Rosa Mª Díaz: “A biblioteca pública é o centro da sociedade do coñecemento”

rosa-diazCésar Lorenzo Gil.

Rosa María Díaz (Bergondo, 1968) é a directora da Biblioteca Pública de Ourense desde o 2013. Antes xa desempeñou o mesmo labor na Biblioteca Pública de Vigo durante dez anos. En ambas cidades deixou pegada. Ampliou a oferta de documentos dispoñibles, fixo máis atractivo o servizo de empréstito, activou clubs de lectura e de debate, cursos de idiomas, de cómic… Como resultado, aumentaron os usuarios da biblioteca. Nesta entrevista reflexiona sobre o papel destes centros no tempo actual.

Eu era usuario das bibliotecas de Vigo e de Ourense antes de que vostede asumise a dirección. Eran edificios grises, apenas entraba xente. Os funcionarios parecían estar permanentemente anoxados. Había que buscar os libros nuns ficheiros de madeira inchada cuxas gabetas mal abrían…

En Ourense?

Non. En Ourense xa estaba todo informatizado cando viñen vivir aquí pero tamén se notou o cambio ao chegar vostede.

Os cambios dos que falas teñen a ver co cambio que se produce a primeiros do século XXI en todas as bibliotecas de Galicia. Non é cousa miña. É certo que antes de eu chegar á Biblioteca de Vigo levaba moito tempo sen dirección e obviamente quedara algo obsoleta. O máis urxente foi dixitalizar o arquivo e as buscas.

Arestora na biblioteca de Vigo hai fileiras nos mostradores para coller os libros emprestados; a sala xeral está ateigada. Iso non o trouxo a informática.

Con certeza houbo un cambio de mentalidade nas persoas encargadas das bibliotecas. Foi un empeño común o de conseguir romper o tópico de que eran espazos unicamente interesantes para estudantes. Quizais coincidimos unha xeración que nos decatamos de que a biblioteca é de seu o centro da sociedade do coñecemento, o lugar máis acaído para recibir información e instruírse, o que ten maior autoridade para que a cidadanía poida superar o ruído que trouxo consigo a xeneralización da internet e a súa proliferación de datos, nin sempre contrastados.

Os equipos cos que traballo e traballei entenderon que era moi necesario achegar a biblioteca ao común da xente. Primeiro facilitando o seu uso. De aí que reorganicemos as salas para que a os usuarios poidan curiosear, para que encontren máis facilmente o que busquen pero que tamén descubran cousas que quizais non coñecían e que acabarán por ler. Por exemplo, en Ourense funcionan moi ben os andeis de novidades; cada departamento (historia, literatura, ciencia e tecnoloxía…) ten o seu.

En Ourense tomou outra decisión moi interesante: colocou a narrativa por países de orixe dos seus autores. Até ver a variedade de nacionalidades nos textos eu pensaba que en realidade a maioría do que se publicaba aquí proviña de dez ou doce países.

Esa medida vai na liña de facer atractiva a sala xeral; favorecer que naza o desexo da lectura dentro da propia biblioteca. Hoxe a internet parece que nos marca unha liña de consumo baseada en decisións tomadas diante do ordenador. Escollemos tal título e imos a por el. En cambio eu penso que se ordenamos a información, se de repente temos opción de ler un libro paraguaio ou senegalés porque o estamos vendo fisicamente, sentimos algo ben diferente: descubrimos unha vía de coñecemento nova e imprevista. Coido que os que somos lectores gustamos moito diso.

Agora queremos ampliar esa idea ao cinema. Até agora temos as películas clasificadas por orde alfabética dos seus directores. Pensamos que podería ser máis interesante colocalas por década. Porque o cinema ten moito a ver co momento no que se fixo. E deste xeito coido que se estimula máis a curiosidade por ver o contexto, as modas, os intereses argumentais de determinadas épocas.

A ampliación da oferta de material audiovisual (DVDs de cinema e de series de TV, videoxogos…) explica a chegada de novos públicos á biblioteca?

