non significa iso que se diversifica moito o voto e o gañador acaba séndoo cunha porcentaxe moi reducida?

Para nada. Evidentemente, hai algunhas categorías onde a participación é máis baixa que noutras, pero por exemplo os apartados de narrativa, poesía ou literatura infantil, entre outras, os gañadores son gañadores cun número moi alto de votos. Nos apartados de menos participación si acontece iso que indicas. Por exemplo, nas categorías de teatro e de banda deseñada tivemos que reducir a listaxe de dez títulos que si aparecen noutras categorías a só cinco, pola baixa incidencia que poden chegar a ter os títulos que ocupaban os últimos lugares.

Ese mesmo sistema aberto seguro que permite certas anécdotas coas escollas dos lectores. Ten algunha substanciosa?

Ardalén (El Patito), de Miguelanxo Prado, foi escollida mellor obra de banda deseñada en dous anos consecutivos polos lectores. Á hora do reconto de votos hai que ter moito coidado co ano de publicación. No caso de Ardalén recibiu moitísimos votos na enquisa dos libros do 2012 (cando se publicou a obra) e moitísimos na enquisa do 2013 (ano no que recibiu o Nacional de Banda Deseñada). Evidentemente, os do 2013 non se contabilizaron.

Ardalén foi escollido mellor título de banda deseñada dous anos seguidos.

Cando falamos de voto electrónico sempre é posible a sospeita de que haxa quen vote máis dunha vez. Non sei se vostedes prevén esa posibilidade ou lle quitan importancia.

Dámoslle moitísima importancia á limpeza dos resultados e é o aspecto que máis nos anoxa porque nos fai perder moitísimo tempo. Intentamos ao máximo que sexa unha votación limpa: comprobamos as IPs para que non haxa enquisas duplicadas e eliminamos as “enquisas lixo”, entendéndoas como esas que en unha ou dúas horas chegan 20/30 enquisas cun só campo cuberto que casualmente é o mesmo. De todos os xeitos, aínda que todos os anos intenten “coar” algún libro, coido que os resultados finais non deturpan o que é o sentir dos lectores.

Non sei se é cedo pero teñen pensada algunha novidade para a edición 2015?

Temos bloqueada a participación na enquisa a menores de 16 anos e para o ano que vén gustaríanos colaborar cos centros de ensino para que a rapazada participe na enquisa, polo menos nos apartados que lles afectan. Imos intentar que sexan os centros quen realicen as enquisas e, unha vez que nos pasen os resultados, sumalas ao total dos recibidos.

Falamos agora de Fervenzas Literarias: O proxecto nace durante un máster de Edición. Como pasa dunha práctica lectiva a ser referencia da actualidade do libro en galego?

Nese máster en Edición da USC pasaron varios relatores, entre eles Manuel Bragado e Celia Torres, editores de Xerais. Unha das frases coas que quedei da súa intervención foi o que dixo Bragado: “O gran problema que ten a literatura galega é o da visibilización”. Se coñeces minimamente este mundo concordas con esa apreciación, pero daquela eu non tiña nin idea de cómo estaba a situación e fiquei moi sorprendido, a verdade. Estiven dándolle voltas a iso e cando chegou a hora de realizar o traballo fin de máster en lugar de facer un “tocho” que non ía ler ninguén e que logo quedaría arrombado en calquera andel decidín enfocar o meu traballo en desenvolver unha páxina web como exemplo de ferramenta para dar visibilidade nun campo tan importante e daquela case que desértico como era a internet. A idea era realizar unha páxina web con feitura de magazine dixital sobre literatura galega. Presentei a memoria ao máster, comprei o dominio e o host para webs estáticas (en total menos de 50 €/ano) e coa idea é pechalo axiña me aprobasen a memoria. E mentres ía esperando a nota, seguín actualizando contidos, vin a través das estatísticas que tiña visitas nun número moi modesto e case que sen querer seguín traballando nela. E xa van daquela oito anos…

Preferín crear Fervenzas Literarias que escribir un “tocho” que non había ler ninguén.

Como é a estratexia de escolla de contidos? Dá a sensación de que queren dar unha panorámica global do que pasa a diario; de cando en vez publican contidos máis profundos, caso das conversas; as recensións son en realidade enlaces a outras páxinas, non si?

Á hora de sacar a primeira versión de Fervenzas busquei proxectos similares noutros países, para ver o que facían e sumar ideas ao que xa tiña proxectado. A idea orixinal é que actuase coma unha revista dixital de literatura, abarcando desde a actualidade até unha axenda de actividades, un andel de novidades, un apartado de literatura infantil, etc… Do mesmo modo quedaron fóra apartados nos que me tivera gustado afondar máis pero ben, procuras manter unha coherencia no conxunto.

