O amor

Psique volve á vida após o beixo de Eros. Escultura de Antonio Canova exposta no Louvre de París.

Psique volve á vida após o beixo de Eros. Escultura de Antonio Canova exposta no Louvre de París.

María do Cebreiro.

Pasan os ríos ocultos baixo o chan das cidades, igual que pasa o amor, que afunde

o corazón dos animais humanos sen que eles saiban nin coñecelo nin nomealo.

Así é como uns o confunden coa fame, outros coa sede, e os máis coa transmisión

de nós en outros: as trabes de madeira, a comida no prato, a calor baixo as sabas.

Mais que sería do amor se fose recoñecido e nomeado? Onde se agocharía

el que naceu para levar no rostro un antifaz e no sexo unha espada?

Non ama o amor a paz, e ninguén debería falar de amor para falar de nada

que non fose este río, o interrogante estremo da carne que se abre e, aberta,

se desata. Nada que poida ser levado pola man a unha culminación.

Nada que teña fin. Nada que se sitúe fóra de si mesmo. A alegría dáse no amor

coma o tremor na auga. A alegría dáse no amor coma o fragor no lume.

Pero nunca é feliz o verdadeiro amor. O amor pide guerreiros, persoas afeitas

a vivir en condicións estremas ou, pola contra, febles. Non tanto para os poñer a proba

como para sacar á luz a súa potencia oculta, que pasa a través del e a través deles,

que non é unha potencia persoal nin sobrehumana. É unha forza de auga,

porque a auga é poderosa: pode apagar o lume e ser o aire dos peixes,

alimentar a terra e corroer o ferro, alimentar o trigo e estragar as colleitas.

Por iso, flúe comigo, pura paixón do poema, porque eu non nacín máis que

para escribir e ser escrita, porque eu nunca escribín máis que para nacer e ser amada.

María do Cebreiro. XOÁN SALGADO

María do Cebreiro. XOÁN SALGADO

María do Cebreiro (Compostela, 1976). Escribe poesía desde o 1998, cando publicou en Xerais O estadio do espello. Como poeta gañou o Premio Caixanova no 2003 por Non queres que o poema te coñeza (PEN Club). A súa última obra literaria é Os inocentes (Galaxia). Tamén é unha das máis destacadas teóricas da Literatura. Premio de Investigación Dámaso Alonso 2004 por As antoloxías de poesía en Galicia e Cataluña (USC), gran parte do seu labor académico aséntase no discurso de xénero nas letras.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s