Xosé Vázquez Pintor: “Na sala de Urxencias, a literatura permíteche seguir a voar”

César Lorenzo Gil.

Xosé Vázquez Pintor (Melide, 1946) é un dos nosos escritores máis apegados á terra, máis sensibles ao pouso da fala viva e as súas posibilidades para a expresión literaria. Presenta arestora dous novos títulos: o segundo volumen de Columnas de papel (Morgante), que reúne artigos publicados en xornais, e Antípodas (Xerais), unha novela sobre a evocación.

Xosé-Vázquez-Pintor1Comentou vostede que Antípodas nace cando “estaba baixo mínimos”, logo dun infarto. Cónteme.

O libro foi unha luzada de optimismo e forza, da esperanza, das urxencias positivas. Coido eu… Tamén puido ser resultado da ciencia, xa que chegou despois dunha resonancia magnética. Da outra resonancia magnética, a que vai máis alá, cara ao profundo da ensoñación, das liberdades e das luces. Sempre debera ser así: un lóstrego.

Fálase moito da literatura como terapia. É comparable o esforzo mental dunha novela ao esforzo que se require para rehabilitarse dun problema físico?

Na miña circunstancia, non houbo esforzo senón a curación por dentro, libertaria ela, unha luminaria de formigas, o ruxe-ruxe coas palabras dende o íntimo. Na sala de urxencias o noso mundo creativo é coma un paspallas que canta e que voa alén das circunstancias adversas. Aparcamos as derrotas físicas e químicas a prol da resistencia. O importante é seguir voando cara ao paraíso da creación, creación literaria, no meu caso.

Cales son esas calidades curativas da literatura?

A ciencia médica tradicional sabe desde hai moito anos que unha das terapias, acaso a mellor contra as dificultades, é “desabafar”, botar fóra, esa eclosión dos ceos que lostregan para rebentaren a nube que nos manca no profundo. Para min, como habitante minúsculo, a terapia sempre foi o “desabafo”, nunca contra a miña ruína senón a prol da miña xente, do meu hábitat, da miña vida pequeniña. Antípodas é a última das recaladas polo momento. No meu debate contra os medos e as renuncias xorde a vida en pé.

Non hai risco de que ao escribir tamén abrollen fantasmas que tiñamos arrombados e polo tanto tamén as doenzas que traen consigo?

Si que abrollan as pantasmas. Escribir unha novela é vivir outras vidas e ás veces os personaxes fican connosco. Desde o remate da novela estou nas miñas vidas de familia, de concordia e de cariño.

Antípodas é unha novela na que o soño ten tanto valor coma a realidade. Como concibe vostede o valor da literatura como evasión das dificultades da vida? A pregunta é para o Vázquez Pintor escritor mais tamén para o lector.

Un séntese cómodo cando pode facer un sol das liberdades ensoñadas. A poesía é un fulgor. E cando non se pode é un fiasco. Cando imos avanzando chega un momento no que nos sentimos cómodos co que facemos ou ben optamos pola renuncia. Velaí o fulgor ou a caída. Dáse unha pelexa interior: o valor que ten na propia vida a palabra, a escrita e polo tanto a literatura. Aínda que o tempo avanza, o importante é non desesperar, non renunciar á dignidade. A sorte sempre se achega a botar unha man. Do lado de abaixo, nas lameiras da vida, quedou a desesperación.

E con todo, o presente de Galicia está na novela: a crise, certa desesperación… Como esquiva o pesimismo?

Dando luces dentro dos espazos que levamos connosco. O desespero non convén e sempre manca, deixa chagas. Eu esquivo os lances das derrotas recordando as intemperies polas que pasei, aprendendo delas.

Unha constante na súa literatura é a memoria. En moitos casos, os seus personaxes aproveitan un intre de reflexión, voluntaria ou obrigada (por exemplo, unha convalecencia) para pór en claro as súas lembranzas. Que función ten o pasado, primeiro na vida e logo na expresión artística?

