Manuel Núñez Singala: “Os galegos usamos os preconceptos contra nós mesmos”

SingalaCésar Lorenzo Gil.

Ocupa os andeis de novidades cunha estrea, Instrucións para tomar café e unha reestrea, O achado do castro, ambas editadas por Galaxia. Manuel Núñez Singala (Lugo, 1963) fala nesta entrevista dos seus libros e da nosa identidade, especialmente depositada na lingua galega.

Instrucións para tomar café recompila relatos curtos cuxa temática é común en cada unha das partes nas que se divide o libro. Nace xa o volume coa estrutura co que finalmente saíu?

Xa me gustaría! En realidade, o que fun facendo ao longo do tempo, durante varios anos, é escribir relatos. Vas acumulando e chega un momento no que te dás conta de que existe certa unidade na preocupación, no tema, no contido. Aí nese momento pode que escribas algún relato a mantenta para incluílo na mesma liña e que descartes algún que finalmente non encaixan.

O relato é un formato buscado?

Non. É a historia a que se vai colocando en cada dimensión. Ás veces non aparece o tamaño así de primeiras. Na novela que estou escribindo arestora todo parecía indicar que o tema daría para un relato de dez follas. E pouco e pouco foi pedindo máis. O que non se pode facer nunca é inflar os textos. Ben ao contrario, hai que traballalos para lles quitar a palla. Recoñezo que ese é un labor que me gusta, moldear as historias para puílas, para que realmente parezan acabadas.

Corrixir é para moitos autores todo o contrario, unha tortura.

É o único xeito de conseguir algo interesante. Que o lector note que hai traballo detrás.

A parte que titula o libro busca situar o lector galego diante dos propios tópicos nacionais con moito humor. Vostede indica que son textos pensados para quen vén de fóra. Tan raros nos ven?

En realidade, o que sucede é que nós pensamos que desde fóra nos ven peor do que en realidade nos ven. Por poñer un exemplo, hai pouco empezou en Cuatro unha nova edición dun reality show chamado “Quen quere casar co meu fillo”. Un dos concursantes é galego, de Vigo. No programa os tales “fillos” van coas nais. Pois ben, a nai deste rapaz hai un momento que se pregunta en voz alta: “A ver se non lles gusto por ser galega”. A ninguén que non sexa galego se lle ocorre algo así, que simplemente por ter unha cultura determinada te miren mal. Nós os galegos usamos os preconceptos contra nós mesmos. Incluso a tópicos que circulan sobre o noso carácter, ao estilo do da escaleira, lles damos un ton negativo que posiblemente nin o pensen os que utilizan en moitos casos.

O que non se pode facer nunca é inflar os textos.

Aínda así, contra os galegos operan determinadas connotacións: pobres, atrasados, indecisos, falsos, inescrutables… De onde proceden eses tópicos?

As causas desas connotacións son múltiplas e moi antigas. Coido que para a mentalidade castelá, unitaria, a emancipación de Portugal foi un precedente moi perigoso. Galicia estaba moi perto e mantense unha sospeita sobre o seu anticastelanismo desde o século XIV. Fixémonos que Galicia, como entidade, participou nas dúas guerras civís –a do 1366 entre Pedro I e Enrique de Trastámara, e a do 1476, entre Xoana e Isabel I– a prol do bando que logo saíu derrotado. A “doma e castración” tiña como obxecto impedir novamente esa ansia separatista que daquela era clara e un dos mecanismos foi a introdución de preconceptos cara a nós. A tensión territorial con Euskadi e Catalunya foi moi posterior; durante moito tempo Galicia parecía ser o reino con maiores posibilidades de abandonar o dominio castelán.

Pero hoxe temos autonomía, o galego séntese na televisión. Como é que continúan a funcionar os tópicos?

O que durante xeracións se vai marcando desde o propio contorno familiar é moi difícil que se corrixa así sen máis. E non digo que non poida remediarse, todo o contrario. Pero para conseguilo fai falta vontade política. E arestora non a hai, máis ben foméntase o ideario tradicional, en especial sobre o idioma galego.

A Xunta e outras institucións ou personalidades públicas acusan da perda de falantes en galego aos propios galegofalantes, que ou ben son incapaces de legar a súa fala ou que son sectarios e non axudan a atraer novos falantes.

