‘Dende o conflito’: as aventuras da santa viaxeira

dende-o-conflito-imA lectura de Dende o conflito, de María Reimóndez, premio Xerais 2014 máis ca unha experiencia literaria é unha experiencia relixiosa. A súa personaxe feminina ten trazos de mártir e un dos fins principais da narración é espallar a “boa nova” do feminismo redentor.

A historia é simple: Saínza Combarro é unha xornalista, especializada en reportaxe internacional, que vive en primeira persoa algúns dos conflitos do noso tempo recente (algúns deles menos coñecidos, caso dos que sufriron Etiopía ou Sri Lanka). Xa desde moi nova traballa coa prensa británica, primeiro escrita e logo audiovisual. A novela xira ao redor da tensión entre os seus desexos persoais e profesionais e a dura realidade, que vai frustrando as súas expectativas. A reporteira mantén o seu perfil durante todo o libro, que remata en alto, cun ton optimista e aberto que dá a entender que haberá unha segunda parte.

Vida de santa

Combarro está definida como unha santa laica. Nas case 300 páxinas do libro apenas encontramos algún erro, algunha mesquindade, algún egoísmo. Todos os seus actos son altruístas e elevados. Todas as decepcións que padece proveñen do que a arrodea, tanto persoas coma situacións, lle fallan. A relixión da protagonista é o feminismo e este libro –como a maioría dos escritos por Reimóndez– é un manual pedagóxico sobre esa ideoloxía. O discurso político-relixioso faise tan espeso nalgunhas partes do libro que custa encontrar de novo o vieiro cara á ficción. Ao final decatámonos de que a narración é unha posta en escena para destacar as calidades do pensamento feminista. O resto é adubo.

A escritora luguesa propón unha narrativa realista. Mais este non é un libro que se axeite a quen procure unha historia realista, no entanto. Aínda que en aparencia así o sexa, aínda que estea baseado en gran parte en experiencias propias da autora, ao final o que queda é un licuado ideal do que é o mundo a través dos ollos de Reimóndez. As situacións non respiran por si mesmas, mantéñense no ar a base dun constante boca a boca da autora, especialmente naquelas de maior dramatismo, caso das descricións de situacións de guerra .

Técnicas narrativas

Dende o conflito contén tres niveis da narrativa de Saínza Combarro: o relato da súa vida, contado en terceira persoa por unha narradora omnisciente, as cartas que ela escribe e a súa narrativa profesional, é dicir, as crónicas periodísticas e anacos de supostos libros de divulgación que ela escribiu e que tamén lle publicou Xerais. Eses niveis non amosan grandes diferenzas na redacción; Reimóndez carece de versatilidade para construír rexistros claramente diferenciados. Non cambian o ton nin os obxectivos, só serven para certo descanso “tipográfico”, digamos.

O principal problema non é ese senón a falta de tensión narrativa. O único conflito é o do título (pésimo título), no resto da novela a trama é unha liña continua; os atrancos que se lle van presentando á protagonista son irrelevantes porque os demais personaxes da obra non dialogan con Combarro, son como figuras que a autora colocou na paisaxe. Ela é coma o tren da maqueta, os demais como as miniaturas que esperan silentes e inmóbiles nas diferentes estacións.

Reimóndez, quizais por considerala superflua, opta por suprimir a poética. O rexistro é coloquial nas máis das veces, os diálogos non teñen substancia, a sintaxe está pouco traballada.

Os textos xornalísticos son mediocres. Custa crer que o que a autora considera prensa prestixiosa de esquerdas (The Guardian, a BBC) permitise tan baixo nivel: sobran adxectivos, no caso das locucións televisivas as frases son longas, impronunciables, inxenuas en moitos casos.

Autobiografía

Dende o conflito é unha autobiografía de María Reimóndez escrita, como a Guerra das Galias, de Xulio César, en terceira persoa. A autora escolle na novela os espazos que ela coñece de primeira man. Transmuta o seu traballo como cooperante internacional no dunha xornalista. Velaí outro dos fallos. Os mecanismos de ocultamento da experiencia propia a través da ficción son moi vellos pero adoitan ser arriscados se o factor principal que se muda é o punto de vista. Porque de socato o real, o vivido, mediante ese reenfoque, acaba convertido nunha recreación forzada, anódina cando non inverosímil. A escritora quere falar de si mesma pero non o fai con franqueza.

O macho

Antes dicía que na novela os personaxes secundarios orbitan nunha galaxia distinta á da protagonista. Este sistema de “universos paralelos” ten un espazo peculiar para os homes que aparecen na obra. Como no tópico machista invertido, só o pai da protagonista se salva. A partir da páxina 70-80 (non destripo nada, calquera o ve vir) sabemos que todos os homes que se relacionen con Combarro acabarán por decepcionala, con maior ou menor gravidade. Incluso Max, un dos noivos mellor tratados na historia, acaba por non cumprir o que a xornalista espera.

No fondo, eses machos defectuosos son produto da perfección da personaxe protagonista. “Saínza decátase con el do espartana e estrita que é consigo mesma, da vida penitente que se autoimpón, como se calquera gozo fose un insulto a quen padece” (páx. 211). Esta declaración, que seguramente a psicoloxía clínica podería considerar preocupante, no caso da xornalista é un mérito, dentro do esquema moral da novela.

A última novela de Reimóndez fracasa porque renunciou ao distanciamento. O lector recibe o abrazo dos propios fantasmas da escritora. É unha aperta que abafa. O achegamento á propia experiencia con persoas que arrastran tanto sufrimento debíao ter feito con maior valentía, de fronte. É un paradoxo que escolla como mundo narrativo o do periodismo e acabe todo tan envurullado en disfraces para evitar a exposición. Seguro que no futuro, cando a autora abandone a arela de facer novelas xuvenís coma esta, cando procure en si mesma a raíz e non a tona das súas experiencias, escribirá unha historia á altura da vida que viviu.

♦ Dende o conflito, de María Reimóndez, Xerais, 2014. 298 páxinas. ♠18€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

2 comentarios en “‘Dende o conflito’: as aventuras da santa viaxeira

  1. Pingback: ‘Máscaras rotas para Sebastian Nell': A tremoia inverosímil | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s