‘Nova gramática finesa’: A mecánica da identidade

Diego-Marani-770x462Mudou moito o mapa de Europa desque eu estudei as capitais do continente a finais da década do 1980. Nada queda de Iugoslavia e da Unión Soviética. Tampouco existe Checoslovaquia. Contra o que dicía o meu profesor de Sociais na EXB, a eclosión nacional non deixou de latexar nos últimos douscentos anos.

Hoxe pensamos en Finlandia como nun país moderno, culto (sempre á cabeza nos índices de Educación), estable… Non pensamos en que a súa independencia poida estar ameazada ou a súa identidade nacional cuestionada. Mais Finlandia é un país novo, que aínda está á espera de cumprir o seu primeiro centenario (independizouse da URSS no 1917), e polo tanto ten a flor de pel as pegadas da busca da súa propia identidade.

Nova gramática finesa, de Diego Marani, que publica en galego Rinoceronte, é unha novela sobre como funciona a mecánica da identidade, nese caso a dos finlandeses, como o esforzo colectivo por afirmarse como nación acaba influíndo nos propios individuos.

A peripecia do libro é unha situación común na historia da literatura: durante a II Guerra Mundial, no porto de Trieste aparece un home sen memoria e sen documentos. Un doutor finés establecido alá (recordemos que Finlandia formou parte do Eixo xunto a Alemaña e Italia) guíase por unha serie de indicios para ditaminar que o amnésico é finlandés tamén. A novela acompaña o soldado desposuído da súa identidade na restitución do seu pasado, das súas orixes, nunha Helsinki á que se quere ligar mediante o afecto á propia tradición, á propia lingua.

Debaixo desa historia latexa o que realmente busca Marani, compoñer unha homenaxe ao pobo de Finlandia, á construción nacional que edificou durante anos e anos para reafirmarse como un pobo. E nese “edificio”, o proxecto arquitectónico é a épica do libro nacional finés, o Kalevala (que se poderá ler en galego no futuro próximo tamén grazas a Rinoceronte, en tradución de Tomás González Ahola), a masa é a lingua.

Un dos méritos da novela é converter en literatura de alta calidade o amor pola lingua. Marani logra explicar por que é tan importante a palabra propia para definir as cousas, non cun talante chauvinista senón a través dun recoñecemento da tradición cultural, esa erosión (é dicir roce, comuñón) entre pobo que fala e obxecto lingüístico que acaba creando un vínculo inseparable entre o que somos e o idioma no que somos.

O estilo de Marani é por veces un tanto ampuloso. Gusta do adxectivo e da comparación como adubíos necesarios para darlle musicalidade á súa obra. Consegue por veces o efecto contrario: frea o discurso. As páxinas máis brillantes son aquelas onde a acción non se viste, cando nos mergullamos nunha Helsinki sen alento, tremendo de frío, de fame e de medo diante da expectativa da chegada dos soviéticos.

Para comprender algo máis a construción da identidade finesa, a escolla dos elementos simbólicos sobre os que alicerzaron a propia historia e quen foron os axentes que os difundiron, hai que ter en conta a vitoria das dereitas na guerra civil do 1918 que as enfrontou aos socialdemócratas e comunistas e a posterior estratexia xeopolítica das elites de Finlandia de achegamento á órbita alemá, incluso cando en Berlín gobernou o nazismo, como profilaxe ante a URSS. Este contexto non está demasiado desenvolvido por Marani.

Con todo, Nova gramática finesa é un moi bo libro, ben estruturado, rico en voces e coas costuras estendidas nun hábil ziguezague para que o lector estea sempre debullando a margarida sobre como acabará a historia. Outro acerto de Moisés Barcia, que neste caso amais de editor do libro tamén é o seu tradutor.

♦ Nova gramática finesa, de Diego Marani. Tradución de Moisés Barcia, Rinoceronte, 2014. 172 páxinas. ♠17€

César Lorenzo Gil.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s