Nova parada nas sagas galegas de fantasía

Detalle do libro 'Un faro na escuridade', da serie de Basilius Hoffman.

Detalle do libro ‘Un faro na escuridade’, da serie de Basilius Hoffman.

César Lorenzo Gil.

Tres sagas, tres mundos, tres visións do que é a fantasía. As series editoriais do xénero da fantasía nunca deixan de estar de moda. Agora é George R. R. Martin o que vende miles de libros da súa Canción de xeo e lume; canda el todos os anos consegue reimpresións a biblioteca da Terra Media de J. R. R. Tolkien ou as series de Ursula K. LeGuin. Un fenómeno editorial exitoso en todos os países era lóxico que tivese tamén en galego aceptación do público pero a realidade é que este xénero tivo certas dificultades para atraer a atención de escritores, editores e lectores.

Hai uns anos as cousas parecen que empezaron a cambiar. Logo de intentos infelizmente interrompidos, caso de O Brindo de Ouro, Xesús Manuel Marcos, publicado por Xerais, que publicou dous volumes, arestora tres sagas sobrancean por riba das outras. As tres presentan ou están a piques de presentar novos volumes.

Dragal

No 2010, o xurado do Premio de Literatura Xuvenil que convoca Xerais le o primeiro orixinal dunha aventura que buscaba nas propias raíces da tradición épica galega un conto sobre o encontro dun dragón e un rapaz de hoxe en día. Aínda que ao final tal proposta só foi finalista do certame, na cerimonia de entrega de San Simón xa se falaba destas aventuras con entusiasmo. Meses despois, Xerais publica Dragal, a herdanza do dragón, que rapidamente se converte nun éxito de vendas.

A súa autora, a xornalista Helena Gallego Abad, ten contado varias veces que a idea de escribir a saga naceu cando viu que os adolescentes máis achegados vibraban con aventuras tales coma as de Harry Potter, con base a tradicións anglosaxoas. “Por que non aproveitar a nosa propia tradición para inspirar novas historias que os atraian”, pensou. A fórmula funcionou.

No 2011 aparece a segunda parte da historia: A metamorfose do dragón. É devorada pola mocidade. O boca en boca converteu os episodios de Dragal nunha tendencia nas lecturas xuvenís. Gallego empezou a oír iso de que era demasiado lenta escribindo os seus libros.

Coa terceira entrega, A Fraternidade do dragón, do 2013, parecía que se completaba a triloxía. Pero o grande acollemento por parte do público, a tradución da saga a outros idiomas, incluído o inglés e o proxecto audiovisual para levar á pantalla a historia, animaron a escritora a continuar a saga. No próximo mes, previsiblemente, publicarase A estirpe do dragón, tamén baixo o selo de Xerais.

Elena_Gallego_Triloxia-656x403

Helena Gallego.

Basilius Hoffman

O mundo secreto de Basilius Hoffman: O ladrón de soños é, segundo a editorial Urco, o seu primeiro grande éxito comercial. A proposta de Fernando Cimadevila acaía coma unha luva ao proxecto que busca normalizar os xéneros literarios populares en lingua galega. E o público entendeuno. No 2010, este libro de autor sen sona producido por un selo novato entrou con forza na lista de máis vendidos e rapidamente esgotou a edición. Era un sinal que o propio Cimadevila entendeu: podía crearse un universo fantástico, cheo de misterio, de reminiscencias de centos de lecturas, de centos de horas diante da televisión e da pantalla do cinema, que atrapase as novas xeracións.

Fernando Cimadevila.

Fernando Cimadevila.

A coidada produción, o enorme respecto polo texto de Cimadevila e a falta de complexos por facer unha literatura xuvenil diferente e imaxinativa converteron a B. Hoffman nun fenómeno. A finais do 2012 Urco publica a segunda aventura, Un faro na escuridade. A aposta dóbrase; xa non estamos diante dun libro sen máis senón perante o xurdimento dun universo completo.

Agora chega a terceira parte, A batalla por Avalon, cuxas primeiras páxinas poden lerse aquí. O libro promete afondar máis nos fíos que mellor sosteñen a trama: personaxes poderosas, moito misterio e unha enorme capacidade para entresacar o mellor da narrativa, especialmente da tradicional, co obxectivo de tecer unha aventura total que manteña o lector mozo co nariz apegado ao papel.

Sushi Books, a editora encargada de exportar o talento editorial infantil e xuvenil a outras linguas xa editou a primeira das aventuras de Hoffman ao castelán.

Landereina

Este mes chegou ás librarías a segunda novela de Sabela González. Esta burelá de case 34 anos ten baixo a súa responsabilidade a creación dun mundo propio, o que aparece nas Crónicas de Landereina. Quizais é das tres propostas de saga a que máis claro tivo desde o principio que o seu caudal narrativo non podía esgotarse nunha soa entrega. Galaxia publicou no 2013 Bágoa de Lúa, que narra a invasión de Landereina e a resistencia comandada por Berenguela. No libro están todos os puntos fortes do que antes se denominaba fantasía heroica: ambiente medievalizante aínda con trazos e personaxes das mitoloxías da Idade Antiga, convivencia de diferentes razas, o poder da maxia para o ben mais tamén para o mal e un mapa imaxinario que percorrer non só co dedo senón coa imaxinación.

sabela-gonzalez

Sabela González.

Feitizo de sangue é unha nova parada, con novas personaxes e novos escenarios. O deseño e a planificación da saga son ambiciosos polo que González non terá problema en ampliar os marcos da aventura de Berenguela até onde lle dea a imaxinación e o interese dos lectores. De momento, do primeiro volume Galaxia esgotou a primeira edición e espérase que a segunda parte sexa unha das sensacións do primeiro trimestre literario galego.

Mapa de Landereina.

Mapa de Landereina.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s