Sobre as recensión é tal e o como comentas, realmente ese apartado é un repositorio de recensións publicadas noutros medios. Son fragmentos do que ao noso parecer é o máis relevante da recensión máis unha ligazón á fonte orixinal. Cos anos non lle vexo sentido a ese apartado e na nova versión de Fervenzas Literarias que publicaremos este ano desaparecerá.

Canta xente participa na redacción? Como encaixa o traballo diario no portal co resto da súa actividade?

Somos amateurs que traballamos con vontade profesional, poñendo todo o interese e o cariño no que facemos. Evidentemente, tamén temos as nosas propias eivas, para empezar, as dúas persoas que actualizamos Fervenzas Literarias somos bibliotecarios, non xornalistas, como acontece a propostas semellantes á nosa como o Magazine, de Montse Dopico, Letra en obras, de Ramón Vilar ou este mesmo Biosbardia. Compatibilizamos a revista co noso labor profesional na empresa de servizos documentais DataLib. Esta falta de profesionalizaciónrepercute ás veces negativamente en Fervenzas, xa que moitas veces a súa actualización está sometida ao ritmo que teñamos na nosa outra ocupación.

Nestes oito anos, a propia relación entre usuarios e produtos da internet variou moito, especialmente polo cambio de rutinas que introduciron as redes sociais. Como notaron vostedes esas mudanzas?

“Twitter killed the blog star”. As redes sociais dinamizaron a internet. Agora podes facerte rapidamente unha idea global do que está a acontecer. Parte da comunicación está nas redes sociais, e estas actúan tanto como altofalante como canle propagadora dos mensaxes que emites. Isto é moi doado de comprobar: miras as estatísticas da web, a procedencia dos accesos, e comprobas como cada vez teñen máis peso os visitantes procedentes dalgunha rede social, nomeadamente Facebook e Twitter.

Este ano renovaremos o deseño da web.

A información na internet obriga a unha actualización moito máis constante que entre os medios en papel. Como xestionan esa necesidade e que cambios pensan introducir na páxina proximamente.

É certo que os cambios son máis rápidos na internet que no papel e que te obriga a estar máis atento ás novidades tecnolóxicas e ás mudanzas nos hábitos de manexo dos usuarios. Hai que procurar que non te collan co pé cambiado. Este ano imos presentar a nova web, desenvolvida igual ca a anterior con software libre (no noso caso, Joomla). A idea para esta nova web, á parte de actualizala e darlle unha nova imaxe, é a de optimizar tempo e recursos. En principio eliminaremos algunhas seccións, como a comentada de Recensións, e engadiremos algunha cousa nova, como a posibilidade de subscribirse a un boletín semanal ou mensual de noticias. Outra idea que temos en principio é incidir no apartado de Literatura Infantil e abriremos o apartado de axenda para que a xente poida colgar ela mesma os actos sen ter que depender de que o fagamos nós.

Vostede ten comentado que non admiten colaboracións non remuneradas. Explíqueme un pouco os motivos.

Si que o comentei nalgunha ocasión e non sei se é unha actuación atinada ou, pola contra, está errada. Ao longo destes anos de traballo tivemos a enorme fortuna de coñecer xente que amablemente se ofreceu para colaborar con nós para o que fixese falta, ben facendo crítica, ben escribindo artigos, etc. En resumo: desenvolvendo un traballo.

Mira, ter aberta Fervenzas Literarias supón unha serie de gastos fixos aos que hai que engadir o traballo que realizamos as dúas persoas que estamos detrás da web. Aspiramos a que o noso traballo se vexa remunerado, igual que calquera outro. Aínda que a algún lle proia ver a palabra “industria” ao carón de “cultura”, somos parte dunha industria cultural. Por iso, ao igual que nós aspiramos a cobrar polo noso labor, a xente que incorpore contidos a Fervenzas Literarias debería de cobrar polo seu labor. Ademais, hai que dignificar o traballo.

Ao tempo que case se extinguiron os medios “tradicionais” que informen sobre cultura en galego, xorden propostas en rede caracterizadas pola diversidade, non profesionalidade e en moitos casos “individualidade” na confección de contidos. Gustaríame que me valorase o panorama.

Encántame ver tantas propostas, que achegan diferentes visións e pluralidade. Nunca antes se falara tanto de literatura coma se fai agora. Velaí están os blogues persoais, o labor das bibliotecas escolares fomentando a literatura na rede, portais especializados, etc… Nese sentido non podemos estar máis que satisfeitos. O maior problema xa o indicas ti: a individualidade. Moitas veces teño a sensación de ser parte dunha “guerra de guerrillas”, e con esta actitude seica é moi difícil acadar obxectivos concretos.

Hai remedio para esa individualidade?

Non. Eu tiro a pedra pero non miro onde cae. O que si é certo é que boto en falla un gran medio de comunicación sobre literatura galega que actúe como guía e referente, aínda que soe un pouco snob. 