É o vello mecanismo de criminalización da vítima. Noutro tempo, o PP aceptou un certo consenso para manter o galego nunha posición “tranquila”, secundaria, de baixo perfil. Mais hoxe xa nin lles interesa iso. Crebaron o consenso e dálles exactamente igual o que pase coa lingua porque no seu cálculo este non é un tema que lles quite votos ou influencia.

Fixémonos que Galicia, como entidade, participou nas dúas guerras civís medievais a prol do bando que logo saíu derrotado.

Recentemente, nunha entrevista para VTelevisión, o líder de ANOVA, Xosé Manuel Beiras, afirmou que no peor dos casos, aínda que o idioma acabe por perderse, a identidade galega resistirá. Puxo o exemplo de Irlanda, onde a pesar de descender o número de falantes de gaélico, o sentimento nacional é hoxe total. Mais na miña opinión, no caso galego é a lingua o cerne da identidade. Sen ela, non somos simplemente casteláns cunha fonética curiosa?

A lingua é o principal trazo da nosa identidade. Sería catastrófico que se poida perder para sempre un patrimonio de tanto valor simplemente por desidia. Por suposto que se pode recuperar unha lingua. Ninguén esperaba que o éuscaro puidese restituírse e os avances que se produciron nestes anos foron espectaculares. Ou o caso do hebreo en Israel, onde a lingua directamente “resucitou”. Pero coincidiremos que iso daría moitísimo traballo, que non tería garantido o éxito e que a todos os niveis é moito máis doado conseguir que o galego se normalice na situación actual. Con decisión política, o esforzo arestora sería relativamente cativo.

No seu libro, o humor é algo máis ca un recurso narrativo, parece un mecanismo de coñecemento.

O humor é o lubricante que permite que ao lermos determinadas cousas sobre nós mesmos, poidamos parar un minuto e pensar: “Isto é así”. En Galicia o humor é especial, funciona cuns códigos que nós comprendemos e que nos serven para decatarnos de que moitas cousas son certas. Se esas mesmas cousas, defectos ou teimas, por exemplo, apareceran nun ton máis ríspido, pois quizais habería unha posición de resistencia, de negación. Mais se o lemos nunha linguaxe á que estamos afeitos e que detectamos como non agresiva, coido que nos é máis fácil recoñecernos e incluso querelas cambiar.

Ao tempo que sae o seu novo libro, Galaxia reedita a súa obra teatral para a mocidade O achado do Castro. Cal foi o motivo da revisión?

Até agora, esta obra estaba no catálogo de Sotelo Blanco. Tiven desencontros con esa editorial e aproveitei para corrixir o orixinal por completo no plano ortográfico. En materia de estilo e demais hai pouquiñas modificacións, só as imprescindibles para evitar problemas nas representacións que até agora se estaban a dar.

O achado do castro é un libro do 1987 con grande éxito desde a súa publicación. Recordo que no meu instituto xa no 1992 se representou.

A historia empezou moito antes. Cando eu estudaba no instituto de Vilalba tiñamos un profesor que fixo moito por meternos o becho do teatro. Cando el marchou, non queriamos pasar sen facer teatro e empezamos a escribir obras. Eu fixen esta do “achado”. E representámola no instituto, no 1981 ou 1982. E aí quedou. Eu marchei estudar a Santiago, acabei a carreira e no 1987 presentei a obra ao Premio Xiria. E gañou. A verdade é que os tempos a nivel editorial cambiaron moito porque daquela eu non souben nin que ían editar o libro nin ninguén me avisou. Souben del porque un día vin o libro asinado por min no escaparate dunha libraría.

É certo que a obra tivo e ten moito éxito. Recibo correos todos os meses de rapaces que leron o libro ou que están a participar na súa representación. Sonche sincero, a min dáme unha mestura de sorpresa e de vergoña. Porque xa dixen como fora a historia da obra e eu, modestamente, naquel tempo quería escribir algo máis serio ca unha pallasada de romanos.O tempo pasou, agora sei que no espazo literario ten que haber de todo e a miña visión desta obra foi mudando ata acabar por me sentir orgulloso dela. O achado do castro tenme proporcionado, e segue a facelo, moitas satisfaccións.

