Doce libros do 2014 que paga a pena ler no 2015

Moreas de libros. RACHEL/FLICKR

Moreas de libros. RACHEL/FLICKR

César Lorenzo Gil.

De entre todo o publicado no ano pasado haberá obras que acaben esquecidas antes do que os seus editores e autores quererían, outras que vivan algo máis no tempo mercé a recomendacións alleas e unhas poucas que pasarán á historia da boa literatura. Para os doce meses do 2015 velaí unha proposta de doce títulos que enriqueceron as nosas letras recentes.

12. Flash-Back 13, de Ramón Caride. Urco. Ramón Caride é un dos nosos escritores máis preocupados polos xéneros populares do século XX. Neste volume recompila, fixa e ordena a súa produción de relatos curtos de corte fantástico. Autor dotado dunha grande imaxinación, é dentro das nosas letras quen toma o sacho e se pon mans á obra para empatar a literatura galega cos lectores, para crear entre ambos un xeito de comunicación que se pareza o máis posible ao instinto de coñecemento, sorpresa e admiración que esperta desde sempre a narración. No seu caso adapta a maxia do relato ao tempo actual, onde o fantástico ultrapasa os límites da sociedade tradicional e se insire nas posibilidades da ciencia e da tecnoloxía. Caride aproveita que nos ten a todos coa boca aberta para advertirnos sobre os medos e as esperanzas do noso propio tempo.

11. Lugo, a cidade dos tesouros encantados, de Lois Diéguez. Fotografías de Xulio Gil. Engaiolarte. Esta non é unha guía turística tradicional. O escritor lucense proponnos unha viaxe a través dos detalles; vainos sinalando, máis alá da idea xeral dos monumentos, aquí e acolá peciñas que son pegada das xentes e ideas que construíron Lugo durante os últimos milenios. A coidada edición e a solemnidade da fotografía de Xulio Gil fan deste libro un símbolo diso que dicía de Vicente Risco: “Pensas que Galicia é pequena? Galicia é todo un mundo”. Até naqueles lugares nos que pensamos que xa nada temos para encontrar de novo aparecen segredos que compartir.

10. O Miño, un caudal de historia, de Anselmo López Carreira. Xerais. O autor, un dos máis importantes historiadores galegos vivos, medrou ao carón do río Miño, en Ourense. Neste libro réndelle unha homenaxe ao seu xeito, o xeito dun especialista no pasado da nación. Cunha estrutura fragmentada a mantenta –que dá para ler o libro aos saltos, sen repararmos na orde– facemos a viaxe imposible (o Miño non é navegable) pola principal arteria de Galicia. O río considerado pai acolle momentos únicos desde o inicio dos tempos e serve como condutor bravo de interesantes acontecementos que Carreira moitas veces desmitifica, matiza ou corrixe. O máis interesante do libro é xustamente esa capacidade do historiador de revelarnos a falsidade de parte do noso propio relato, de como se interpretou o noso pasado para que renunciásemos a ser os protagonistas do noso presente.

9. Somnámbulos, de Suso de Toro. Xerais. Tras varios anos de silencio narrativo, esta “paréntese” (palabras do autor) no seu retiro tráenos unha síntese do que foi a traxectoria literaria de Suso de Toro. Este volume, composto por tres relatos, revisita algúns dos temas máis queridos para o autor: a memoria, a identidade, o poder, as contas sen axustar do pasado, a soidade… O escritor actualiza técnicas narrativas que foron do seu agrado desde os seus inicios, como o monólogo interior ou o diálogo case teatral. O primeiro e o último dos relatos son os máis potentes e teñen aínda outra virtude: achegarnos á nosa historia recente dun xeito pouco habitual nas nosas letras, cun pulso valente e inequívoco.

8. Nova gramática finesa, de Diego Marani. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte. Un home sen memoria aparece nos peiraos de Trieste. O doutor que o atende, un finlandés cheo de nostalxia pola súa terra, decátase de que pola roupa e os acenos, debe ser un compatriota seu. Estamos no medio da II Guerra Mundial e Italia e Finlandia son aliados. O home amnésico acaba daquela en Helsinki onde procura reconstruír a súa vida pasada, principalmente a través da lingua. Este libro, traducido a varios idiomas, é en realidade unha homenaxe á cultura de Finlandia e unha reivindicación da especial relación que o individuo pode crear coa comunidade que o arrodea a través das palabras. A fala como algo máis ca un instrumento para comunicarse, un elemento que funciona nos adentros do cerebro como fermento dos afectos. Outra boa decisión editorial de Rinoceronte.

7. Ocupa a economía. Cuestionando o capitalismo, Richard Wolff conversa con David Barsamian. Tradución de Ánxelo Gonzalves. Faktoría K. O libro de non ficción máis interesante dos publicados en galego. Mediante entrevistas xornalísticas, Barsamian vai zugando o zume intelectual do pensamento económico do profesor estadounidense Wolff, un dos máis interesantes intelectuais económicos da nova esquerda, inspirador do movemento Ocupa Wall Street, que conseguiu remover un tantiño as estancadas augas da filosofía política dos EUA. Ideal para quen queira aprender algo máis do que está a pasar no mundo, do porqué do aumento do desemprego, da baixada de salarios, da rapina do capital sobre os servizos públicos, da imposibilidade de construír Estados realmente soberanos. Máis información nesta reportaxe que publicamos en outubro do 2014.