Alguén coma vostede, pendente do que se edita en galego todos os días, seguro que ten unha opinión sobre a situación xeral das letras galegas, especialmente no cambio que se produce a raíz da crise económica.

A calidade das nosas letras non minguou para nada a raíz da crise económica. Eu o único do que me laio é que cinco ou seis grandes libros que se publican todos os anos non teñan a repercusión que ao meu parece deberan de ter. A consecuencia da crise pode velo calquera lector que se achegue a unha libraría: o número de títulos nos andeis de novidades reduciuse notablemente. Isto para min ten unha dobre lectura: por unha banda, as editoras miran moito máis o que publican; e moitos escritores, seguramente por causa-efecto do anterior, están decidíndose máis pola autoedición. Isto será un aspecto das letras moi interesante que seguir nos vindeiros anos…

Unha das críticas máis comúns ao noso sistema literario é a falta de lectores. Non sei se vostede ten pensado algún diagnóstico ou incluso algunha vía de mellora.

Por desgraza as estatísticas sitúan sempre a Galicia no rabo a nivel estatal en canto a lectores. O problema está aí e creo que para resolvelo habería que trazar un plan de longo percorrido para mellorar a situación, involucrando os diferentes sectores. Entendo que fai falla traballar cos propios lectores, coñezo persoas que son magníficos lectores, galegofalantes, pero que non se ven lendo en galego. Persoas que non teñen ningún preconcepto cara á nosa lingua nin cara á nosa literatura pero que non len en galego porque lles supón un esforzo. Aí hai que traballar tamén…

Dígame algo moi positivo sobre o momento actual da nosa literatura.

A calidade literaria de parte do que se publica todos os anos en galego é moi alta. A literatura galega pode adoecer de moitas cousas, pero creo que por calidade, tanto dos propios autores como das traducións que se fan cara á nosa lingua, non nos podemos queixar.

Fágame agora unha crítica.

A mesma que lle escoitei a Bragado no ano 2005 e que pouco mudou: a falla de visibilidade das nosas letras. Insisto: Nunca antes se falara tanto de literatura na rede como agora, pero diminúe noutros como a prensa convencional, radio, televisión, etc… aínda de alcance maioritario. Por outra banda a xente aínda vai comprar libros ás librarías. Boto en falla unha maior aposta (nalgunhas librarías diría que respecto) polo libro galego. Agás casos moi contados, moitos dos nosos libreiros non cren na literatura galega. Creo que deberiamos pedirlle, sempre con amabilidade, ao noso libreiro unha maior oferta de libro galego. Mira, meu irmán estivo traballando e vivindo moitos anos en Falset, unha vila de perto de tres mil habitantes na comarca do Priorat tarragonés. Dúas librarías: a meirande parte dos seus escaparates en libro catalán.

Estraño un gran medio de comunicación que trate as nosas letras en profundidade.

Vostede é bibliotecario de profesión. Que papel poden desenvolver as bibliotecas e os clubs de lectura no aumento de lectores en galego?

Creo que hai que fomentar e habilitar lugares de encontro entre o libro e o lector, e a biblioteca é sen dúbida un deses lugares. Os clubs de lectura sonche unha ferramenta máis para achegarlle o libro ao lector, pero é desde as bibliotecas onde se desenvolven programacións máis extensas, que abarcan desde actividades cos máis cativos até animación aos adultos.

Polo meu traballo teño falado e compartido experiencias con moitísimas bibliotecas do país e nese sentido estou orgulloso de ter como compañeiros grandes profesionais que desenvolven un gran labor nas bibliotecas e con moi poucos medios. Coido que é unha profesión que se fai necesario dignificar.

Mira, unha iniciativa moi boa para fomentar a lectura e o emprego das bibliotecas viña recollido no programa electoral do Partido Popular de Galicia nas eleccións do 2009, e era abrirlle á cidadanía as bibliotecas dos centros educativos. Esa idea era magnífica, era achegar libros a moita xente, sobre todo a xente do rural. Esa iniciativa nunca se levou a cabo…

Xa por último, que está a ler ou acabou de ler hai pouco e considera recomendable para os lectores de Biosbardia?

Un xénero que sempre tivo moita aceptación en Galicia, probablemente pola gran tradición oral existente é o relato curto. Eu non lembro un ano como o 2014 con tantos libros e tan bos de relatos curtos. Velaí están 55 (Xerais), de Xavier Queipo, Contos do mar de Irlanda (Xerais), de Xurxo Souto, Os televisores estrábicos (Xerais), de Ramón Vilar, Raros e curiosos (Embora), de Carlos López, Somnábulos (Xerais), de Suso de Toro, Flash-Back 13 (Urco), de Ramón Caride Ogando ou As ilusións estrañas (Galaxia) de Antón Dobao. Estou seguro de que me deixo algún título por aí…

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s