É certo que a obra tivo e ten moito éxito. Recibo correos todos os meses de rapaces que leron o libro ou que están a participar na súa representación.

A relación da lingua galega coa literatura popular non é doada.

Quizais houbo un momento no que as nosas letras quixeron demostrar que podían ser excelsas e se descoidou o contacto co público porque polo xeral a literatura máis elevada é tamén máis minoritaria. Coido que hoxe iso xa está superado por parte dos escritores e editores; non sei até que punto se decataron do cambio os lectores. O que temos que ter claro é que se queremos que a nosa sexa unha lingua normalizada, cómpre incluírmos todos os xéneros e públicos.

Falando de normalización lingüística, que importancia ten que persoeiros públicos, admirados por moitos seguidores, utilicen o galego. Falo, por exemplo, de Serxio Álvarez, o porteiro do Celta, que usa normalmente o galego e que cada vez é máis respectado grazas ao seu bo traballo.

Iso é fundamental. O prestixio dunha lingua chégalle grazas ao prestixio dos seus falantes. Que o éxito se comunique en galego, que persoas de éxito falen en galego dá unha imaxe entre os demais falantes moi positiva, que os anima tamén a falar no seu idioma en todos os contextos porque se dá conta de que a súa lingua vale tamén para expresarse en ámbitos que consideramos máis importantes como a televisión.

O prestixio dunha lingua chégalle grazas ao prestixio dos seus falantes.

E que opina en cambio de figuras como o humorista Roberto Vilar, que fai pasar por galego popular o castrapo.

Entendo por que o fai. Mais o efecto que busca pódese conseguir igualmente “limpando” a lingua popular que fala. O galego non é máis popular por acumular castelanismos; esa é unha vía fácil para imitar a lingua da xente. A min, persoalmente, gustaríame que coidase máis o idioma e que axudase a facer máis familiares moitas palabras nosas que se están a perder.

Vostede é o responsable da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago. Até que punto hai posibilidade real de normalizar a lingua cando a lei considera inferior o galego ca o castelán?

Ese é un punto central na cuestión. Cando se planificou a situación lingüística para Galicia estaba demasiado perto o franquismo e alcanzouse un acordo no que non está cómodo ninguén. Agora, tras a experiencia democrática destas décadas, cómpre algo máis. Mesturáronse dereitos individuais coa ordenación territorial. Redactouse unha lexislación que crea conflitos. Non podemos sorprendernos logo de que unha parte da cidadanía queira mudar esas regras do xogo, tan inxustas. O independentismo de Catalunya é, en parte, unha reacción contra ese sistema.

Temos capacidade de facer cambiar as cousas mentres teñamos dereito a usar e coñecer o galego mais obriga de coñecer o castelán?

Non. Sen cambiar a Constitución do 1978 non hai posibilidade.

Que libros está a ler arestora?

Sempre ando con varias cousas a un tempo. Estou rematando Las guerras silenciosas, un cómic de Jaime Martín; La Biblia en España, de George Borrow e Así empieza lo malo, de Javier Marías.

Advertisements

2 comentarios en “Manuel Núñez Singala: “Os galegos usamos os preconceptos contra nós mesmos”

  1. Os preconceptos contra nós son froito da nosa IGNORANCIA, dous exemplos…un relativo, cómo non, á lingua, eu teño dous amigos que son galegos e castelán-falantes, un é fillo de galego-falantes e o outro é de ascendencia manchega, pois ben o segundo rise do primeiro porque éste dí ANDAR pola neveira, está ben en galego pois é urgar ou remexer, pero ningún dos dous sabe deste significado en Galego e o fillo dos galego-falantes cre que fala mal…outro preconcepto estigmatizado por parte dos propios galegos é o clima, parece que en ningún sitio fai máis frío que aquí, porque na meseta cando o fai din que che pos un abrigo e bufanda e xa está, cando precisamente estes días fríos A Coruña ten das máximas de españa, ou parece que chove todo o día e por igual en todo o territorio galego, o outro día vin unha reportaxe de Porto e precisamente puñan o clima como algo positivo posto que é unha cidade que se pode visitar todo o ano. Saúdos e saúde!

  2. Pingback: Manuel Núñez Singala: “Os galegos usamos os preconceptos contra nós mesmos” | ::Axenda cultural AELG::

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s