‘A maleta de Victoria Kent’, páxinas de palla

00106523106331____1__600x600Xerado AgraFoxo pertence a ese encomiable colectivo de historiadores que nos últimos anos renovaron o eido da investigación local e comarcal do pasado de Galicia. No seu caso, centrou o interese en Noia e contorna, con traballos enfocados no último século, algúns incluso moi apegados á realidade, caso da serie sobre os últimos anos da vila noiesa que publicou Toxosoutos: Crónicas dunha democracia, A revolta nacionalista Noia no cambio de século. 

Moi relacionado co libro do que imos falar está a súa obra Memorias do franquismo (Toxosoutos), fresco poderoso sobre a comarca de Noia durante a ditadura. Os acontecementos que aparecen en A maleta de Victoria Kent son os xustamente anteriores.

O argumento é sinxelo, demasiado sinxelo para unha novela. Liberto é un mineiro do inventado territorio de Portomaior, destacado sindicalista, veterano das guerras de África, emigrante retornado de Cuba, que no momento do golpe de Estado do 18 de xullo do 1936 se une ao continxente obreiro que decide defender a legalidade armas na man. Ao fracasar o intento, Liberto, xa en busca e captura polos falanxistas da vila, decide fuxir cara a América a través do porto de Vigo. Pero cando xa ten un pé no barco, é detido pola Garda Civil. Mentres espera no cárcere, argállase un plan contra el por parte dos vencedores do golpe, cos que mantén vellas contas, tanto no político coma no persoal.

A principal virtude da novela nace do amplo dominio histórico do autor sobre a época na que se ambienta a obra. AgraFoxo ten na man un amplo cadal; antes de pórse a escribir ten perfectamente cuberta a fase de documentación e esa naturalidade séntese no libro. Desafortunadamente, ese peso non encontra reflexo no esforzo literario e a obra resultante é mediocre e intrascendente.

Os personaxes

O autor noiés opta por construír os seus personaxes a partir dun férreo control do narrador omnisciente. Nunca chegan a cobrar realmente vida, presos dun estereotipo quizais efectivo no xogo de identificación co lector pero pobre se temos en conta o ambiente de tensión extrema no que se moven.

En ningún momento asistimos a ese momento imprescindible da literatura, cando o autor perde o dominio sobre a súa creación, cando é o lector quen pescuda na vivencia duns personaxes que se fan propios porque están feitos de carne e non de papel.

A ficción

AgraFoxo tiña varias opcións no formulamento e enfoque da novela. Escolleu unha feitura clásica, de ficción novelesca baseada en dúas columnas que soportan todo o pulso narrativo: a ruptura das regras da convivencia por causa da guerra, que lles permite aos personaxes con menor escrúpulo liberar os seus instintos, incluso os criminais. E por outro lado, certa intriga sobre o destino final dos protagonistas seguindo un esquema sen sorpresas que se resume en: siga lendo para saber o que pasa. No final terá todas as respostas.

O malo é que o modelo está caducado se non se lle engaden outros recursos. O problema é que esta historia, sabendo quen é o autor e sabendo que a Guerra do 36 aínda é tema quente na nosa literatura, non serve. AgraFoxo quixo xuntar no inventado Portomaior diferentes feitos históricos reais, uniu, remendou, manipulou a verdade para que todo encaixase na mesma historia. Tanto quixo ocultar as costuras que a peza final non ten nin pés nin cabeza. A novelística actual produciu outros modelos de encarar os feitos históricos recentes con novas técnicas narrativas. Un exemplo con grande éxito popular é o de, entre outros, HHhH, do francés Laurent Binet, novela na que a pesar de sabermos por lecturas previas o que vai pasar, a tensión narrativa se mantén non en base ao vello sistema de diálogos intrascendentes e redundancias senón no pacto entre escritor e lector a partir xa non da verosimilitude senón da proxección profunda que a realidade deixa na forma de narrar e de ler.

Cando Portomaior se converte nun ideal, estilízase e as fortalezas do relato, esas que seguramente inspiraron a necesidade de contar a historia na cabeza de AgraFoxo, desaparecen, fanse inocuas. Era mellor que aparecese Noia, que aparecese Lousame, que aparecesen as vítimas e os verdugos cos seus nomes, que vísemos a dor e a mesquindade directamente, non coma sombras tolleitas.

♦A maleta de Victoria Kent, de Xerardo AgraFoxo, Galaxia, 2014. 426 páxinas. ♠23€

César Lorenzo Gil.

 

 

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s