6. Na cociña de noite, de Maurice Sendak. Tradución de Maurice Sendak. Kalandraka. Este libro parte con vantaxe nesta lista de recomendacións. Chega ao noso sistema literario despois de ser gabado en todo o mundo como un dos traballos literarios para a crianazada máis conseguidos. Mais mirémolo polo outro lado: grazas a Kalandraka, podemos acceder en galego a tal obra mestra. Recolle todo aquilo que fai que alguén se apaixone polos libros. Fantástico para regalarlle a alguén que pareza potencialmente un gran lector. Quen xa somos adultos, debemos conformarnos con acariñar os seus debuxos e buscar na nosa memoria ese día, esa hora na que caemos fulminados polo raio que nos houbo de converter en lletraferits. Velaquí a crítica publicada na revista en marzo do 2014.

5. Tempo de exilio, de Joseba Sarrionandia. Tradución de Isaac Xubín. Tambo (Faktoría K). Volume bilingüe galego/éuscaro que reúne unha escolma da poesía composta polo autor vasco des que no 1985 comeza o seu exilio tras fuxir da prisión de Martutene, onde cumpría condena por pertenza a banda armada no 1980. O libro é un mostrario perfecto do grandísimo nivel literario do seu autor, considerado en xustiza o primeiro poeta vasco vivo. Mestre da liña clara da poesía, os seus versos aparentemente sinxelos gardan da beleza, protéxena até que ao lelas, estouran. O paso do tempo, o compromiso político, a soidade, a marxinación do individuo crítico diante dunha sociedade estandarizada son algúns dos moitos temas que Sarrionandia converte en palabras máxicas.

4. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto. Xerais. Este non é un libro sobre o mar; é un libro sobre a xente que vai ao mar escrito por un “terrícolo” (en autodefinición do propio autor). Souto asume o papel de reporteiro, cronista, recompilador da novísima tradición oral dos pescadores de altura (especificamente do Ghran Sol) para tecer unha especie de alfombra narrativa que atrapa coma unha maré. Curiosidade, microhistoria, personaxes de novela, realismo fantástico, todo mesturado nun volume que por veces parece escrito nunha única noite infinda. No fondo, certa sensación de que o mundo que o polifacético autor coruñés recrea xa non existe, que se esgotou nas tabernas onde o sector pesqueiro galego se refuxia cando o mar vén malo, non pola treboada senón polo cambio dos modelos extractivos. Este é un libro co que se aprende moito, iso que antes se chamaba literatura da rúa, da experiencia.

3. Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas. Xerais. Unha obra mestra da literatura para cativos. A escritora viguesa propón un desafío literario complexo: vincular morte e infancia. Sae coa mellor nota. Este libriño, que gañou o ‘Merlín’, confirma que ás veces o que semella máis pequeno resulta ser o máis importante. E dálles a razón aos organizadores dos premios Xerais, que decidiron equiparar a contía en diñeiro dos tres galardóns que entregan cada ano. Velaquí a crítica do libro publicada en Biosbardia.

2. Xente ao lonxe, de Eduardo Blanco Amor. Edición restaurada por Xosé Manuel Dasilva. Galaxia. Unha das mellores novas do 2014 foi a restitución da versión orixinal desta inmensa novela de Blanco Amor. O autor ourensán foi obrigado no final do franquismo a mutilar a súa obra se a quería ver publicada. Desgraciadamente, aínda despois do final da censura, a versión que se foi reeditando non correspondía ao primeiro orixinal. Este libro forma parte desa triloxía cumio sobre Ourense xunto co’A esmorgaLa catedral y el niño. Ao redor dos movementos sociais e políticos da cidade no final do século XIX e primeiros do XX, a novela recrea as arelas e esperanzas dunha sociedade que non se resignou á pobreza. Contrapunto da visión sobre Ourense que deran outros autores caso de Otero Pedrayo e Risco, neste libro Blanco Amor demostra tamén o seu gran coñecemento da lingua popular.

1. Os inocentes, de María do Cebreiro. Galaxia. A poeta converteuse, mercé a este libro, na mellor escritora lírica do momento. Chega aos 38 anos cunha madurez, un dominio da linguaxe e unha capacidade para crear imaxes orixinais sen comparación. A poesía deste libro non admite etiquetas. María do Cebreiro modela ao seu antollo a lingua galega, toma o idioma do chan e consegue expresar con el calquera concepto. A literatura galega acada nas palabras da escritora compostelá o ideal que procuraron durante décadas os seus precursores: unha lingua literaria plena, autosuficiente, coa que edificar (ese é o verbo xa que os versos parecen alzados por unha arquitecta) un texto que é testemuño das contradicións do noso tempo: o medo a perder o paraíso, a perda da inocencia política, a incapacidade da razón, da filosofía, de domar a barbarie do mundo.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s