Para lograr que a biblioteca atenda as necesidades de moitos públicos diferentes é conveniente que haxa o maior número de documentos, de soportes. Por exemplo, un dos perfís de usuario que intentamos fortalecer é o do lector de cómic. Facemos un esforzo particular por actualizar o noso fondo, por termos aqueles títulos imprescindibles.

Os equipos cos que traballo e traballei entenderon que era moi necesario achegar a biblioteca ao común da xente.

Hoxe, na biblioteca ademais prodúcense outros encontros. Clubs de lectura pero tamén de debate. Aulas de idiomas, para aprender a debuxar cómics. Actividades infantís, presentación de libros. E todo iso a base de persoas voluntarias. Cal é o perfil deses voluntarios?

Diverso. O elo común é que todos son usuarios da biblioteca, coñecen e entenden o papel da biblioteca e por iso lles apetece participar nela dalgún xeito. Esa adoita ser a súa motivación principal.

Como funciona o sistema. Veñen á biblioteca cunha proposta e pronto?

Non. A xestión do voluntariado cultural está centralizado na Xunta de Galicia. Eles reciben as solicitudes e a partir de aí faise unha selección tendo en conta a súa proposta e as necesidades de cada biblioteca.

E hai demanda para todas as actividades?

En xeral si. Nalgúns casos hai incluso lista de espera xa que non temos espazo ilimitado. Noutros casos, quizais cómpren algúns cambios para que funcionen mellor pero só hai que pasarse por cada unha delas para ver o contentes que están os usuarios.

Alguén pode pensar que estas actividades poderían ser desenvolvidas por profesionais.

Pódese encarar o tema das actividades que non teñen a ver directamente co labor profesional dos técnicos bibliotecarios desde ese punto de vista. De feito, hai unha gran parte de voluntarios que o que lles gustaría en realidade sería “traballar” na biblioteca, cos documentos directamente. E nós iso non o permitimos porque temos moi claro que o traballo é traballo e debe retribuírse. Pero no resto das actividades, non estamos a falar de actividades que compiten co labor doutros profesionais porque quen acode ao club de lectura en francés non é público obxectivo dunha academia de francés. As relacións que se crean son colaborativas, altruístas, nacen dun compromiso de intercambio de coñecemento, de tempo.

Por suposto, se a situación das bibliotecas fose outra, se houbese máis recursos dispoñibles, poderiamos organizar outras actividades nas que é imprescindible o traballo profesional. Nós e todos os equipos que traballan nas bibliotecas galegas estariamos encantados de ter máis persoal de diferentes disciplinas pero agora mesmo iso é imposible.

Nalgunhas actividades hai lista de espera.

Fálame vostede de “diferentes disciplinas” mais hai suficiente persoal bibliotecario traballando arestora?

Cos cadros actuais conseguimos que o imprescindible estea cuberto, que os usuarios estean atendidos e que o funcionamento xeral dunha biblioteca non se interrompa. Nese límite se esgota a nosa capacidade. A crise debilitou moito as bibliotecas nese nivel porque as prazas de funcionarios diminuíron, polo que houbo que adaptar a nova situación á rutina diaria. O ideal sería non tanto contar con máis persoal nun momento dado ou sumar traballadores aquí ou acolá senón planificar dun xeito máis racional todo o sistema de bibliotecas de Galicia. Moitas veces, os planteis non son axeitados non polo número senón polo tipo de traballadores. Coido que agora se van cubrindo as necesidades sen unha reflexión xeral. O ideal sería unha reforma do sistema para que cada biblioteca teña aquilo que precisa efectivamente xa que cada espazo ten unha forma de funcionar que é única.

A crise notouse tamén na ampliación do fondo documental?

Loxicamente, os recortes que sofre todo o gasto público tamén se notan nas bibliotecas. Aínda así, coido que cubrimos no posible a adquisición das obras novas, seguindo dúas ideas básicas: ter á disposición da cidadanía unha ampla variedade de títulos, temas e intereses e facer partícipes os usuarios mediante a compra dos libros que eles nos piden que merquemos.

Como é o sistema de compras?