O pasado ten a función de deixar pegadas: denuncia, aviso, resistencias. Cando o panorama da vida é infeliz, sexa por horas ou por anos, hai que procurar a luzaría dentro de cadaquén. Beber no pasado, nesas pegadas, é un xeito áxil de lograla.

Paseniño vanse aquelas bocas e aquelas voces dos avós. Dende sempre esas palabras foron preferentes na miña vida. A andaina familiar desde as aldeas e as vilas dos humildes foi marcando a miña lingua literaria.

Un dos piares da súa literatura é a expresión. As súas frases explotan as posibilidades do galego, en sintaxe mais tamén en léxico. Como construíu vostede a súa lingua literaria? Con recursos familiares, atendendo a determinados autores?

Coa nosa oralidade. É a nosa grande agra das palabras e dos xeitos. Un legado que resiste aínda hoxe; son as voces do profundo, que non desertaron da fala propia. Paseniño vanse aquelas bocas e aquelas voces dos avós. Dende sempre esas palabras foron preferentes na miña vida. A andaina familiar desde as aldeas e as vilas dos humildes foi marcando a miña lingua literaria. Aí están os meus recursos. Aprendín moito coas visitas aos obradores dos vellos oficios.

Os lectores dos seus libros encóntranse cun vocabulario que sobarda ben esas 1.500 palabras que moitos autores actuais consideran suficientes para facer literatura. Como valora esa tendencia á síntese?

Negativa para o patrimonio en obra permanente. Minimizar o noso mundo léxico? Cal vai ser a síntese daquela?

Vostede é un heterodoxo na literatura galega, apegado ás súas propias obsesións, case nunca en comuñón con modas ou tendencias. Tamén o é nas referencias? Quen son os autores-motores responsables de que vostede decidise pórse a escribir?

Aquela música oral da lingua é o fiadeiro das imaxes que eu sempre recibín dos meus: avós, pais, familia labrega na Terra do Medio; e aínda despois o mar de Cangas, Bueu, Moaña. E aínda máis despois: Vigo, Cambados, Pontevedra. O noso mundo en vidas e palabras. Aí sempre cómpre estar.

Nesta altura tamén aparece nas librarías a segunda parte de Columnas de papel, que reúne as súas colaboracións na prensa entre o 1993 e o 2012. Eu, que fun o seu editor en A Nosa Terra, recordo o seu interese pola conservación da nosa cultura rural. Parece que esa batalla vai custar gañala.

Si, está sendo difícil manter o patrimonio da lingua que vive con nós. Coido que malia todo os nosos netos non desertarán. E digo “nosos” porque hai outros que tamén casan coa miña ensoñación positiva.

Por cuestións biográficas, vostede convive en dúas Galicias: a da costa, en Cangas, e a do interior, en Agolada. Que teñen de diferentes? Que debería aprender o litoral dos territorios do Medio e Leste e viceversa?

A miña vida repártese en vinte e catro anos para Melide e Agolada e corenta e catro para Cangas. Os primeiros foran a vida e as aprendizaxes do profundo: familia, terra, pan e auga, canto, a lingua de ser e de xogar. Os que aínda están aquí son a permanencia feliz, os agradecementos recibidos, as atmosferas, a familia nun colo do mar, coma un namoro. Nas aprendizaxes e convivios de ambos os lugares non hai disputas. Estou feliz por tanta sorte.

Nos seus textos xornalísticos hai tamén a pegada do contacto humano directo. É vostede home de agarimos e conversa. Quizais hoxe os escritores e os xornalistas (aínda que pareza estraño) escoitan pouco a xente na rúa?

Foron máis de trinta anos de colaborador na maoría dos xornais de Galiza. O sol que nunca se apaga en min. Que sempre soñei. Cadro un chisco nesa apreciación da falta de contacto suficiente dos xornalistas coa xente na rúa. O mundo de hoxe é de amargor en moitas casas nas que só queda ruína e baleiro. E xornalistas e escritores temos que seguir a ser portavoces necesarios e honestos desa realidade.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s