‘Alaia e a deusa’, amor e aventura no tempo castrexo

Fragmento da capa de 'Alaia e a deusa', ilustrada por Xosé Anxo Ares.

Fragmento da capa de ‘Alaia e a deusa’, ilustrada por J. A. Ares

Tomás González Ahola é un home polifacético na industria cultural galega. Fundador da editorial Urco e da cooperativa de servizos de impresión Sacaúntos, tamén ten unha interesante traxectoria como tradutor (grazas a el desfrutamos no noso idioma do Kalevala, obra senlleira da cultura finesa) e unha incipiente carreira como narrador. Alaia e a deusa, publicado pola colección Urco xuvenil é a súa última obra.

Encadrado no xénero do relato de aventuras, o libro ten tres virtudes: esquiva calquera tentación pedagóxica, recrea con habilidade o escenario da historia e constrúe o texto cun galego rigoroso.

Alaia e a deusa non é a típica historia doada de recomendar nos colexios e institutos; máis tendo en conta que o ensino en Galicia está nunha boa parte dominada polo ensino relixioso. A relación amorosa que se tece no libro (non conto máis para non destripar nada) está explicada en case todos os seus aspectos con destreza, é verosímil no universo da obra e axuda a entender a evolución das personaxes.

A outra trabe na que asenta a proposta de Ahola é a aventura: o lector adéntrase canda a protagonista nos dédalos de fantasía nos que se refuxia da súa vida de criada; arfa cando veñen mal dadas e respira cando as cousas saen ben. Outravolta debo determe para non facer un spoiler pero o final consegue sorprendernos porque racha as expectativas de quen le. Pechar un libro coma este do xeito que se pecha non era a posibilidade máis fácil ou máis agradecida a priori polo lector. O autor escolleu o camiño difícil e chegou ao cabo con gran corrección.

O libro, aínda que adscrito no tempo castrexo, sitúase nun momento protohistórico. É máis un escenario de literatura fantástica que de literatura prehistórica. Ahola usa os arquetipos coñecidos para a Idade de Ferro: o atlantismo fronte ás civilizacións mediterráneas; a humildade dos poboados nerios fronte á magnificencia do pazo no que viven os supostos herdeiros de Atlantis. Sen perder a guía do público obxectivo do libro, a mocidade, a ambientación é fiel aínda que se permita de cando en vez un contexto de relacións sociais máis propio do noso tempo. Iso, que noutros libros renxe, neste convértese nunha estratexia apropiada. Para entendérmonos, este é un deses libros que busca explicar coa metáfora dun pasado remoto determinadas cousas que están a pasar aquí e agora. Lonxe de significar iso escapismo, ese distanciamento consegue a un tempo facer máis substancioso o relato e acaídos os conflitos sobre os que se fala.

Para entendérmonos, este é un deses libros que busca explicar coa metáfora dun pasado remoto determinadas cousas que están a pasar aquí e agora.

Aínda que Tomás González Ahola é filólogo (a súa especialidade son as linguas clásicas) o brillo do idioma do libro non está no artificio –unha vía interesante noutros libros xa que a lingua literaria debe levitar un tantiño da lingua común para achar a beleza necesaria– senón na exactitude. A lingua está ao servizo da historia e ademais consegue un perfecto equilibrio entre calidade de idioma, tanto no léxico coma na construción gramatical e sintáctica e a necesidade de facelo accesible aos lectores xuvenís. Quen estea afeito a ler libros para mozos en galego que non é un logro demasiado común. Diría máis: un dos sinais de identidade dos mestres da LIX (Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Casalderrei…) é xusto ese, o galego preciso que acadan as súas obras.

O traballo de explicar o amor, como gran tema da novela, coido que tamén garda os principais defectos do libro. Ultimamente hai certa incapacidade dos nosos autores por escribir sobre o amor sen caer no sentimentalismo, nos estereotipos e no exceso de azucre. Ahola non se libra. As páxinas dedicadas a describir o sentimento amoroso están en moitas ocasións sometidos a unha retórica baleira, solemne, pasada de moda, infantil. Ten o escritor como unha necesidade de recalcar neses parágrafos a trascendencia dos sentimentos que acaba danando o resto do libro. Tampouco é un acerto agarrarse aos tópicos do amor imposible pola vía da diferenza social. Non digo que haxa que renunciar a explicar as relacións morganáticas pero logo de ver tratamentos de todas as cores e de todas as calidades (desde Romeo e Xulieta á saga ‘Crepúsculo’) é quizais un desafío demasiado grande intentalo e facelo ben. Neste caso concreto, o autor perde porque nese punto a historia non alcanza máis ca un prototipo.

Ese “deixarse levar” nótase tamén noutros momentos da novela. Coido que é resultado de certa precipitación na redacción da obra, quizais da présa por rematala. Sobran algunhas frases escritas “en automático”. Infelizmente deixa certo resaibo de desgana, de pouca implicación do escritor coa súa obra.

♦ Alaia e a deusa, de Tomás González Ahola, Urco, 2014. 144 páxinas. ♠10€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s