En cada período de compra, compoñemos unha listaxe baseada neses pedimentos dos usuarios dos que falaba e tamén do propio coñecemento dos técnicos da biblioteca, non só tendo en conta as novidades editoriais senón tamén a necesidade de renovar libros “gastados” ou cubrir carencias máis ou menos graves nun determinado punto, por exemplo, no cómic. No noso caso, compramos directamente nas librarías. É moi importante para nós incorporar todos os axentes da industria cultural no proceso. Coido que o máis xusto é que o gasto público en libros se faga a través das librarías do propio contorno da biblioteca, que a biblioteca participe como un estimulante máis da vida cultural da cidade ou da vila.

Calquera proceso de compra de libro galego para bibliotecas debería incluír as librarías como axente beneficiario.

No caso do libro en galego vostedes ademais reciben pacotes de libros que a Xunta lles compra directamente ás editoriais.

Si. Cada ano recibimos un deses envíos. Pero, sendo sincera, é un sistema que prexudica o libro galego dentro do espazo da biblioteca. Explícome: se eu teño que esperar a que a Xunta faga esa repartición acabo por recibir os libros moito despois de seren publicados polo que a visibilidade do libro galego faise en inferioridade de condicións a respecto do libro en castelán, que si compramos cando é novidade. De tal xeito somos conscientes desa inxustiza que en moitos casos compramos directamente os libros galegos destacados na hora da súa publicación.

Algúns editores coidan que a dotación das bibliotecas por parte da Xunta se debería facer con compras masivas aproveitando os descontos previos á entrada no mercado.

Insisto. Paréceme un sistema pouco equitativo cos demais axentes da industria, especialmente cos libreiros. A política de apoio á edición coido que non está ben resolta coa compra directa para bibliotecas porque en realidade o que se agocha é unha subvención, un “seguro” para que a editorial poida publicar un título sabendo que a Xunta xa pagou determinado número de exemplares. Hai outros modelos de apoio público máis eficientes e máis xustos.

“O pago por préstamo penaliza a lectura”

As bibliotecas están en contra da execución da directiva da UE que obriga a retribuír os autores por libro emprestado. Explíqueme en que consiste o cambio lexislativo?

A UE, en efecto, aprobou que os autores reciban unha cantidade de diñeiro por cada título seu que se empreste a través da rede de bibliotecas. Como sucede normalmente coas directivas europeas, cada Estado tivo potestade de adaptala ao seu ordenamento xurídico no tempo e forma que mellor lle conviña. No caso español, cada comunidade autónoma xestiona ese pagamento cun sistema que nos parece moi inxusto: do orzamento de cada biblioteca detrae a cantidade correspondente a ese “canon” por empréstito. É dicir, aquelas bibliotecas máis activas, con máis lectores, acaban penalizadas e no período seguinte terán menos medios económicos.

Algúns autores galegos consideran que non é lóxico perderen de gañar polos lectores que non compran os seus libros.

Paréceme unha visión moi curtopracista e que ignora o papel das bibliotecas nos hábitos de lectura da cidadanía. Hai diferentes estatísticas que explican que aquelas persoas que se afán a ler en biblioteca, compran máis libros cando a súa situación económica persoal llelo permite. O costume de ler é dos máis constantes na vida e a biblioteca crea lectores que máis tarde crearán as súas propias bibliotecas. E por outro lado, moitos dos usuarios das bibliotecas só así poden acceder ao coñecemento. A biblioteca é ante todo un servizo público esencial, que lle permite a unha importante capa da poboación acceder á cultura e ao coñecemento aínda que non dispoña de diñeiro suficiente para a compra de libros. Ese labor é importante telo en conta para valorar a xustiza dese pagamento.

Como o executan outros países do noso contorno?

Outros países, caso de Francia, teñen un índice de lectura moito maior, polo que as bibliotecas non teñen un papel tan esencial coma no noso caso. E ademais dispoñen de moitos máis recursos públicos. O problema é que se unha biblioteca sabe que se se esforza e consegue máis usuarios, máis lectores, máis actividades, o resultado vai ser que ten que reducir o orzamento de compras para o ano que vén, que vai pasar ao ano seguinte? A resposta é doada de adiviñar.

Advertisements

2 comentarios en “Rosa Mª Díaz: “A biblioteca pública é o centro da sociedade do coñecemento”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s